Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2012 Páx. 41037

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública o plan de conservación do espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo), o borrador de orde pola que se declara, de xeito definitivo, como espazo natural de interese local e o borrador de decreto polo que se aproba o seu plan de conservación.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, establece no seu artigo 4 que, coa finalidade de adecuar a xestión dos recursos naturais e, en especial, dos espazos naturais e das especies que hai que protexer, aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 desta lei, a Xunta de Galicia planificará os recursos naturais. A lei expresa no seu artigo 31 que como instrumento para a planificación dos espazos naturais de interese local (ENIL en diante) se configuran os plans de conservación, e dispón no artigo 40 a necesidade de seren elevados ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto, logo de información pública e audiencia.

O Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo natural de interese local, establece o procedemento de declaración dos ENIL e dispón que os plans de conservación terán como mínimo os obxectivos e contidos previstos no artigo 6, e establecerán o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Mediante a Orde do 3 de outubro de 2011 declarouse de xeito provisional como espazo natural de interese local a paraxe Loio-Ruxidoira, (DOG nº 197, do 14 de outubro), localizado no concello de Paradela (Lugo). Durante a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello de Paradela debía presentar ante a consellería competente o plan de conservación do espazo, o que fixo ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 1 de xuño de 2012.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigos 38 da lei, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, e establece o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo.

O ENILLoio-Ruxidoira comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 3 de outubro de 2011 de declaración provisional, unha superficie de 437 ha.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Lugo, a S. X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a D. X. de Montes, a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (Presidencia (OU) y Comisaría de Aguas (LU)) e notificouse o procedemento a Gas Natural-Generación Hidraúlica, interesado no procedemento.

Vista a documentación presentada polo Concello de Paradela perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas propoñendo a aprobación do plan de conservación do lugar denominado Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública e audiencia aos interesados na tramitación da declaración definitiva deste ENIL con obxecto de cumprir co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Abrir o período de información pública e audiencia aos interesados polo prazo de 20 días hábiles que permita a participación do público en xeral nos procedementos de:

– Aprobación do Plan de conservación do espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo).

– Elaboración do borrador de orde pola que se declara, de xeito definitivo, como espazo natural de interese local, o espazo Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo).

– Elaboración do borrador de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo).

Coa finalidade de que as persoas ou entidades que se consideren afectadas poidan remitir alegacións á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Segundo. Para efectos informativos póñense ao dispor dos interesados copias destes documentos nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Provincial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Lugo (Edificio Administrativo Ronda da Muralla, nº 70, 27071 Lugo).

– Concello de Paradela (Rúa Cabaleiros de Santiago, 27611 Paradela, Lugo).

Do mesmo xeito, poderanse consultar estes textos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

(http://medioambiente.xunta.es/nc/transparencia/elaboracion_de_disposicions)

Terceiro. As alegacións formularanse durante o prazo de vinte (20) días, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2012

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza