Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2012 Páx. 44672

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xullo de 2012, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico singular de Barreiros, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 12 de xullo de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico singular de Barreiros, promovido polo concello de Barreiros.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o plan no concello de Barreiros queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico singular de Barreiros.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas

1. Relación co plan urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico singular de Barreiros sitúase no concello de Barreiros.

O concello de Barreiros dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente no 28 de outubro de 1994, ben que na actualidade o devandito planeamento está afectado polo Decreto 15/2007, do 1 de febreiro, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Barreiros e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo plan.

1.1. Relación co planeamento municipal de Barreiros.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal de Barreiros (plano I0026-11-PL 04).

Segundo as normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Barreiros, aprobadas definitivamente no 28.10.1994, os terreos afectados polas instalacións do parque eólico singular de Barreiros cualifícanse como solo non urbanizable de protección de espazos naturais.

Actualmente o planeamento de Barreiros atópase suspendido polo Decreto 15/2007, do 1 de febreiro. Segundo o punto 6.c) do devandito decreto:

«Os terreos que as normas subsidiarias de planeamento clasificaron como solo non urbanizable quedan sometidos aos correspondentes réximes de especial protección establecidos na Lei 9/2002, en función dos valores naturais, paisaxísticos, culturais, forestais ou de protección do dominio público que concorren».

Por outro lado, é de sinalar que, de conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, aos municipios con planeamento urbanístico non adaptado (que é o caso de Barreiros) seralles de aplicación o disposto na devandita lei para solo rústico, sen prexuízo das maiores limitacións establecidas no plan vixente.

A infraestrutura asociada ao parque eólico conta cos seguintes elementos: aeroxeradores, vías, gabias de canalizacións e centro de control e interconexión coas superficies de ocupación do solo que figuran na seguinte táboa:

Concepto

Unidades

Superficie (m2)

Superficie (%)

Aeroxeradores: plataformas e cimentacións (**)

2

754

5

Aeroxeradores: voo

2

6.841

45

Centro de control e interconexión (***)

1

632

4

Ampliación dos raios de curvatura

1.036

6

Pistas interiores - metros (*)(**)(****)

662,6

6.066

40

Total

Varias

15.329

100 %

(*) Para os efectos de cómputo, só se inclúen os camiños que se realizan fóra das vías existentes.

(**) Incluídos noiros.

(***) Incluídos aparcadoiros e zonas anexas.

(****) Nesta afección están incluídas as gabias de canalización eléctrica, que se dispoñen de xeito subterráneo baixo as vías.

A superficie total de afección do parque eólico singular de Barreiros no concello do mesmo nome é de 15.329 m2, é dicir, pouco máis de 1,5 ha.

1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal de Barreiros (plano I0026-11-PL 05).

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no concello de Barreiros para compatibilizar o parque eólico singular de Barreiros proxectado cos usos de solo previstos nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do concello de Barreiros, ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I0026-11-PL 05, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección de medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas:

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I0026-11-PL 05 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de afección do parque eólico singular de Barreiros no concello de Barreiros é de 15.329 m2.

2. Condicións de uso:

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poderen implantarse nesta categoría de solo deberán contar coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 40 metros ao aeroxerador máis próximo.

3. Condicións de edificación e estéticas:

As edificacións e instalacións proxectadas deberán adaptarse á contorna en que se sitúen.

A superficie ocupada pola edificación pechada e as súas zonas anexas é de 632 m2 e a parcela en que se sitúa ten unha superficie de 37.791 m2.

O uso ao que se dedicará o edificio (uso autorizable) impide a súa adaptación total á tipoloxía tradicional da contorna (vivendas unifamiliares). Aínda así, búscase a mimetización co ámbito e a menor ocupación posible do terreo.

Os aeroxeradores serán de cor gris clara ou similar e rematada semimate, carecendo de arestas vivas ou superficies metálicas reflectoras.

4. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a Lei 15/2004, que a modifica, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

5. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que tras a construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos.

As áreas en réxime de servidume permanente teñen as seguintes limitacións de dominio:

1º. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2º. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar acto algún que puider danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3º. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4º. Prohibición de plantar árbores de gran tamaño a menos de 40 metros de cada aeroxerador.

5º. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

1.2. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse con:

– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

– A adaptación do plan á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e á Lei 15/2004, do 29 de decembro, que a modifica.

1.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecue o planeamento municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.