Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 17 de decembro de 2012 Páx. 46885

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de decembro de 2012 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Verín.

O concello de Verín remite o Plan xeral de ordenación municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. Por Orde desta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con data do 29 de outubro de 2012, resolveuse non aprobar definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Verín, formulándose unha serie de obxeccións que hai que emendar.

2. En cumprimento da deficiencia documental observada, consta a emisión de informe do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e Montes con data do 6.11.2012.

3. O Concello Pleno de Verín, en sesión ordinaria do 16 de novembro de 2012, aprobou provisionalmente o PXOM.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación aprobada provisionalmente, con data do 16.11.2012, en relación coas consideracións contidas na anterior Orde da CMATI, do 29 de outubro pasado, cómpre sinalar o seguinte; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Modelo de ordenación. Clasificación do solo.

Púidose comprobar que as consideracións contidas na Orde, con data do 29.10.2012, foron tidas en conta, no documento sometido ao acordo plenario con data do 16.11.2012.

II.2. Solo de núcleo rural.

O plan xustifica individualizadamente, no punto 6.1.2.1. da Memoria, a consolidación edificatoria mínima exixida no artigo 13.3.b da LOUG para os núcleos rurais comúns conforme os graos previstos na ordenanza.

Porén, constátase un erro xeneralizado nos planos de clasificación dos núcleos rurais, xa que non coinciden os graos previstos para a análise de modelo poboacional (onde se calcula o grao de consolidación dos núcleos) cos dos planos de clasificación e cualificación de solo grafados cun superíndice (cuxa aplicación derivaría na falta de cumprimento da consolidación legal mínima).

Xa que logo, cómpre substituír os graos errados sinalados nos planos de clasificación e cualificación de solo dos núcleos rurais; polos correctos previstos na análise de modelo poboacional.

II.3. Outras cuestións.

Considerando que no solo urbanizable SUE-01, ademais do uso global característico maioritario dotacional, se prevé tamén o uso global terciario-hoteleiro, deberán manterse, se é o caso, as reservas mínimas correspondentes ao uso hoteleiro, conforme o establecido ao respecto no artigo 47.2. da LOUG.

Por conseguinte, na ficha individualizada do sector constará a cesión dos terreos do Sistema Local de Equipamentos.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 89 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Verín, de acordo co establecido no artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia; con suxeición estrita ás consideracións sinaladas nos puntos II.2 e II.3 anteriores.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas