Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 30 de outubro de 2012 Páx. 40837

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCION do 16 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novacaixagalicia.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novacaixagalicia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir.

Feitos.

1. Guillermo Brea Vila, secretario do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Novacaixagalicia foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña), o 24 de xullo de 2012, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 1516, por Francisco José Serna Gómez, que actúa en representación da Fundación Novacaixagalicia-Claudio Sanmartín, e Guillermo Brea Vila, en representación da Fundación Novacaixagalicia, pola fusión destas fundacións e a creación dunha nova denominada Fundación Novacaixagalicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o impulso, a xestión e o desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, de investigación e desenvolvemento, socioeconómicas, ambientais e demais análogas de interese xeral que, por iniciativa propia ou por proposta doutras institucións, fundacións ou organismos, considere necesarios ou convenientes para o desenvolvemento social, cultural e económico, principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das entidades fundadoras, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas cos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios e a designación do Padroado inicial.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Mauro Varela Pérez como presidente, Julio Fernández Gayoso como vicepresidente, Guillermo Brea Vila como secretario e Pedro Antonio Otero Espinar como vogal.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social e de defensa do medio natural de Galicia da Fundación Novacaixagalicia, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, ao cumprirse os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de setembro de 2012, clasificouse como de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Novacaixagalicia e adscribiuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Novacaixagalicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da Fundación Novacaixagalicia, polo que,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Novacaixagalicia, como nova fundación resultante da fusión da Fundación Caixa Galicia-Caludio Sanmartín e Fundación Novacaixagalicia.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución, pode interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2012

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza