Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2012 Páx. 43258

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 9 de novembro de 2012 pola que se abre o prazo de toma de posesión dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de veterinarios.

De acordo co establecido na Orde do 27 de abril de 2012 (DOG nº 83, do 2 de maio) procede abrir os prazos de toma de posesión dos postos adxudicados no concurso para a provisón de postos de traballos vacantes no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de veterinarios, convocado por Orde do 22 de xullo de 2011 (DOG nº 142, do 26 de xullo).

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de xullo de 2011 (DOG do 22 de xullo) polo que se aproban as relacións de postos de traballo reservados á escala de veterinarios dispón a súa entrada en vigor o día seguinte ao da publicación da orde pola que se abren os ditos prazos de toma de posesión.

Esta situación excepcional require que o cesamento nos postos actualmente ocupados polos funcionarios que obtiveron destino no concurso se realice o mesmo día.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no punto segundo da Orde da Consellería de Facenda do 27 de abril de 2012.

Segundo. O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se o posto de traballo se atopa na mesma localidade ou dun mes se radica en localidade distinta.

O cesamento deberá efectuarse o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2012

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda