Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 13 de decembro de 2012 Páx. 46599

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de decembro de 2012 pola que se ditan actos dirixidos á constitución e posta en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia.

Mediante o Decreto 202/2012, do 18 de outubro, creouse a Axencia Tributaria de Galicia e aprobouse o seu estatuto. A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A disposición adicional primeira do citado decreto refírese á constitución da Axencia Tributaria de Galicia, momento separado da súa creación, unida á aprobación dos seus estatutos, e do seu inicio de actividade, ligado ao exercicio das súas funcións.

A constitución da Axencia Tributaria de Galicia prodúcese coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, órgano colexiado de goberno a que corresponde establecer as directrices de actuación, de acordo coas emanadas da consellería competente en materia de facenda.

O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, que corresponde á conselleira de Facenda, a Vicepresidencia, que exercerá a persoa titular da Dirección da Axencia, e seis vogais. Os membros do Consello Reitor son nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

Por outra banda, na presente orde disponse que as funcións asignadas á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia sexan exercidas pola persoa titular da Dirección Xeral de Tributos temporalmente e ata que se produza o nomeamento do seu titular.

Por todo isto, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Noméanse vogais titulares, e os seus correspondentes suplentes, do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia as seguintes persoas:

– Vogal titular: María del Socorro Martín Hierro, secretaria xeral técnica e do Patrimonio.

– Vogal suplente: Mª Ángeles Vidal Ruiz, subdirectora xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

– Vogal titular: Miguel Corgos López-Prado, director xeral de Planificación e Orzamentos.

– Vogal suplente: Joaquín Caballero Miranda, subdirector xeral de Recursos e Ánalise Orzamentaria.

– Vogal titular: Manuel Galdo Pérez, director xeral de Política Financeira e Tesouro.

– Vogal suplente: Eusebio Martínez Santamarina, subdirector xeral do Tesouro.

– Vogal titular: José María Barreiro Díaz, director xeral de Función Pública.

– Vogal suplente: María Luisa Cardesín Díaz, subdirectora xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal.

– Vogal titular: Almudena Chacón Pichel, interventora xeral da Comunidade Autónoma.

– Vogal suplente: Aránzazu Portabales Santomé, subdirectora xeral de Fiscalización e Control Interno.

– Vogal titular: Mauro Fernández Dabouza, director xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

– Vogal suplente: Germán Ferreiro Vilariño, xefe da División de Desenvolvemento de Sistemas de Información.

Artigo 2

Encoméndase temporalmente ao director xeral de Tributos da Consellería de Facenda o exercicio das funcións asignadas á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, ata o nomeamento da persoa titular da Dirección desta entidade.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda