Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 6 de novembro de 2012 Páx. 41594

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (535/2010).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 535/2010 deste xulgado do social, seguido por instancia de - ver pdf - contra a empresa La Tubería Instalaciones y Proyectos, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), sobre ordinario, ditouse a seguinte resolución:

«Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 720/2012.

Asunto 535/2010.

Na cidade da Coruña o once de outubro de dous mil doce.

Lara Mª Munín Sánchez, xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver estes autos sobre cantidades, por instancia de - ver pdf -, que comparece representada polo letrado Sr. Martínez Ramonde, contra a empresa La Tubería Instalaciones y Proyectos, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial, que non comparecen, ditou a seguinte

Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A demandante - ver pdf - presentou o 97.6.2010 demanda que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expoñer os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a devandita demanda, sinalouse para a realización do acto de xuízo o día 10.10.2012 e este realizouse na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluído o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación destes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. - ver pdf - veu prestando servizos para a empresa La Tubería Instalaciones y Proyectos, S.L. desde o 25.10.2007 ata o 22.2.2010, coa categoría de auxiliar administrativa e cun salario mensual rateado de 1.656,96 euros.

Segundo. A empresa demandada non lle aboou os salarios correspondentes aos meses de xaneiro e febreiro de 2010 (22 días) e o 60 % da indemnización por despedimento, que fai un total de 4.896,93 euros.

Terceiro. A empresa demandada e a demandante chegaron a un acordo o 22.2.2010 para o aboamento graduado das cantidades referidas, que incumpriu a empresa.

Cuarto. Presentada a papeleta de conciliación o 9.4.2010, celebrouse o preceptivo acto ante o SMAC o 23.4.2010, co resultado de intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Os feitos declarados como probados sono con apoio na proba practicada no acto do xuízo ao cal unicamente acudiu a demandante (malia estar citada a demandada) e, en especial, na documental achegada, así como na utilización da facultade contida no artigo 91.2 LPL.

Segundo.

1. Acreditada a existencia da relación laboral durante un determinado período de tempo, corresponde ao empresario a carga da proba do pagamento do salario, ex artigo 1214 CC (actual artigo 217 LAC) (STS 12/07/94 ar. 6553); polo que, ausente esa proba de descargo, debe admitirse a demanda. Conforme o xa expresado, a súa propia non comparecencia ao acto do xuízo supón a falta de proba do feito do pagamento, o que deberá comportar a condena da empresa. E, en consecuencia, estimar que a empresa demandada deixou de aboar á parte demandante a cantidade de 4.896,93 euros.

2. Sobre a responsabilidade do Fogasa, debe lembrarse que, por imperativo legal (artigo 33 ET), o Fondo é responsable legal subsidiario ante os traballadores respecto de determinadas débedas do empresario, pero esta proximidade conceptual non permite equiparalo totalmente con quen asume contractualmente o pagamento dunha obriga, en defecto do debedor principal. O Fogasa non pode ser identificado co fiador definido no artigo 1822 CC, por máis que a súa posición xurídica, cando asume o pagamento de débedas do empregador, sexa similar á do fiador no mesmo caso. En atención a ese carácter de asegurador público, o Fondo é parte, por prescrición legal, nos procesos incoados nos casos previstos no artigo 23.2 LPL, onde se ordena citalo como tal, co fin de que «poida asumir as súas obrigas legais ou instar o que conveña en dereito». Non obstante, é evidente que, aínda nos casos do artigo 23.2, o Fondo é só parte formal ou procesual, como sinala a doutrina, posto que a titularidade da única relación xurídico-material discutida no proceso corresponde en exclusiva ao ou aos traballadores demandantes e aos empresarios demandados. A súa presenza no proceso obedece á especial situación en que se encontra como responsable legal subsidiario do empresario e ao seu inequívoco interese directo e relevante no resultado que se produza, que pode chegar a converterse nun feito constitutivo, modificativo ou extintivo da súa propia relación xurídica.

No presente caso está claro que non existe responsabilidade do Fogasa nesta instancia, porque non se acreditou que se condenase a empresa nin fose declarada insolvente. E iso é así porque a intervención do Fondo no proceso, sobre a base do artigo 23 LPL, éo, non en calidade de demandado «stricto sensu», senón como un privilexio procesual, dado o seu carácter público, a súa actividade de seguro como garante das indemnizacións reclamadas polos demandantes e para posibles responsabilidades posteriores.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Decido que, estimando a demanda interposta por - ver pdf - contra a empresa La Tubería Instalaciones y Proyectos, S.L., condeno esta a que lle aboe a cantidade de catro mil oitocentos noventa e seis euros e noventa e tres céntimos (4.896,93 €).

Así mesmo, absolvo o Fondo de Garantía Salarial, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese esta resolución ás partes facéndolles saber que esta non é firme, e fronte a ela cabe formular recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución. De ser recorrente a empresa demandada deberá acreditalo mediante a exhibición ante este xulgado do xustificante acreditativo de ter depositado a cantidade obxecto de condena na conta deste xulgado, aberta en Banesto, podendo substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, en que se fará constar a responsabilidade solidaria do avalista, debendo acreditar tamén na indicada conta a consignación da suma de 300 euros preceptiva para recorrer, sen cuxo cumprimento non se terá por anunciado o recurso.

Así por esta a miña sentenza, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento».

E para que sirva de notificación de sentenza a La Tubería Instalaciones y Proyectos, S.L., expídese a presente cédula para publicar no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 15 de outubro de 2012

María Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial