Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 26 de outubro de 2012 Páx. 40342

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 18 de outubro de 2012 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Centro Tecnológico Textil e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Vista a documentación pola que se inicia o expediente de extinción da Fundación Centro Tecnológico Textil, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 3 de outubro de 2012 presentouse no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a solicitude de ratificación do acordo de extinción da Fundación Centro Tecnológico Textil adoptado polo Padroado.

Segundo. A fundación constituíuse en escritura pública do 6 de febreiro de 2009, foi clasificada como de interese tecnolóxico pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 27 de xullo de 2009 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Economía e Industria do 16 de setembro de 2009, e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2009/13.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo constan no artigo 7 dos seus estatutos, son contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e avance da competitividade no ámbito das tecnoloxías da cadea téxtil, confección, moda e calzado, mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 3 de outubro de 2012, adoptou o acordo de extinción da fundación, motivado pola falta de recursos materiais, técnicos, humanos e fundamentalmente financeiros.

No expediente consta a seguinte documentación:

– Certificación do acordo adoptado polo Padroado.

– Acta da dita reunión coa achega da Xunta á dotación fundacional e devolución de axudas ao ministerio.

– Así como o acordo de extinción da fundación: causa e memoria xustificativa, contas da fundación ao día, proxecto de distribución dos activos resultantes da liquidación, poderes para a execución da liquidación e apertura da liquidación.

Consideracións legais:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo Padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no seu regulamento.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado por acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Centro Tecnológico Textil.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interporse con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria