Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 20 de novembro de 2012 Páx. 43631

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e da necesidade de urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunhas instalacións eléctricas no concello da Lama (expediente IN407A 2012/159-4).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Domicilio social: avda. do Concello 21, 36830 A Lama.

Denominación: LMT, CT O Peso.

Situación: A Lama.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ1 de 547 metros de lonxitude, con orixe no apoio nº 30-1 da LMT derivación A Barbeira, no cal se fai un paso aéreo-subterráneo, e final no CT proxectado. Centro de transformación de 160 kVA, RT 20 kV/420 V, situado no Peso, Escuadra, concello da Lama.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 3 de agosto de 2012, no BOP do 3 de agosto de 2012 no xornal Faro de Vigo do 7 de setembro de 2012 e no taboleiro de anuncios do concello da Lama. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Con data do 21.8.2012 Adolfo Perdiz Pracias, como presidente da Comunidade de Montes de Escuadra presenta un escrito alegando que o proxecto afecta terreos da propiedade da CCMM, que o centro de transformación se pretende situar a uns 25 metros dunhas vivendas, co conseguinte risco para os veciños, e propón a colocación dun simple cableado con maior capacidade. Tamén fai referencia á instalación dun cable soterrado que pasa a escasos centímetros dun manancial e unha traída de auga.

A empresa contesta que esta obra está englobada dentro do plan anual presentado e aprobado pola Xunta de Galicia, de acordo co Real decreto 222/2008, co que se pretende mellorar a calidade da subministración. Con respecto á distancia do transformador ás vivendas, a premisa fundamental para a situación dun centro de transformación é estar o máis preto posible dos puntos de consumo, co fin de reducir ao máximo as caídas de tensión. Ademais, segundo consta no proxecto, trátase dun centro de transformación situado nunha caseta independente prefabricada de formigón modular, con acceso restrinxido ao persoal da compañía eléctrica e pechadura normalizada por esta. A escolla deste tipo de instalación débese a cuestións tanto técnicas como económicas.

Con respecto á existencia dun manancial ou traída de auga, non se fornece información ou plano de por onde poderían discorrer, pero no caso de verse afectados serían devoltos á súa situación anterior, sempre cumprindo coas correspondentes condicións regulamentarias.

Á vista do exposto, cómpre dicir que non existen limitacións para continuar cos trámites previstos no título VII do Real decreto 1955/2000, sobre autorizacións administrativas de instalacións eléctricas.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 25 de outubro de 2012

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra