Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 9 de novembro de 2012 Páx. 41934

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de outubro de 2012 pola que se declaran de utilidade pública asociacións inscritas nos rexistros provinciais de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións.

O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e establece que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.

Logo de solicitude das asociacións foron instruídos os expedientes, de conformidade co previsto no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, e neste consta a documentación e os informes previstos na citada norma.

De conformidade cos informes favorables de declaración de utilidade pública, emitidos polos instrutores dos expedientes,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública as seguintes asociacións:

– Asociación A Mariña Cogami, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Lugo co número 1989-745-1.

– Asociación de Enfermos de Crohn e Colitis Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense), inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense co número 2005-8817-1.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza