Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2012 Páx. 42623

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de outubro de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito, en execución das sentenzas 921 e 922/2001 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Concello de Cospeito remite certificado do Acordo do Pleno do 29 de marzo de 2012 para a execución das sentenzas número 921 e 922/2001, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para os efectos de proceder á aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito, conforme o disposto no artigo 93.4, en relación cos artigos 85 e 89 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez examinada a documentación remitida polo Concello de Cospeito, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cospeito dispón, na actualidade vixentes, dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas polo Pleno do Concello con data do 14 de abril de 1997, ao abeiro da Lei 11/1985, do 11 de agosto, de adaptación da Lei do solo a Galicia, en virtude da competencia outorgada pola Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

2. O Tribunal de Xustiza de Galicia, con data do 21 de maio de 2001, ditou sentenza no procedemento ordinario número 6106/1997, interposto por Gonzalo Darriba Iglesias contra o Acordo do Concello de Cospeito do 14 de abril de 1997, sobre a aprobación definitiva das normas subsidiarias de planeamento do concello.

A referida sentenza, na súa parte dispositiva, sinala: «Admitimos o recurso contencioso-administrativo interposto por Gonzalo Darriba Iglesias contra o Acordo do Concello de Cospeito do 14 de abril de 1997, polo que se aprobaron definitivamente as normas subsidiarias de planeamento municipais; acto que anulamos por non ser conforme a dereito, en canto afecta a clasificación urbanística do predio do demandante descrita no feito primeiro da demanda e, no seu lugar, decretamos que procede a modificación puntual das ditas normas co fin de clasificar como solo urbano a parte do mencionado predio incluída como tal no proxecto a que se refire o Acordo do Pleno do Concello do 19 de decembro de 1997; sen facer imposición de custas».

3. Así mesmo, con data do 24 de maio de 2001, o Tribunal de Xustiza de Galicia, en relación coas ditas normas subsidiarias de planeamento, ditou sentenza no procedemento ordinario número 6072/1997, contra o Acordo do Concello de Cospeito do 14 de abril de 1997, sobre a aprobación definitiva das normas subsidiarias de planeamento, sentenza que na súa parte dispositiva sinala: «Admitimos o recurso contencioso-administrativo interposto por Estrella F. M., José M. B., Ramón L. H. e Benedicto R. Y. contra o Acordo do 14 de abril de 1997, do Concello de Cospeito, polo que se aprobaron definitivamente as normas subsidiarias do dito municipio; acto que anulamos, por ser contrario a dereito, no que se refire á clasificación urbanística dos predios dos demandantes descritos no feito primeiro da demanda, e declaramos que procede a modificación puntual das citadas normas co fin de clasificar como solo urbano a parte dos ditos predios incluída como tal no proxecto a que se refire o Acordo do Pleno do Concello do 19 de decembro de 1997. Non se fai imposición en custas».

4. Con data do 12 de abril de 2012 tivo entrada no Rexistro da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Santiago de Compostela o oficio do Concello de Cospeito que remitía a certificación do acordo plenario para os efectos de proceder á aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito.

5. Segundo reflicte o certificado da Secretaría Xeral do Concello de Cospeito, o Pleno do Concello, en sesión ordinaria do 29 de marzo de 2012, acordou:

Elevar o documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito, para execución das sentenzas número 921 e 922, do 24 de maio de 2001, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Segunda, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, para os efectos de proceder á súa aprobación definitiva, de conformidade co establecido no artigo 93.4, en relación cos artigos 85 e 89 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O obxecto da presente modificación puntual é dar debido cumprimento ás sentenzas número 921 e 922/2001 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. Segundo dispón o documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito, presentado polo Concello: «O obxecto, por tanto, da presente modificación, e xa que ambas as sentenzas aluden á delimitación incluída no proxecto a que se refire o Acordo do Pleno do Concello do 19 de decembro de 1997, é executar as sentenzas referidas nos antecedentes que dispoñen a clasificación como solo urbano das parcelas dos demandantes segundo o proxecto a que se refire o acordo indicado do Pleno, as sentenzas non afectan outras determinacións de ordenación existentes na normativa das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito».

III. Análise e consideracións.

O artigo 118 da Constitución establece a obrigatoriedade do cumprimento das sentenzas e demais resolucións firmes dos xuíces e tribunais. No ámbito administrativo, a dita obriga recóllese nos artigos 103 e seguintes da Lei 29/1988, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Á vista de todo o que antecede, e seguindo as indicacións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito, aprobado por acordo municipal plenario do 29 de marzo de 2012, de acordo co contido das sentenzas número 921 e 922/2001, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co fin de clasificar como solo urbano os predios obxecto das ditas sentenzas, resolución que se adopta en cumprimento do ditaminado nas referidas resolucións xudiciais e de acordo co número 7.a) do artigo 85, en relación co 93.4, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas