Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2012 Páx. 45127

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de novembro de 2012 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña acordou, en asemblea xeral, que tivo lugar o 14 de xuño de 2012, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria efectuada, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar a os estatutos do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña

• Título I. Disposicións xerais.

Capítulo I. Denominación. Natureza xurídica e fins.

Capítulo II. Funcións.

• Título II. Do Colexio, organización e goberno.

Capítulo I. Órganos de goberno.

Sección 1ª. Da Xunta de Goberno.

Sección 2ª. Da Asemblea Xeral de colexiados.

Capítulo II. Das comisións.

Capítulo III. Das eleccións á Xunta de Goberno.

• Título III. Dos colexiados.

Capítulo I. Da adquisición. Denegación e perda da condición de colexiado.

Capítulo II. Das sociedades profesionais.

Capítulo III. Comunicación de actuacións profesionais noutras demarcacións.

Capítulo IV. Dereitos, deberes e prohibicións dos colexiados.

Capítulo V. Incompatibilidades no exercicio profesional.

Capítulo VI. Dos visados colexiais.

• Título IV. Réxime de distincións e premios.

• Título V. Do réxime económico e principios de xestión do Colexio.

Capítulo I. Dos recursos económicos e dos gastos.

Capítulo II. Principios de xestión do Colexio.

• Título VI. Do réxime disciplinario.

Capítulo I. Da responsabilidade penal, civil e disciplinaria.

Capítulo II. Do procedemento disciplinario.

• Título VII. Do réxime xurídico dos actos e resolucións do Colexio.

Capítulo I. Da impugnación dos actos.

Capítulo II. Da nulidade dos actos.

• Título VIII. Do réxime de disolución do Colexio.

Disposición adicional primeira.

Disposición adicional segunda.

Disposición transitoria.

Disposición derradeira.

Estatuto particular do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña

TÍTULO I
Disposicións xerais

Capítulo I
Denominación, natureza xurídica e fins

Artigo 1. Denominación, ámbito territorial e domicilio

A súa denominación é a de Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña. O ámbito territorial é o da actual provincia da Coruña.

O Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña terá o seu domicilio social na rúa María Puga Cerdido, edificio Lugrís Vadillo, s/n, 1º; polígono Matogrande da Coruña. A web institucional do Colexio é http://www.colvetcor.es. O domicilio poderase modificar por acordo da Asemblea Xeral.

Artigo 2. Natureza xurídica

1. O Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña é unha corporación de dereito público, recoñecida pola Constitución e amparada pola lexislación estatal e autonómica vixente en materia de colexios profesionais, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Colexio terá tratamento de ilustre, e o seu presidente, o de ilustrísimo. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

2. Ademais do previsto nos presentes estatutos, o Colexio rexerase en todo caso polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; na Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, ou na lexislación que a suceda. Tamén serán de aplicación, no non previsto polos presentes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos, os acordos dos órganos de goberno do Consello Xeral e de Galicia e os do propio Colexio de Veterinarios da Coruña, así como o resto da normativa vixente directamente aplicable.

3. O Ilustre Colexio de Veterinarios da Coruña pode adquirir, allear, gravar e administrar toda clase de bens e exercer ante os xulgados e tribunais de calquera xurisdición e grao as accións que no seu propio interese considere convenientes.

Artigo 3. Fins

Son fins esenciais deste colexio:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia, do exercicio da profesión veterinaria, velando para que a actuación dos seus colexiados responda aos intereses e ás necesidades na sociedade en relación co dito exercicio de acordo co marco legal aplicable, así como a representación exclusiva da profesión e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados nos termos establecidos na normativa que resulte de aplicación.

b) A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión veterinaria e da súa dignidade e prestixio. Para este efecto correspóndelle cumprir e facer cumprir ás persoas colexiadas o Código deontolóxico que corresponda.

c) A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social das persoas colexiadas. Para este efecto poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e protección social.

d) A colaboración cos poderes públicos na consecución da saúde das persoas e animais, mellora da gandaría e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación e ordenación do sector gandeiro e alimentario desde a fase de produción ao consumo, así como a atención ao ambiente e a protección dos consumidores.

e) A mellora da sanidade, a produción, o benestar animal e o ambiente.

f) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios.

g) Os recollidos nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello de Colexios Veterinarios de Galicia e na lexislación estatal e autonómica en materia de colexios profesionais.

Capítulo II
Funcións

Artigo 4. Funcións

Serán funcións propias do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, no seu ámbito territorial, as que lle atribúen as vixentes leis estatal e autonómica de colexios profesionais; as sinaladas nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, en relación cos fins que ten encomendados, e, en todo caso, as seguintes:

a) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da veterinaria, e exercer as accións que sexan procedentes, así como exercer o dereito de petición conforme a lei.

b) Defender os dereitos e o prestixio dos colexiados aos cales representan ou de calquera deles, se son obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais, así como intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre as persoas colexiadas.

c) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir a intrusión profesional.

d) Levar o censo de profesionais colexiados, o de sociedades profesionais e o ficheiro de ámbito de actuación veterinaria da provincia, cos datos que se consideren necesarios para o cumprimento dos fins e funcións do Colexio, e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionados co exercicio da veterinaria.

e) Ordenar a actividade profesional dos colexiados velando pola formación, a ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares.

f) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

g) Elaborar os seus regulamentos de réxime interior.

h) Cumprir e facer cumprir aos colexiados, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

i) Evitar a competencia desleal.

j) Cooperar cos poderes públicos, por solicitude deles, na formulación das políticas gandeira, sanitaria, alimentaria, de ambiente e de protección ao consumidor.

k) Elaborar e executar programas formativos de carácter profesional, científico ou cultural.

l) Desenvolver a xestión de previsión e protección social no ámbito profesional.

ll) Instar os organismos públicos ou privados para que doten no exercicio profesional os colexiados dos mínimos de material e persoal necesarios para exercer unha veterinaria de calidade.

m) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e outros análogos, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión, nos termos e coa extensión que acorde a Xunta de Goberno.

n) Visar os informes, proxectos e ditames nas condicións previstas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos termos e cos efectos que establece a normativa correspondente.

ñ) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o colexiado o solicite libre e expresamente no momento en que o Colexio cree o servizo adecuado e nas condicións que se determinen regulamentariamente.

o) Establecer e exixir as cargas económicas dos colexiados.

p) Organizar cantos servizos de asesoramento científico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal sexan necesarios ou convenientes para mellor orientación e defensa do Colexio e dos colexiados, así como a publicación de cantos medios informativos se consideren pertinentes, e tratar de conseguir o maior nivel de emprego dos colexiados.

q) Participar no procedemento de obtención da acreditación de aptitude para o exercicio da profesión veterinaria, en caso de que a lei estableza este requisito, así como propor á Administración medidas en relación coa ordenación e a regulación do acceso e o exercicio da profesión.

r) Participar na elaboración dos plans de estudos ou de formación continuada, promover e facilitar a formación continua dos colexiados que permita garantir a súa competencia profesional. Para tal fin, o Colexio pode colaborar, logo de acordo coas universidades, e subscribir para tal fin os correspondentes acordos.

O Colexio organizará de maneira permanente actividades formativas de actualización profesional dos colexiados e expedirá certificacións acreditativas da participación dos asistentes ás ditas actividades, conxuntamente, se é o caso, coas universidades.

s) Colaborar coa Administración pública mediante a participación en órganos administrativos cando así se prevexa legalmente e emitir os informes que lles sexan requiridos por órganos ou autoridades administrativas e xudiciais ou por entidades privadas, así como informar sobre os proxectos de disposicións xerais que afecten o exercicio da profesión veterinaria ou a institución colexial.

t) Exercer cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados.

u) Fomentar o uso da lingua galega entre os colexiados e nos ámbitos institucionais e sociais en que se exerce a profesión.

v) Emitir informe nos procesos xudiciais e administrativos en que se discutan cuestións relativas a honorarios profesionais, así como facilitar información en materia de honorarios profesionais, respectando sempre o réxime de libre competencia.

w) Exercer aquelas funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal ou autonómica ou que lle sexan encomendadas, de conformidade coa normativa vixente.

x) Actuar como árbitro nos conflitos entre os colexiados e terceiros, cando así o soliciten ambas as partes. Establecer e xestionar un servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados encargado da tramitación e resolución de cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexa presentada por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos. Este servizo poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, de ser o caso, corresponda.

y) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

z) As demais funcións impostas pola lexislación, as que sexan propias da súa natureza e as finalidades do Colexio ou as que beneficien a profesión ou os colexiados.

TÍTULO II
Do Colexio, organización e goberno

Capítulo I
Órganos de goberno

Artigo 5. Órganos de goberno do Colexio

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña son:

a) A Xunta de Goberno.

b) A Asemblea Xeral de colexiados.

c) O presidente do Colexio.

Sección 1ª Da Xunta de Goberno

Artigo 6. Composición da Xunta de Goberno

O Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña estará rexido por unha Xunta de Goberno que estará constituída por un presidente, un secretario e catro vogais.

De entre os vogais, por proposta do presidente, a Xunta de Goberno designará un vicepresidente.

Procurarase que a presenza de mulleres e homes sexa equilibrada.

De acordo coas diferentes características do exercicio profesional dos veterinarios e veterinarias e do ámbito onde se desenvolve, corresponden a cada un dos vogais as funcións que lles sexan encomendadas pola Xunta de Goberno.

Todos os cargos directivos son honoríficos e se exercerán gratuitamente. Non obstante, no orzamento colexial figurarán as partidas que fagan falta para atender decorosamente os gastos de representación do presidente do Colexio e do resto de persoas membros da Xunta.

Artigo 7. Funcións da Xunta de Goberno

Corresponde á Xunta de Goberno a administración e dirección do Colexio e a execución dos acordos da Asemblea Xeral, e con esta finalidade terá as facultades necesarias para realizar todos os actos propios das finalidades que non requiran expresamente a autoridade da Asemblea Xeral e, principalmente, as funcións seguintes:

a) Velar pola boa conduta profesional dos colexiados.

b) Recadar e administrar os recursos económicos do Colexio.

c) Exercer a función disciplinaria e imporlles aos colexiados as sancións que establecen estes estatutos por incumprimento deles e, de ser o caso, dos regulamentos internos e demais normativa reguladora da profesión veterinaria. Para iso, poderá asesorarse coa Comisión Deontolóxica que, de ser o caso, se estableza.

d) Decidir respecto da admisión como colexiados dos veterinarios que así o soliciten.

e) Aprobar as listas de cada modalidade de colexiados que debe confeccionar o secretario, que se porán á disposición do Consello Galego de Colexios Veterinarios e entidades afíns, sempre que o soliciten, así como do Rexistro Xeral de Sociedades Profesionais. Poderáselles dar aos datos a publicidade legalmente prevista.

f) Organizar a distribución de toda clase de impresos e documentos que lle sexan propios para a consecución dos seus fins, observando os termos establecidos nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e de conformidade cos acordos adoptados ao respecto polos órganos colexiados do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

g) Nomear as comisións que se consideren necesarias para a xestión e a resolución de calquera asunto da incumbencia do Colexio conferíndolles as facultades que xulgue pertinentes.

h) Ditar, no ámbito das súas competencias, as normas de orde interior e as disposicións que crea convenientes para a mellor marcha das tarefas colexiais.

i) Convocar por medio do secretario, logo de orde do presidente, as sesións da Asemblea Xeral de colexiados, ordinarias e extraordinarias, e aprobar a correspondente orde do día.

j) Establecer as relacións correspondentes cos demais colexios profesionais de veterinarios, co Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e co Consello Galego de Colexios Veterinarios.

k) Promover a realización de reunións periódicas, entre a Xunta de Goberno e os representantes de todas as asociacións, organismos, entidades e sectores de calquera actividade do colectivo veterinario en xeral, que estean interesados en participar no desenvolvemento dos obxectivos desta corporación ou teñan o desexo de colaborar nas súas finalidades.

l) Contratar e despedir o persoal que precise para o desenvolvemento das funcións, sempre que estea debidamente consignado nos orzamentos correspondentes.

ll) Crear, regular e ordenar os servizos adecuados para o cobramento de percepcións, remuneracións e honorarios profesionais dos colexiados, cando estes o soliciten libre e expresamente.

m) Propoñer á Asemblea Xeral de colexiados os orzamentos e a súa liquidación, así como as contas anuais.

n) Elaborar a memoria anual que conterá, polo menos, a información especificada no artigo 58 dos presentes estatutos.

ñ) Habilitar suplementos de crédito.

o) Aprobar e subscribir convenios de colaboración e contratos coa Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais, ou calquera outro ente público ou privado, e poderá contraer obrigas e recibir, como consecuencia daqueles, subvencións ou outro tipo de axudas, mesmo asinar a delegación de funcións públicas, así como ofrecer colaboración técnica aos organismos públicos legalmente establecidos.

p) Propoñer á Asemblea Xeral de colexiados a cuestión de confianza á xestión da Xunta de Goberno, e autorizar a tramitación da cuestión de confianza sobre a xestión dalgún dos membros da Xunta cando individual e voluntariamente o soliciten.

q) Convocar as eleccións aos cargos da Xunta de Goberno.

r) Interpretar e aplicar os presentes estatutos. En caso de dúbida, someterase ao ditame do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

s) Designar e destituír os representantes do Colexio no Consello Galego de Colexios Veterinarios.

t) Ademais, a Xunta de Goberno pode adquirir a título oneroso ou lucrativo, pedir prestado, vender, gravar, fiar, posuír e reivindicar toda clase de bens; contraer obrigas e, en xeral, ser titular de todo tipo de dereitos; iniciar, seguir ou soportar todas clase de accións xudiciais, reclamacións ou recursos en todas as vías e xurisdicións, así como interpor toda clase de recursos previstos no ordenamento xurídico no ámbito da súa competencia.

u) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas por estes estatutos á Asemblea Xeral de colexiados.

Artigo 8. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase, con carácter ordinario, unha vez cada mes, convocada polo presidente con, polo menos, unha semana de antelación, e, con carácter extraordinario, con polo menos corenta e oito horas de antelación, sempre que o presidente o crea conveniente ou o soliciten por escrito polo menos tres membros da Xunta. As convocatorias formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. En ningunha destas reunións se poderá tomar ningún acordo que previamente non se inclúa na orde do día correspondente, salvo que estean presentes todos os membros da Xunta e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera medio que permita ter constancia da recepción polos interesados, considerando a urxencia do caso. En todo caso, este aspecto deberá constar na acta da celebración.

2. Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse por maioría de votos dos membros asistentes. En caso de empate na votación, decidirá con voto de calidade o presidente. Estes acordos serán executivos desde o momento da adopción, sen prexuízo dos recursos que, en contra daqueles, se poidan presentar e das excepcións que se recollen nestes estatutos.

3. Para que se poidan adoptar validamente acordos en primeira convocatoria, será requisito indispensable que concorra a maioría dos membros que integran a Xunta de Goberno. En segunda convocatoria será suficiente con, polo menos, unha terceira parte dos membros da Xunta de Goberno. Tanto nun caso coma noutro deberán estar presentes o presidente e o secretario ou quen legalmente os substitúa.

Entre a celebración da sesión en primeira e segunda convocatoria mediará un intervalo de media hora.

4. Toda reunión deberá empezar inescusablemente coa lectura e aprobación da acta da reunión anterior.

5. O presidente pode alterar a orde dos temas que se vaian tratar e acordar interrupcións ao seu prudente arbitrio para permitir deliberacións sobre a cuestión debatida ou para descanso nos debates.

6. De todas as reunións da Xunta de Goberno levantarase a acta que asinará o secretario co visto e prace do presidente e que se transcribirá no libro de actas correspondente.

7. Nas actas da Xunta de Goberno deberán constar os membros que asisten, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

8. Será obrigatoria a asistencia ás reunións. A falta non xustificada a tres consecutivas ou a cinco alternas considerarase como renuncia ao cargo con efectos de vacante definitiva e será causa de cesamento. Neste caso a Xunta de Goberno notificarallo ao substituto, que ocupará o cargo correspondente logo da súa aceptación.

Artigo 9. Funcións da Presidencia

1. Correspóndelle ao presidente exercer a representación máxima do Colexio Oficial e estalle asignado o exercicio de cantos dereitos e funcións lle atribúen a Lei de colexios profesionais, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e estes estatutos, en todas as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias propias da súa competencia; exercitar as accións que correspondan en defensa dos dereitos dos colexiados ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase; autorizar os informes e comunicacións que teñan que cursarse, e executar ou facer que se executen os acordos que a Asemblea Xeral de colexiados ou a Xunta de Goberno, de ser o caso, adopten.

Con esta finalidade autorizará todos os documentos que sexan necesarios para a boa marcha da corporación e poderá outorgar poderes xerais ou especiais a favor de avogados e de procuradores de tribunais ou de calquera clase de mandatarios logo de acordo da Xunta de Goberno.

2. O presidente velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten os órganos do Consello Xeral, os órganos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, a Xunta de Goberno do Colexio ou a Asemblea Xeral de colexiados. As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle están recoñecidas, deberán ser acatadas, sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Convocar e presidir todas as reunións da Asemblea Xeral de colexiados e da Xunta de Goberno do Colexio, ordinarias e extraordinarias. Así mesmo, poderá suspender o debate sobre calquera asunto para tomar un acordo sobre este. Igualmente poderá suspender a sesión sen ter esgotado a orde do día en caso de alteración da orde.

b) Nomear as comisións que considere precisas, presidíndoas se o xulga conveniente.

c) Convocar, abrir, dirixir e levantar as sesións.

d) Asinar as actas que lle correspondan, logo de seren aprobadas.

e) Recadar dos centros administrativos correspondentes os datos que precise para cumprir os acordos da Xunta de Goberno.

f) Autorizar o documento que aprobe a Xunta de Goberno como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.

g) Autorizar os informes e as comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

h) Autorizar as contas correntes bancarias, os pagamentos, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades. Outorgar cantos documentos públicos e privados sexan necesarios para a compravenda de bens mobles e inmobles, en cumprimento dos acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral de colexiados, de conformidade co previsto nestes estatutos.

i) Visar as certificacións expedidas polo secretario do Colexio.

j) Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade, xunto co vogal designado para a sección económica do Colexio ou, de ser o caso, o secretario.

k) Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do Colexio.

l) Fixar as directrices para a elaboración dos orzamentos colexiais.

4. O cargo de presidente será exercido gratuitamente. Con todo, nos orzamentos colexiais fixaranse as partidas precisas para atender os gastos de representación da Presidencia do Colexio.

Artigo 10. Funcións da Vicepresidencia

O vicepresidente levará a cabo todas aquelas funcións que lle confíe o presidente e asumirá as deste en caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 11. Funcións da Secretaría

1. O secretario do Colexio terá o carácter de fedatario de todos os actos e acordos da corporación con todas as competencias e atribucións que deriven desa función. Independentemente das outras funcións que derivan dos presentes estatutos, das disposicións vixentes, dos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, dos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e das ordes emanadas da Presidencia, corresponde ao secretario:

a) Redactar, de acordo co presidente, a orde do día das reunións colexiais e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

b) Redactar as actas das asembleas xerais de colexiados e das reunións que celebre a Xunta de Goberno, con expresión dos membros que asisten, coidando de que se copien, logo de seren aprobadas, no libro correspondente, e asinalas co presidente.

c) Redactar e someter á Xunta de Goberno a memoria anual de vicisitudes e de actividades realizadas de conformidade e co contido previsto no artigo 10 ter da Lei de colexios profesionais de Galicia, para a súa posterior lectura e aprobación na asemblea xeral ordinaria no primeiro trimestre do ano e, de ser o caso, elevación ao Consello Galego de Colexios Veterinarios e ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.

d) Levar os libros que cumpran para o mellor e máis ordenado servizo, incluídos os de entrada e saída de documentos, e custodiar os arquivos de conformidade cos preceptos regulamentarios.

e) Recibir e dar conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

f) Asinar o documento acreditativo de que as persoas colexiadas están incorporadas ao Colexio.

g) Expedir as certificacións solicitadas polos interesados.

h) Asumir a dirección dos servizos administrativos e a xefatura de persoal do Colexio de conformidade coas disposicións destes estatutos, sinalando, de acordo coa Xunta de Goberno, o réxime interior das oficinas colexiais, así como tamén o horario propio de cada caso e as horas que se deberán dedicar a recibir visitas e ao despacho da secretaría.

i) Promover e coidar o servizo xurídico de defensa dos colexiados fronte a terceiros.

j) Tramitar e autorizar todos os asuntos de carácter xeral e informar debidamente a Xunta de Goberno sobre estes.

k) Formar e manter actualizadas as listas dos veterinarios adscritos ao Colexio e, en especial, todo o que se refire ao cambio de enderezo, así como o Rexistro de Sociedades Profesionais, dando aos datos a publicidade legalmente prevista ou autorizada, así como emitir, co visto e prace do presidente, as certificacións que sexan solicitadas.

l) Toda outra actividade que sexa necesaria para o bo funcionamento do Colexio.

2. O cargo de secretario será exercido gratuitamente. Con todo, os orzamentos colexiais consignarán as partidas precisas para atender os gastos inherentes ao cargo pola necesidade dunha maior dedicación nas súas actividades.

Artigo 12. Funcións das vogalías

Unha vez que resulten elixidos os vogais na forma prevista nos presentes estatutos, seranlles asignadas polo presidente as funcións e competencias do área de xestión que se lles encomende.

Artigo 13. Libro de actas

Todos os acordos que tome a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno deberán ser transcritos nun libro de actas, no cal se recollerán todas as vicisitudes das sesións correspondentes.

Os libros de actas deberán estar foliados e ter todas as follas seladas. Na primeira das follas consignarase unha dilixencia por parte do secretario, co visto e prace do presidente, onde se farán constar a finalidade e a data en que se empecen. Todas as actas serán asinadas polo presidente e polo secretario ou por quen, respectivamente, os substitúa na sesión á cal corresponda a acta.

Cando a extensión e o número dos acordos tomados pola Xunta de Goberno o aconselle, poderase acordar que se substitúa a transcrición literal no libro de actas das resolucións adoptadas por unha breve referencia do seu contido e do sentido do acordo.

Sección 2ª Da Asemblea Xeral de colexiados

Artigo 14. Natureza

1. A Asemblea Xeral, como órgano plenario e soberano, está constituída por todas as persoas colexiadas, en exercicio e sen exercicio, e dispón das máis amplas facultades co fin de alcanzar os seus obxectivos e adoptar os acordos necesarios para conseguir as súas finalidades. A Asemblea Xeral é o órgano supremo do Colexio e a ela deberá dar conta a Xunta de Goberno da súa actuación.

Todos os colexiados incorporados de pleno dereito no Colexio, e que estean ao día no cumprimento coas súas obrigas colexiais, terán o dereito de asistir ás asembleas xerais con voz e voto, agás que se lles impuxese unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación concreta destes dereitos.

2. Os acordos da Asemblea Xeral, validamente adoptados, obrigan todos os colexiados, incluídos os que votaron en contra ou estiveron ausentes, sen prexuízo do dereito de impugnación que poida corresponderlles.

Artigo 15. Funcións da Asemblea Xeral

Son funcións da Asemblea Xeral, con carácter enunciativo e non limitador, as seguintes:

a) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos do Colexio para o exercicio seguinte.

b) Aprobar as liquidacións do orzamento do ano anterior xunto coa memoria anual de xestión económica e de actividades presentada pola Xunta de Goberno.

c) Aprobar os cambios de sede do Colexio.

d) Aprobar e modificar os estatutos deste colexio e os regulamentos relacionados coa ordenación do exercicio profesional, unha vez aprobados e cumpridas as previsións que a este respecto se conten nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

e) Aprobar os acordos tomados pola Xunta de Goberno do Colexio sobre adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da corporación. Será preceptiva a aprobación pola Asemblea para que estes se poidan levar a cabo.

f) Exercer e votar a moción de censura contra a Xunta de Goberno do Colexio ou contra algún dos seus membros, nos termos previstos nos presentes estatutos.

g) Aceptar ou denegar a cuestión de confianza suscitada pola Xunta de Goberno ou por algún dos seus membros.

h) A fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

i) Acordar, por proposta da Xunta de Goberno e cando se considere conveniente por calquera motivo, a constitución de asociacións, fundacións ou outras entidades con personalidade xurídica sen ánimo de lucro.

j) Aqueles asuntos que lle someta a Xunta de Goberno por merecer, ao seu criterio, esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial.

k) Aprobar, no ámbito das súas competencias, os regulamentos ou normas de réxime interior para o desenvolvemento e a aplicación destes estatutos.

l) En xeral, a adopción de calquera tipo de acordos conducentes á consecución dos seus fins e das súas finalidades.

Artigo 16. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, dúas veces ao ano. Unha no primeiro trimestre para aprobar a liquidación de ingresos e gastos do exercicio anterior e dar lectura e aprobar a memoria anual, e outra no último trimestre para aprobar os orzamentos do exercicio seguinte. No caso de que o orzamento non sexa aprobado pola Asemblea, considerarase automaticamente prorrogado o do exercicio anterior ata que se proceda a esta aprobación, coa única posible adición de partidas que obrigatoriamente deban atender como consecuencia do cumprimento dunha disposición legal, ou para dar cumprimento a un acordo previo do Colexio.

2. As asembleas xerais extraordinarias poderán celebrarse en todas aquelas ocasións en que o considere conveniente o presidente ou a Xunta de Goberno ou o soliciten un mínimo do 30 % do total de colexiados. Neste caso celebraranse nun prazo non superior a trinta días hábiles desde a presentación da solicitude.

3. As asembleas de colexiados deberán convocarse con, polo menos, quince días de antelación, especificando e acompañando a orde do día e facendo constar o lugar e a hora de celebración.

4. A convocatoria seralles comunicada por escrito a todos os colexiados xunto coa orde do día, na cal se fará constar a celebración da sesión en segunda convocatoria. Non poderá mediar entre a primeira e a segunda convocatoria da reunión un prazo inferior a media hora.

5. Os acordos da Asemblea Xeral serán adoptados por maioría simple e, en ningún caso, será válido o voto delegado nin remitido por correo. En consecuencia, salvo para a elección dos membros da Xunta de Goberno, o exercicio do dereito de voto supedítase á presenza física na reunión. Non se poderán tomar acordos que non figuren na correspondente orde do día. Quedará validamente constituída a Asemblea en primeira convocatoria cando concorran a maioría dos seus membros. Entenderase validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes.

Exceptuaranse das previsións e exixencias do parágrafo anterior os seguintes casos:

a) Cuestión de confianza. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 17.

b) Moción de censura. Os requisitos de quórum de asistencia e de adopción dos acordos recóllense no artigo 18.

c) Fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio. Requirirase, como mínimo, un quórum de asistencia dunha terceira parte dos colexiados. Para que prospere, exixirase o voto favorable da maioría absoluta dos presentes.

6. Teñen dereito a voto nas asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias, todos os colexiados en que non concorra incapacidade legal ou estatutaria, sempre que estean ao día de todas as súas obrigas económicas e doutro tipo.

7. As votacións en asembleas xerais poderán ser secretas se así é proposto por un 10 % dos asistentes.

No caso de que se produza un empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 17. Cuestión de confianza

1. A Xunta de Goberno do Colexio ou calquera dos seus membros pode suscitar ante a Asemblea Xeral de colexiados a cuestión de confianza sobre o seu programa de actuacións, se o considera contestado maioritariamente, ou sobre a súa actuación no desempeño das súas funcións.

2. O outorgamento ou rexeitamento da confianza competerá sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados, convocada só para ese efecto pola Xunta de Goberno do Colexio, por acordo dela ou por petición daquel dos seus membros que desexe suscitar individualmente a cuestión de confianza.

3. A confianza entenderase outorgada cando vote a favor a maioría simple dos asistentes, nos termos previstos no artigo 16.5, parágrafos primeiro e segundo dos presentes estatutos.

4. A non superación da cuestión de confianza ten a consideración de reprobación e supón o cesamento da Xunta de Goberno. As correspondentes eleccións terán que convocarse de acordo co sistema electoral previsto nos presentes estatutos.

Artigo 18. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á Asemblea Xeral extraordinaria de colexiados, convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de asemblea xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo da terceira parte das persoas colexiadas non suspendidas no exercicio dos seus dereitos e ao día das súas obrigas económicas, incorporadas, polo menos, con tres meses de antelación. A solicitude deberá expresar con claridade as razóns ou motivos en que se funde.

3. Unha vez recibida a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou contra algún dos seus membros, o secretario comprobará que estea subscrita pola porcentaxe exixida de persoas colexiadas e co resto de condicións indicadas; será desestimada en caso de non se cumprir algún dos requisitos. Debe xuntarse o nome, os apelidos, o número de colexiado, a sinatura e unha fotocopia do DNI das persoas colexiadas que o subscriben.

4. A asemblea xeral extraordinaria de colexiados terá que celebrarse dentro dos trinta días hábiles contados desde o seguinte a aquel en que se presentou a solicitude e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

5. Para que a moción de censura sexa aprobada e se produza o conseguinte cesamento da Xunta de Goberno ou do membro deste órgano a quen afecte, será necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio. O voto será directo e non se admitirá o voto por correo ou delegado. Neste caso os membros da Xunta de Goberno non poden exercer o seu dereito a voto.

Se a moción de censura contra toda a Xunta de Goberno for aprobada pola maioría referida no parágrafo anterior, a Xunta de Goberno censurada cesará nos seus cargos, constituíndose de forma interina na propia asemblea unha xestora, que convocará eleccións na forma prevista nos presentes estatutos. No caso de censura dun ou varios membros da Xunta de Goberno, estes cesarán nos seus cargos e pasarán a ocupalos os membros suplentes; no seu defecto, as funcións desempeñadas serán asumidas polo resto dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da previsión establecida no artigo 28.2 dos presentes estatutos.

6. Se a moción de censura non for aprobada pola Asemblea, pódese promover outra vez no período dun ano contado a partir da data da votación.

7. Non se poderán propor mocións de censura no último semestre dun mandato.

Capítulo II
Das comisións

Artigo 19. Comisións asesoras

No Colexio poderán existir comisións, con finalidade exclusivamente asesora, sobre cuxa creación, funcións e desenvolvemento informarase a Asemblea Xeral de colexiados. En todo caso, existirá unha Comisión Deontolóxica que asesorará e informará a Xunta de Goberno nos expedientes disciplinarios que se incoen aos colexiados.

Cada unha destas comisións será presidida polo presidente ou vogal en quen este delegue, e actuará como secretario o secretario do Colexio ou colexiado en quen este delegue. Os seus membros deberán ser colexiados.

As comisións estarán integradas polos veterinarios nomeados pola Xunta de Goberno do Colexio Oficial.

Os estudos, propostas e conclusións de cada comisión serán remitidos á Xunta de Goberno, a cal decidirá se deben ser expostos e defendidos, de ser o caso, polo membro que designe a comisión correspondente ante a Asemblea Xeral de colexiados.

A programación dos temas obxecto de estudo poderá ser proposta pola propia comisión ou polo presidente do Colexio.

Habilitaranse os medios económicos necesarios para o desenvolvemento dos programas de traballo, cuxa contía será aprobada pola Asemblea Xeral de colexiados.

Artigo 20. Comisión Deontolóxica

1. Con carácter permanente existirá unha Comisión Deontolóxica que estará composta polos seguintes membros:

a) O presidente do Colexio ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) O vogal a quen se asignen as tarefas correspondentes á sección de deontoloxía e lexislación, que actuará como secretario.

c) Un mínimo de tres e un máximo de seis colexiados nomeados pola Xunta de Goberno, que representen os colexiados dos distintos ámbitos da actuación profesional que existen na provincia, para o cal a Xunta de Goberno poderá solicitar das asociacións representativas dos distintos sectores profesionais existentes no seo dos colexios a proposta daqueles colexiados que consideren máis idóneos para formar parte da Comisión.

2. A duración do cargo de todos os membros da Comisión de Deontoloxía será de seis anos reelixibles.

Os membros da Comisión de Deontoloxía cesarán polos mesmos motivos que os previstos nos presentes estatutos para as persoas que integran a Xunta de Goberno.

As vacantes cubriranse mediante o nomeamento pola Xunta de Goberno dunha persoa que ocupará o cargo polo tempo de mandato restante.

3. As funcións da Comisión Deontolóxica serán:

a) Emitir informes non vinculantes, por petición do instrutor ou da Xunta de Goberno, en calquera das fases do procedemento disciplinario.

b) Propoñer á Xunta de Goberno cantas actuacións crea convenientes para unha mellor ordenación e deontoloxía profesional.

c) Emitir informe sobre cantos proxectos de normas de orde deontolóxica ou relativos á ordenación profesional se elaboren.

4. O funcionamento da Comisión Deontolóxica será desenvolvida regulamentariamente.

Capítulo III
Das eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 21. Condicións de elixibilidade

Son condicións de elixibilidade para todos os cargos: ser persoa colexiada non suspendida no exercicio dos seus dereitos colexiais; estar ao día no aboamento das cotas e demais obrigas estatutarias e non estar incurso en ningunha das incompatibilidades previstas na Lei de colexios profesionais, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e en cantas disposicións se diten con carácter xeral, no momento de se convocar o proceso electoral.

Para poder optar ao cargo de presidente, ademais, será preciso ter unha antigüidade de cinco anos, como mínimo, de colexiación ininterrompida e dun ano para o resto de cargos.

Artigo 22. Electores

1. Todas as persoas colexiadas con dereito a voto elixirán de entre eles o presidente, secretario e catro vogais.

2. Para exercer o dereito de sufraxio activo os colexiados deberán figurar ao día das súas obrigas estatutarias con anterioridade ao momento en que se acorde a convocatoria.

A cada persoa colexiada, con independencia da categoría á cal pertenza, correspóndelle un voto.

3. As sociedades profesionais non terán dereito de voto.

Artigo 23. Duración do mandato

1. A renovación dos cargos da Xunta de Goberno realizarase ordinariamente cada seis anos, e as eleccións terán lugar con antelación mínima de quince días ao da data de finalización do período de mandato dos citados cargos.

Extraordinariamente a Xunta de Goberno poderá adiantar as eleccións cando as circunstancias o aconsellen, ou ben nos supostos de triunfo dunha moción de censura de conformidade co artigo 18 destes estatutos.

2. A Xunta de Goberno do Colexio convocará oportunamente as eleccións para a renovación dos cargos, ao que dará a debida publicidade, sinalando na convocatoria os prazos para a súa celebración. As candidaturas poderanse presentar no prazo de trinta días a partir do día seguinte ao da adopción do acordo de convocatoria de eleccións.

3. Desde a convocatoria das eleccións ata que os novos membros da Xunta de Goberno tomen posesión actuará con carácter de provisional a Xunta de Goberno saínte.

4. Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos membros da Xunta de Goberno realizarase unha auditoría das contas colexiais de conformidade co establecido nas leis de aplicación.

Artigo 24. Presentación de candidatos

1. Os candidatos deberán reunir os requisitos que sinala o artigo 21 destes estatutos e solicitalo por escrito á Xunta de Goberno do Colexio. A solicitude poderá facerse de forma individual ou en candidatura conxunta.

2. Cada unha das candidaturas presentará unha lista pechada, encabezada por un candidato a presidente e a secretario, con todos os membros candidatos a formar parte da Xunta de Goberno, sen especificar cargos.

3. Na lista pechada de cada candidatura faranse constar especificamente o nome e os apelidos e o número de colexiado do candidato a presidente e a secretario. A seguir, o resto de candidatos e de candidatas da lista co seu nome, apelidos e número de colexiado.

4. En cada lista que se presente ás eleccións para a Xunta de Goberno, ademais das persoas mencionadas no punto anterior, deberán constar dous substitutos para o caso de que se produza unha vacante definitiva por calquera causa dalgún membro da Xunta de Goberno.

5. Procurarase que a presenza de mulleres e de homes sexa equilibrada.

Artigo 25. Proclamación de candidatos

1. O día seguinte ao da expiración do prazo para a presentación de candidaturas, a Xunta de Goberno do Colexio reunirase en sesión extraordinaria e proclamará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade, establecéndose un período de cinco días para presentar reclamacións, que se resolverá nos seguintes sete días, transcorridos os cales se dará conta ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios. As votacións terán lugar a partir dos vinte días naturais seguintes.

2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos demais candidatos e que estea en desacordo cos principios de carácter deontolóxico, de obrigada aplicación en todo o territorio nacional. O seu incumprimento comportará a depuración da correspondente responsabilidade deontolóxica.

3. No caso de que só se presente unha candidatura, a Xunta de Goberno, logo de comprobación de que o candidato ou, de ser o caso, os candidatos reúnen os requisitos que establecen os presentes estatutos, proclamaraos electos sen que proceda votación ningunha.

4. No caso de se declararen desertas as eleccións, por falta de candidatos, a Xunta de Goberno deberá proceder a convocalas novamente segundo os requisitos establecidos nestes estatutos.

Artigo 26. Procedemento electivo

1. A elección dos membros das xuntas de goberno será por votación directa e secreta, na cal poderán tomar parte todas as persoas colexiadas con dereito a voto, conforme o disposto nestes estatutos.

2. O voto deberá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, nun sobre asinado que incluirá a papeleta do voto no seu sobre pechado, fotocopia do DNI ou pasaporte do remitente. A solicitude do voto por correo deberá recibirse no Colexio dez días antes das eleccións. O secretario da Xunta de Goberno certificará a petición de voto, tomará nota no censo e enviaralle ao colexiado a documentación pertinente para a votación por correo. Presentada ou recibida en prazo a solicitude do exercicio ao voto por correo, este será valido sempre que se reciba na Mesa Electoral antes da celebración do escrutinio.O voto por correo quedará anulado se o colexiado se presenta a votar o día das eleccións.

3. A Mesa Electoral estará constituída no día e hora que se fixen na convocatoria, por tres colexiados e os seus respectivos suplentes, cuxa designación se fará por sorteo público entre todos os colexiados con dereito a voto que non se presenten á elección; será obrigatoria a aceptación, salvo causa xustificada. O presidente da Mesa e o seu suplente serán designados pola Xunta de Goberno de entre os elixidos. O máis novo actuará de secretario. Calquera candidato poderá nomear un interventor.

Os votantes están obrigados a acreditar ante a Mesa Electoral a súa personalidade. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo e o seu presidente, tras pronunciar en voz alta o nome e apelidos do votante indicando que vota, introducirá a papeleta co seu sobre na urna correspondente.

Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proposto.

4. Finalizada a votación dos asistentes e, en último lugar, a dos membros da Mesa e os interventores, procederase a depositar na urna os votos enviados por correo e a efectuar o escrutinio.

Das candidaturas presentadas, e celebradas as votacións, sairán elixidos o presidente, o secretario, o tesoureiro e o resto de membros que comporán a Xunta de Goberno da candidatura que obteña un maior número de votos. En caso de empate, procederase á repetición da votación do cargo ou cargos en que se produciu o empate no prazo máis breve posible.

Do desenvolvemento da votación e do resultado do escrutinio levantarase a acta seguidamente, asinada por todos os membros da Mesa, a cal se elevará ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios para o seu coñecemento.

5. Concluído o escrutinio, os representantes das candidaturas dispoñen dun prazo de tres días para presentaren as reclamacións que consideren pertinentes.

A Mesa Electoral resolverá sobre elas e notificará a súa resolución no prazo de dous días. Tras a resolución das reclamacións e protestas, a Mesa Electoral proclamará a candidatura electa. A acta de proclamación será subscrita por todos os membros da Mesa Electoral e remitida á Xunta de Goberno en funcións.

6. No prazo de quince días logo de celebradas as eleccións, os colexiados elixidos para presidente, secretario e vogais reuniranse coa Xunta de Goberno saínte para a toma de posesión e o traspaso de funcións. A continuación, os novos cargos reuniranse entre eles para designar un vicepresidente e asignar as distintas áreas de xestión e actuación dos vogais electos, na forma prevista nos presentes estatutos. Desta reunión levantarase a acta correspondente cos cargos xa establecidos e efectivos.

Artigo 27. Publicidade e reclamacións

1. Tanto ás listas de electores como ás de candidatos daráselles publicidade no taboleiro de anuncios e na páxina web do Colexio, para os efectos de reclamacións, no prazo que acorde a Xunta de Goberno ao convocar as eleccións.

2. Resoltas as reclamacións pola Xunta de Goberno, serán de novo sometidas a publicidade. A lista definitiva de electores servirá á Mesa Electoral para as comprobacións durante a votación electoral conforme o previsto no artigo 26.3.

Artigo 28. Causas de cesamento e vacantes

1. Os membros das xuntas de goberno dos colexios oficiais de veterinarios cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración ou remate do prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia do interesado.

c) Condena por sentenza firme, que comporte a inhabilitación para cargos públicos.

d) Sanción disciplinaria firme por falta grave ou moi grave.

e) Perda das condicións de elixibilidade expresadas no artigo 21.

f) A denegación por parte da Asemblea Xeral de colexiados da confianza nos termos previstos nos presentes estatutos.

g) A aprobación da moción de censura nos termos previstos nos presentes estatutos.

h) Por nomeamento para un cargo político de carácter executivo do Goberno ou da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, ou para calquera outro que estea afecto pola lexislación estatal ou autonómica vixente en materia de incompatibilidades.

i) Por falecemento.

2. Cando as vacantes que se produzan na Xunta de Goberno afecten polo menos a metade dos seus cargos, a propia Xunta designará os substitutos con carácter de interinidade, ata que se verifique a convocatoria de novas eleccións, no prazo máximo de seis meses. Ao cubrirse calquera destes cargos nos supostos referidos, a duración deles alcanzará soamente ata o próximo período electoral.

A Xunta provisional así constituída exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, que se celebrará, conforme as disposicións destes estatutos, no referido período máximo de seis meses.

A provisión do novo membro da Xunta de Goberno deberá comunicarse ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios dentro dos quince días naturais seguintes.

TÍTULO III
Dos colexiados

Capítulo I
Da adquisición, denegación e perda da condición de colexiado

Artigo 29. Das clases de colexiados

1. Os colexiados clasificaranse en:

a) Colexiados en exercicio.

b) Colexiados sen exercicio.

c) Colexiados honoríficos.

d) Sociedades profesionais.

2. Son colexiados en exercicio os que están en posesión do título de licenciado en Veterinaria, titulados en grao en Veterinaria, ou titulación que sexa homologable, e se incorporan ao Colexio como veterinarios para exercer profesionalmente a veterinaria en calquera das súas diferentes modalidades.

Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión de veterinario na provincia da Coruña, en calquera das súas modalidades, a incorporación ao Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña nos termos e coas excepcións previstas na Lei estatal 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, e na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, cando o interesado teña nesa provincia o seu domicilio profesional único ou principal.

No seu defecto, deberá incorporarse ao Colexio en cuxo ámbito desempeñe efectivamente o seu exercicio profesional.

Considerarase exercicio profesional calquera actividade ou traballo que se realice ao abeiro do título de licenciado ou de grao en Veterinaria, ou ao que no futuro se homologue a estes.

O exercicio profesional pódese verificar:

a) Ao servizo da Administración xeral do Estado, da Administración autonómica e da Administración local.

b) Ao servizo de empresas, entidades, explotacións e industrias ou negocios relacionados coa veterinaria.

c) De forma libre, que corresponderá a calquera actividade ou traballo que se realice ao abeiro do título de licenciado ou de grao en Veterinaria, ou homologables, e que non se estea incluído nas alíneas anteriores.

3. O exercicio da profesión, en calquera das súas modalidades, será efectuado polos veterinarios colexiados, de acordo coas normas reguladoras establecidas nestes estatutos e nas normas que, para tales fins, diten e adopten o Consello Xeral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios, sen prexuízo da regulación que, contida nas disposicións legais vixentes, estatais e autonómicas, lles sexan de aplicación por razón da modalidade do seu exercicio profesional. De toda inscrición, alta ou baixa neste colexio darase inmediata conta ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Igualmente serán de aplicación a todos os profesionais veterinarios, en canto ao exercicio da súa profesión, as normas contidas no Código deontolóxico para o exercicio da profesión veterinaria, o cal estará publicado nos medios de comunicación colexiais.

5. Son colexiados sen exercicio os que, estando en posesión do título de licenciado ou de grao en Veterinaria, ou homologable, se incorporan ao Colexio sen a pretensión de exercer a profesión de veterinario senón de desfrutar dos outros dereitos inherentes á condición de colexiados.

6. Tamén son colexiados sen exercicio os veterinarios que, pertencendo ao Colexio, non exerzan a profesión porque están en estado de invalidez ou de incapacidade permanente para o exercicio da profesión e os veterinarios xubilados que exerceron a profesión, e teñan a condición de pensionistas.

7. As sociedades profesionais de veterinarios son as que teñen por obxecto o exercicio da veterinaria, exclusivamente ou simultaneamente co exercicio doutra profesión que non sexa legalmente incompatible.

8. O Colexio levará un libro de rexistro de cada unha das categorías apuntadas.

Artigo 30. Requisitos de colexiación

Para a incorporación ao Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña requírese acreditar, como condicións xerais de aptitude, as seguintes:

a) Ser de nacionalidade española ou da dalgún dos Estados membros da Unión Europea, salvo o disposto en tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal.

b) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

c) Estar en posesión do título de licenciado ou de grao en Veterinaria, ou homologables aos anteriores, ou dos títulos estranxeiros que, conforme as normas vixentes, sexan homologados a aqueles. Todo iso de acordo co previsto tamén nas normas e acordos da Unión Europea.

d) Non estar inhabilitado para exercer a profesión, xa sexa por motivo disciplinario ou xudicial, e carecer de antecedentes penais que o inhabiliten para exercer a profesión veterinaria.

e) Satisfacer a cota de ingreso e demais que teña establecidas o Colexio.

f) Cumprir os requisitos de idoneidade ou aptitude para o exercicio profesional establecidos ou que se establezan regulamentariamente ou a través de acordos dos órganos colexiados do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

g) O pagamento do seguro que cubra os riscos de responsabilidade en que poidan incorrer os colexiados, derivados do exercicio da profesión.

Artigo 31. Solicitudes de colexiación

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña xuntarase á solicitude, en documento normalizado, o correspondente título orixinal ou testemuño notarial del e certificación académica. O xustificante pola universidade de procedencia do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal, e o colexiado quedará obrigado a presentar unha vez que lle sexa expedido. Xuntarase igualmente certificación de antecedentes penais co fin de acreditar que o solicitante non se atopa incurso en ningunha causa que lle impida o seu exercicio profesional como veterinario.

Ademais, serán necesarios os documentos seguintes: instancia dirixida ao presidente, fotocopia do DNI, tres fotografías de carné e cubrir un cuestionario normalizado que o Colexio porá á súa disposición, onde se deberá facer constar a aceptación expresa dos presentes estatutos, o seu enderezo actual, o domicilio profesional, os títulos que teña, as obras que teña publicadas e os traballos realizados.

Este trámite poderá efectuarse telematicamente a través do portelo único da web colexial de conformidade coa normativa vixente e nas condicións que determinen os órganos colexiais, sen prexuízo de que o Colexio verifique o carácter fidedigno dos documentos requiridos.

Igualmente, o solicitante deberá pagar a cota de inscrición fixada polos órganos colexiais de conformidade coas previsións legais.

2. Se o solicitante procede dalgún dos países membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa comunitaria.

3. O solicitante fará constar que vai exercer a profesión, lugar en que o vai facer e modalidade daquela, e a especialidade, de ser o caso.

4. Os veterinarios provenientes doutro colexio profesional do Estado español deberán acreditalo mediante certificado do colexio de procedencia, en que se faga constar que están ao día do pagamento e que non teñen ningunha nota desfavorable. No entanto, deberán cumprir as normas do Colexio vixentes en cada momento.

5. Corresponde á Xunta de Goberno do Colexio resolver sobre as solicitudes de incorporación a el. A Xunta de Goberno acordará, no prazo máximo de dous meses, o que xulgue pertinente sobre a solicitude de inscrición. Pasado ese prazo sen contestación, entenderanse aprobadas.

6. As solicitudes de incorporación serán aprobadas ou denegadas, de conformidade co disposto nestes estatutos. A Xunta de Goberno practicará as dilixencias e recibirá os informes que, de ser o caso, considere oportunos e notificará a resolución motivada que proceda.

7. Nos casos en que se verifique exercicio de actividade profesional sen a preceptiva colexiación, logo de requirimento do cumprimento do deber de colexiación, a Xunta de Goberno poderá exercitar as accións que a asistan para facer cumprir a dita obriga.

8. Contra a decisión da Xunta de Goberno nesta materia caberá recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Artigo 32. Denegación da colexiación

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se atopen complementados ou emendados no prazo sinalado para o efecto.

b) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

c) Cando fose expulsado doutro colexio sen ser rehabilitado.

d) Cando, ao formular a solicitude, se encontrase suspenso do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria corporativa firme.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxeron á colexiación, esta deberá ser aceptada polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.

Artigo 33. Trámites posteriores á admisión

Admitido o solicitante no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, expediráselle a tarxeta de identidade correspondente e darase conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios no modelo de ficha normalizada que estes establezan. Así mesmo, abrirase un expediente en que se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional. O colexiado estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os ditos antecedentes.

Artigo 34. Perda e suspensión da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por baixa voluntaria, ao cesar no exercicio profesional en calquera das súas modalidades, mediante solicitude por escrito.

b) Por condena firme que comporte a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por sanción firme de expulsión acordada en expediente disciplinario.

d) Por falecemento.

e) Por perda sobrevida dos requisitos establecidos para a colexiación.

2. Suspenderanse no exercicio profesional os colexiados que non paguen durante máis de dous trimestres consecutivos as cotas colexiais. En caso de baixa por impagamento, o aboamento das cotas colexiais pendentes, cos xuros legais devindicados, comportará a rehabilitación automática da alta colexial, excepto nos casos en que subsista algún outro motivo de baixa.

3. A perda e suspensión da condición de colexiado será acordada pola Xunta de Goberno do Colexio en resolución motivada, que lle será debidamente notificada.

4. As baixas serán comunicadas ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

5. As baixas non liberan do cumprimento das débedas vencidas.

Artigo 35. Do procedemento polas baixas forzosas

1. A baixa por incumprimento das obrigas económicas será efectiva logo da instrución dun expediente sumario, que comportará un requirimento por escrito ao afectado, quen, no prazo dun mes, se deberá pór ao día do seu descuberto. Pasado o prazo sen cumprimento deste requirimento, a Xunta de Goberno tomará o acordo de baixa, que se lle deberá notificar expresamente por escrito ao interesado.

2. A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas vencidas. Estas obrigas poderánselles exixir aos interesados ou aos seus herdeiros.

Capítulo II
Das sociedades profesionais

Artigo 36. Do exercicio colectivo

1. As sociedades profesionais de veterinarios son as que teñen por obxecto o exercicio en común da veterinaria, exclusivamente ou simultaneamente co exercicio doutra profesión que non sexa legalmente incompatible con ela.

2. As sociedades profesionais de veterinarios rexeranse, ademais de pola regulación xeral das sociedades profesionais e, de forma supletoria, das normas correspondentes á forma societaria adoptada, polas normas especiais contidas no presente capítulo e pola regulación colexial de desenvolvemento destas normas. O exercicio da actividade profesional que constitúe o obxecto social débese rexer de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario da veterinaria.

3. Os socios poderán incluír no contrato social todos os pactos que consideren convenientes, sempre que non se opoñan á normativa aplicable.

Artigo 37. Da liberdade de constitución e de elección da forma societaria

1. Os veterinarios poderán exercer a veterinaria colectivamente asociándose entre eles ou con outros profesionais mediante a constitución de sociedades profesionais de veterinarios, cos límites e coas condicións establecidos na normativa aplicable en materia de sociedades profesionais.

2. As sociedades profesionais de veterinarios poderán adoptar calquera das formas societarias admitidas en dereito, incluídas as sociedades mercantís.

3. O contrato de sociedade profesional deberá formalizarse en escritura pública.

Artigo 38. Da inscrición no rexistro colexial

1. O Colexio creará o seu respectivo rexistro de sociedades profesionais veterinarias.

2. As sociedades profesionais veterinarias deberanse inscribir necesariamente no rexistro do Colexio se teñen o seu domicilio social no ámbito territorial deste colexio, sen prexuízo da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

3. Na inscrición rexistral faranse constar as mencións exixidas pola normativa vixente para a inscrición da forma societaria de que se trate e, en todo caso:

a) A identificación dos socios outorgantes da escritura pública, así como a identificación das persoas encargadas inicialmente da administración e representación, expresando en cada suposto a condición ou non de socio profesional.

b) Se é o caso, o colexio profesional a que pertencen os socios e o seu número de colexiado, mediante certificación colexial acreditativa dos datos identificativos, así como da habilitación actual para o exercicio da profesión.

c) A data e a referencia identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e a duración da sociedade se se constituíu por un tempo determinado.

d) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social, denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

4. Para os efectos de publicidade, o Colexio remitirá periodicamente ao Ministerio de Xustiza, á Comunidade Autónoma e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios as inscricións practicadas no seu rexistro.

Artigo 39. Do desenvolvemento da actividade profesional e da responsabilidade disciplinaria

1. A sociedade profesional e os profesionais que actúan exercerán a actividade profesional que constitúe o obxecto social de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario propio da actividade profesional. As causas de incompatibilidade ou de inhabilitación para o exercicio da profesión que afecten calquera dos socios serán extensivas á sociedade e ao resto de socios profesionais, agás a exclusión do socio inhabilitado ou incompatible nos termos legalmente establecidos.

2. En ningún caso será obstáculo o exercicio da actividade profesional a través da sociedade para a efectiva aplicación aos profesionais, socios ou non, do réxime disciplinario que corresponde. Sen prexuízo da responsabilidade persoal do profesional actuante, a sociedade profesional tamén poderá ser sancionada de acordo co réxime disciplinario dos presentes estatutos.

3. A sociedade profesional e quen a contrate poderán acordar que, antes do inicio da prestación profesional, a sociedade profesional poña á disposición do contratante, polo menos, os seguintes datos identificativos do profesional ou profesionais que prestarán os servizos: nome e apelidos, título profesional, colexio profesional a que pertence e indicación de se é ou non socio da sociedade profesional.

4. Do cumprimento das sancións pecuniarias derivadas da comisión das infraccións tipificadas nestes estatutos responderán solidariamente a sociedade e os profesionais, socios ou non, que tivesen actuado.

5. O réxime de responsabilidade establecido nestes estatutos será igualmente aplicable a todos aqueles supostos en que dous ou máis profesionais desenvolvan colectivamente unha actividade profesional sen constituír unha sociedade profesional. Presúmese que concorre esta circunstancia cando o exercicio da actividade se desenvolve publicamente baixo unha denominación común ou colectiva, ou se emiten documentos, facturas, minutas ou recibos baixa a dita denominación.

Artigo 40. Do Regulamento do Rexistro de Sociedades Profesionais

A Asemblea Xeral aprobará un Regulamento que regule a constitución, o funcionamento, o rexistro e a publicidade do Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, en que se preverán os requisitos e o procedemento de inscrición e calquera outra cuestión que se considere necesaria para o adecuado cumprimento das súas funcións.

Capítulo III
Comunicación e actuacións profesionais noutras demarcacións

Artigo 41. Comunicacións

1. Non será necesario que as persoas colexiadas no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña que desexen actuar no ámbito territorial doutro colexio oficial de veterinarios comuniquen a dita circunstancia a esoutro colexio, sen prexuízo de que quedarán suxeitos ás competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria do colexio destinatario da citada actuación.

En todo caso, deberanse empregar os mecanismos de comunicación e cooperación previstos na normativa reguladora dos colexios profesionais.

2. Igualmente, o colexiado noutro colexio oficial de veterinarios que desexe actuar no ámbito territorial do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña non terá que comunicar a súa actuación.

Estes colexiados non adquiren por este feito a condición de colexiados no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña e, xa que logo, non gozarán dos dereitos políticos neste colexio nin se lles poderán exixir contraprestacións económicas por ese concepto. Con todo, deberán aboar as cotas que se lles exixan habitualmente aos colexiados da Coruña pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

Estes colexiados quedarán suxeitos ás competencias de ordenación, control deontolóxico e potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña.

Capítulo IV
Dereitos, deberes e prohibicións dos colexiados

Artigo 42. Dereitos dos colexiados

1. Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Exercer a profesión en todo o territorio estatal e no ámbito da Unión Europea nas condicións establecidas na normativa de aplicación, sen prexuízo dos requisitos que o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o Consello Xeral de Colexios de Veterinarios de España poida establecer en materia de cooperación e coordinación administrativa e políticas de comunicación.

b) Todos os que se desprenden das finalidades colexiais mencionadas nos artigos anteriores.

c) Participar na xestión corporativa, asistindo ás asembleas de colexiados, con pleno dereito de voto. Así mesmo, poderán exercer o dereito de petición nos termos en que se regula na lexislación vixente.

d) Sufraxio, activo e pasivo, nas eleccións á Xunta de Goberno, na forma determinada polos presentes estatutos.

e) Ser amparados polo Colexio, polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo Consello Galego de Colexios Veterinarios cando se consideren vexados ou molestados por motivos do exercicio profesional.

f) Ser asesorados ou representados polo Colexio, mediante a súa asesoría xurídica, en todos os casos de litixio para o exercicio da profesión, logo de acordo da Xunta de Goberno e de conformidade coas instrucións e acordos que adopten os órganos representativos da corporación.

g) Gozar de todos os beneficios que establezan o Colexio, o Consello Xeral e o Consello Galego de Colexios Veterinarios en canto se refire a recompensas, cursos, bolsas etc., así como ao uso da biblioteca colexial, tanto no local social coma no propio domicilio, mediante o cumprimento dos requisitos que se sinalen.

h) Propor razoadamente todas as iniciativas que xulguen beneficiosas para a profesión e elevar as queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo seu, do Colexio ou da profesión.

Poderán tamén solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asembleas xerais extraordinarias sempre que o sexa en unión de polo menos o 30 % dos colexiados.

Así mesmo, e nos termos previstos, poderán solicitar da Xunta de Goberno a convocatoria de asemblea xeral extraordinaria para o exercicio da moción de censura á citada Xunta de Goberno ou a algúns dos seus membros. Igualmente, correspóndelles o dereito de sufraxio activo na forma prevista nos presentes estatutos no suposto de que se suscite por parte da Xunta de Goberno ou dalgún dos seus membros a cuestión de confianza.

i) Percibir todas e cada unha das prestacións sociais ou asistenciais que teña baixo a súa tutela e presten o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, o Consello Galego de Colexios Veterinarios ou o colexio respectivo.

j) Desempeñar os cargos para os cales sexan nomeados e exercer, en xeral, todos os demais dereitos que as disposicións vixentes lles concedan.

k) Solicitar do Colexio a tramitación do cobramento dos honorarios que percibirán por servizos, informes etc. sempre que o Colexio teña creados os servizos oportunos e sendo por conta do colexiado solicitante os gastos e as custas xudiciais que ocasione o procedemento.

l) Exercer a súa profesión de acordo co disposto nos presentes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, no Código deontolóxico vixente e nas demais disposicións que regulen o exercicio profesional.

2. O exercicio dos dereitos mencionados é incompatible con estar incurso en causa de suspensión, de conformidade co previsto no artigo 34.

Artigo 43. Deberes dos colexiados

1. Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) É un deber fundamental de toda persoa colexiada, aínda que exerza a profesión a través dunha sociedade profesional, exercer a profesión de acordo coa exixencias da lexislación vixente e da máis pura ética e dentro do espírito que dimana dos presentes estatutos xerais e do Código deontolóxico para o exercicio da profesión. Os colexiados están obrigados cos seus clientes a cumpriren coa máxima dilixencia e celo a súa profesión. No desenvolvemento desta función, axustaranse ás exixencias sanitarias, técnicas, deontolóxicas e éticas adecuadas a cada acto veterinario, realizando dilixentemente todas as súas actividades profesionais, e a seguir unha formación continuada.

b) Cumprir canto dispoñen os presentes estatutos, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e os acordos e decisións das autoridades colexiais, do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

c) Estar ao día no pagamento de todas e cada unha das cotas colexiais, e de todas as contribucións e cotas extraordinarias que se establezan para o sostemento do Colexio, así como satisfacer toda clase de débitos que teña pendentes pola subministración de documentos oficiais ou polos servizos colexiais.

d) Desempeñar os cargos para os cales sexan designados nas xuntas de goberno e calquera outra comisión colexial.

e) Empregar a maior corrección e lealdade nas súas relacións co Colexio, cos membros da Xunta de Goberno, co persoal do Colexio e cos outros colexiados, e comunicarlle a aquel calquera incidencia vexatoria a un colexiado no exercicio profesional de que teña noticia.

f) Denunciar por escrito ao Colexio todo acto de intrusión que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal.

g) Comunicar o seu domicilio profesional e os eventuais cambios deste ao Colexio, a denominación e o domicilio social das sociedades profesionais a través das cales exerzan, como socios ou non, a profesión, así como todas as demais cuestións previstas legalmente en caso de que o exercicio se realice como socio profesional.

h) Comunicar por escrito, igualmente, en caso de substitución por ausencia ou enfermidade, o nome e domicilio do facultativo colexiado que o substitúa, para a súa debida constancia.

i) Someter a visado do Colexio os contratos, informes, proxectos, ditames e calquera outro documento que o precise, nos termos previstos na lexislación vixente, nos presentes estatutos, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

j) Facilitar ao Colexio todos os datos que se lle soliciten para a formación do ficheiro de colexiados, de conformidade coa normativa vixente, tamén con finalidade estatística, co obxecto de facer posible o cumprimento dos seus fins e funcións. Atenderá, así mesmo, calquera requirimento que lle fagan a Xunta de Goberno, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios para formar parte das comisións especiais de traballo, prestándolles a estas a súa maior colaboración.

k) Dispor dun seguro de responsabilidade profesional que cubra de xeito adecuado os riscos que asumen no exercicio da profesión.

l) Os colexiados deberán cumprir, ademais, aqueles deberes que lles sexan impostos como consecuencia de acordos adoptados polo Colexio, o Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España ou o Consello Galego de Colexios Veterinarios no marco das súas competencias.

ll) Calquera outro deber que se desprenda das prescricións destes estatutos ou das comprendidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española ou nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

2. No caso de que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, esta tamén será directamente responsable do cumprimento dos deberes mencionados neste artigo, en todo o que lles sexa de aplicación.

Artigo 44. Prohibicións

1. Prohíbeselles en xeral aos colexiados, aínda que a profesión se exerza a través dunha sociedade profesional, realizar prácticas profesionais contrarias ao que dispón a lexislación vixente ou ás normas éticas, deontolóxicas e xurídicas da profesión veterinaria.

2. Prohíbeselles especificamente aos colexiados:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a confirmación de entidades científicas ou profesionais de recoñecido prestixio.

b) Empregar tratamentos ou medios non controlados cientificamente e disimular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

c) Realizar prácticas dicotómicas.

d) Empregar recrutadores de clientes.

e) Efectuar manifestación ou divulgar noticias en calquera forma que dean a entender coñecemento, como técnicas, resultados ou calidades especiais das cales se deduzan ou se poidan deducir, directa ou indirectamente, comparacións coa actividade profesional doutros colexiados, na medida en que as ditas actuacións vulneren o disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral da publicidade, ou na Lei 3/1991, do 11 de xaneiro, de competencia desleal.

f) Tolerar ou encubrir en calquera forma aquel que, sen título suficiente ou non homologado, sen estar colexiado, trate de exercer ou exerza a profesión veterinaria.

g) Exercer a profesión nun consultorio veterinario ou en calquera outro centro do cal, sendo ou non titular, teña coñecemento de que nel se realizan prácticas ilegais por parte doutras persoas, mesmo cando se efectúen fóra da súa presenza e en horas distintas ás do seu exercicio profesional.

h) Permitir o uso de clínica ou consultorio veterinario a persoas que, mesmo dispoñendo de título suficiente para exercer a veterinaria, non se atopen debidamente colexiadas de conformidade co establecido na normativa reguladora da obrigatoriedade de colexiación.

i) Prestar o seu nome para que figure como director facultativo ou asesor de clínica veterinaria, que non dirixa e atenda ou asesore persoal e directamente, ou que non se axuste ás leis vixentes e aos presentes estatutos, aos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou aos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, ou se violen neles as normas deontolóxicas.

j) Aceptar remuneracións ou beneficios de laboratorios de medicamentos ou fabricantes de utensilios de cura, ou calquera instrumento, mecanismo ou equipamento relacionado coa veterinaria, en concepto de comisión, como propagandista, como provedor de clientes ou por outros motivos que non sexan de traballos de asesoramento científico especificamente encomendados, de conformidade coas normas vixentes.

k) Exercer a veterinaria cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o incapaciten para o dito exercicio, mediante a confirmación de recoñecemento médico.

l) O anuncio ou difusión dos seus servizos, directamente ou a través de medios publicitarios, violando o disposto na legalidade vixente ou o acordado pola Organización Colexial Veterinaria en materia de publicidade.

ll) Efectuar manifestacións públicas, ou a través da prensa, radio, televisión ou calquera outro medio, das cales poida derivar un perigo potencial para a saúde da poboación ou un desprestixio ou prexuízo para o Colexio, os seus colexiados ou membros da súa Xunta de Goberno.

m) Utilizar a condición de especialista nalgunha rama da profesión sen ter a titulación acreditativa pertinente.

n) En xeral, realizar prácticas profesionais contrarias ao disposto nas normas, legais ou deontolóxicas, que rexen o exercicio profesional da veterinaria.

3. Estas prohibicións tamén se aplicarán ás sociedades profesionais cando a profesión se exerza a través delas, en todo o que lles sexa de aplicación.

Capítulo V
Incompatibilidades no exercicio profesional

Artigo 45. Incompatibilidades para exercer a profesión veterinaria

1. O exercicio da profesión veterinaria é incompatible:

a) Coas funcións e cargos públicos do Estado e de calquera das administracións públicas, sexan estatais, autonómicas, locais ou institucionais, cando a súa normativa reguladora estableza expresamente esta incompatibilidade.

b) Co exercicio das profesións con relación ás cales a lexislación estableza expresamente esta incompatibilidade.

c) O exercicio da clínica veterinaria é incompatible con calquera clase de intereses económicos directos derivados da fabricación, elaboración, distribución e comercialización dos medicamentos e produtos sanitarios.

d) O exercicio clínico da veterinaria é incompatible co exercicio da actividade profesional ou coa titularidade dunha oficina de farmacia.

e) O exercicio da profesión veterinaria con implicacións no ciclo de prescrición, dispensación e administración de medicamentos é incompatible coas funcións de delegados de visita médica, representantes, comisionistas ou axentes informadores dos laboratorios farmacéuticos.

2. Con carácter xeral, o exercicio da profesión veterinaria é incompatible co exercicio doutra profesión ou actividade que:

a) Poida estar en contradición coas obrigas das normas deontolóxicas comúns á profesión veterinaria.

b) Poida producir un conflito de intereses con outros veterinarios, de maneira que proporcione a quen o exerce medios de competencia desleal respecto dos outros.

3. O veterinario ou a veterinaria a quen afecte algunha das causas de incompatibilidade deberá comunicalo ao Colexio e cesar inmediatamente a situación de incompatibilidade.

Capítulo VI
Dos visados colexiais

Artigo 46. Dos visados colexiais

1. Os veterinarios someterán ao visado os traballos e as intervencións que realicen no exercicio da súa profesión cando o requira unha disposición legal ou unha norma da Administración, e de acordo coas determinacións que establezan as normas colexiais. O visado non comprenderá os honorarios nin o resto de condicións contractuais, as cales quedan suxeitas á libre determinación das partes.

2. O Colexio poderá visar tamén os documentos ou traballos profesionais que, cando non o requira unha disposición legal ou norma administrativa, lle sometan os colexiados de forma voluntaria. Nestes casos, a obtención de visado adecuarase aos requisitos e normas de réxime interno que estableza a Xunta de Goberno.

3. A práctica do visado dará lugar á percepción, por parte do Colexio, dos dereitos económicos correspondentes ao servizo prestado, que se establezan no orzamento colexial. O custo do visado dos documentos e traballos profesionais será razoable, farase público e poderá tramitarse por vía telemática.

Artigo 47. Do obxecto dos visados colexiais

1. O visado ten por obxecto:

a) Acreditar a identidade do profesional, controlar a titulación e a colexiación, e a súa habilitación para o traballo de que se trate.

b) Comprobar a suficiencia e integridade formal da documentación integrante do traballo, en especial con respecto ao cumprimento das normas legais e dos requisitos de presentación.

c) Efectuar as outras constatacións que recomenden as leis e os regulamentos.

2. O visado certifica, en cada caso, a habilitación legal dos veterinarios para exerceren as súas competencias. O visado poderá ser outorgado ou denegado. A decisión terá que ser acordada no prazo de quince días. Non obstante, poderá acordarse a suspensión con interrupción do prazo para decidir no suposto de presunta incompatibilidade ou por outras razóns suficientemente xustificadas. A suspensión non poderá ser superior aos trinta días.

TÍTULO IV
Réxime de distincións e premios

Artigo 48. Distincións e premios

1. Corresponde á Xunta de Goberno do Colexio a concesión de mencións honoríficas e títulos de colexiados ou de presidentes de honra, a favor de calquera veterinario, así como tamén de personalidades ou entidades non veterinarias que, ao seu xuízo, o merezan.

A Xunta de Goberno poderá nomear as distincións dos membros honoríficos seguintes:

a) Colexiados de honra: son os veterinarios colexiados en exercicio ou sen exercicio que teñen 65 anos e un mínimo de 20 anos de colexiación no Colexio e non teñen nota desfavorable nos seus expedientes colexiais.

b) Colexiados de mérito: son os veterinarios que, sendo colexiados de honra, levan máis de 50 anos colexiados neste colexio.

c) Membros de honra: son os colexiados, persoas físicas ou xurídicas, institucións e corporacións veterinarias ou non, nacionais ou estranxeiras, que realizaron un labor relevante e meritorio en relación coa profesión veterinaria e que polos seus méritos relevantes se fixeron merecedoras diso. Esta categoría será puramente honorífica. Poderán ser propostos para unha recompensa, á autoridade competente.

d) Presidentes de honra: serán os veterinarios que foron presidentes do Colexio e que pola súa dedicación ou polos méritos conseguidos pola profesión se fixeron merecentes diso. Esta categoría será puramente honorífica.

e) Ademais destas distincións, a Xunta de Goberno poderá outorgar a medalla de prata e a medalla de ouro colexial ás persoas que se fagan merecedoras delas.

2. A concesión do título de colexiado ou presidente de honra e a adquisición da condición de colexiado honorífico comportarán a exención do pagamento de cotas colexiais, tanto ordinarias coma extraordinarias.

3. As propostas de bolsas para estudos poderán facerse tamén a favor de estudantes de Veterinaria.

4. A Xunta de Goberno do Colexio Oficial poderán acordar felicitacións a favor dos seus colexiados, e mesmo dos doutros colexios, cando, pola súa conduta exemplar ou polos seus méritos e servizos extraordinarios prestados aos colexios ou á profesión se fixeron acredores diso.

TÍTULO V
Do réxime económico e principios de xestión do Colexio

Capítulo I
Dos recursos económicos e dos gastos

Artigo 49. Recursos económicos

1. Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades corporativas, os bens ou dereitos que integran o patrimonio do Colexio, así como os fondos depositados nas súas contas.

b) Os dereitos fixados pola Xunta de Goberno pola emisión de ditames, resolucións, informes, taxacións, visados, recoñecementos de sinaturas, estudos e outros servizos ou consultas que realice esta sobre calquera materia.

c) As cotas de incorporación e reincorporación.

d) As cotas ordinarias, así como as cotas extraordinarias.

e) Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por expedición de certificacións.

f) As cantidades procedentes de sancións.

g) A participación asignada polo Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e polo ConseIlo Galego de Colexios Veterinarios nos impresos de carácter oficial e calquera outro elemento de certificación, garantía e identificación.

h) As cantidades derivadas da prestación doutros servizos xerais aos colexiados.

3. Serán recursos extraordinarios:

a) As doazóns ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por calquera outro título, se incorporen ao patrimonio colexial.

c) As cantidades que por calquera outro concepto corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún cargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

d) Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 50. Confección e liquidación de orzamentos

1. Anualmente o vogal encargado da sección económica confeccionará, segundo as directrices do presidente, os orzamentos para o exercicio seguinte, que someterá á aprobación da Xunta de Goberno. Esta última deberá presentalo durante o último trimestre de cada ano á aprobación da Asemblea Xeral de colexiados.

2. Durante quince días anteriores ao da celebración da asemblea, os orzamentos estarán á disposición dos colexiados, na sede colexial, sen prexuízo de que se publiciten por calquera outro medio de comunicación colexial.

3. Así mesmo, dentro do primeiro trimestre de cada ano, a Xunta de Goberno deberá presentar ante a asemblea xeral de colexiados as contas anuais e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior pechado en 31 de decembro, para a súa aprobación ou rexeitamento. Previamente, as ditas contas quedarán á disposición de calquera colexiado que o requira na sede do Colexio, para poder examinalas na sede colexial durante quince días anteriores ao da data de celebración da asemblea, sen prexuízo de que se publiciten por calquera outro medio de comunicación colexial.

Artigo 51. Cotas

1. Todos os colexiados están obrigados a satisfacer as cotas seguintes:

a) Cota de incorporación: é aquela cota fixada pola Xunta de Goberno do Colexio polo feito de adscribirse a este por primeira vez, e susceptible de ser modificada por este mesmo órgano, igual para todos os colexiados. Esta cota será proporcionada e nunca superior ao custo de tramitación desa inscrición.

b) Cota de reincorporación: é aquela cota fixada pola Xunta de Goberno do Colexio no caso de persoas que previamente estivesen incorporadas a este e que fosen dados de baixa por calquera motivo previsto nestes estatutos, e susceptible de ser modificada por este mesmo órgano.

c) Cota ordinaria: é a cota periódica que aboan durante toda a vida colexial, para o normal sostemento e funcionamento do Colexio, todas as persoas colexiadas, con ou sen exercicio. Tal cota será fixada pola Xunta de Goberno e ratificada pola Asemblea Xeral de colexiados.

d) Cota extraordinaria: trátase dunha cota fixada pola Asemblea Xeral de colexiados, en situacións particulares, para facer fronte a uns gastos extraordinarios, sen prexuízo da súa previsión nos orzamentos colexiais.

2. A Xunta de Goberno está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas, en supostos extraordinarios e debidamente xustificados, nas condicións que acorde en cada caso particular.

A Xunta de Goberno tamén poderá conceder a exención das cotas ordinarias, de xeito temporal, aos colexiados que xustifiquen formalmente a súa situación de desemprego, nas condicións que acorde en cada caso particular.

3. As sociedades profesionais satisfarán, de ser o caso, as cotas que aprobe a Asemblea Xeral mentres estean inscritas no Colexio. O importe das cotas ponderarase de acordo coa especificidade destas sociedades.

Artigo 52. Obrigas económicas e pagamento

1. Os colexiados estarán obrigados a satisfacer as cantidades que aprobe a Xunta de Goberno polos servizos ou subministracións que preste o Colexio.

2. Todas as cantidades que os colexiados deban pagar ao Colexio, sexa en razón de cotas ordinarias, extraordinarias e derramas, sexa en razón de sancións ou por calquera outro concepto que venza, poderán ser deducidas das cantidades que o Colexio deba aboar ao colexiado por calquera concepto.

3. A Xunta de Goberno poderá acordar, con carácter obrigatorio, a domiciliación bancaria dos recibos correspondentes a calquera tipo de cotas que os colexiados deban pagar.

Artigo 53. Impagamento de cotas

1. O colexiado que non aboe as cotas nos prazos correspondentes recibirá do Colexio por escrito reclamación advertíndolle do impagamento.

2. Se persistir na súa actitude de impagamento e se acumulan máis de dous períodos consecutivos, será requirido para facelos efectivos, e concederáselle para o efecto o prazo de quince días, transcorrido o cal, se non tiver satisfeito a súa obriga, se lle recargará un 20 % anual.

3. Se o colexiado persistir en non pagar na forma e prazo previstos no parágrafo anterior, con independencia da recarga e a reclamación xudicial polo Colexio das cantidades debidas, quedará suspendido no desfrute de todos os seus dereitos colexiais previstos nestes estatutos mentres non faga efectivo o pagamento das súas obrigas, de conformidade co previsto no artigo 34.1.f) destes estatutos.

A suspensión levantarase automaticamente no momento en que cumpra os seus débitos colexiados.

A suspensión no desfrute dos dereitos colexiais non ten carácter de sanción disciplinaria.

Artigo 54. Gastos do Colexio

1. Os gastos do Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que se poida efectuar ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado, salvo que a Xunta de Goberno acorde a habilitación dun suplemento de crédito, que precisará a aprobación previa da Asemblea Xeral no caso de que se exceda o orzamento total anual.

2. Sen a autorización expresa do presidente, o vogal encargado da sección económica non poderá realizar ningún gasto. A tesouraría do Colexio terá a liquidez necesaria para facer fronte aos seus pagamentos, que serán negociados, sempre que sexa posible, por unha entidade bancaria.

3. A Xunta de Goberno poderá habilitar suplementos de crédito nos seguintes supostos:

a) Pagamento de tributos estatais, autonómicos ou locais, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou regulamentaria.

b) Pagamento de persoal, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou estatutaria.

c) Cando sexa necesario atender outros gastos non previsibles e de ineludible cumprimento.

Capítulo II
Principios de xestión do Colexio

Artigo 55. Portelo único

O Colexio Oficial disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, os profesionais poidan realizar os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da profesión e a súa baixa no Colexio a través dun único punto de acceso, por vía electrónica e a distancia.

A través do citado portelo único, os profesionais poderán:

Obter os formularios necesarios e a información suficiente para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

Presentar a documentación e as solicitudes necesarias, incluíndo as que se exixan para a súa colexiación.

Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que se acredite a calidade de interesado e recibir notificacións referidas aos actos de trámite preceptivos e á súa resolución polo Colexio.

Recibir notificacións de expedientes disciplinarios a que estean sometidos, cando non for posible efectualas por outros medios e sen prexuízo de que sexan documentadas as actuacións de forma fidedigna polo Colexio.

Recibir as convocatorias para as asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias.

Recibir comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.

A través do portelo único, co fin de garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información:

Acceso ao rexistro de colexiados actualizado, que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional, datos de contacto e situación de habilitación profesional.

Acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais conforme as normas que lle son de aplicación.

Información sobre as vías de reclamación e recursos que se poden interpor en caso de conflito entre un consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

Información sobre os datos das asociacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obteren asistencia.

Información sobre o contido dos códigos deontolóxicos profesionais.

Artigo 56. Servizo de atención aos colexiados

O Colexio atenderá as queixas e reclamacións presentadas polos colexiados, determinando os procedementos que cómpre seguir nestes casos, mediante a aprobación pola súa Asemblea Xeral dos regulamentos internos oportunos, aos cales se dará debida publicidade.

Artigo 57. Servizo de atención á cidadanía

O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións referidas á actividade profesional dos colexiados e que formulen os consumidores e usuarios que contraten servizos profesionais ou as asociacións de consumidores e usuarios, na súa representación ou defensa dos seus intereses.

O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír expediente informativo ou disciplinario ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

A regulación do servizo de atención aos consumidores ou usuarios deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 58. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión e con este fin queda obrigado a elaborar unha memoria anual que conterá a seguinte información:

1. Informe anual de xestión económica, no cal se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen os gastos dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo, de conformidade co artigo 6 dos estatutos.

2. Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

3. Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, de ser o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, de ser o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. Contido dos seus códigos de conduta no caso de dispoñer deles.

6. As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

7. Información estatística sobre a actividade de visado.

A memoria anual farase pública a través da páxina web do Colexio dentro do primeiro semestre de cada ano.

TÍTULO VI
Do réxime de responsabilidade dos colexiados

Capítulo I
Da responsabilidade penal, civil e disciplinaria

Artigo 59. Responsabilidade penal

Os veterinarios están suxeitos a responsabilidade penal polos delitos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión.

Artigo 60. Responsabilidade civil

Os veterinarios, no seu exercicio profesional, están suxeitos a responsabilidade civil cando por dolo, culpa ou neglixencia danen os intereses cuxa atención lles foi confiada, responsabilidade que será exixible conforme a lexislación ordinaria ante os tribunais de xustiza.

Artigo 61. Responsabilidade disciplinaria

Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais ou os regulados por estes estatutos, polos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria ou polos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios serán sancionados disciplinariamente, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer.

Artigo 62. Potestade disciplinaria

1. Non se poderán impor sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia do interesado, que se deberá tramitar conforme o previsto no presente título e, na súa falta, conforme as normas do procedemento disciplinario recollidas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española, nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios e na normativa administrativa vixente.

2. O exercicio da potestade disciplinaria respecto dos colexiados corresponde á Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña.

3. O axuizamento e a potestade disciplinaria, en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio, corresponderá ao Consello Galego de Colexios Veterinarios.

4. Contra as sancións impostas pola Xunta de Goberno caberá a interposición dos recursos pertinentes nos termos previstos no artigo 77 destes estatutos.

5. Os acordos sancionadores serán executivos. No entanto, no caso de que a dita execución poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación, o órgano encargado de resolver poderá acordar de oficio, ou por instancia de parte, a suspensión da execución do acto impugnado.

6. O Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña dará conta inmediata ao Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España e ao Consello Galego de Colexios Veterinarios de todas as sancións que impoña que comporten a suspensión no exercicio profesional, con remisión dun extracto do expediente.

Artigo 63. Competencia disciplinaria

O Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña sancionará disciplinariamente todas as accións e omisións dos colexiados que infrinxan as normas reguladoras da profesión, os estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria, os presentes estatutos, os estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios, os regulamentos de réxime interior, as normas deontolóxicas ou calquera outra norma colexial.

Artigo 64. Faltas

As faltas cometidas polos colexiados veterinarios, que poidan comportar sanción disciplinaria, clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 65. Das faltas moi graves

Considéranse faltas moi graves:

1. As faltas así cualificadas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e, en todo caso:

a) O exercicio dunha profesión sen ter o título profesional habilitante.

b) O incumprimento dos deberes profesionais cando diso resulte un prexuízo grave para as persoas destinatarias do servizo do profesional ou para terceiras persoas.

c) A vulneración do segredo profesional cando derive un prexuízo moi grave.

d) O exercicio da profesión que vulnere unha resolución administrativa ou xudicial firme de inhabilitación profesional, de declaración de incompatibilidade administrativa ou profesional ou de conflito de intereses, ou unha disposición legal en que se estableza a prohibición de exercer.

e) A comisión de delitos con dolo, en calquera grao de participación, que se produzan no exercicio da profesión.

f) O exercicio dunha profesión colexiada por quen non cumpre a obriga de colexiación.

g) A contratación por empresas e entidades de traballadores non colexiados no caso de que o obxecto do seu contrato de traballo comprenda, total ou parcialmente, a realización de tarefas propias da profesión.

2. O incumprimento de acordos ou decisións adoptadas polos órganos de goberno mediante os cales se impoñen sancións graves.

3. A realización de actos que, con vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas, impidan ou alteren o funcionamento normal do Colexio ou dos seus órganos.

4. A reincidencia en faltas graves. Considérase reincidencia a comisión, no prazo dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza se así se declarou por resolución firme.

Artigo 66. Das faltas graves

Considéranse faltas graves:

1. As faltas así cualificadas nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria e, en todo caso:

a) A vulneración das normas esenciais do exercicio e a deontoloxía profesional.

b) O incumprimento dos deberes profesionais cando diso resulte un prexuízo para as persoas destinatarias do servizo do profesional.

c) O incumprimento da obriga que teñen as persoas colexiadas de comunicar os supostos de intrusión profesional dos cales sexan coñecedoras.

d) O incumprimento da obriga de seguro.

e) O incumprimento do deber de prestación obrigatoria establecida por esta lei ou polas normas que así o dispoñan, agás a acreditación de causa xustificada que faga imposible a prestación do servizo, despois de ser requirida debidamente.

f) Os actos que teñan a consideración de competencia desleal de acordo co que establezan as leis.

g) As actuacións profesionais que vulneren os principios constitucionais e internacionais de igualdade e de non discriminación.

2. O incumprimento de acordos ou decisións adoptados polos órganos de goberno mediante os cales se impoñen sancións leves.

3. A ofensa ou desconsideración cara a outros profesionais colexiados, cara ás persoas membros dos órganos de goberno do Colexio ou cara ao Consello Galego de Colexios Veterinarios, así como cara ao persoal ao servizo da corporación.

4. O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 43 destes estatutos.

5. A realización de actos que, sen vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas, impidan ou alteren o funcionamento normal do Colexio ou dos seus órganos.

6. A reincidencia en faltas leves. Considérase reincidencia a comisión, no prazo dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza se así se declarou por resolución firme.

Artigo 67. Das faltas leves

Considéranse faltas leves a vulneración de calquera norma que regule a actividade profesional, sempre que non sexa unha infracción grave ou moi grave.

Artigo 68. Das sancións

1. As faltas poden ser obxecto das sancións seguintes:

a) Inhabilitación profesional durante un tempo non superior a cinco anos polas faltas moi graves.

b) Inhabilitación profesional durante un tempo non superior a un ano polas faltas graves.

c) Amoestación polas faltas leves.

2. A sanción de inhabilitación profesional prevista no punto anterior impide o exercicio profesional durante o tempo polo que sexa imposta. Esta inhabilitación poderase limitar, de forma motivada, a determinadas prácticas veterinarias, atendendo ás circunstancias persoais ou profesionais da persoa responsable que poidan concorrer en relación coas faltas cometidas.

3. Alternativamente poderán imporse as seguintes sancións económicas, en correspondencia con cada tipo de falta:

a) Multa de entre 5.001,00 euros e 50.000,00 euros polas infraccións moi graves.

b) Multa de entre 1.001,00 euros e 5.000,00 euros polas infraccións graves.

c) Multa de ata 1.000,00 euros polas infraccións leves.

4. Se a persoa que cometeu unha infracción obtivo unha ganancia económica, pódese engadir á sanción que establece este artigo unha contía adicional ata o importe do proveito que obteña o profesional.

5. Como sanción complementaria, tamén se pode impor a obriga de facer actividades de formación profesional ou deontolóxica se a infracción se produciu por mor do incumprimento de deberes que afecten o exercicio ou a deontoloxía profesionais.

6. As infraccións moi graves poden ser obxecto de expulsión unicamente en caso de reiteración na comisión das infraccións moi graves, de incumprimento de obrigas establecidas polas leis, polos estatutos ou por outras normas colexiais, e de incumprimento de acordos ou decisións adoptadas por órganos do Colexio sobre materias que se especifiquen estatutariamente. A sanción de expulsión do Colexio comportará a inhabilitación para se incorporar a calquera outro colexio mentres non sexa expresamente autorizado polo Consello Galego de Colexios Veterinarios ou, se procede, polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Veterinarios. A persoa sancionada coa expulsión ten dereito a solicitar a rehabilitación transcorrido o prazo de tres anos contados a partir da efectividade da sanción. A sanción de expulsión só é executiva se a resolución que a impón pon fin á vía administrativa.

Artigo 69. Da gradación das faltas e das sancións

Na imposición das sancións terase que gardar a debida proporcionalidade entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada. Consideraranse especialmente os criterios seguintes para a gradación das sancións que se van aplicar:

a) A natureza ou transcendencia dos prexuízos causados.

b) A existencia de intencionalidade.

c) A reincidencia por comisión no prazo dun ano doutra ou máis infraccións da mesma natureza cando así sexa declarado por resolución firme.

d) A neglixencia profesional inescusable.

e) O dano ou prexuízo grave ao cliente ou a terceiros.

f) A obtención de lucro ilexítimo derivado da actuación ilícita.

Capítulo II
Do procedemento disciplinario

Artigo 70. Da tramitación do procedemento sancionador

1. Na tramitación do procedemento sancionador cumprirá notificarlle ao interesado a incoación do procedemento e o nomeamento do instrutor deste, así como o dereito que ten a recusalo, no prazo dos dez días seguintes ao da recepción da notificación, polas causas previstas na lexislación administrativa vixente.

2. O instrutor ordenará a práctica das dilixencias que sexan necesarias para a determinación e comprobación dos feitos, e as probas que leven á súa aclaración e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Artigo 71. Dos trámites do procedemento sancionador

1. Á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará o correspondente prego de cargos no prazo dun mes desde a apertura do expediente sancionador. O prego de cargos redactarase de maneira clara e precisa, incluíndo os feitos imputados ao inculpado, as infraccións cometidas de forma presunta e as sancións que se poidan impor.

No caso de non estimar a concorrencia de indicios de infracción, porao en coñecemento da Xunta de Goberno, que decidirá o que proceda.

2. O prego de cargos notificaráselle ao inculpado, que disporá dun prazo improrrogable de dez días para contestalo coas alegacións que considere pertinentes e achegando os documentos que xulgue de interese. Poderá tamén propor a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito e que crea necesario para a súa defensa.

3. Unha vez contestado o prego de cargos, ou transcorrido o prazo establecido para facelo, o instrutor abrirá o período de práctica de probas por un prazo dun mes, no cal se realizarán as que considere pertinentes por seren as adecuadas para a determinación dos feitos e as súas posibles responsabilidades; poderanse practicar tamén probas non propostas polo inculpado. A denegación polo instrutor da admisión e práctica de probas propostas polo inculpado require resolución expresa e motivada, contra a cal se poderá recorrer cando determine a imposibilidade de continuar o procedemento ou produza indefensión. Para a práctica das probas que teña que efectuar o mesmo instrutor, notificaráselle ao inculpado o lugar e a data de celebración, para que poida intervir se lle convén.

Artigo 72. Do recoñecemento voluntario

Se o expedientado recoñece voluntariamente a súa responsabilidade respecto dos feitos, o instrutor elevará o expediente ao órgano competente para resolver, sen prexuízo de que poida continuar a súa tramitación se hai indicios razoables de fraude ou de encubrimento doutras persoas.

Artigo 73. Da proposta de resolución e da resolución

1. Rematadas as actuacións, o instrutor, dentro do prazo máximo de seis meses desde a data de incoación, formulará a proposta de resolución, que debe ter o contido seguinte:

a) Os feitos que se imputan ao expedientado, especificando os que se consideran probados.

b) A cualificación da infracción ou infraccións que constitúen estes feitos e a súa normativa reguladora.

c) A sanción ou sancións que cómpre impor, con indicación da súa contía se consisten en multas, e os preceptos que as establezan, ou ben proporase a declaración de non existencia de infracción ou de responsabilidade.

d) O órgano competente para impor a sanción e a normativa que lle outorga a competencia.

2. A proposta de resolución notificaralla o instrutor ao expedientado, o cal disporá dun prazo de quince días desde a recepción da notificación para examinar o expediente e presentar escrito de alegacións.

3. Oído o interesado, ou transcorrido o prazo sen ningún tipo de alegacións, o instrutor elevará, no prazo dos cinco días hábiles seguintes ao da súa finalización, a proposta de resolución, conxuntamente co expediente cuberto, á Xunta de Goberno do Colexio para que o estude e resolva no prazo máximo dos sesenta días seguintes ao da súa recepción.

4. A Xunta de Goberno poderá, dentro do prazo anteriormente indicado, solicitar os informes que considere oportunos á Comisión de Deontoloxía para unha mellor resolución do expediente.

5. Igualmente poderá devolver ao instrutor o expediente para a práctica das dilixencias que, se foron omitidas, sexan imprescindibles para a adopción da resolución do expediente.

6. Na práctica das novas dilixencias intervirá o interesado, se lle convén, ao cal se lle comunicará o resultado co fin de que no prazo de oito días manifeste aquilo que considere conveniente á súa defensa.

7. Na deliberación e aprobación da resolución non intervirá quen actúe na fase de instrución do procedemento como instrutor, sen que polo tanto se compute para os efectos de quórum ou maiorías.

Artigo 74. Da prórroga dos prazos, da suspensión da tramitación e da caducidade do procedemento

1. O instrutor do expediente disciplinario poderá acordar, por iniciativa dos interesados ou de oficio, a ampliación do prazo para ditar resolución, que non poderá superar a metade do previsto para o propio procedemento.

2. O expediente disciplinario terase que suspender na súa tramitación desde o momento en que o instrutor teña noticia de que polos mesmos feitos se están tramitando dilixencias na orde penal. A suspensión manterase ata que se incorpore ao expediente a resolución de carácter firme que poña fin ao procedemento penal.

3. O expediente disciplinario caducará polo transcurso dun ano contado desde a data de inicio deste sen que sexa ditada e notificada a resolución por parte da Xunta de Goberno. A caducidade do expediente sancionador non extingue a responsabilidade disciplinaria daquelas infraccións aínda non prescritas, para as cales se poderá iniciar un novo procedemento sancionador.

Artigo 75. Procedemento abreviado

1. No caso de existencia de elementos de xuízo que permitan cualificar a infracción como leve, poderanse seguir os trámites do procedemento abreviado para instruír o expediente sancionador.

2. Unha vez ditado o acordo de iniciación, o instrutor, á vista das actuacións practicadas, formulará a proposta de resolución. A proposta de resolución, na cal se teñen que expor os feitos probados, as infraccións que estes poidan constituír, as sancións de aplicación, o órgano competente para resolver e a normativa que lle outorga a competencia, notificaráselles aos interesados xunto co acordo de iniciación e coa indicación de que se trata dun procedemento abreviado, co fin de que nun prazo de dez días poidan propor probas e alegar aquilo que consideren conveniente para a defensa dos seus dereitos e intereses. Transcorrido o prazo anterior e despois da eventual práctica da proba, o instrutor, sen ningún outro trámite, elevará o expediente ao órgano competente para resolver.

En todo caso, o órgano competente poderá propor ou acordar que se siga o procedemento ordinario.

3. O procedemento abreviado resolverase e notificarase no prazo de tres meses desde a súa iniciación.

Artigo 76. Da notificación da resolución

A resolución notificaráselle ao interesado no prazo dos quince días hábiles seguintes ao da súa adopción, con expresión dos recursos que correspondan en contra desta, os órganos administrativos ou xudiciais perante os cales se terán que presentar e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que o interesado poida exercer calquera outro que considere oportuno.

Artigo 77. Dos recursos

1. As resolucións ditadas pola Xunta de Goberno do Colexio en materia disciplinaria poñen fin á vía administrativa e poderán ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante os órganos desta orde xurisdicional nos prazos e nas condicións exixidos pola Lei da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, poderán ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o órgano que as ditou. O recurso poderase interpor no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación do acto administrativo. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. Non se pode recorrer contra os acordos de apertura dun expediente disciplinario.

3. Con respecto aos actos de trámite contra os cales non se pode recorrer, a oposición a estes poderá ser alegada por parte dos interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación no recurso que se interpoña en contra da resolución.

Artigo 78. Da prescrición das faltas

1. As infraccións moi graves prescriben ao cabo de tres anos, as graves prescriben ao cabo de dous anos e as leves prescriben ao cabo dun ano, contado desde o día en que a infracción se cometeu.

2. A prescrición queda interrompida pola notificación formal á persoa interesada da iniciación da información reservada ou do procedemento sancionador. O prazo de prescrición vólvese iniciar se o expediente sancionador foi detido durante un mes por unha causa non imputable á presunta persoa infractora.

Artigo 79. Da prescrición das sancións

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescriben ao cabo de tres anos de seren impostas, as sancións por faltas graves prescriben ao cabo de dous anos e as sancións por faltas leves prescriben ao cabo dun ano.

2. As sancións que comportan unha inhabilitación profesional por un período igual ou superior a tres anos prescriben unha vez transcorrido o mesmo prazo polo cal foron impostas.

3. Os prazos de prescrición das sancións comezan a contarse a partir do día seguinte ao día en que se converta en firme a resolución que as impón.

4. A prescrición queda interrompida polo inicio, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución. O prazo de prescrición vólvese iniciar se o procedemento de execución queda parado durante máis de seis meses por unha causa non imputable á persoa infractora.

Artigo 80. Da execución das sancións

1. As resolucións sancionadoras só son executivas se poñen fin á vía administrativa.

2. O Colexio adoptará as accións e medidas necesarias para executar as súas resolucións sancionadoras. De se tratar de sancións pecuniarias, a súa execución por vía de constrinximento poderá ter lugar por medio de convenios ou acordos coa Administración competente cando estes sexan legalmente posibles.

3. Os sancionados poderán pedir ser rehabilitados e a subseguinte cancelación da anotación da sanción no seu expediente persoal cando, unha vez cumprida a sanción, transcorran seis meses para as faltas leves, dous anos para as graves e catro anos para as moi graves, sen a imposición dunha nova sanción.

4. Nos casos de expulsión, a Xunta de Goberno do Colexio poderá, transcorridos polo menos tres anos desde a firmeza da sanción, acordar a rehabilitación do expulsado, para o cal deberá incoar o oportuno expediente por petición deste. A Xunta de Goberno, oído o Consello Galego de Colexios Veterinarios, decidirá sobre a rehabilitación, en atención ás circunstancias de feito concorrentes no solicitante.

TÍTULO VII
Do réxime xurídico dos actos e resolucións do Colexio

Capítulo I
Da impugnación dos actos

Artigo 81. Réxime xurídico. Dereito aplicable aos actos e resolucións

1. O Colexio, na súa condición de corporación de dereito público e no ámbito das súas funcións públicas, actúa de acordo co dereito administrativo e exerce as potestades consecuentes coa dita condición.

2. No exercicio das súas funcións públicas, o Colexio debe aplicar, nas relacións coas persoas colexiadas e cos cidadáns, os dereitos e as garantías procedementais que establece a lexislación de réxime xurídico e procedemento administrativo.

3. No exercicio das súas funcións privadas, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos ao patrimonio, á contratación e ás relacións co seu persoal, que se rexen pola lexislación laboral.

Artigo 82. Dos actos do Colexio

1. Os actos ou as resolucións ditados pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral serán inmediatamente executivos, agás os casos en que unha disposición legal ou estes estatutos ordenen o contrario ou ben se suspenda a execución por parte do organismo que deba resolver os recursos interpostos en contra deles, nos supostos que sinala a vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Notificaránselles aos interesados os acordos e as resolucións que afecten os seus dereitos e os seus intereses.

3. Cando os acordos afecten unha pluralidade indeterminada de interesados, a notificación farase mediante un edicto que será exposto no taboleiro de anuncios do Colexio e publicado na páxina web colexial.

4. As notificacións faranse da maneira que sinalan os artigos 58 e 59 da Lei 30/1992 antes mencionada.

Artigo 83. Dos recursos

1. Os actos, os acordos ou as resolucións adoptados pola Xunta de Goberno ou a Asemblea Xeral, suxeitos ao dereito administrativo, que poñan fin a un procedemento son susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Veterinarios, agás os ditados en exercicio da potestade disciplinaria, que porán fin á vía administrativa e poden ser obxecto de recurso directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da interposición de recurso potestativo de reposición ante o órgano que os ditou.

2. Os acordos e os actos do Colexio ditados en exercicio de funcións delegadas poden ser obxecto de recurso ante a Administración delegante. A resolución deste recurso pon fin á vía administrativa.

Capítulo II
Da nulidade dos actos

Artigo 84. Nulidade

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais nos casos seguintes:

a) Os que lesionen os dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados, segundo o disposto nos presentes estatutos ou, subsidiariamente, nos estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico, polos que se adquiran facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Os acordos, decisións e recomendacións que, estando prohibidos en virtude do disposto no artigo 1.1 da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia, non estean amparados pola debida exención legal.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, mesmo a desviación de poder.

TÍTULO VIII
Do réxime de disolución do Colexio

Artigo 85. Disolución

A disolución do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña será promovida polo propio Colexio, mediante acordo adoptado nunha asemblea xeral convocada para o efecto, para o cal será necesario o voto favorable da maioría absoluta dos colexiados integrantes do Colexio. O acordo remitirase á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, ou á que a suceda en materia de colexios profesionais, para a súa aprobación. A Asemblea decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.

Disposición adicional primeira

No non previsto nestes estatutos será de aplicación o establecido nos vixentes estatutos xerais da Organización Colexial Veterinaria Española e nos estatutos do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

Disposición adicional segunda

Todas as referencias ao Consello Galego de Colexios Veterinarios deben entenderse feitas ao Consello Xeral no caso de que aquel non asuma as competencias que se indican nestes estatutos.

Disposición transitoria

Os procedementos disciplinarios que se iniciaron con anterioridade á entrada en vigor dos presentes estatutos seguirán tramitándose ata a súa resolución de conformidade coa normativa anterior, sen prexuízo de aplicar as medidas previstas nestes estatutos de seren máis favorables para o inculpado.

O regulamento a que fai referencia o artigo 20.4 dos presentes estatutos será proposto pola Xunta de Goberno para a súa aprobación na primeira asemblea xeral ordinaria que teña lugar tras a publicación oficial dos presentes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos particulares entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.