Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2012 Páx. 40482

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2012 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de outubro de 2012, polo que se aproba a modificación automática mensual do Catálogo Priorizado de Produtos Farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 25 de outubro de 2012, adoptou, por proposta da Consellería de Sanidade, o acordo que a continuación se transcribe, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co previsto nos artigos 3 e 4 da Lei 12/2010, do 22 de decembro, sobre racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, o Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos estará formado polos principios activos coas súas respectivas presentacións, que respondan ao prezo menor recollido no Nomenclátor oficial de produtos farmacéuticos financiados polo Sistema Nacional de Saúde, ou ben cun prezo superior cando se trate de situacións excepcionais xustificadas pola existencia de risco de desabastecemento ou monopolio.

De conformidade co previsto no artigo 3, parágrafos 5 e 6, da citada Lei 12/2010, as modificacións do catálogo serán aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia polo procedemento previsto no artigo 4 da mesma lei cunha periodicidade mínima bimestral, ou cando haxa modificación dos prezos menores establecidos polo ministerio competente na materia.

Publicado o Real decreto lei 16/2012, a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica da Comunidade Autónoma de Galicia acordou elevar unha nova proposta de Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos que recolle a revisión e actualización, de xeito automático, dos conxuntos de intercambio ou agrupacións homoxéneas de medicamentos e produtos sanitarios coas súas presentacións, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 22 de marzo de 2012, coa actualización mensual do Nomenclátor oficial de produtos farmacéuticos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e conforme os novos prezos menores e prezos de venda ao público vixentes en cada mes, de acordo ao establecido no Real decreto lei 16/2012. Ademais, tamén está prevista a inclusión automática das novas agrupacións homoxéneas de medicamentos e produtos sanitarios que se incorporen ao Nomenclátor oficial de produtos farmacéuticos todos os meses e as que se incorporaron con posterioridade á actualización do 1 de abril de 2012, dando de baixa aquelas agrupacións homoxéneas que deixaron de selo desde a citada actualización ou que deixen de selo nas próximas actualizacións mensuais do Nomenclátor.

En consecuencia, no exercicio das competencias outorgadas nos artigos 3 e 4 da Lei 12/2010, do 22 de decembro, sobre racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da conselleira de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia,

ACORDA:

Primeiro. Apróbase a modificación automática mensual do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os prezos menores efectivos en cada mes no Nomenclátor oficial de produtos farmacéuticos, e a incorporación automática mensual de todas aquelas agrupacións homoxéneas de medicamentos ou produtos sanitarios que sexan incorporadas no Nomenclátor mensual, conforme o prezo menor que teñan establecido. Para os restantes medicamentos e produtos sanitarios non incluídos nestes conxuntos de intercambio ou agrupacións homoxéneas de medicamentos, aplicarase o disposto no Nomenclátor oficial de produtos financiados polo Sistema Nacional de Saúde.

Esta modificación substitúe o catalogo aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 22 de marzo de 2012.

Segundo. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia para os efectos do seu coñecemento xeral e aplicación.

Terceiro. O presente acordo entrará en vigor o 1 de novembro de 2012.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade