Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 24 de decembro de 2012 Páx. 47653

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Plásticos Ferro, S.L.

Visto o acordo subscrito pola comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Plásticos Ferro, S.L. o 16 de novembro de 2012, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO
Convenio colectivo Muras 2009, 2010, 2011 e 2012

• Capítulo I. Ámbitos de aplicación.

Artigo 1. Ámbito funcional.

Artigo 2. Ámbito territorial.

Artigo 3. Ámbito persoal.

Artigo 4. Ámbito temporal.

Artigo 5. Vinculación á totalidade.

Artigo 6. Garantías persoais.

• Capítulo II. Organización do traballo.

Artigo 7. Organización do traballo.

Artigo 8. Modificación substancial das condicións de traballo.

Artigo 9. Novas tecnoloxías.

• Capítulo III. Contratación e promoción.

Artigo 10. Ingresos.

Artigo 11. Período de proba.

Artigo 12. Contratación.

Artigo 13. Modalidades de contratación.

Artigo 14. Empresas de traballo temporal.

Artigo 15. Promoción.

• Capítulo IV. Clasificación profesional e mobilidade.

Artigo 16. Clasificación funcional.

Artigo 17. Definición dos grupos profesionais.

Artigo 18. Mobilidade funcional.

Artigo 19. Traslados.

Artigo 20. Desprazamentos.

• Capítulo V. Sistema retributivo.

Artigo 21. Salario.

Artigo 22. Sistema retributivo.

Artigo 23. Complementos.

Artigo 24. Paga de convenio.

Artigo 25. Antigüidade.

Artigo 26. Gratificacións extraordinarias.

Artigo 27. Liquidación e pagamento.

Artigo 28. Cláusula de revisión.

Artigo 29. Incapacidade temporal.

• Capítulo VI. Tempo de traballo e a súa ordenación.

Artigo 30. Xornada laboral.

Artigo 31. Horas extraordinarias.

Artigo 32. Vacacións.

Artigo 33. Permisos e licenzas.

• Capítulo VII. Réxime disciplinario.

Artigo 34. Réxime de faltas e sancións.

Artigo 35. Graduación das faltas.

Artigo 36. Faltas leves.

Artigo 37. Faltas graves.

Artigo 38. Faltas moi graves.

Artigo 39. Réxime de sancións.

Artigo 40. Actuación ante síntomas de embriaguez ou intoxicación por drogas.

Artigo 41. Sancións máximas.

Artigo 42. Prescrición.

• Capítulo VIII. Regulamento e lexislación suplementaria.

Artigo 43. Regulamento interno.

Artigo 44. Lexislación suplementaria.

Artigo 45. Seguridade e saúde.

• Capítulo X. Réxime asistencial.

Artigo 46. Axuda escolar.

Artigo 47. Póliza de seguros.

Artigo 48. Roupa de traballo.

• Capítulo XI. Dereitos sindicais.

Artigo 49. Dereitos sindicais.

• Capítulo XII. Comité mixto paritario.

Artigo 50. Comité mixto paritario.

• Capítulo XIII. Ambiente.

Artigo 51. Actuación en defensa e protección do ambiente.

Capítulo I
Ámbitos de aplicación

Artigo 1. Ámbito funcional

O presente convenio colectivo concértase entre a dirección da empresa Plásticos Ferro, S.L. e o seu comité de empresa.

O presente convenio colectivo regula as condicións de traballo da empresa Plásticos Ferro, S.L. dedicada á fabricación e venda de toda clase de obxectos e artigos de plástico e os seus derivados, así como de toda clase de artigos e materiais de construción e saneamento.

Artigo 2. Ámbito territorial

Este convenio será de aplicación para todos os traballadores do centro de traballo de Muras (Lugo) e esténdese, así mesmo, a calquera outro centro de traballo que, relacionado coa actividade principal da empresa, puider esta ter na provincia de Lugo.

Este convenio será igualmente de aplicación para todos os traballadores da empresa na provincia da Coruña.

Artigo 3. Ámbito persoal

As presentes condicións de traballo afectarán a todo o persoal empregado na empresa incluída nos ámbitos anteriores, salvo aos que non aparezan na clasificación do persoal.

Tamén afectarán a todo o persoal que ingrese na empresa durante a vixencia do convenio.

Artigo 4. Ámbito temporal

1. O presente convenio entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial.

2. A súa duración será de 4 anos, desde o 1 de xaneiro de 2009 até o 31 de decembro de 2012.

3. Os efectos económicos serán retroactivos até o primeiro de xaneiro de 2009.

4. A denuncia deste convenio poderá ser realizada por calquera das partes con dous meses de anticipación ao seu vencemento.

5. A denuncia deste convenio non significará modificación ningunha no seu articulado, que se continuará aplicando até a negociación do novo convenio.

6. Este convenio colectivo de traballo substitúe o anterior publicado no Diario Oficial de Galicia co número 114, do 13 de xuño de 2008.

Artigo 5. Vinculación á totalidade

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán aplicadas globalmente.

Artigo 6. Garantías persoais

Respectaranse a título individual as condicións de traballo que foren superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto, a título individual e en cómputo anual.

Capítulo II
Organización do traballo

Artigo 7. Organización do traballo

A organización do traballo, conforme o prescrito neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

A organización do traballo ten por obxecto alcanzar na empresa un nivel de produtividade adecuado, baseado na utilización óptima dos recursos humanos e materiais. Isto é posible cunha actitude activa e responsable das partes integrantes, dirección, traballadores, e comité de empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo 1º deste artigo, os representantes dos traballadores terán funcións de orientación, proposta, emisión de informes etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente e de acordo co establecido neste convenio e, especialmente, de acordo co regulamentado no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8. Modificación substancial das condicións de traballo

En relación coa modificación substancial das condicións de traballo, observarase o tipificado no artigo 41 do Estatuto dos traballadores.

No caso de modificacións determinadas no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, nas cales non haxa acordo entre a dirección da empresa e os representantes dos traballadores, as partes asinantes deste convenio acordan acudir ás distintas modalidades de resolución de conflitos establecidos no AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos) e escollerán a forma que mellor conveña e establecerán o carácter vinculante ou informativo da resolución; en caso contrario, entenderase que a resolución terá carácter meramente informativo. De acudir calquera das partes ao citado procedemento, a contraparte obrígase á aceptación tanto da mediación como, se for o caso, da arbitraxe, para efectos de propiciar a solución do correspondente conflito ou discrepancia.

Artigo 9. Novas tecnoloxías

Cando na empresa se introduzan novas tecnoloxías que poidan supor para os traballadores modificación substancial das condicións de traballo ou ben un período de formación e adaptación técnica non inferior a un mes, deberanse comunicar estas con carácter previo aos representantes dos traballadores e aos traballadores afectados no prazo suficiente para poderen analizar e prever as súas consecuencias en relación co emprego, a saúde laboral, a formación e a organización do traballo. Así mesmo, deberase facilitar aos traballadores afectados a formación precisa para o desenvolvemento da súa nova función.

Capítulo III
Contratación e promoción

Artigo 10. Ingresos e cesamentos

O ingreso dos traballadores axustarase ás normas legais xerais de colocación e ás especiais para os traballadores de idade madura, minusválidos etc.

Terán dereito preferente para o ingreso, en igualdade de condicións, os que desempeñasen ou desempeñen funcións na empresa con carácter eventual, interino, con contratos por tempo determinado, contrato a tempo parcial, contrato de aprendizaxe, prácticas etc.

A dirección da empresa comunicará aos representantes dos traballadores as previsións de contratación. Os representantes dos traballadores poderán emitir informes ao respecto e velarán pola súa aplicación obxectiva, así como pola non-discriminación da muller no ingreso no cadro de persoal.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servizo da empresa estarán obrigados a pólo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

– Grupos profesionais 1 e 2, trinta días.

– Grupo profesional 3, vinte días.

– Grupos profesionais 4, 5, 6, 7 e 8, quince días.

O incumprimento por parte dos traballadores da obriga de avisar coa indicada anticipación dará dereito á empresa a descontar da liquidación o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso previo.

Artigo 11. Período de proba

1. O ingreso dos traballadores considerarase feito a título de proba, cuxo período será variable segundo a índole dos postos que se vaian cubrir e que en ningún caso poderá exceder o tempo fixado na seguinte escala:

– Grupos profesionais 1 e 2, seis meses.

– Resto dos grupos profesionais, dous meses.

2. Só se entenderá que o traballador está suxeito ao período de proba se así consta por escrito. Durante o período de proba a empresa e o traballador poderán resolver libremente o contrato sen prazo de aviso previo e sen dereito a indemnización ningunha.

3. O empresario e traballador están, respectivamente, obrigados a realizar as experiencias que constitúan o obxecto da proba.

4. Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador xa desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación.

5. Transcorrido o período de proba, os traballadores ingresarán no cadro de persoal, con todos os dereitos inherentes ao seu contrato e ao convenio colectivo. As situacións de incapacidade temporal, maternidade e adopción ou acollemento interromperán o cómputo deste período, que se restablecerá a partir da data da incorporación efectiva ao traballo.

6. Cando o traballador que se encontra realizando o período de proba non o supere, a dirección da empresa estará obrigada a comunicalo aos representantes dos traballadores.

7. Os cursos de formación dados pola empresa serán considerados para todos os efectos como tempo do período de proba.

Artigo 12. Contratación

A contratación realizarase segundo a lexislación vixente.

1. Forma dos contratos.

Celebraranse por escrito segundo a lexislación vixente.

2. Formalización dos contratos.

Rexistraranse na oficina de emprego nun prazo máximo de 10 días hábiles desde a súa concertación e darase unha copia selada ao traballador e unha copia básica selada e asinada ao secretario do comité de empresa.

A empresa deberá dar de alta o traballador na Seguridade Social na data en que se inicia a relación laboral e pódese denunciar ante a Inspección de Traballo o incumprimento co fin de obrigar a empresa a dar de alta o traballador na Seguridade Social.

3. Duración dos contratos.

Os contratos poderán concertarse facendo constar a súa duración, xa que, noutro caso, presumiranse indefinidos.

4. Adquirirán a condición de traballadores fixos, calquera que fose a modalidade da súa contratación, cando, transcorrido o período de proba, non se tiver dado de alta o traballador na Seguridade Social.

5. Presumiranse por tempo indefinido:

– Os contratos temporais celebrados en fraude de lei.

– Os contratos temporais, cando o traballador continúe prestando servizos na empresa unha vez finalizado o período máximo fixado para o contrato e non mediase denuncia expresa.

– Cando o contrato non se formalizase por escrito.

Artigo 13. Modalidades de contratación

Poderá celebrarse calquera tipo de contratos de traballo cuxa modalidade estea recollida na lexislación laboral vixente en cada momento.

Ambas as partes, dirección de empresa e comité de empresa, intentarán que as relacións laborais sexan prioritariamente de carácter indefinido.

Os traballadores contratados por tempo determinado terán os mesmos dereitos e igualdade de trato nas relacións laborais que os demais traballadores do cadro de persoal, salvo as limitacións que deriven da natureza e duración dos seus contratos.

As diversas modalidades de contratación deben corresponderse de forma efectiva coa finalidade legal ou convencionalmente establecida. En caso contrario, tales contratos en fraude de lei pasarán a ser considerados como indefinidos para todos os efectos.

Entre outros, poderán celebrarse os seguintes contratos:

1. Contratos para o fomento da contratación indefinida. Co obxecto de facilitar o fomento da contratación indefinida, poderase utilizar esta modalidade contractual en todos os supostos previstos na lexislación.

2. Contrato eventual por circunstancias da produción. Os contratos de duración determinada por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

3. Contratos de interinidade. Nestes contratos indicaranse expresamente os traballadores, postos de traballo e circunstancias que son obxecto de interinidade.

4. Contratos a tempo parcial. En virtude destes contratos acórdase que o traballador preste os seus servizos durante un número de horas ao día, á semana, ao mes ou ao ano, inferior á xornada de traballo dun traballador establecida no artigo 31 de este convenio colectivo.

5. Contratos de traballo en prácticas. Entenderanse referidos a esta modalidade contractual os encamiñados a concertar cos que estiveren en posesión dun título universitario ou de formación de grao medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, todo isto na forma prevista no artigo 11.1 do Estatuto dos traballadores.

6. Contratos de obra ou servizo determinado. Son os que se concertan para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propias dentro da actividade da empresa e cuxa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta.

Artigo 14. Empresas de traballo temporal

Os contratos de posta á disposición celebrados con empresas de traballo temporal servirán para cubrir actividades ocasionais de acordo co legal e convencionalmente establecido, sempre que se axusten a dereito pasando polo establecido no artigo 10 deste convenio.

Artigo 15. Promoción

É vontade da empresa propiciar o desenvolvemento profesional de todo o persoal para cubrir da forma máis satisfactoria os postos e necesidades que o proxecto empresarial vaia demandando.

A dirección, ante cada novo posto ou ocupación e unha vez definidas as aptitudes e competencias necesarias para o seu bo desempeño, buscará entre o persoal os candidatos adecuados para este posto. En caso de non existir entre o persoal ningún perfil adecuado, acudirase á contratación externa.

Na aplicación deste artigo non se discriminará ninguén por motivos de raza, sexo, idade, ou calquera outro suposto establecido na Constitución española.

A dirección comunicará ao comité de empresa con quince días de anticipación a necesidade de cobertura dos novos postos, así como as aptitudes e competencias necesarias, e o comité de empresa poderá propor os candidatos que considere oportunos para a súa posterior valoración pola dirección.

Capítulo IV
Clasificación profesional e mobilidade

Artigo 16. Clasificación funcional

Os traballadores incluídos neste convenio, en atención ás funcións que desenvolvan e de acordo coas definicións que se especifican nos artigos seguintes, serán clasificados en grupos profesionais.

Entenderase por grupo profesional o que agrupe unitariamente as aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación e poderá incluír distintas tarefas, funcións, especialidades profesionais ou responsabilidades asignadas ao traballador.

Os criterios de definición de grupos serán comúns para os traballadores dun e outro sexo.

Esta estrutura profesional pretende obter unha estrutura produtiva máis razoable, todo isto sen mingua da dignidade, oportunidade de promoción e xusta retribución que corresponda a cada traballador.

Os actuais postos de traballo axustaranse aos grupos establecidos neste convenio.

Artigo 17. Definición dos grupos profesionais

Neste artigo defínense os grupos profesionais que agrupan as diversas tarefas e funcións que se realizan na empresa.

– Grupo profesional 1. Inclúense neste grupo aqueles postos que realizan funcións cun alto grao de autonomía, coñecementos profesionais e responsabilidades que se exercen sobre un ou varios procesos da empresa, partindo de directrices xerais moi amplas, e que deben dar conta da súa xestión á dirección xeral.

– Grupo profesional 2. Inclúense neste grupo aqueles postos que realizan funcións que consisten na realización de actividades complexas con obxectivos definidos e con alto grao de autonomía e responsabilidade.

– Grupo profesional 3. Inclúense neste grupo aqueles postos que realizan funcións que consisten en integrar, coordinar e supervisar a execución de tarefas homoxéneas coa responsabilidade sobre os equipos de traballo que as executan.

– Grupo profesional 4. Inclúense neste grupo aqueles postos que realizan funcións definidas, cunha execución autónoma que exixe, habitualmente, iniciativa e razoamento para o seu desenvolvemento e asumen, baixo supervisión, a responsabilidade delas. Poden realizar, entre outros labores, a coordinación, integración e supervisión das tarefas dun grupo ou sección homoxénea. Tamén se poden incluír oficios específicos como, por exemplo, condutor ou cociñeiro.

– Grupo profesional 5. Inclúense neste grupo aqueles postos que realizan funcións consistentes na execución de operacións que, aínda que se realicen baixo instrucións precisas, requiren adecuados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas, e cuxa responsabilidade está limitada por unha supervisión directa e sistemática. Realizan, entre outras, por exemplo, funcións relacionadas co proceso de fabricación e almacén, control de materia prima, probas de laboratorio, funcións de administración, vendas, contabilidade, control e xestión de stocks, facturación e tesouraría.

– Grupo profesional 6. Inclúese neste grupo o persoal de produción, administración e operarios que realizan o seu traballo cun alto grao de supervisión, e aos cales, normalmente, se lles exixen coñecementos profesionais de nivel básico. Realizan, entre outros labores, por exemplo, movementos de almacén, control de cantidades, axuda no proceso de produción, tarefas de axuda en mantemento, tarefas de oficina baixo supervisión (centraliña, arquivo, correspondencia e utilización de aplicacións informáticas a nivel de operador).

– Grupo profesional 7. Inclúense neste grupo o persoal de produción e operarios que realizan as súas tarefas con instrucións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, e que requiren preferentemente esforzo físico e atención. Realizan, entre outros labores, por exemplo, a manipulación, o envasamento, a limpeza das instalacións, a carga e a descarga no interior das instalacións.

– Grupo profesional 8. Inclúese neste grupo aquel persoal que, sen a formación previa necesaria, realiza os labores que se lle encomenden baixo a supervisión directa dos traballadores incluídos nos grupos 1 ao 5 e que recibe formación teórica e práctica para o desempeño dun posto de traballo.

Artigo 18. Mobilidade funcional

1. Poderá levarse a cabo unha mobilidade funcional no interior dos grupos profesionais. Exercerán de límite para ela os requisitos de idoneidade e aptitude necesarios para o desempeño das tarefas que se encomenden ao dito traballador.

2. Para os efectos deste artigo, entenderase que existe a idoneidade requirida cando a capacidade para o desempeño da nova tarefa se deduza da anteriormente realizada ou o traballador teña o nivel de formación ou experiencia requirida. De non producirse os anteriores requisitos, a empresa dotará o traballador da formación necesaria.

3. A mobilidade funcional no seno da empresa non terá outras limitacións que as exixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exercer a prestación laboral e con respecto á dignidade do traballador.

4. A dirección, en caso de necesidade, poderá encomendar aos traballadores realizar traballos de distinto grupo profesional ao seu, reintegrando o traballador ao seu antigo posto cando cese a causa que motivou o cambio.

5. A mobilidade funcional para a realización de funcións, tanto superiores como inferiores, non correspondentes ao grupo profesional soamente será posible se existen, ademais, razóns técnicas ou organizativas que a xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa atención. A dirección da empresa deberá comunicar a súa decisión e as razóns desta aos representantes dos traballadores.

6. A mobilidade funcional efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción profesional. Cando o traballador realice traballos propios de grupo superior ao que teña atribuído, por substitucións ou dunha forma continuada, percibirá, durante o tempo que realice tales traballos, a remuneración total correspondente ao grupo a que circunstancialmente quedase adscrito, salvo nos casos de encomenda de funcións inferiores, nas cales manterá a retribución de orixe. Non caberá invocar as causas de despedimento obxectivo de ineptitude sobrevinda ou de falta de adaptación nos supostos de realización de funcións distintas das habituais como consecuencia da mobilidade funcional.

7. Aos traballadores obxecto de tal mobilidade seranlles garantidos os seus dereitos económicos e profesionais, de acordo coa lei.

8. O cambio de funcións distintas das pactadas non incluído nos supostos previstos neste artigo requirirá o acordo das partes ou, na súa falta, o sometemento ás regras previstas para as modificacións substanciais de condicións de traballo ou ás que para tal fin se establecesen en convenio colectivo.

Artigo 19. Traslados

Os traslados de persoal, que impliquen cambio de residencia para o afectado, poderán efectuarse por solicitude do interesado, por acordo entre a empresa e o traballador e por necesidades do servizo.

1. Cando o traslado se efectúe por solicitude do interesado, logo de aceptación da empresa, este carecerá de dereito a indemnización polos gastos que orixine o cambio.

2. Cando o traslado se realice por mutuo acordo entre a empresa e o traballador, observaranse as condicións pactadas por escrito entre ambas as partes, e serán mínimas as expostas no parágrafo 5º do número 3 deste artigo.

3. Cando as necesidades do traballo o xustifiquen, e precedendo información aos representantes dos traballadores, de 30 días como mínimo, poderá a empresa levar a cabo o traslado, aínda que non chegue a un acordo co traballador, sempre que se lle garantan ao trasladado todos os dereitos que tiver adquiridos.

O traslado require a existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción que o xustifiquen, ou ben contratacións referidas á actividade empresarial. Entenderase que un traballador ou traballadores concorren nas causas a que se refire este artigo cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellorar a situación da empresa a través dunha organización máis adecuada dos seus recursos que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás exixencias da demanda.

A decisión de traslado deberá ser notificada pola dirección ao traballador, así como aos seus representantes legais, cunha anticipación mínima de trinta días á data da súa efectividade.

Notificada a decisión do traslado, o traballador terá dereito a optar entre o traslado, percibindo unha compensación por gastos necesarios para o traslado inicial ao novo lugar de residencia, ou a extinción do seu contrato, caso este en que se observará o disposto na lexislación vixente.

A compensación incluirá, logo de xustificación, o importe dos seguintes gastos: locomoción do interesado e dos familiares que convivan con el, e os de transporte de mobiliario, roupa e enxoval da casa. A empresa porá ao dispor do traballador sete días de aloxamento, anteriores á incorporación ao seu novo destino, nun cuarto de hotel escollido pola empresa na localidade de traslado para o desfrute do traballador e un acompañante. Igualmente, concederanse catro días de permiso con dereito a remuneración, cuxo desfrute se efectuará con anterioridade á data de efectividade do traslado.

Sen prexuízo da executividade do traslado no prazo de incorporación citado, o traballador que, non tendo optado pola extinción do seu contrato, se mostre desconforme coa decisión empresarial, poderá impugnala ante a xurisdición competente.

Os traslados recollidos neste artigo afectan o persoal do centro de traballo de Muras.

Artigo 20. Desprazamentos

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a dirección poderá efectuar desprazamentos temporais dos traballadores que exixan que estes residan en poboación distinta da do seu domicilio habitual, aboando, ademais dos salarios, os gastos de viaxe, estadía e manutención, todo isto con xustificación. A este respecto, será de aplicación o disposto no artigo 40.4 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo V
Sistema retributivo

Artigo 21. Salario

Considerarase salario a totalidade das percepcións económicas dos traballadores, en diñeiro ou en especie, pola prestación profesional dos servizos laborais por conta allea, xa retribúan o traballo efectivo, calquera que sexa a forma de remuneración, xa os períodos de descanso computables como de traballo.

Todas as cargas fiscais e de Seguridade Social a cargo do traballador, serán satisfeitas por el e será nulo todo pacto en contrario.

Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados, no seu conxunto e en cómputo anual, sexan máis favorables para os traballadores que os fixados na orde normativa ou neste convenio.

Artigo 22. Sistema retributivo

1. As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas polo salario base e os seguintes complementos:

– Complemento convenio.

– Paga convenio.

– Complemento extrasalarial.

– Pagas extraordinarias.

– Antigüidade.

2. O réxime retributivo salarial para todo o persoal afectado por este convenio será o establecido nas táboas salariais incluídas como anexo.

3. O incremento correspondente ao ano 2009, establecido nas táboas salariais incluídas como anexo I, é o resultado de aplicar un incremento do 0,8 % sobre todos os conceptos salariais, establecidos segundo as táboas de salarios de 2008.

4. Para os anos 2010, 2011 e 2012 acórdase a conxelación salarial co mantemento das táboas salariais de ano 2009 para cada un dos anos mencionados.

Artigo 23. Complementos

Establécense os seguintes complementos:

1. Complemento extrasalarial, que terá a contía detallada na táboa anexa. Este complemento establécese como compensación ao transporte e distancia e, precisamente con base no seu carácter compensatorio, non será cotizable á Seguridade Social de conformidade co establecido na lexislación vixente.

2. Complemento de quendas. Terá unha contía do 10 % sobre o salario base diario, contabilizando todos os días do mes.

3. Complemento de nocturnidade. Terá unha contía do 30 % do salario base diario, nos días traballados na quenda de noite.

4. Complemento de festivos. Terá unha contía do 30 % do salario base diario, nos días traballados en domingo ou día festivo. Este complemento comezarase a percibir polos días que se traballen en domingos ou días festivos a partir do 1 de xaneiro de 2004.

5. Complemento de convenio. Terá unha contía que se detalla na táboa anexa.

O complemento de quendas, complemento de nocturnidade, complemento de festivos e complemento de convenio serán cotizables á Seguridade Social.

Artigo 24. Paga de convenio

Establécese unha paga de convenio que será rateada en doce mensualidades, na contía que se establece na táboa salarial adxunta.

Artigo 25. Antigüidade

Desde o 1 de xaneiro de 2009 até o 30 de novembro de 2012 recoñécese un complemento de antigüidade, constituído por unhas cantidades fixas segundo a táboa que se xunta como anexo II, establecidas en función do grupo profesional e do tempo transcorrido desde o ingreso na empresa. Este complemento terase dereito a percibir a partir do día primeiro do mes en que se cumpran, segundo corresponda, tres anos, seis anos, once anos, dezaseis anos, ou vinte e un anos continuados de relación laboral prestando servizos efectivos no ámbito de aplicación deste convenio.

A todos os traballadores incluídos dentro do ámbito de aplicación deste convenio se lles recoñecerá a parte proporcional da antigüidade xa transcorrida até a data do 30.11.2012, desde a consolidación do tramo de antigüidade que perciben a data 30.11.2012. O importe que resulte comezarase a cobrar a partir do 1.12.2012 e, se for o caso, engadirase ao complemento de antigüidade que estivesen a percibir.

A partir do 1 de decembro de 2012 recoñécese un complemento de antigüidade, constituído por unhas cantidades fixas anuais, de aplicación para todos os grupos profesionais, segundo a táboa que se xunta como anexo III, establecidas en función do tempo transcorrido desde o ingreso na empresa. Este complemento terase dereito a percibir a partir do día en que se cumpran, segundo corresponda, tres anos, seis anos, once anos, dezaseis anos, vinte e un anos, vinte e seis anos ou trinta e un anos continuados de relación laboral prestando servizos efectivos no ámbito de aplicación deste convenio.

Os traballadores que en 30 de novembro de 2012 percibisen un complemento de antigüidade superior ao que lles corresponde pola aplicación do establecido neste artigo seguirán percibindo o complemento na mesma contía que percibían, até que o importe percibido sexa superado pola táboa en vigor.

Artigo 26. Gratificacións extraordinarias

Establécense dúas pagas extraordinarias, que se percibirán o 15 de xullo e o 15 de decembro, a razón de 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 27. Liquidación e pagamento

A liquidación e o pagamento do salario faranse puntual e documentalmente na data e lugar convidos ou conforme os usos e costumes. O período de tempo a que se refire o aboamento das retribucións periódicas e regulares será dun mes. A liquidación e o pagamento do salario será nos cinco primeiros días de cada mes, entendéndose que a empresa porá todos os medios ao seu alcance para asegurarse de que o importe do dito salario estea dispoñible para o traballador nese mesmo período.

O traballador e, coa súa autorización, os seus representantes legais, terán dereito a percibir, sen que chegue o día sinalado para o pagamento, anticipos á conta do traballo xa realizado. Estes anticipos deberán ser solicitados cunha anticipación mínima de 72 horas.

Artigo 28. Cláusula de revisión

As partes asinantes deste convenio consideran que durante a vixencia deste convenio colectivo non procede adoptar ningunha cláusula de revisión salarial.

Artigo 29. Incapacidade temporal

En caso de incapacidade temporal motivada por accidente de traballo ou enfermidade profesional, requiran ou non hospitalización, os traballadores percibirán o 100 % dos seguintes conceptos: salario base, complemento convenio, paga convenio, complemento extrasalarial, antigüidade e complemento de quendas.

En caso de incapacidade temporal motivada por enfermidade común ou accidente non laboral que requiran hospitalización, os traballadores percibirán o 100 % dos seguintes conceptos: salario base, complemento convenio, paga convenio, complemento extrasalarial, antigüidade e complemento de quendas. Estes conceptos aboaranse desde o primeiro día de hospitalización até a finalización da incapacidade temporal.

O traballador que acceda á súa primeira incapacidade temporal do ano natural, derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, percibirá, durante os dous primeiros días da baixa o 100 % dos seguintes conceptos: salario base, complemento convenio, paga convenio, complemento extrasalarial, antigüidade e complemento de quendas.

Para os efectos deste artigo, enténdese por hospitalización o feito de que unha persoa figure rexistrada como paciente nun hospital e pernoite ou realice unha comida principal nel. Tal circunstancia deberá ser xustificada polo traballador mediante entrega á empresa de certificado do centro hospitalario onde conste a data de hospitalización.

Capítulo VI
Tempo de traballo e a súa ordenación

Artigo 30. Xornada laboral

A xornada laboral establécese en 40 horas semanais.

Non excederá 1.800 horas en cómputo anual.

A xornada será partida ou a quendas.

A xornada partida realizarase de luns a venres, a razón de 8 horas diarias.

A xornada a quendas realizarase con xornada de 8 horas diarias.

Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas.

O número de horas ordinarias de traballo efectivo non poderá ser superior a nove diarias, salvo que por acordo entre a dirección e os representantes dos traballadores se estableza outra distribución do tempo de traballo diario, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas.

Sempre que a duración da xornada diaria continuada exceda seis horas, deberá establecerse un período de descanso durante ela de duración non inferior a quince minutos. Este período de descanso considerarase tempo de traballo efectivo.

Artigo 31. Horas extraordinarias

Retribuiranse conforme o establecido no Estatuto dos traballadores.

É vontade das partes procurar, na medida do posible, a redución destas.

Artigo 32. Vacacións

As vacacións serán de 30 días naturais.

Desfrutaranse segundo calendario que se elaborará entre a dirección da empresa e o comité de empresa tendo en conta os períodos de maior necesidade de produción.

O calendario deberá ser fixado con dous meses de anticipación.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, ao menos, do comezo do desfrute.

Cando o período de vacacións fixado no calendario de vacacións da empresa a que se refire o parágrafo anterior coincida no tempo cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, o parto ou a lactación natural ou co período de suspensión do contrato de traballo previsto no artigo 48.4 e 48.bis do Estatuto dos traballadores, terase dereito a desfrutar as vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á do desfrute do permiso que por aplicación de tal precepto lle corresponder, ao finalizar o período de suspensión, aínda que terminase o ano natural a que correspondan.

No suposto de que o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal por continxencias distintas ás sinaladas no parágrafo anterior que imposibilite ao traballador desfrutalas, total ou parcialmente, durante o ano natural a que corresponden, o traballador poderá facelo unha vez que finalice a súa incapacidade e sempre que non transcorresen máis de dezaoito meses a partir do final do ano en que se orixinasen.

O traballador que cese no transcurso do ano terá dereito ao importe da parte proporcional que lle corresponda das vacacións non desfrutadas.

Artigo 33. Permisos e licenzas

Precedendo aviso e con xustificación posterior á empresa o traballador poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:

1. Quince días naturais en caso de matrimonio.

2. Polo nacemento de fillo e polo falecemento, accidente ou enfermidade graves ou hospitalización de pais, pais políticos, avós, avós políticos, fillos, fillos políticos, netos, netos políticos cónxuxe, irmáns e irmáns políticos concederanse días de permiso de acordo coas normas e/ou regulamentos que se establezan entre a dirección da empresa e o comité de empresa. Para tal fin será de aplicación todo o previsto no artigo 44 deste convenio colectivo.

3. Un día en caso de matrimonio de fillos, no día de celebración da cerimonia.

4. Un día por traslado de domicilio habitual.

5. Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo e o desempeño da función de xurado. Se supuxer a imposibilidade de prestación de traballo en máis do 20 % nun período de tres meses, poderá a empresa pasalo á situación de excedente forzoso.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tiver dereito na empresa.

6. Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

7. Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

8. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai en caso de que ambos traballen.

9. Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, ao menos, un terzo e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e que non desempeñe outra actividade retribuída. A redución de xornada establecida no presente número constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xeraren ese dereito polo mesmo suxeito causante, a dirección poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

10. Cando por razón de enfermidade o traballador precise a asistencia médica en horas coincidentes coas da súa xornada laboral, a empresa concederá, sen perda de retribución, o permiso necesario polo tempo preciso para o efecto, o cal se debe xustificar co correspondente xustificante visado polo facultativo, ou persoal debidamente acreditado sexan ou non da Seguridade Social.

11. Para a aplicación deste artigo será de aplicación todo o previsto no artigo 44 deste convenio colectivo.

12. O persoal con, ao menos, un ano de antigüidade na empresa ten dereito a un permiso retribuído de 20 horas anuais de formación, de conformidade co réxime establecido no artigo 23.3 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo VII
Réxime disciplinario

Artigo 34. Réxime de faltas e sancións

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos artigos deste convenio.

A valoración das faltas e as correspondentes sancións impostas pola dirección da empresa serán sempre revisables ante a xurisdición competente.

Artigo 35. Graduación das faltas

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave ou moi grave.

Artigo 36. Faltas leves

Se consideran faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade, até de tres nun mes, na asistencia ao traballo, con atraso superior a cinco minutos no horario de entrada.

2. Faltar ao traballo un día ao mes sen causa xustificada.

3. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ao traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de o facer.

4. O abandono do servizo sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto se orixinar prexuízo dalgunha consideración á empresa ou for causa de accidente aos seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

5. Fumar nos lugares prohibidos.

6. Utilización de teléfono móbil persoal no centro de traballo, en horas de traballo.

7. Pequenos descoidos na conservación do material. Se destes descoidos ou mal uso se produciren avarías que ocasionen prexuízos dalgunha consideración á empresa ou for causa de accidente aos seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

8. Falta de aseo e limpeza persoal, cando sexa de tal índole que poida afectar a relación con outros traballadores, o proceso produtivo da empresa ou a imaxe que desta poidan ter os clientes.

9. Non atender o público coa corrección e dilixencia debidas.

10. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

11. As discusións sobre asuntos estraños ao traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións produciren escándalo notorio, poderán ser consideradas como faltas graves ou moi graves.

12. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que careza de transcendencia grave para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

Artigo 37. Faltas graves

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade, superiores a cinco minutos, na asistencia ao traballo nun período de trinta días.

2. Ausencias sen causa xustificada, de dous días durante un período de trinta días.

3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar a Seguridade Social ou a retención á conta do imposto da renda sobre as persoas físicas. A falta maliciosa nestes datos considérase como falta moi grave.

4. Entregarse a xogos ou distraccións nas horas de traballo.

5. A desobediencia aos seus superiores en calquera materia de traballo. Se implicar prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

6. Simular a presenza doutro traballador contestando ou asinando por el.

7. Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servizo.

8. A imprudencia en acto de traballo; se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave.

9. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como empregar ferramentas da empresa para usos propios.

10. Manifestar síntomas de embriaguez ou de intoxicación por drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas no centro de traballo.

11. A reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado comunicación escrita.

12. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, cando tal incumprimento orixine risco de danos graves para a seguranza e a saúde dos traballadores.

Artigo 38. Faltas moi graves

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, superiores a cinco minutos, cometidas nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

2. Ausencias sen causa xustificada, a partir de dous días durante un período de trinta días.

3. A simulación de enfermidade ou accidente.

4. A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como aos compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

5. Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en primeiras materias, utensilios, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos e documentos da empresa.

6. A condena por delito de roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar para esta desconfianza respecto ao seu autor.

7. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

8. Manifestar síntomas de embriaguez ou de intoxicación por drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas no centro de traballo, que supoñan un risco de accidente para si mesmo ou os seus compañeiros.

9. A embriaguez habitual e a reiterada intoxicación por drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

10. Introducir no centro de traballo bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

11. Consumir no centro de traballo bebidas alcohólicas en horas de traballo ou drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

12. Violar o segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños a ela datos de reserva obrigada.

13. Os maos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e consideración aos xefes ou aos seus familiares, así como aos compañeiros e subordinados.

14. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

15. Abandonar o traballo en posto de responsabilidade.

16. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo, sempre que non estea motivada polo exercicio dalgún dereito recoñecido polas leis.

17. O orixinar frecuentes liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

18. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis meses seguintes de se ter producido a primeira.

19. O abuso de autoridade por parte dos xefes será sempre considerado como falta moi grave. O que o sufra porao inmediatamente en coñecemento da dirección da empresa e do comité de empresa.

20. O acoso sexual, entendendo por tal unha conduta de natureza sexual, de palabra ou acción, desenvolvida no ámbito laboral e que sexa ofensiva para o traballador ou traballadora obxecto dela. Nun suposto de acoso sexual protexerase a continuidade no seu posto de traballo da persoa obxecto do acoso.

21. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que de tal incumprimento derive un risco grave e inminente para a seguranza e saúde dos traballadores.

Artigo 39. Réxime de sancións

Corresponde á empresa a facultade de impor sancións nos termos do estipulado no presente convenio.

A sanción das faltas requirirá comunicación escrita dirixida ao traballador.

En calquera caso, a empresa dará conta aos representantes dos traballadores, ao mesmo tempo que ao propio afectado, de toda sanción que se impoña por faltas graves e moi graves.

Artigo 40. Actuación ante síntomas de embriaguez ou intoxicación por drogas

Con independencia da aplicación do réxime disciplinario establecido, o traballador que se presente ao traballo con síntomas de embriaguez, ou que durante a xornada de traballo manifeste síntomas de embriaguez ou de intoxicación por drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, a xuízo dos seus superiores, logo de comunicación a un membro do comité de empresa ou a dúas testemuñas se non houber ningún membro do comité de empresa, non será admitido no posto de traballo ou será separado del, segundo os casos.

Artigo 41. Sancións máximas

As sancións máximas que poderán imporse en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo até dous días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

c) Por faltas moi graves: desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días até a rescisión do contrato de traballo nos supostos en que a falta sexa cualificada co grao máximo.

Artigo 42. Prescrición

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves aos dez días, para as faltas graves aos vinte días e para as moi graves aos sesenta días, a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión, e en calquera caso aos seis meses de se teren cometido.

Capítulo VIII
Regulamento e lexislación suplementaria

Artigo 43. Regulamento interno

Para un correcto entendemento das normas de funcionamento, tanto respecto os dereitos como ás obrigas da empresa e dos traballadores, a dirección e comité de empresa chegan ao acordo de redactar un regulamento interno de normas para ese fin.

É vontade das partes que o dito regulamento estea terminado o antes posible.

Cada norma incluída nese regulamento deberá ser aprobada, como mínimo, pola maioría do comité de empresa e dos representantes da empresa.

Unha vez aprobadas as ditas normas, serán efectivas e terán validez para todos os efectos, como se fosen publicadas no Boletín Oficial da provincia ou escritas neste convenio.

Artigo 44. Lexislación suplementaria

No non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica da liberdade sindical e demais disposicións legais vixentes.

As condicións de traballo que nel se estipulan teñen o carácter de mínimas e na súa virtude serán nulos os pactos e cláusulas que, individual ou colectivamente, impliquen condicións menos favorables para os traballadores.

Para un mellor entendemento deste convenio será de aplicación todo o previsto no artigo 44 deste convenio colectivo.

Artigo 45. Seguranza e saúde

Observarase o disposto polo comité de seguranza e saúde.

Observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, Lei de prevención de riscos laborais, regulamentos dos servizos de prevención e demais normas complementarias.

Capítulo X
Réxime asistencial

Artigo 46. Axuda escolar

Crearase unha axuda escolar a todos os traballadores con fillos en idade comprendida entre os 3 anos cumpridos e os 16 anos cumpridos.

Artigo 47. Póliza de seguros

A partir da entrada en vigor deste convenio, a empresa establecerá unha póliza de seguros que cubra os riscos de:

– Morte motivada por accidente, sexa ou non sexa laboral, na contía de vinte e tres mil euros (23.000 €).

– Morte motivada por enfermidade profesional, na contía de vinte e tres mil euros (23.000 €).

– Incapacidade permanente parcial ou total para a profesión habitual ou absoluta para todo traballo e grande invalidez, motivadas por accidente, sexa ou non laboral, na contía de trinta e seis mil euros (36.000 €).

– Incapacidade permanente parcial ou total para a profesión habitual ou absoluta para todo traballo e grande invalidez, motivadas por enfermidade profesional, na contía de trinta e seis mil euros (36.000 €).

Nos supostos de incapacidade permanente parcial aboarase a porcentaxe indicada na resolución administrativa que a declare, sobre o capital antes mencionado.

Esta cobertura será efectiva durante o tempo de permanencia do traballador na empresa, e cesará a cobertura da póliza no momento da xubilación ou cesamento na empresa. Exclúense expresamente os accidentes ocorridos prestando servizo como contratado noutra empresa, ou como titular dela.

Artigo 48. Roupa de traballo

Entregaranse ao persoal dúas pezas de roupa de traballo, fundas, batas ou chaquetas, dependendo do posto de traballo, por ano.

O persoal de almacén e mantemento recibirá tres fundas por ano.

A conservación e limpeza desta roupa serán por conta do traballador, que deberá mantelas en bo estado de conservación e limpeza, ou da empresa naqueles casos que determine o comité de seguranza e saúde.

Entregaranse once pares de luvas como mínimo a cada operario de produción ou almacén por ano.

O uso das roupas de traballo será obrigatorio dentro da xornada laboral.

Os traballadores que realicen traballos no exterior serán provistos de roupa de auga.

Facilitarase aos traballadores de produción, almacén e mantemento un par de botas de seguranza por ano. Prohíbese a súa utilización fóra do centro de traballo.

Capítulo XI
Dereitos sindicais

Artigo 49. Dereitos sindicais

Observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, na Lei orgánica de liberdade sindical e na demais normativa vixente.

Capítulo XII
Comité mixto paritario

Artigo 50. Comité mixto paritario

Para a interpretación, conciliación e vixilancia deste convenio créase unha comisión paritaria composta por tres representantes da empresa e tres representantes dos traballadores.

Como máximo só pode haber dous representantes da comisión negociadora do convenio por cada unha das partes.

A comisión poderá utilizar os servizos de asesores en cantas materias crea da súa competencia. Os asesores serán designados libremente por cada unha das partes.

A comisión terá que resolver no prazo de 15 días.

A comisión pode ser convocada indistintamente por calquera das dúas partes, dirección de empresa e comité de empresa.

Se non houber acordo no seo da comisión paritaria, esta deberá acudir ás distintas modalidades de resolución de conflitos establecidas no AGA (Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos) e escollerá a forma que mellor conveña e establecerá o carácter vinculante ou informativo da resolución; en caso contrario, entenderase que a resolución terá carácter meramente informativo.

Capítulo XIII
Ambiente

Artigo 51. Actuación en defensa e protección do ambiente

As partes asinantes deste convenio consideran necesario que a empresa actúe de forma responsable e respectuosa co ambiente, prestando grande atención á súa defensa e protección de acordo cos intereses e preocupacións da sociedade.

Para estes efectos, a empresa debe adoptar unha actitude permanente, responsable e visible en materia de ambiente e, ao mesmo tempo, conseguir que o esforzo que estea desenvolvendo a empresa neste campo, e o que se realice no futuro, así como os seus resultados, sexan coñecidos e adecuadamente valorados pola sociedade e as administracións competentes.

Considérase fundamental para estes fins a realización de actividades tendentes a conseguir os seguintes obxectivos:

– Promover e conseguir unha actuación responsable da empresa en materia de ambiente, concretando as medidas que se deban adoptar.

– Establecer uns obxectivos cualitativos e cuantitativos de mellora co fin de facer visible, respecto deles, o progreso que se consiga.

– Mellorar a formación dos traballadores, co fin de lograr unha mellor actuación dentro da empresa en relación coa defensa e protección do ambiente.

– Demostrar á sociedade o comportamento responsable tanto da empresa como dos seus traballadores, tanto individual como colectivamente, mediante o emprego de técnicas de boa xestión ambiental e a comunicación dos resultados obtidos.

Todo isto debe ser obxecto de permanente e compartida preocupación, tanto da dirección da empresa como do comité de empresa.

ANEXO I
Táboas de salarios dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012

Grupo profesional

S. base (€/mes)

Complemento convenio (€/mes)

Complemento extra (€/mes)

Paga convenio

(€/mes)

Total ano 

1

1.700,78 €

61,81 €

118,96 €

141,73 €

27.680,92 €

2

1.439,90 €

61,81 €

118,96 €

120,00 €

23.767,84 €

3

1.151,11 €

61,81 €

118,96 €

95,93 €

19.435,94 €

4

975,35 €

61,81 €

118,96 €

81,25 €

16.799,14 €

5

880,70 €

61,81 €

80,44 €

73,38 €

14.917,36 €

6

845,54 €

61,81 €

59,57 €

70,48 €

14.139,88 €

7

815,25 €

62,08 €

22,47 €

67,80 €

13.241,70 €

8

641,40 €

0,00 €

0,00 €

0,00 €

8.979,60 €

ANEXO II
Táboas de antigüidade dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012
(até o 30 de novembro de 2012)

Antigüidade

grupo

3 anos

€/mes

6 anos

€/mes

11 anos

€/mes

16 anos

€/mes

21 anos

€/mes

1

65,06 €

130,11 €

221,19 €

312,26 €

390,30 €

2

52,90 €

105,77 €

179,78 €

253,79 €

317,27 €

3

46,38 €

92,78 €

157,71 €

222,65 €

278,32 €

4

42,86 €

85,75 €

145,76 €

205,80 €

257,24 €

5

41,30 €

82,57 €

140,34 €

198,10 €

247,65 €

6

39,96 €

79,90 €

135,87 €

191,81 €

239,74 €

7

38,67 €

77,27 €

131,37 €

185,49 €

231,88 €

ANEXO III
Táboas de antigüidade do ano 2012
(desde o 1 de decembro de 2012)

Importes anuais:

3 anos

6 anos

11 anos

16 anos

21 anos

26 anos

31 anos

Todos os grupos profesionais

78,43

156,86

313,72

470,58

627,44

784,30

941,16