Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 9 de novembro de 2012 Páx. 41975

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Tui de determinación de todo o municipio de Tui como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, establecendo como franxa horaria de apertura comercial desde as 10.00 horas ata as 24.00 horas, durante todo o ano, incluídos domingos e festivos.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Tui para a determinación do dito concello como zona de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía e Industria ten en consideración os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 9 de agosto de 2012 ten entrada un escrito do Concello de Tui en que solicita da Consellería de Economía e Industria que declare a totalidade do municipio de Tui como zona de grande afluencia turística, durante todo o ano, e na franxa horaria comprendida entre as 8.00 e as 24.00 horas, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais.

Xunto coa solicitude, o Concello de Tui achega proposta motivada aprobada por maioría absoluta do pleno, así como informe favorable da cámara de comercio do ámbito territorial afectado e das asociacións de comerciantes e industriais de Tui (ACITUI). Así mesmo, achega informe da Confederación Sindical Galega e xustificación de ter dado audiencia ás asociacións de consumidores e usuarios e ás organizacións sindicais máis representativas do correspondente ámbito territorial.

Segundo. Con data do 13 de agosto de 2012 a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria remite á Secretaría Xeral para o Turismo copia da documentación, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data do 3 de setembro de 2012 ten entrada un escrito da Secretaría Xeral para o Turismo no cal se remite escrito presentado pola Secretaría do Sector do Comercio de UGT de Pontevedra no cal realiza as manifestacións que considera convenientes sobre a solicitude de declaración de zona de afluencia turística do Concello de Tui.

Cuarto. Con data do 3 de setembro de 2012 ten entrada un escrito da Secretaría Xeral para o Turismo no cal se remite informe da devandita Secretaría Xeral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de determinación de zona de grande afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, no cal se sinala:

«Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á cal deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellaría competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre que quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desapareceren as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

«4. Para os efectos do establecido no número 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado patrimonio da humanidade ou no cal se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional

e) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen».

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Tui, aprobada por maioría absoluta polo Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«O Concello de Tui conta na actualidade cunha poboación superior aos 18.000 veciños, agrupa 11 parroquias cunha extensión de 68,3 quilómetros cadrados, é a cabeceira dunha comarca denominada Baixo Miño, que agrupa, ademais, os concellos de Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, e estende a súa área de influencia aos concellos limítrofes do Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Deste xeito, o núcleo urbano tudense segue mantendo o carácter de centro reitor da súa bisbarra para efectos comerciais, administrativos e de servizos.

Tui está nunha posición estratéxica que xustifica a súa longa historia e que, mesmo na actualidade, siga conservando a súa condición de lugar de ampla afluencia de persoas e visitantes con base nas seguintes razóns:

1. O núcleo histórico desta cidade está declarado desde 1967 como ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico. Os monumentos que conforman este amplo espazo, o segundo en extensión de Galicia despois de Santiago de Compostela, especialmente a súa catedral, son un referente do turismo cultural do sur de Galicia e xustifican a presenza de numerosos visitantes, non só nas tempadas estivais senón ao longo de todo o ano.

Aínda que carecemos de datos sobre o concreto número de visitantes, podemos sinalar que no ano 2007, en que se cobraba entrada pola visita ao templo catedralicio, o seu número de visitantes superaba os 20.000.

No entanto, a realidade é que o número tería que ser multiplicado pois son moitos os grupos que visitan a cidade con viaxes programadas e non entran neste cómputo.

Ademais dos monumentos que conforman o patrimonio tudense (catedral, igrexas e mosteiros, o mesmo núcleo coas súas rúas e vivendas de aspecto medieval) animan á presenza de visitantes ao longo de todo o ano; especialmente nas fins de semana é constante a presenza de visitantes polos nosos monumentos e rúas, aproveitando o tempo de lecer para dar un paseo pola nosa cidade.

2. Un segundo elemento de grande atractivo para a afluencia de visitantes é o parque natural do Monte Aloia, situado a sete quilómetros do centro da nosa cidade e que recibe unha numerosa afluencia de turistas e persoas interesadas en realizar un achegamento a este espazo dotado de relevantes recursos naturais e ambientais. As rutas de camiñada, o percorrido polo seu arboredo e os numerosos espazos de lecer reúnen numerosos visitantes, especialmente nas épocas de bo tempo. O Centro de Interpretación de Visitantes ofrece información ampla sobre os recursos deste parque natural, declarado como tal desde 1936.

Con base nos recursos patrimoniais do seu conxunto histórico e nos recursos ambientais do parque natural do Monte Aloia, xunto ao río Miño, incluído na Rede Natura 2000 da Unión Europea, a Xunta de Galicia declarou este concello como municipio turístico e, posteriormente, as súas festas patronais de San Telmo como festas de interese turístico galego, en recoñecemento á súa tradición, ás manifestacións culturais asociadas e á ampla afluencia de visitantes.

Esta dobre designación podería avalar a petición deste Concello de Tui de solicitar a súa declaración como zona de grande afluencia turística, mais cómpre aínda considerar outro aspecto de singular transcendencia:

3. A condición fronteiriza do concello de Tui é consubstancial á súa propia identidade; a existencia das pontes de comunicación con Portugal converten Tui nun lugar de grande afluencia de visitantes portugueses, atraídos polos seus valores culturais, relixiosos e, especialmente, comerciais, pois moitos visitantes lusos seguen acudindo á nosa cidade a realizaren as súas compras, como queda acreditado pola existencia no noso municipio dunha ampla rede de establecementos comerciais que teñen nos clientes portugueses un dos seus principais recursos. Ben que é certo que esta afluencia é especialmente ampla nas tempadas previas ao Nadal ou a Pascua, mantense ao longo de todo o ano».

Quinto. O informe para a determinación do Concello de Tui como zona de grande afluencia turística do 3 de setembro de 2012, emitido pola Secretaría Xeral para o Turismo, sinala:

«A situación xeográfica de Tui, xunto con outros factores, como o seu núcleo histórico, declarado ben de interese cultural coa categoría de conxunto histórico desde o ano 1967, o seu patrimonio e os recursos ambientais do parque natural do Monte Aloia, incluido na Rede Natura 2000 da Unión Europea, así como a súa posición estratéxica con boas comunicacións e o seu carácter transfronteirizo (Tui é a pasaxe con maior movemento humano entre España e Portugal) confírenlle unhas características singulares para converterse en centro de interese comercial e turístico.

No ano 2000 o Concello de Tui foi declarado municipio turístico galego, para o que se tiveron en conta a grande afluencia periódica e estacional de poboación turística, as boas condicións de seguranza nos lugares públicos, a súa sanidade, a ordenación urbanística, as excelentes infraestruturas hostaleiras e aloxamentos, así como a existencia de oficinas de información turística.

Así mesmo, cabe resaltar o aumento continuo do número de peregrinos con pernoita nos albergues do citado municipio, que ata o mes de agosto do ano 2012, acadaron a cifra de 3.484 peregrinos, cun aumento do 15,29 % con respecto ao ano 2010.

Con base no exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á determinación do concello de Tui como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados e os demais de pertinente e xeral aplicación

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Tui de determinación de todo o municipio de Tui como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, establecendo como franxa horaria de apertura comercial desde as 10.00 ata as 24.00 horas, durante todo o ano, incluíndo domingos e festivos.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre que quede demostrada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desapareceren as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2012

P.D. (Orde 30.4.2009; DOG nº 87, do 6 de maio)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria