Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2012 Páx. 40070

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 203/2012, do 11 de outubro de 2012, polo que se aproba a constitución do Consorcio de Augas de Valdeorras.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de catro de abril de dous mil doce acordou participar no Consorcio de Augas de Valdeorras, segundo o disposto no artigo 196.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Do mesmo xeito, acordou nomear o seu representante para a Comisión Xestora, en cuxo seo se desenvolveron os traballos preparatorios necesarios para consensuar o texto dos estatutos.

A elaboración e aprobación dos estatutos realizouse segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do once de outubro de dous mil doce,

dispoño:

Artigo único. Aprobación dos estatutos do Consorcio de Augas de Valdeorras

Apróbanse os estatutos do Consorcio de Augas de Valdeorras, cuxo texto se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Consorcio de Augas de Valdeorras

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1

1. Os presentes estatutos regulan a organización e funcionamento do Consorcio de Augas de Valdeorras, integrado polos concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, a Deputación Provincial de Ourense e o ente público empresarial Augas de Galicia.

2. O Consorcio de Augas de Valdeorras constitúese por tempo indefinido, sen prexuízo da posibilidade da súa disolución conforme o previsto no título VI dos presentes estatutos.

3. Tras a modificación previa dos estatutos, a través dos trámites previstos na lexislación de réxime local, poderanse incorporar ao Consorcio outras administracións ou entidades públicas, así como entidades privadas sen ánimo de lucro.

Artigo 2

1. O Consorcio de Augas de Valdeorras servirá con obxectividade os intereses públicos que lle estean encomendados e actuará de acordo cos principios de eficacia, descentralización, desconcentración e coordinación, con submisión plena á lei e ao dereito.

2. O Consorcio de Augas de Valdeorras goza de personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e pode adquirir, reivindicar, administrar, allear e gravar bens de toda clase; outorgar escrituras, documentos e contratos; establecer, conceder e explotar obras e servizos vinculados aos seus fins; obrigarse e exercer toda clase de accións administrativas e xudiciais.

Artigo 3

O Consorcio de Augas de Valdeorras é unha entidade local de natureza institucional e base asociativa. Rexerase polos presentes estatutos e pola lexislación de réxime local que resulte de aplicación a este tipo de entidades.

Artigo 4

1. O Consorcio de Augas de Valdeorras terá como obxecto principal a ordenación e a xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de todas as competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia.

Para estes efectos, o ámbito material do servizo abranguerá a depuración de todas as augas residuais que se vertan ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas fosas sépticas de titularidade municipal e mais a depuración das augas residuais que se xestionen a través das infraestruturas que, no exercicio das competencias delegadas, poida crear o Consorcio no futuro.

Entenderanse comprendidas no ámbito funcional da delegación, ademais da totalidade das competencias de ordenación e xestión dos servizos municipais de depuración de augas residuais, as competencias municipais que a lexislación vixente lles atribúa en materia de policía de verteduras de augas ás infraestruturas de depuración, incluíndo o exercicio de todas as facultades de vixilancia, inspección e control, o exercicio de accións administrativas de reposición da legalidade e o exercicio da potestade sancionadora.

As competencias de xestión tributaria e recadación do coeficiente de vertedura terán carácter de competencias propias do Consorcio.

A delegación das competencias municipais de ordenación e xestión da depuración de augas residuais e de policía administrativa en materia de verteduras de augas residuais enténdese conferida en virtude da aprobación dos presentes estatutos, e pode ser revogada unicamente a través dos seguintes actos:

a) Mediante a separación do Consorcio dos concellos que o integran, que exixirá, para a súa validez e eficacia, a tramitación da correspondente modificación estatutaria.

b) Mediante unha modificación estatutaria co dito obxecto, aínda que non implique a separación de ningún dos concellos consorciados.

2. En virtude da delegación das competencias municipais de depuración de augas residuais, quedarán transferidos ao Consorcio os medios materiais actualmente adscritos aos servizos municipais existentes.

A efectividade do dito traspaso producirase na data de constitución do Consorcio, e os bens de dominio público municipal quedarán adscritos de modo automático ao Consorcio, sen prexuízo da correspondente acta de adscrición, que será asinada polo presidente do Consorcio e polos alcaldes dos concellos consorciados.

3. O Consorcio subrogarase nos contratos administrativos de xestión dos servizos públicos municipais de depuración de augas residuais en vigor na data da súa constitución, con efectos da dita data.

4. Complementariamente co obxecto principal sinalado no número anterior, o Consorcio poderá asumir por delegación o exercicio de calquera competencia municipal relacionada cos servizos de abastecemento e saneamento, para todos ou algúns dos concellos consorciados, nos termos que sinalan os oportunos acordos de delegación. Igualmente, poderá asumir encomendas de xestión dos concellos consorciados para a realización de calquera actuación de carácter material relacionada cos ditos servizos.

Así mesmo, o Consorcio poderá asumir a delegación de competencias e as encomendas de xestión que, en materias relacionadas cos servizos do ciclo hidráulico, lle confiran a Xunta de Galicia, Augas de Galicia ou a Deputación Provincial de Ourense.

5. O control do exercicio das competencias municipais delegadas e, se é o caso, das encomendas de xestión conferidas, serán exercidos polos concellos mediante a súa participación nos órganos de goberno do Consorcio, nos termos previstos nos presentes estatutos.

6. Os actos e acordos ditados polos órganos do Consorcio no exercicio das competencias delegadas ou para a realización das encomendas de xestión conferidas serán executivos e executorios, conforme o disposto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Para o cumprimento dos seus fins, e no ámbito definido no número 1 do presente artigo, o Consorcio gozará das potestades administrativas recollidas no artigo 6 da Lei de Administración local de Galicia, coas particularidades recollidas no artigo 6.2 da dita lei.

8. O Consorcio poderá exercer a iniciativa pública para o exercicio de actividades económicas relacionadas cos servizos municipais relativos ao ciclo hidráulico, coa autorización previa da Asemblea do Consorcio conforme os trámites previstos na lexislación de réxime local, e sempre que o exercicio das ditas actividades contribúa á satisfacción de fins de interese xeral no ámbito funcional do Consorcio ou a un mellor financiamento dos servizos consorciados.

Artigo 5

O Consorcio de Augas de Valdeorras terá a súa sede social na Casa do Río Cigüeño, sita na rúa da Veiguiña, nº 6, do concello do Barco de Valdeorras.

Sen prexuízo do mantemento da sede social, habilítase como domicilio para os efectos de notificacións e trámites administrativos a Secretaría Xeral da Deputación Provincial de Ourense, sita no Pazo Provincial, rúa do Progreso nº 32, 32003 Ourense, para o suposto de que as funcións de secretaría e intervención do Consorcio sexan desenvolvidas polos servizos de asistencia ás entidades locais da Deputación Provincial. No caso de que as funcións reservadas a habilitados estatais se desenvolvan mediante outro sistema, a Presidencia do Consorcio habilitará como domicilio para os efectos de notificacións o do lugar de traballo do funcionario que desempeñe as funcións de secretaría.

A modificación da sede social requirirá a modificación dos presentes estatutos, conforme a lexislación vixente no momento da súa aprobación. Non obstante o anterior, e no suposto de que a lexislación de réxime local así o permita no futuro, poderase modificar a sede social mediante acordo da Asemblea do Consorcio, sen necesidade de proceder á modificación dos estatutos.

En todo caso, os acordos de modificación da sede social deberán, para a súa efectividade, ser obxecto de publicación no Boletín Oficial da provincia.

TÍTULO II
Organización e funcionamento

Artigo 6

1. O Consorcio de Augas de Valdeorras está integrado polos seguintes órganos de goberno:

a) A Asemblea.

b) A Comisión Executiva.

c) O presidente e, se é o caso, os vicepresidentes que este designe.

d) A Comisión Especial de Contas prevista na lexislación reguladora das facendas locais.

2. A Asemblea poderá crear órganos complementarios dos anteriores, con funcións de informe, consulta ou seguimento.

Artigo 7

1. A Asemblea estará integrada polos alcaldes dos concellos consorciados, o presidente da Deputación Provincial de Ourense e o presidente de Augas de Galicia. Todos eles poderán delegar a súa representación conforme a normativa aplicable en cada caso.

Cada concello disporá dun voto na Asemblea, que será emitido polo seu representante.

O representante de Augas de Galicia e o representante da Deputación Provincial de Ourense disporán, cada un deles, dun número de votos equivalente ao número de concellos consorciados, e deben, en todo caso, emitir de forma unitaria o dito voto ponderado.

En ningún caso se admitirá a delegación do voto entre os representantes e as entidades consorciadas.

2. A Asemblea rexerase, en canto ás súas normas de funcionamento, polo disposto nos presentes estatutos e nos acordos que adopte a propia Asemblea ao respecto e, supletoriamente, polo establecido na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

3. A primeira sesión constitutiva da Asemblea realizarase no prazo dun mes desde a publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia. Unha vez constituído o Consorcio, realizará sesión constitutiva para cada novo mandato municipal, no prazo dun mes desde a renovación de todos os concellos consorciados. As sesións ordinarias terán lugar cada seis meses, sen prexuízo da posibilidade de realizar sesións extraordinarias ou extraordinarias urxentes nos mesmos supostos previstos na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

4. A Comisión Executiva estará integrada por un número impar de membros, incluído o seu presidente. O número de integrantes da Comisión determinarase por acordo da Asemblea na sesión constitutiva ao inicio de cada mandato, cun mínimo de tres e un máximo de sete. Presidiraa o presidente do Consorcio. O resto de membros da Comisión serán designados pola Asemblea de entre os seus membros na mesma sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. A Comisión rexerase, en canto ás súas normas de funcionamento, polo disposto nos presentes estatutos e nos acordos que a Asemblea poida adoptar ao respecto e, supletoriamente, polo establecido na lexislación de réxime local para a xunta de goberno. En todo caso, deberá realizar sesión ordinaria cunha periodicidade mínima bimensual.

5. A Comisión Especial de Contas estará integrada por tres membros, incluído o seu presidente. A presidencia da Comisión corresponderalle ao presidente do Consorcio. O resto dos seus membros serán designados pola Asemblea en cada sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. A Comisión rexerase, en canto as súas normas de funcionamento, polo disposto nos presentes estatutos e nos acordos que a Asemblea poida adoptar ao respecto e, supletoriamente, polo establecido na lexislación de réxime local para as comisións informativas. As súas atribucións serán as previstas na lexislación reguladora das facendas locais.

6. O presidente do Consorcio será elixido pola Asemblea en cada sesión constitutiva, mediante acordo adoptado por maioría absoluta en primeira votación e simple na segunda. Nos supostos en que a Presidencia quede vacante antes da extinción dun mandato, a elección do novo presidente terá lugar en sesión extraordinaria convocada para o efecto no prazo de vinte días desde a data en que se produciu a vacante.

7. O presidente do Consorcio designará dous vicepresidentes, que o substituirán en caso de vacante, ausencia e enfermidade e que poderán, ademais, exercer as funcións que aquel lles delegue.

8. O presidente do Consorcio poderá ser destituído a través de moción de censura. A moción de censura rexerase polo disposto na lexislación de réxime electoral para a moción de censura dos alcaldes.

9. A destitución dos vogais da Comisión Executiva levarase a efecto, igualmente, polos trámites establecidos na lexislación de réxime electoral para a moción de censura dos alcaldes.

Artigo 8

1. Correspóndenlle á Asemblea as seguintes atribucións:

a) O control e fiscalización do resto dos órganos de goberno do Consorcio.

b) A aprobación de toda clase de ordenanzas e disposicións de carácter xeral.

c) A aceptación das delegacións de competencias doutras administracións públicas.

d) A determinación dos recursos propios de carácter tributario; a aprobación e modificación dos orzamentos e a aprobación das contas.

e) A creación e supresión dos servizos públicos, así como a modificación do seu réxime de prestación ou forma de xestión.

f) O exercicio da iniciativa pública para o desenvolvemento de actividades empresariais ou económicas.

g) A adquisición de bens e dereitos, o seu alleamento e transacción, salvo cando o seu valor sexa inferior ao 20 % dos recursos ordinarios do último orzamento liquidado.

h) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

i) A aprobación de plans e programas de investimento cuxo importe exceda o 10 % dos recursos ordinarios do último orzamento liquidado.

j) A contratación de carácter público e privado do Consorcio cando os contratos teñan un importe superior ao 20 % dos recursos ordinarios do último exercicio liquidado ou a súa duración exceda catro anos.

k) O recoñecemento extraxudicial de créditos cando non exista dotación orzamentaria; a subscrición de operacións de crédito e a aprobación de acordos de quitación e espera.

l) A aprobación do cadro de persoal e a relación de postos de traballo.

m) O exercicio de accións administrativas e xudiciais en materias da súa competencia.

n) A aprobación inicial de calquera modificación dos estatutos.

o) A aprobación inicial da disolución do Consorcio.

p) A elección e destitución do presidente do Consorcio; a elección e destitución dos membros da Comisión Executiva.

2. Mediante acordo adoptado por maioría absoluta, a Asemblea poderá delegar na Comisión Executiva o exercicio das competencias recollidas nas letras g), h), i) e j), sempre que o importe dos actos e contratos a que se refira a delegación non exceda o 30 % dos ingresos ordinarios liquidados polo Consorcio no último exercicio económico.

Artigo 9

1. Corresponden ao presidente do Consorcio as seguintes atribucións:

a) A representación legal do Consorcio.

b) A presidencia de todos os órganos colexiados do Consorcio.

c) A xefatura superior do persoal do Consorcio. Enténdense excluídas, en todo caso, as seguintes atribucións, que lle corresponderán á Comisión Executiva: a selección, contratación e nomeamento de todo tipo de persoal; a adopción de medidas disciplinarias contra o persoal do Consorcio; e a fixación das condicións laborais do persoal, no non reservado á Asemblea.

d) A adxudicación de contratos administrativos menores.

e) A adopción de actos ou medidas urxentes e inaprazables, dando conta inmediata ao órgano competente do Consorcio para a súa ratificación.

f) A execución dos acordos da Asemblea e a Comisión Executiva.

g) A designación dos vicepresidentes.

h) Decidir os empates con voto de calidade.

i) Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e actuacións do Consorcio, respectando os acordos sobre os ditos servizos ou actuacións da Asemblea ou a Comisión Executiva.

j) Exercer as competencias que lle delegue a Comisión Executiva.

2. O presidente do Consorcio poderá delegar o exercicio das súas atribucións propias, en todo ou en parte, nos vicepresidentes.

3. Os vicepresidentes substitúen o presidente no exercicio das súas funcións pola súa orde de nomeamento nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade. A súa función de suplencia non se estenderá ás competencias cuxo exercicio se delegase noutro vicepresidente.

Artigo 10

1. Correspóndenlle á Comisión Executiva todas as atribucións que, conforme os presentes estatutos, non sexan competencia nin do presidente nin da Asemblea.

2. En todo caso, a Comisión Executiva poderá delegar no presidente calquera das súas atribucións propias.

Artigo 11

1. Os representantes das entidades consorciadas perderán a súa condición de tales ao cesaren no cargo que conforme o artigo 7.1 dos presentes estatutos determina a dita representación.

2. Os membros do Consorcio estarán suxeitos ao mesmo estatuto que os concelleiros, e gozarán de idénticos dereitos económicos e de información, atopándose suxeitos ao mesmo réxime de responsabilidade e incompatibilidades, sen prexuízo do que lles corresponda en virtude dos cargos que exerzan nas entidades consorciadas.

Título III
Do persoal ao servizo do Consorcio

Artigo 12

1. O Consorcio poderá contar con persoal propio, nos termos previstos no Estatuto básico do empregado público e na lexislación de réxime local.

2. O persoal dos concellos consorciados poderá prestar servizos ao Consorcio con carácter voluntario e respectando os requisitos e condicións establecidos na lexislación de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 13

As funcións reservadas a funcionarios con habilitación de carácter estatal serán desempeñadas por este tipo de funcionarios mediante os sistemas de provisión de postos establecidos na súa lexislación reguladora.

En todo caso, o Consorcio poderá solicitar a exención do deber de mantemento dos ditos postos e a asunción do exercicio das ditas funcións polos servizos de asistencia da Deputación Provincial de Ourense.

Título IV
Da facenda e patrimonio do Consorcio

Artigo 14

1. A facenda do Consorcio estará integrada polos seguintes recursos económicos:

a) O coeficiente de vertedura aos sistemas públicos de depuración de augas residuais xestionados polo Consorcio, nos termos previstos na Lei de augas de Galicia.

b) As achegas das entidades consorciadas.

c) Os ingresos de dereito privado, entendendo por tales os froitos, rendas e xuros dos bens e dereitos patrimoniais de que sexa titular o Consorcio, así como os ingresos procedentes do seu alleamento, e os ingresos resultantes do exercicio de actividades económicas.

d) As herdanzas, legados e doazóns.

e) As taxas e prezos públicos pola prestación de servizos ou realización de actividades en réxime de dereito público.

f) As contribucións especiais que poidan establecerse para a execución de obras ou o establecemento, ampliación ou mellora de servizos públicos.

g) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

h) O produto das operacións de crédito.

i) O produto das multas ou sancións que poida impoñer o Consorcio.

j) Calquera outro non previsto nestes estatutos, sempre que sexan aplicables conforme a lexislación vixente.

2. Seranlles de aplicación aos recursos económicos do Consorcio as normas establecidas na lexislación reguladora das facendas locais. Ademais, e no suposto de que as achegas de Augas de Galicia sexan maioritarias, será de aplicación preferente a normativa de réxime financeiro, económico e orzamentario da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 15

1. Con carácter xeral, a xestión do Consorcio procurará como obxectivo o financiamento do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais con cargo ao coeficiente de vertedura previsto na lexislación de augas de Galicia. Se é o caso, o déficit de explotación existente será financiado con achegas das entidades consorciadas, conforme o seguinte cadro:

Augas de Galicia: 75 %.

Deputación de Ourense: 25 %.

2. A mesma regra será de aplicación ao financiamento do resto dos servizos que poida prestar o Consorcio por delegación dos concellos, e debe, por tanto, procurarse o seu financiamento con cargo ás correspondentes taxas, prezos públicos e, de ser o caso, contribucións especiais, e financiar o déficit de explotación con achegas das entidades consorciadas nos termos que sinalen os acordos de delegación ou, na súa falta, as bases de execución do orzamento do Consorcio.

3. No caso de exercicio de funcións ou prestación de servizos que non poidan legalmente ser financiados mediante taxas, prezos públicos ou, se é o caso, contribucións especiais, os gastos correspondentes serán financiados polas entidades consorciadas na proporción que establezan os oportunos acordos de delegación ou, na súa falta, as bases de execución do orzamento do Consorcio.

4. A xestión do Consorcio procurará como obxectivo a redución ao mínimo dos gastos xerais de funcionamento administrativo do Consorcio. Para tal efecto, a Deputación Provincial de Ourense prestará asistencia integral para garantir o normal funcionamento burocrático da Administración consorcial, sen prexuízo da valoración económica da dita prestación para os efectos de distribución de achegas para os ditos gastos xerais entre as administracións consorciadas, no caso de que sexan necesarias.

Como excepción á regra anterior, a prestación de asistencia provincial para o exercicio das competencias de xestión tributaria e recadación, ou o exercicio delegado das ditas funcións pola Administración provincial, estará suxeita ás taxas ou prezos públicos que, con carácter xeral, teña establecidos a Deputación Provincial para os ditos servizos.

5. A regulación das achegas das entidades consorciadas nas bases de execución de cada orzamento, cando proceda, acomodarase ás seguintes regras ou criterios xerais:

– As achegas municipais destinadas ao sostemento de gastos xerais do funcionamento do Consorcio poderán alcanzar ata un 33 % dos ditos gastos, e deberase cubrir o resto mediante achegas da Deputación de Ourense e Augas de Galicia. O importe das achegas de cada concello determinarase mediante o emprego de criterios demográficos, orzamentarios ou outros de carácter obxectivo que permitan determinar a capacidade económica de cada municipio ou o impacto da prestación do servizo en cada termo municipal sobre o seu custo conxunto. Para o cálculo das achegas que correspondan á Deputación de Ourense deducirase o valor dos servizos de asistencia que preste ao Consorcio para o seu funcionamento administrativo.

– As achegas para o financiamento de servizos nos cales só participen algúns concellos consorciados repartiranse exclusivamente entre estes. A participación de Augas de Galicia ou a Deputación de Ourense no financiamento destes gastos terá carácter voluntario.

– Para o cálculo das achegas das entidades consorciadas poderán terse en conta as achegas en especie realizadas, tales como cesión de terreos, equipamentos ou prestación de servizos con medios propios de cada administración.

6. As bases de execución dos orzamentos regularán os prazos en que deben pagarse as achegas das entidades consorciadas. A falta de pagamento nos ditos prazos habilitará a Comisión Executiva para solicitar á Comunidade Autónoma ou ao Estado a retención das cantidades debidas con cargo á participación dos municipios ou da provincia de Ourense nos ingresos autonómicos ou estatais.

Artigo 16

1. O patrimonio do Consorcio estará integrado polos bens, dereitos e accións que lle correspondan como titular.

2. O Consorcio poderá, ademais, ser cesionario de bens ou dereitos municipais ou doutras administracións públicas que se lle adscriban. O réxime de uso de tales bens e dereitos rexerase polo establecido no título de cesión e pola normativa que resulte de aplicación.

3. O patrimonio consorcial será obxecto de distribución entre as entidades consorciadas en caso de disolución do Consorcio, de conformidade coa liquidación que, se for o caso, se aprobe. En todo caso, os bens de dominio público municipais reverterán aos concellos respectivos.

Título V
Da separación e adhesión de membros do Consorcio

Artigo 17

1. A adhesión e separación de membros do Consorcio tramitarase, en todos os casos, como unha modificación dos estatutos.

2. Os membros do Consorcio poderán separarse tras a solicitude dirixida á Asemblea. A solicitude deberá presentarse cunha anticipación mínima dun ano á data de efectividade da separación. O expediente de separación deberá incluír a correspondente liquidación, na cal se fará constar a débeda da entidade que se separa e o prazo e modo do seu pagamento.

Os membros do Consorcio que se separen antes da súa disolución non terán dereito, como regra xeral, a participar na repartición do patrimonio consorcial. Non obstante o anterior, o acordo de separación adoptado polo Consorcio poderá recoñecer ese dereito en relación con bens ou servizos sitos no territorio dos municipios disidentes, e debe prever, en todo caso, os mecanismos de compensación precisos para que non se produzan prexuízos patrimoniais a ningunha das partes.

Non será de aplicación a dita regra aos bens de dominio público de titularidade das entidades consorciadas que fosen adscritos ao Consorcio, os cales reverterán en todo caso ás ditas entidades.

3. A adhesión de novos membros requirirá solicitude expresa por parte da entidade interesada. No acordo de adhesión, a Asemblea poderá prever a exixencia do pagamento dunha achega extraordinaria pola nova entidade, como requisito para recoñecerlle o dereito a participar do patrimonio consorcial en igualdade de condicións co resto dos membros do Consorcio.

Artigo 18

As entidades consorciadas poderán renunciar a participar en determinados servizos ou actividades do Consorcio sen necesidade de separarse da entidade consorcial. A falta de participación en determinados servizos ou actividades unicamente os eximirá das obrigacións económicas vinculadas aos ditos servizos, e privaraos, correlativamente, dos dereitos económicos correspondentes e do dereito a voto na Asemblea nos asuntos relacionados coas ditas actividades e servizos.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior o servizo de depuración de augas residuais, cuxa delegación, outorgada a través da aprobación dos presentes estatutos, só poderá ser revogada mediante a súa modificación ou a separación do concello interesado.

Título VI
Da disolución do Consorcio

Artigo 19

1. O Consorcio poderá disolverse en calquera momento, en virtude de calquera das causas previstas na lexislación vixente, a través do procedemento previsto na Lei de Administración local de Galicia.

2. Unha vez incoado o expediente de disolución por acordo da Asemblea, a Comisión Executiva elaborará, no prazo de tres meses, unha proposta de disolución e liquidación, incluíndo as disposicións relativas ao destino que se lle ha de dar ao persoal e á distribución do patrimonio. A dita proposta someterase a aprobación inicial pola Asemblea, e dará comezo ao procedemento de aprobación da disolución. En canto non se aprobe definitivamente o acordo de disolución e liquidación e se publique no Diario Oficial de Galicia, o Consorcio manterá a súa personalidade xurídica.

3. O acordo de disolución poderá apoderar un ou varios vogais da Asemblea para a execución das operacións liquidatorias necesarias tras a disolución do Consorcio, ou delegar ou encomendarlle a súa xestión á Deputación Provincial. En ambos os casos os xestores da liquidación, unha vez executada esta de modo completo, deberán render contas das actuacións levadas a cabo ante unha comisión integrada polos representantes legais das entidades consorciadas.

Artigo 20

A distribución do patrimonio levarase a cabo en proporción ás achegas establecidas, sen prexuízo do dereito preferente dos municipios onde se localicen os inmobles ou instalacións permanentes para optaren á súa adxudicación, sempre que se garanta a proporcionalidade na repartición, se é o caso, mediante o establecemento das compensacións económicas precisas.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre que transcorresen os prazos previstos no artigo 70 da Lei reguladora das bases do réxime local.