Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 3 de decembro de 2012 Páx. 45439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Ponteareas (expediente IN407A 2012/194-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Eléctrica de Cantoña, S.L.

Domicilio social: A Igrexa, 10, Entenza, 36000 Salceda de Caselas.

Denominación: CIM interconexión Fozara con Sestelo (1ª fase).

Situación: Ponteareas.

Características técnicas: instalación dun paso aereosubterráneo e 35 metros de condutor RHZ1 para acometida ao CIM proxectado. Centro de interconexión e medida, cun trafo de 160 kVA, RT 20 kV/230-400 V, unha cela entrada liña, unha cela interruptor automático con seccionador, unha cela de medida, dúas celas de liña e unha cela protección trafo. A instalación está situada en Fozara, Ponteareas, e servirá como punto fronteira entre Eléctrica de Cantoña, S.L. e Central Eléctrica Sestelo y Cía, S.A.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar e aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de doce (12) meses a partir da recepción desta resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 26 de outubro de 2012

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra