Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2012 Páx. 41337

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Río Gafos, pertencente ao concello de Pontevedra.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do Concello e logo dos informes perceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non leva consigo a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos. Dentro deste prazo os promotores, deberán presentar, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Pontevedra perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na que se propón a declaración do lugar denominado Río Gafos como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública na tramitación desta solicitude con obxecto de cumprir co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia aos interesados

– O expediente de tramitación da proposta da declaración do espazo natural de interese local denominado Río Gafos, pertencente ao concello de Pontevedra, que se compón dos seguintes documentos: memoria técnica, anexo e planos achegados polo Concello de Pontevedra.

– O borrador da orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local o denominado Río Gafos no concello de Pontevedra.

Segundo.

Para efectos informativos póñense á disposición dos interesados copias do expediente nas seguintes dependencias:

– A Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– A Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra. Avenida Fernández Ladreda, nº 43, 4ª planta, 36003 Pontevedra.

– O Concello de Pontevedra. Praza de España, nº 1, 36071 Pontevedra.

Do mesmo xeito poderase consultar o texto da memoria da proposta de declaración provisional na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://cmati.xunta.es)

Terceiro.

As alegacións formularanse durante o prazo de vinte (20) días, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza