Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2012 Páx. 41124

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2012 pola que se crea e regula o ficheiro de datos de carácter persoal denominado Xestión do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

A disposición adicional segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante a Resolución do 24 de xuño de 2002 e resolucións posteriores.

A USC realiza actividades de publicación de libros e revistas periódicas para a difusión da investigación en diversos campos. Esta actividade editorial está transformándose nos últimos tempos cara á publicación en liña, o que implica unha xestión informatizada tanto nos aspectos da xestión da edición como nas relacións externas cos promotores, autores e receptores das publicacións.

Para estes efectos é necesario crear un novo ficheiro de protección de datos de carácter persoal, que abranga a totalidade da xestión de publicacións e intercambio científico que implique datos persoais.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandado legal do artigo 20 da LOPD sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de asegurar aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos,

DISPOÑO:

Primeiro. Créase o ficheiro Xestión do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. A súa descrición contense no anexo desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguranza, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segundo. O ficheiro que se indica no anexo rexerase polas disposicións xerais e instrucións que se detallen e estará sometido, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Terceiro. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3º da LOPD.

Cuarto. O ficheiro ten finalidade científica e, ademais das cesións previstas para cada un dos ficheiros, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades e cos límites establecidos na lei.

Quinto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Anexo

Ficheiro nº 29 [Xestión do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico].

a) Identificación do ficheiro: ficheiro para a xestión do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro: Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua. Universidade de Santiago de Compostela. Casa Jimena y Elisa Fernández de la Vega. Rúa Casas Reais, 8, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. Casa Gradín. Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela, A Coruña.

d) Carácter informatizado ou manual do ficheiro: ficheiro de carácter mixto.

e) Medidas de seguranza: medidas de nivel básico.

f) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

– Datos de carácter identificativo: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, correo electrónico, teléfono, fax etc.

– Outro tipo de datos: académicos e profesionais, biográficos.

g) Descrición detallada da finalidade do ficheiro e usos previstos: ficheiro de xestión dos autores e/ou xestores e usuarios das obras monográficas e revistas editadas polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

h) Tipificación da finalidade e usos previstos: xestión de publicacións científicas.

i) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a suministralos: autores, usuarios, xestores e provedores.

j) Procedencia ou procedemento de recolla dos datos: autores, usuarios e destinatarios de publicacións, institucións privadas e administracións públicas, empresas ou os seus representantes.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais: non se prevén cesións.