Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2012 Páx. 39794

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.

I

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, atribúelle a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, as cales se exercerán, con carácter xeral, a través da Dirección Xeral de Tributos e das xefaturas territoriais da devandita consellería; as funcións de aplicación dos tributos propios e cedidos; o exercicio da potestade sancionadora derivada da devandita aplicación, así como a función revisora en vía administrativa dos actos ditados no exercicio daquelas.

Por outro lado, o título VI da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, dedicado á xestión recadatoria dos tributos e ingresos de dereito público, regula a xestión que nesa materia corresponde á Facenda pública da Comunidade Autónoma, así como os órganos aos cales se encomenda e o persoal que deberá realizala. Ademais, prevese que para a recadación en vía de constrinximento, propia ou concertada con outras administracións públicas, poderán establecerse unha ou máis zonas de recadación, e defínese a figura do recadador de zona como órgano unipersoal que ten o carácter de axente da Facenda autonómica dentro das súas respectivas zonas e, no exercicio das súas funcións, goza dos dereitos e prerrogativas inherentes á condición de autoridade.

As disposicións recollidas na Lei 11/1996 foron desenvolvidas polo Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establecen a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona.

Por último, nos termos fixados pola Orde do 30 de decembro de 2010, encoméndanselles a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade algunhas funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

O artigo 10 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para crear a Axencia Tributaria de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de facenda, como instrumento para a realización das funcións administrativas de aplicación dos tributos e demais funcións e competencias atribuídas na citada lei, e para a realización das que se lle poidan atribuír ou encomendar mediante unha lei ou convenio.

A Axencia Tributaria de Galicia configúrase como unha axencia pública autonómica, ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, con patrimonio e tesouraría propios e autonomía funcional, financeira e de xestión para o cumprimento dos seus fins, conforme o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a creación da Axencia Tributaria de Galicia e a aprobación do seu estatuto, así como de cinco disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e seis disposicións derradeiras.

A disposición adicional primeira refírese á constitución da Axencia Tributaria de Galicia, momento coincidente coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor e netamente separado da creación da Axencia, unida á aprobación dos seus estatutos, e do seu inicio de actividade, ligado ao exercicio das súas funcións.

A disposición adicional segunda trata da integración do persoal na Axencia Tributaria de Galicia, que conserva os dereitos, deberes e condicións profesionais que tiña en función da relación xurídica de emprego pola que estaba vinculado coa Administración autonómica.

Nas disposicións adicionais terceira e cuarta establécese a subrogación da nova Axencia nos dereitos e obrigas dos órganos administrativos aos cales substitúe e a adscrición de bens e inventario.

A disposición adicional quinta fai referencia ao ingreso da recadación obtida pola Axencia Tributaria de Galicia nas contas da Tesouraría da Comunidade Autónoma, así como as posibles devolucións. En ambos os dous casos será obxecto de desenvolvemento por orde da consellería competente en materia de facenda.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período necesario para culminar o cambio de modelo organizativo, da subsistencia temporal de órganos e a adscrición provisional, da relación de postos de traballo e do réxime orzamentario.

As disposicións derradeiras primeira e segunda teñen por finalidade recoller a modificación da estrutura orgánica da Consellería de Facenda, consecuencia lóxica da creación da Axencia Tributaria de Galicia, o que supón a supresión dos órganos e unidades administrativas en que se estruturaba a Administración tributaria galega dependente da citada consellería.

Na disposición derradeira terceira habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto.

Por último, as disposicións derradeiras cuarta, quinta e sexta recollen unha previsión verbo das remisións normativas á Dirección Xeral de Tributos, xefaturas territoriais da Consellería de Facenda e órganos ou unidades dependentes ou adscritas a esta, así como unha previsión da ausencia de incremento de gasto derivado do decreto e a súa entrada en vigor.

II

O Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, que se insire como anexo do presente decreto, estrutúrase en 44 artigos, agrupados en cinco títulos.

No devandito estatuto delimítanse as funcións que, con carácter xeral, corresponden á persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia e ás diferentes áreas e departamentos que integrarán a estrutura da Axencia, así como as funcións dos órganos de goberno, do órgano de apoio e do órgano de control.

O título I, «Disposicións xerais», está dividido en tres capítulos. O primeiro está dedicado á natureza, finalidade, obxectivos, réxime xurídico e potestades administrativas da Axencia Tributaria de Galicia, e nel determínanse as competencias que lle son propias, a súa adscrición á consellería competente en materia de facenda, a súa sede, o seu réxime de responsabilidade patrimonial e o de colaboración administrativa.

No capítulo II recóllense as funcións e os principios xerais de actuación da Axencia Tributaria de Galicia.

O capítulo III contén as normas que regulan as relacións entre a Axencia Tributaria de Galicia e a súa consellería de adscrición. O contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual configúranse como mecanismos básicos a través dos cales se fixan os obxectivos concretos que, en cada período, se encomendan á Axencia e se determinan as relacións entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

O título II, «Organización e estrutura», organízase en dous capítulos. No capítulo I regúlanse os órganos de goberno: a Presidencia e o Consello Reitor; o órgano de control: a Comisión de Control; o órgano de dirección: a Dirección, e, como órgano de apoio, o Comité de Dirección. O capítulo II está dedicado á «Estrutura administrativa» e nel determínanse as unidades en que se articula.

O título III regula o réxime de persoal, onde se establece que, na Axencia Tributaria de Galicia, poderá prestar os seus servizos tanto persoal funcionario coma laboral.

O título IV regula o réxime económico-financeiro, contable, patrimonial e de contratación. Enuméranse os recursos económicos da Axencia Tributaria de Galicia e establécese a normativa aplicable nas materias sinaladas.

Por último, o título V establece o réxime de control, tanto financeiro coma de eficacia.

Conforme sinala o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por iniciativa e por proposta da consellería competente en materia de facenda, tras o informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de outubro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Tributaria de Galicia e aprobación do seu estatuto

En virtude da autorización prevista no artigo 10 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, créase a Axencia Tributaria de Galicia e apróbase o seu estatuto, cuxo texto se insire como anexo a este decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Tributaria de Galicia e entrada en funcionamento

1. A constitución da Axencia Tributaria de Galicia producirase coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, a partir do cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa posta en funcionamento.

2. A Axencia iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de facenda, no prazo máximo de tres meses desde a sesión constitutiva do Consello Reitor.

Disposición adicional segunda. Integración do persoal na Axencia Tributaria de Galicia

1. O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo da Xunta de Galicia que, con independencia da situación administrativa en que se encontre, preste os seus servizos nos órganos e unidades administrativas suprimidos en virtude da disposición derradeira segunda deste decreto, pasará a desempeñar postos de traballo na Axencia Tributaria de Galicia e a prestar servizos nela como persoal funcionario, na mesma situación en que se encontraba, ou como persoal laboral fixo destinado na Axencia Tributaria de Galicia, con efectos desde a data de inicio da súa actividade e con recoñecemento da súa antigüidade.

2. O persoal funcionario interino que preste os seus servizos nos órganos e unidades administrativas suprimidos en virtude da disposición derradeira segunda deste decreto pasará a desempeñar postos de traballo na Axencia Tributaria de Galicia e a prestar os seus servizos nela como persoal funcionario interino.

Disposición adicional terceira. Subrogación nos bens, obrigas e dereitos

Desde a data de inicio das súas actividades, a Axencia Tributaria de Galicia quedará subrogada na posición xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades que integran o sector público autonómico en todas as relacións xurídicas que afecten o ámbito das súas competencias.

Disposición adicional cuarta. Adscrición de bens e inventario

1. Os bens que na data de inicio da actividade da Axencia Tributaria de Galicia se encontren, por calquera título, afectos ao desenvolvemento das súas competencias considéranse adscritos á Axencia sen necesidade de declaración expresa.

2. A Axencia Tributaria de Galicia realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida ter adquirido para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde esa data.

Disposición adicional quinta. Ingreso nas contas da Tesouraría da Comunidade Autónoma e devolucións de ingresos

1. Mediante orde da consellería competente en materia de facenda establecerase o procedemento para o ingreso nas contas da Tesouraría da Comunidade Autónoma da recadación correspondente a cada quincena producida nas contas restrinxidas de recadación da Axencia Tributaria de Galicia.

2. Por orde da consellería competente en materia de facenda determinaranse os órganos competentes, de acordo co procedemento que se estableza, para o recoñecemento da obriga de devolución de ingresos indebidos ou outras obrigas que procedan en virtude das normas aplicables segundo os tributos e recursos de que en cada caso se trate; o seu pagamento será materializado polos órganos da Axencia Tributaria de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Subsistencia de órganos e adscrición provisional

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Tributos continuará no desenvolvemento das súas funcións ata a designación da persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

2. Os órganos e unidades administrativas integrados na Dirección Xeral de Tributos e nas xefaturas territoriais da Consellería de Facenda continuarán no desenvolvemento das súas funcións ata o inicio de actividades da Axencia Tributaria de Galicia.

3. Sen prexuízo da creación e o inicio de actividades da Axencia Tributaria de Galicia, os órganos e unidades administrativas da Consellería de Facenda e as súas entidades dependentes que teñan atribuídas competencias en materia de servizos comúns respecto á Dirección Xeral de Tributos e ás xefaturas territoriais da Consellería de Facenda continuarán no desenvolvemento das súas funcións ata que a Axencia Tributaria de Galicia dispoña dos servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

4. As persoas titulares das subdireccións e dos servizos suprimidos poderán ser adscritas provisionalmente ás áreas e departamentos que se crean neste decreto.

5. As unidades e postos de traballo de nivel orgánico inferior ao de servizo subsistirán ata a aprobación da relación de postos de traballo da Axencia.

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para adscribir provisionalmente, mentres non se aprobe a relación de postos de traballo, tales unidades e postos de traballo aos órganos derivados da nova estrutura orgánica da Axencia.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio dos procedementos

A partir da data en que a Axencia Tributaria de Galicia inicie a súa actividade, os procedementos que se estean a tramitar nos órganos e unidades administrativas integrados na Dirección Xeral de Tributos e nas xefaturas territoriais da Consellería de Facenda, relativos a ámbitos de competencia asignados á Axencia, pasarán a ser tramitados e resoltos polos órganos ou unidades da Axencia Tributaria de Galicia que teñan atribuídas as respectivas funcións.

Disposición transitoria terceira. Relación de postos de traballo da Axencia

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo de persoal funcionario e laboral da Axencia Tributaria de Galicia, manterase como instrumento de ordenación dos seus recursos humanos a relación de postos de traballo da Consellería de Facenda en canto aos órganos e unidades administrativas afectados por este decreto, coas dotacións existentes no momento da creación da Axencia.

Disposición transitoria cuarta. Réxime orzamentario aplicable á Axencia Tributaria de Galicia durante o exercicio 2012

Mentres non se aprobe o orzamento da Axencia Tributaria de Galicia manterase o réxime orzamentario correspondente á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e quedarán afectados á Axencia Tributaria de Galicia os créditos atribuídos aos órganos suprimidos.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o artigo 2 do Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«a) A Consellería de Facenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

5. Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

6. Dirección Xeral da Función Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O Consello Galego da Competencia, organismo autónomo creado pola Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

3. O Centro Informático para a Xestión Tributaria, económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público creado pola disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril.

4. A Axencia Tributaria de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro.

5. O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

1. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 2 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que queda redactado como segue:

«1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia estrutúrase nos seguintes órganos:

– Conselleira/o.

– Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

– Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

– Dirección Xeral de Orzamentos.

– Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

– Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

– Dirección Xeral da Función Pública.

– Órganos colexiados.

2. Adscríbense á Consellería de Facenda as seguintes entidades:

– Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo que se axustará, en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e ás normas que a desenvolven.

– Consello Galego da Competencia, organismo autónomo creado pola Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

– Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público creado pola disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril».

– Axencia Tributaria de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro.

– Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño».

2. Modifícase o número 2.3 do artigo 5 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que queda redactado como segue:

«2.3. A Subdirección Xeral de Análise e Coordinación, con dependencia funcional da persoa titular da Consellería, que realizará as seguintes funcións:

– Apoio técnico á persoa titular da Consellería no ámbito da súa competencia.

– Análise e estudos socioeconómicos e da conxuntura económica.

– Estudos e traballos relativos á elaboración e seguimento da planificación económica.

– Estudo, seguimento e coordinación das competencias das distintas áreas da Consellería propoñendo medidas encamiñadas á mellora do seu funcionamento.

– A análise e o deseño da política global de ingresos públicos, no relativo aos tributos cedidos polo Estado á Comunidade Autónoma, aos tributos propios e demais ingresos de dereito público.

– A elaboración de anteproxectos normativos relativos aos ingresos de dereito público, así como a emisión de instrucións e circulares para o seu cumprimento.

2.3.1. Contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.3.1.1. O Servizo de Coordinación en materia de planificación económica e estatística, que realizará as seguintes funcións:

– Apoio ás funcións de coordinación e seguimento das competencias das áreas da Consellería encomendadas á Subdirección Xeral.

– Análises e estudos sobre a planificación económica, así como do seguimento de todas as actuacións relativas á política económica e investimentos públicos da Comunidade Autónoma, en coordinación coa Dirección Xeral de Planificación e Fondos.

– Análise das estatísticas elaboradas en coordinación co Instituto Galego de Estatística e co Servizo de Estudos e Estatísticas da Secretaría Xeral e do Patrimonio, así como colaboración na súa preparación.

2.3.1.2. O Servizo de Coordinación en materia orzamentaria, que realizará as seguintes funcións:

– Apoio ás funcións de coordinación e seguimento das competencias das áreas da consellería encomendadas á Subdirección Xeral.

– Análises e estudos nas materias relativas á planificación, programación e orzamentos do sector público autonómico, en coordinación coa Dirección Xeral de Orzamentos».

3. Modifícase o número 2.1 do artigo 6.2.1 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que queda redactado como segue:

«2.1. O Servizo de Xestión de Persoal, ao cal lle corresponde a xestión, o control e a coordinación do persoal da Consellería, a programación das necesidades do seu persoal e as funcións de habilitación dos gastos de persoal».

4. Modifícase o artigo 8 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico exercerá as seguintes funcións:

– Dirixir e supervisar o exercicio das funcións atribuídas ao Servizo Técnico-Xurídico.

– Prestar apoio administrativo e técnico-xurídico e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón desta competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

– O apoio ás actuacións da Xunta Superior de Facenda.

2. Contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. O Servizo Técnico-Xurídico, que exercerá as seguintes funcións:

– Informe e tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería, das compilacións, refundicións de normas e das publicacións e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados pola Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

– Estudo e tramitación dos recursos e reclamacións presentados contra os actos ditados pola Consellería cando a súa resolución non estea atribuída a outros órganos desta, así como a preparación e o informe dos asuntos que se teñan que elevar ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

– A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

2.2. O Servizo de Xestión de Reclamacións Económico-Administrativas, que exercerá as seguintes funcións:

– Tramitación dos expedientes das reclamacións económico-administrativas cuxa competencia corresponda á Xunta Superior de Facenda, o que inclúe todas as súas fases: recepción dos escritos; petición de expedientes; posta de manifesto; estudo e preparación das resolucións das reclamacións económico-administrativas, así como a súa notificación.

– Colaboración co Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia.

– Remisión de expedientes aos órganos da xurisdición contencioso-administrativa.

– Notificación de sentenzas aos diferentes órganos da Comunidade Autónoma no ámbito das súas competencias».

5. Engádese un número 2.2.3 no artigo 19 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, coa seguinte redacción:

«2.2.3. O Servizo de Taxas e Prezos, que exercerá as seguintes funcións:

– Análise e avaliación dos aspectos financeiros da actividade da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia en canto a devandita actividade consista na entrega de bens ou na prestación de servizos de demanda individualizada e a adopción das medidas normativas necesarias para o seu financiamento.

– A emisión dos informes preceptivos para a medida e comprobación do custo efectivo dos servizos prestados e bens entregados pola Administración e a salvagarda do seu equilibrio económico-financeiro, e a previsión das medidas orzamentarias correspondentes, en relación cos instrumentos financeiros previstos na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A elaboración da información global respecto ás compensacións ou subvencións que poida comportar a actividade administrativa sobre a cal recaian os instrumentos financeiros previstos na Lei 6/2003.

– O seguimento e a análise da execución orzamentaria correspondente aos ingresos anteriores, así como a elaboración de estudos e propostas dirixidos a optimizar a súa xestión».

6. Modifícase o número 1.b) do artigo 21 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, coa seguinte redacción:

«b) A xestión da Tesouraría da Comunidade Autónoma e, en canto estea atribuída á Comunidade, a doutros entes públicos, en especial:

– A realización dos ingresos.

– A ordenación xeral de pagamentos en canto lle fose delegada polo/a conselleiro/a de Facenda.

– A ordenación xeral de pagamentos do Servizo Galego de Saúde, así como a periodificación de pagamentos e provisión de fondos dos seus centros de xestión.

– A xestión dos depósitos e fianzas que se deban constituír na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma.

– Autorización da apertura de contas nas entidades de crédito e aforro, e o seu réxime de disposición, de acordo co establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– A xestión e rendibilización de todos os recursos financeiros da Tesouraría Xeral e a súa distribución para o pagamento das obrigas».

7. Suprímense os artigos 20, 24, 25 e 26 e a disposición adicional primeira do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

8. Modifícase a rúbrica do título III do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que pasa a denominarse «Órganos territoriais».

Disposición derradeira terceira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantos actos e disposicións sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución do previsto neste decreto e, en particular, para a reestruturación dos postos e a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela.

Disposición derradeira cuarta. Remisións normativas aos órganos e unidades afectados por este decreto

Toda remisión normativa á Dirección Xeral de Tributos, ás xefaturas territoriais da Consellería de Facenda ou aos órganos ou unidades dependentes ou adscritos a estas se entenderá realizada á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, ás súas delegacións ou aos órganos ou unidades da devandita axencia que teñan atribuídas as respectivas funcións.

Disposición derradeira quinta. Estrutura orgánica

A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto e será obxecto de revisión no prazo de dous anos, de conformidade co previsto no artigo 55.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás as disposicións derradeiras primeira, segunda e cuarta, que entrarán en vigor na data en que a Axencia Tributaria de Galicia inicie a súa actividade.

Santiago de Compostela, dezaoito de outubro de dous mil doce

Elena Muñoz Fonteriz Alberto Núñez Feijóo

Conselleira de Facenda Presidente

ANEXO
Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia

TÍTULO I
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Natureza, finalidade, obxectivos, adscrición, sede e réxime xurídico

Artigo 1. Natureza da Axencia Tributaria de Galicia

1. A Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Tributaria de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, dispón de patrimonio e tesouraría propios e autonomía funcional, financeira e de xestión para o cumprimento dos seus fins dentro dos límites establecidos polas leis.

3. Para os efectos previstos no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, a Axencia Tributaria de Galicia ten a consideración de medio propio e servizo técnico dos poderes adxudicadores para os cales realice a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aquela un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. O réxime das encomendas ou encargos á Axencia Tributaria de Galicia será o definido nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 2. Finalidade e obxectivos da Axencia Tributaria de Galicia

1. A Axencia Tributaria de Galicia ten por finalidade o desenvolvemento das funcións sinaladas no artigo 9 deste estatuto, como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación efectiva dos recursos ao seu cargo.

2. A Axencia Tributaria de Galicia perseguirá os seguintes obxectivos, sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades e, en todo caso, en estreita colaboración con eles:

a) Garantir que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos deben contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante actuacións de control e de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización dos incumprimentos tributarios.

b) Garantir que as actuacións administrativas que desenvolva en exercicio das súas funcións minimicen os custos indirectos derivados das exixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias.

c) Fomentar o cumprimento voluntario das obrigas fiscais mediante accións de concienciación e sensibilización, prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte e calquera outra que, de modo directo ou indirecto, vaian encamiñadas a tal obxectivo.

d) Calquera outro que, de forma directa ou indirecta, poida contribuír á realización dos obxectivos descritos nas alíneas anteriores.

Artigo 3. Adscrición e sede da Axencia Tributaria de Galicia

1. A Axencia Tributaria de Galicia está adscrita á consellería competente en materia de facenda, que fixará as directrices e exercerá a tutela e o control de eficacia e eficiencia sobre a súa actividade. As relacións entre ambas as dúas articúlanse por medio do contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual. Para a mellora da eficacia e eficiencia da súa xestión, a Axencia Tributaria de Galicia poderá propoñer á consellería competente en materia de facenda a elaboración de normas que afecten o exercicio das súas funcións.

2. A Axencia Tributaria de Galicia ten a súa sede institucional na cidade de Santiago de Compostela.

Artigo 4. Réxime xurídico da Axencia Tributaria de Galicia

1. O réxime xurídico interno da Axencia Tributaria de Galicia regúlase polo dereito administrativo e o réxime xurídico externo polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo a normativa xeral aplicable.

2. A Axencia Tributaria de Galicia réxese pola súa norma de creación e polas disposicións que se diten no seu desenvolvemento, así como polas disposicións xerais reguladoras das axencias públicas autonómicas da Comunidade Autónoma de Galicia e a correspondente normativa económico-financeira.

3. A Axencia Tributaria de Galicia gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Réxime xurídico dos actos ditados polos órganos da Axencia Tributaria de Galicia

1. Dentro da esfera das súas competencias, á Axencia Tributaria de Galicia correspóndenlle as potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións.

2. Os actos da Axencia Tributaria de Galicia ditados no exercicio das súas funcións como poder público son actos administrativos e réxense pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

3. As funcións de aplicación dos tributos, a potestade sancionadora tributaria e a recadación doutros ingresos de dereito público atribuídas á Axencia Tributaria de Galicia réxense pola Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento, polas normas ditadas pola Comunidade Autónoma no exercicio da súa competencia en materia tributaria e polas disposicións en materia de procedemento administrativo aplicables ao ámbito da Administración da Comunidade Autónoma.

4. Nos termos que establece a Lei xeral tributaria e as súas normas de desenvolvemento, os actos de natureza tributaria que diten os órganos e unidades administrativas da Axencia Tributaria de Galicia, así como os de recadación en vía executiva dos ingresos públicos non tributarios, son susceptibles de reclamación económico-administrativa ante os órganos económico-administrativos competentes, sen prexuízo da interposición previa e potestativa do recurso de reposición.

5. A declaración de nulidade de pleno dereito en vía administrativa e a declaración de lesividade dos actos de natureza tributaria, así como dos de recadación en vía executiva dos ingresos públicos non tributarios, correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda e efectuarase de acordo cos motivos, os prazos e a tramitación establecidos na normativa tributaria.

6. Os actos ditados por órganos da Axencia Tributaria de Galicia non incluídos no número catro anterior son susceptibles de revisión en vía administrativa, de acordo coa lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, nos seguintes termos:

a) A resolución dos procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos anulables e a revogación dos de gravame ou desfavorables corresponderá á Presidencia, salvo que se trate de actos dos órganos de goberno da Axencia, caso en que resolverá a persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

b) A rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos, e a resolución do recurso extraordinario de revisión corresponderán ao propio órgano administrativo que ditou o acto impugnado.

c) Os actos ditados polo Consello Reitor ou pola Presidencia esgotan a vía administrativa.

d) Os actos ditados pola Dirección serán susceptibles de recurso de alzada ante a Presidencia e os actos ditados polos demais órganos da Axencia serán susceptibles de recurso en alzada ante a Dirección.

7. As reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, serán resoltas pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda. No caso das reclamacións de terzaría de dominio e de mellor dereito sobre toda clase de bens ou dereitos, a resolución corresponde á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 6. Responsabilidade patrimonial da Axencia Tributaria de Galicia

O réxime de responsabilidade patrimonial da Axencia Tributaria de Galicia e de responsabilidade de autoridades e demais persoal ao seu servizo é o establecido con carácter xeral para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. A resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, nos termos determinados pola normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Convenios

1. A Axencia Tributaria de Galicia pode subscribir, nos termos e condicións establecidos pola normativa aplicable á Administración da Xunta de Galicia e, en todo caso, valorando a dispoñibilidade de medios para o exercicio adecuado das funcións que ten atribuídas, convenios de colaboración coas entidades públicas instrumentais integradas no sector público autonómico de Galicia e demais entidades instrumentais integradas nel ou con outras administracións públicas ou entidades dependentes delas, nos ámbitos de actuación que, directa ou indirectamente, lle son propios. Así mesmo, pode subscribir convenios con entidades privadas coa mesma finalidade.

2. Se os convenios a que se refire o punto anterior lle impoñen á Axencia Tributaria de Galicia a execución de tarefas para cumprir mediante os seus recursos humanos ou materiais, pode establecerse unha contraprestación económica que, en calquera caso, cubra ou compense o custo dos medios empregados na execución do convenio.

3. Corresponden a Axencia Tributaria de Galicia as potestades de dirección, coordinación e inspección das funcións que poida encomendar, mediante convenio, a terceiros.

Artigo 8. Colaboración con outras administracións públicas

1. A colaboración da Axencia con outras administracións públicas ou coas súas entidades vinculadas poderá revestir calquera forma admitida en dereito, incluída a constitución ou participación en entidades con personalidade xurídica propia e diferenciada, que exixirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia por proposta do titular da consellería competente en materia de facenda.

2. A Axencia Tributaria de Galicia participará, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, nos órganos de colaboración, entes ou organismos do Estado responsables da aplicación dos tributos estatais cedidos parcialmente.

3. A Axencia Tributaria de Galicia colaborará especialmente coas administracións tributarias doutras comunidades autónomas e da Administración local. Así mesmo, debe colaborar coa Administración de xustiza e cos órganos do Ministerio Fiscal.

Capítulo II
Funcións e principios xerais de actuación

Artigo 9. Funcións

1. A Axencia Tributaria de Galicia terá as seguintes funcións:

a) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, cando así o estableza a súa normativa reguladora.

b) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora dos tributos estatais cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na normativa reguladora do financiamento autonómico.

c) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora das recargas que se establezan sobre os tributos estatais.

d) A aplicación e o exercicio da potestade sancionadora doutros tributos estatais ou locais recadados en Galicia que poida asumir por delegación ou encomenda.

e) A recadación dos ingresos de dereito público de natureza non tributaria que a normativa atribúa á consellería competente en materia de facenda.

f) A revisión en vía administrativa das actuacións e actos realizados no exercicio das funcións anteriores, con excepción das reclamacións económico-administrativas, da revisión de actos nulos de pleno dereito e daquelas outras que por lei específica se atribúan a outros órganos.

g) A colaboración e coordinación coas demais administracións tributarias e, en particular, a participación nos órganos de goberno da Axencia Estatal de Administración Tributaria ou, de ser o caso, nos das entidades que se creen en relación coa aplicación dos tributos en Galicia.

h) Calquera outra función que lle sexa atribuída por lei ou por convenio administrativo.

Artigo 10. Principios xerais de actuación

A actividade da Axencia Tributaria de Galicia fundamentarase nos seguintes principios e regras de actuación:

a) Legalidade, obxectividade, eficacia e universalidade na aplicación dos tributos, con pleno respecto aos dereitos e ás garantías dos cidadáns.

b) Loita contra as diversas formas de fraude fiscal.

c) Eficacia e responsabilidade na xestión da información.

d) Información e servizo aos cidadáns, prestando unha atención especial aos contribuíntes, reducindo ao mínimo os custos de tramitación e facilitando o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

e) Coordinación e cooperación co resto das administracións tributarias.

f) Colaboración social e institucional cos colexios profesionais e con outras corporacións de dereito público e asociacións profesionais do ámbito tributario co fin de facilitar ao máximo aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas e dos seus deberes tributarios.

g) Adaptación continua aos cambios do ámbito económico e social e atención ás novas necesidades dos cidadáns.

h) Transparencia na fixación de criterios na súa actividade.

i) Impulso do emprego e aplicación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

j) Especialización e cualificación do persoal ao servizo da Axencia.

k) Xestión transparente por obxectivos, en particular na loita contra a fraude. Os seus mecanismos serán o contrato plurianual de xestión, o plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

Capítulo III
Relacións entre a consellería competente en materia de facenda e a Axencia Tributaria de Galicia

Artigo 11. O contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión deberá establecer, como mínimo e para o período da súa vixencia, os seguintes aspectos:

a) Os obxectivos perseguidos, os resultados que se pretenden obter e a xestión que se vai desenvolver. De ser o caso, indicaranse os mecanismos de axuste ou modificación dos obxectivos e resultados previstos.

b) Os plans necesarios para alcanzar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais, así como os indicadores de seguimento para avaliar os resultados obtidos.

c) As previsións máximas de cadro de persoal e o marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos.

d) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios que cómpre achegar para a consecución dos obxectivos.

e) Os efectos asociados ao grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión do órgano de dirección e o persoal directivo, así como os mecanismos que permitan a exixencia das devanditas responsabilidades.

f) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

g) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits anuais que, de ser o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

h) O procedemento para a introdución das outras modificacións distintas das sinaladas na alínea a) anterior ou de adaptacións anuais que, de ser o caso, procedan.

2. O Consello Reitor debe aprobar a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución. Os posteriores contratos plurianuais de xestión presentaranse no último trimestre da vixencia do anterior.

3. A aprobación do contrato plurianual de xestión ten lugar por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta das consellerías competentes en materia de facenda e de administracións públicas, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. En caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

Artigo 12. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. Anualmente debe procederse á aprobación polo Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia, por proposta da Dirección, dos seguintes documentos:

a) O plan de acción anual, que comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que alcanzar de acordo cos recursos dispoñibles e os principios xerais de actuación, a previsión dos resultados que se obterán a partir da xestión levada a cabo nas actuacións ordinarias e os instrumentos de seguimento, control e avaliación aos cales a Axencia ten que someter a súa actividade. Todo iso no marco das previsións e compromisos adquiridos no contrato plurianual de xestión.

Os obxectivos anuais referiranse tanto ao control tributario, con actuacións relativas á prevención e loita contra a fraude fiscal, como á atención á cidadanía mediante a potenciación e mellora da asistencia ao contribuínte. Tamén se incluirán aquelas prioridades que determine o Consello Reitor.

b) O informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refiren este artigo e o anterior son públicos, e os cidadáns terán acceso ao seu contido desde a súa aprobación. Para garantir o libre acceso, estes documentos serán publicados na sede electrónica da Axencia Tributaria de Galicia dentro dos 30 días seguintes ao da súa aprobación e editados en documentos para o efecto.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia informará as consellerías competentes nas materias de facenda e administracións públicas acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato plurianual de xestión durante o anterior exercicio.

TÍTULO II
Organización e estrutura

CAPÍTULO I
Órganos de goberno, dirección, apoio e control

Artigo 13. Órganos de goberno, dirección, apoio e control

Son órganos da Axencia Tributaria de Galicia os seguintes:

a) Órganos de goberno: a Presidencia e o Consello Reitor.

b) Órgano de dirección: a Dirección.

c) Órgano de apoio: o Comité de Dirección.

d) Órgano de control: a Comisión de Control.

Artigo 14. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

2. Corresponde á Presidencia:

a) Exercer a representación institucional e legal da Axencia Tributaria de Galicia.

b) Subscribir, en nome da entidade que preside e nas materias que sexan competencia da Axencia Tributaria de Galicia, convenios de colaboración con entidades públicas e privadas excluídos da lexislación de contratos do sector público.

c) Propoñer á Asesoría Xurídica Xeral a interposición de recursos e reclamacións no ámbito de competencias da Axencia Tributaria de Galicia.

d) As demais competencias e funcións que se lle atribúen no presente estatuto e as que se determinen noutras disposicións de aplicación.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar na persoa titular da Dirección aquelas funcións propias que xulgue oportunas e sexan susceptibles de delegación.

4. En caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá a titular da Presidencia.

Artigo 15. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Tributaria de Galicia ao cal corresponde establecer as directrices de actuación de acordo coas emanadas da consellería competente en materia de facenda.

2. O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e seis vogais. Os membros do Consello Reitor son nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

3. Son membros do Consello Reitor:

a) A persoa titular da Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia, que preside o Consello Reitor.

b) A persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, a quen corresponde a vicepresidencia do Consello Reitor.

c) A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de patrimonio.

d) A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de orzamentos.

e) A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de función pública.

g) A persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

h) A persoa titular da Dirección Xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

4. Os membros do Consello Reitor poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe a persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

5. Exercerá a función de secretario, con voz pero sen voto, a persoa que designe o Consello Reitor de entre o persoal da Axencia Tributaria de Galicia.

6. O Consello Reitor ten as seguintes funcións:

a) Exercer a dirección superior da Axencia Tributaria de Galicia e o seguimento, a supervisión e o control superiores da súa actuación e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) Aprobar a proposta do contrato plurianual de xestión.

c) Aprobar os obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais, así como os criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato plurianual de xestión.

d) Aprobar o informe xeral anual da actividade desenvolvida pola Axencia Tributaria de Galicia e de cantos informes extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

e) Aprobar as contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, acompañadas do informe de auditoría.

f) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

g) Aceptar as delegacións de competencias ou encomendas de funcións doutras administracións públicas e as súas entidades dependentes a favor da Axencia.

h) Actuar como órgano de contratación da Axencia Tributaria de Galicia e subscribir no seu nome os contratos relativos aos asuntos propios desta. A persoa titular da consellería competente en materia de facenda poderá fixar a duración ou contía a partir da cal será necesaria a súa autorización para a subscrición de contratos, excepto que a devandita autorización lle corresponda ao Consello da Xunta de Galicia.

i) O exercicio das competencias en materia de patrimonio, de acordo co previsto na normativa reguladora de patrimonio da Comunidade Autónoma.

j) Aprobar a proposta de relación de postos de traballo e de oferta pública de emprego.

k) Nomear e separar o persoal directivo.

l) Aprobar o Regulamento de réxime interior e a Carta de servizos da Axencia Tributaria de Galicia.

m) Calquera outra que, de ser o caso, lle atribúan as disposicións vixentes, así como as que se lle deleguen.

7. O Consello Reitor pode delegar na Dirección as funcións sinaladas nas alíneas g), h), i) e k) da número 6 anterior.

8. O Consello Reitor reunirase, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao trimestre e, en sesión extraordinaria, sempre que a convoque a persoa titular da Presidencia, por iniciativa propia ou por pedimento da persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia ou da metade máis un dos seus membros.

A convocatoria, con expresión da orde do día, será notificada polo secretario, por orde da Presidencia, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas de antelación á data de celebración da sesión, e incorporará a orde do día dos asuntos que se van tratar. En casos de urxencia poderá convocarse a sesión cunha antelación non inferior a vinte e catro horas e non será preceptiva a orde do día.

9. Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais do presidente e do secretario ou de quen os substitúa, deberán estar presentes, na primeira convocatoria, a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.

10. Os acordos do Consello Reitor adoptaranse por maioría dos seus membros presentes ou representados e, en caso de empate, a persoa titular da Presidencia terá o voto de calidade.

11. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustaranse ao disposto no Regulamento de réxime interno; na Lei reguladora da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. Poderán asistir, con voz pero sen voto, ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia en calidade de persoas expertas en relación coas materias incluídas na orde do día, para as cales o seu criterio e asesoramento sexa relevante.

13. A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.

Artigo 16. A Dirección

1. A persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, que terá a condición de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, é nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de facenda. En todo caso, debe reunir requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica, en materia tributaria, así como experiencia acreditada na xestión pública.

2. Corresponde á Dirección:

a) Exercer a dirección e xestión ordinaria da Axencia Tributaria de Galicia, que inclúe ditar as instrucións e circulares sobre todos os temas relacionados coa organización e o funcionamento dos servizos e do persoal da Axencia Tributaria de Galicia.

b) Dirixir e coordinar a actuación do Comité de Dirección.

c) Elaborar as propostas de obxectivos e plans de acción anuais, de relación de postos de traballo e oferta de emprego público e de informe xeral de actividade, para sometelos ao Consello Reitor.

d) Executar o orzamento e o plan de acción anual da Axencia.

e) Exercer a xefatura do persoal da Axencia e, en xeral, as funcións que a normativa autonómica de función pública encomenda aos órganos superiores e directivos nesta materia, en relación coa dependencia funcional do persoal da Axencia.

f) Propoñer os criterios para a avaliación do desempeño do persoal ao servizo da Axencia e a correspondente distribución dos conceptos retributivos asignados á remuneración dos incentivos ao rendemento legalmente previstos, dentro das previsións establecidas polo orzamento da Axencia e conforme os criterios recollidos no contrato plurianual de xestión.

g) Xestionar o patrimonio e administrar os recursos económicos da Axencia.

h) Autorizar e dispoñer gastos con cargo a créditos orzamentarios, recoñecer obrigas e ordenar os seus pagamentos, conforme a normativa orzamentaria aplicable.

i) Formular as contas anuais da Axencia Tributaria de Galicia e elevalas ao Consello Reitor para a súa aprobación.

j) Aprobar o plan de control tributario anual.

k) Aprobar o plan anual de formación do persoal ao servizo da Axencia Tributaria de Galicia.

l) Propoñer á consellería competente en materia de facenda a elaboración de normas sobre a aplicación dos tributos e sobre a recadación en período executivo doutros ingresos de dereito público.

m) Coñecer os proxectos normativos cando afecten procedementos tributarios e, en xeral, as competencias e funcións da Axencia Tributaria de Galicia, e emitir informe sobre estes.

n) A coordinación e supervisión das distintas áreas e departamentos da Axencia Tributaria de Galicia.

o) Ditar instrucións polas cales se establezan os criterios de actuación dos distintos órganos e unidades dependentes ou adscritos, así como circulares para a unificación de criterios nos ámbitos das funcións encomendas á Axencia Tributaria de Galicia, sen prexuízo da competencia para ditar disposicións interpretativas ou aclaratorias que corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

p) Elaborar a proposta de resolución á persoa titular da consellería competente en materia de facenda en relación cos procedementos especiais de revisión en materia tributaria de actos nulos de pleno dereito e de declaración de lesividade de actos anulables, respecto aos actos ditados polos órganos da Axencia Tributaria de Galicia.

q) A resolución dos procedementos de revogación dos actos da Axencia Tributaria de Galicia ditados no exercicio das súas funcións.

r) Cumprir as demais funcións atribuídas nos estatutos da Axencia, as que lle atribúa o Regulamento de réxime interior e as que lle delegue a Presidencia ou o Consello Reitor.

s) Ditar as resolucións nos procedementos tributarios e sancionadores en materia tributaria de competencia da Axencia Tributaria de Galicia, sempre que non estean atribuídas especificamente polo presente estatuto ou por outras disposicións xerais a outros órganos e unidades da Axencia Tributaria de Galicia.

t) Asumir as facultades que non estean atribuídas expresamente a outro órgano e as que, de ser o caso, lle atribúan as disposicións vixentes.

Artigo 17. O Comité de Dirección

1. O Comité de Dirección da Axencia Tributaria de Galicia está presidido pola persoa titular da Dirección e está integrado polas persoas titulares das áreas sinaladas no artigo 21 deste decreto. Actúa como secretario, con voz pero sen voto, quen designe a persoa titular da Dirección de entre o persoal da Axencia.

2. As funcións do Comité de Dirección son:

a) Aprobar e realizar o seguimento das liñas de traballo fixadas no plan de acción anual.

b) Propoñer medidas que afecten a organización, contratación ou investimentos e realizar o seguimento da súa execución.

c) Asesorar a Presidencia, o Consello Reitor e a Dirección.

d) Cumprir as funcións que lle atribúa o Regulamento de réxime interior e as que lle delegue a Dirección.

3. O funcionamento do Comité de Dirección axustarase ao disposto no Regulamento de réxime interior; na Lei reguladora da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Asistirán ás sesións do Comité de Dirección as persoas titulares das restantes unidades centrais sinaladas no artigo 21 deste decreto que sexan convocadas pola Presidencia cando, por razón das materias incluídas na orde do día, o seu criterio e asesoramento sexan relevantes.

Artigo 18. A Comisión de Control

1. No seo do Consello Reitor constituirase a Comisión de Control que se reunirá, cando menos, unha vez cada catro meses, e estará integrada polos seguintes membros:

a) Un representante da Axencia Tributaria de Galicia.

b) Un representante da consellería de adscrición da Axencia Tributaria de Galicia.

c) Un representante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, ao cal corresponde a presidencia da Comisión.

d) Un representante da dirección xeral competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. A secretaría da Comisión de Control será exercida polo secretario do Consello Reitor, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor coma á dirección política das consellerías que forman parte da Comisión.

3. En ningún caso os membros da Comisión de Control serán coincidentes cos membros do Consello Reitor. Sempre que estea debidamente xustificado, o presidente da Comisión poderá exixir determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control.

4. Os membros da Comisión de Control serán designados polo titular da consellería correspondente, de entre o seu persoal técnico, e deberán ser titulares de subdireccións xerais, xefaturas de servizo ou equivalente. O representante da Axencia Tributaria de Galicia será designado pola Dirección.

5. Son funcións da Comisión de Control:

a) Supervisar o procedemento e os sistemas de elaboración da información de xestión económica e financeira que se someterá ao Consello Reitor. Para tal efecto, formulará o marco normalizado de comunicación desta información, analizará os seus resultados e coñecerá os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno e propoñerá as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

b) Revisar as contas anuais que se deben someter ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

c) Supervisar as memorias e informes emitidos pola persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, nos cales se relacione o grao de cumprimento dos obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional e incentivos que debe levar asociados. Neste ámbito, elaborará coa periodicidade que decida o Consello Reitor, e polo menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato plurianual de xestión e do plan de acción anual.

d) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución, a través da análise do estado de execución orzamentaria mensualmente remitido á Comisión de Control. Neste ámbito, emitirá informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas pola persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia e coñecerá os acordos de incorporación dos remanentes de tesouraría.

e) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

6. Os informes da Comisión de Control teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas, sen que sexan vinculantes para o Consello Reitor. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola Comisión de Control poderán conter propostas ou recomendacións para a súa consideración polo Consello Reitor.

7. Poderán asistir ás sesións da Comisión de Control, con voz pero sen voto, aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia en calidade de expertos en relación coas materias incluídas na orde do día, para as cales o seu criterio e asesoramento sexan relevantes. A súa presenza será comunicada con antelación aos membros da Comisión de Control, xunto coa convocatoria da sesión.

8. A pertenza á Comisión de Control non xera dereitos laborais nin económicos.

9. O funcionamento da Comisión de Control axustarase ao disposto no Regulamento de réxime interno; na Lei reguladora da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II
Estrutura administrativa

Sección 1ª. Estrutura xeral e ámbito territorial

Artigo 19. Estrutura xeral da Axencia Tributaria de Galicia

1. Para o desempeño das súas funcións e baixo a dependencia da Dirección, a Axencia Tributaria de Galicia estrutúrase en áreas e departamentos por razón da materia e en función dos distintos ámbitos de actuación, así como en unidades centrais e delegacións, para o efecto da desconcentración das funcións que así o requiran e de acordo co delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda e coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección.

2. Adscrita organicamente á Dirección existirá a Asesoría Xurídica da Axencia Tributaria de Galicia, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Corresponde á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, integrada por funcionarios da escala de letrados da Xunta de Galicia, asesorar a Axencia Tributaria de Galicia e representala en dereito, nos termos establecidos polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, que aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e polas normas correspondentes de desenvolvemento.

Artigo 20. Ámbito territorial

1. O ámbito territorial das unidades centrais da Axencia Tributaria de Galicia esténdese a todo o territorio da comunidade autónoma de Galicia.

2. As delegacións da Axencia Tributaria de Galicia sitúanse na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. O seu ámbito territorial será o delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda. Así mesmo, dependendo orgánica e funcionalmente das delegacións, poderán existir unidades administrativas situadas noutras localidades do territorio galego.

Sección 2ª. Unidades centrais

Artigo 21. Estrutura

1. A Axencia Tributaria de Galicia estrutúrase nas seguintes unidades centrais:

a) Área de Colaboración Social, Información e Asistencia.

b) Área de Xestión Tributaria.

c) Área de Inspección Tributaria.

d) Área de Recadación.

e) Departamento de Recursos Humanos e Réxime Interior.

f) Departamento de Xestión Económico-Financeira, Orzamentaria e Contable.

g) Departamento de Auditoría e Calidade.

h) Departamento de Análise da Información.

2. As persoas titulares das áreas e departamentos anteriores serán substituídas, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, pola persoa que designe a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 22. Área de Colaboración Social, Información e Asistencia

1. Corresponde á Área de Colaboración Social, Información e Asistencia, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Estudos, Información e Asistencia, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A coordinación dos departamentos de Información e Asistencia Tributaria das delegacións, outros órganos de xestión e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia, en materia de información e asistencia tributaria.

b) A xestión do contido da sede electrónica da Axencia Tributaria de Galicia.

c) A elaboración e o mantemento dos modelos oficiais de declaracións tributarias e de calquera documento normalizado.

d) O mantemento da base de datos de coñecemento, así como a recompilación e publicación dos textos actualizados das normas tributarias e de doutrina administrativa de maior transcendencia.

e) A elaboración de estudos e informes sobre as distintas actuacións e procedementos desenvolvidos pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) A tramitación dos procedementos de revogación e dos procedementos especiais de revisión de actos nulos de pleno dereito e de declaración de lesividade de actos anulables, cando a resolución ou a súa proposta corresponda á Dirección.

g) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento de Colaboración Social e Administrativa, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A tramitación e supervisión dos acordos de colaboración social con outras administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais.

b) A colaboración e o intercambio de datos e información necesarios cos órganos de control e inspección autonómicos e doutras administracións públicas e, en particular, co Consello de Contas, a Inspección de Servizos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, co Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria e co Consello Territorial para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria.

c) Canalizar as relacións entre os órganos da Axencia Tributaria de Galicia e os órganos económico-administrativos e os xuíces e tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

d) A elaboración de informes para a proposta de interposición de recursos contencioso-administrativos, o seguimento e control en materia de medidas cautelares e de execución de resolucións, autos e sentenzas, canalizando a relación coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

e) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

Artigo 23. Área de Xestión Tributaria

1. Corresponde á Área de Xestión Tributaria, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Xestión Tributaria, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A coordinación dos departamentos de Xestión Tributaria das delegacións, outros órganos de xestión e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia, sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades.

b) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de xestión tributaria no seu ámbito de competencias.

c) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados da xestión no seu ámbito de competencias.

d) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento de Tributos de Xestión Centralizada, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) As funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, respecto aos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, aos tributos sobre o xogo e ao imposto sobre o patrimonio, sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto nas leis ou no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros entes, órganos ou unidades.

b) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de xestión tributaria no seu ámbito de competencias.

c) A coordinación, asistencia e control, en colaboración co órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de orzamentos, dos órganos xestores de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das actuacións e procedementos de xestión e sancionador respecto a estes.

d) O estudo, deseño e proposta, en colaboración co órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de orzamentos, dos procedementos de aplicación de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O exercicio da potestade sancionadora e, cando así se acorde por resolución da consellería competente en materia de facenda, a asunción dos procedementos de xestión en determinadas taxas e prezos.

f) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados da xestión no seu ámbito de competencias.

g) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

Artigo 24. Área de Inspección Tributaria

1. Corresponde á Área de Inspección Tributaria, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións de inspección tributaria previstas no artigo 141 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento de Inspección Tributaria, que contará con dous inspectores-xefe adxuntos, e que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) As funcións de inspección tributaria previstas no artigo 141 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto nas leis ou no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros entes, órganos ou unidades.

b) A análise e proposta dos plans de inspección e de control tributario, así como a proposta de medidas e métodos de actuación para a detección e loita contra a fraude fiscal.

c) Coordinar as actuacións das unidades de inspección.

d) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de inspección tributaria.

e) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados das actuacións de inspección tributaria.

f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

2.2. O Departamento Central de Valoracións, que poderá situarse nunha das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia e que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A dirección técnica dos equipos de traballo dedicados ao estudo e á investigación do valor de mercado dos inmobles.

b) O estudo, análise e proposta das condicións técnicas necesarias para a explotación da información catastral.

c) A análise e proposta dos criterios técnicos que utilizarán os facultativos en desenvolvemento das súas actuacións.

d) A emisión de ditames e outras actuacións relacionadas coa valoración e recoñecemento de bens, dereitos e actividades de natureza inmobiliaria, así como a confección, conservación e actualización dos censos e rexistros fiscais correspondentes.

e) A realización de traballos facultativos propios das obras de construción, reforma, conservación e reparación dos inmobles adscritos á Axencia Tributaria de Galicia, así como a recolla periódica de información sobre o seu estado de conservación, sistemas de seguridade e adecuación á normativa vixente.

f) O control e inspección dos usos pola propia Axencia Tributaria de Galicia dos seus bens inmobles, así como a elaboración de propostas para a súa mellor aplicación, sobre as distribucións e aproveitamento de espazos.

g) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de valoración e do sistema de información e estatística relativa aos resultados das devanditas actuacións.

h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

Artigo 25. Área de Recadación

1. Corresponde á Área de Recadación, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade coa normativa vixente, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, as funcións en materia de recadación que se prevén na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda, así como as demais que lle encomende a Dirección ou que se lle deleguen.

Entre outras, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificar e coordinar a xestión recadatoria que corresponda á Axencia Tributaria de Galicia, incluída a que derive de convenios, delegacións de competencias ou encomendas de xestión doutras administracións públicas.

b) A coordinación entre os órganos da Axencia Tributaria de Galicia e demais órganos ou entes da Comunidade Autónoma que desempeñen funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

c) A autorización, supervisión e control das contas restrinxidas de recadación, así como o réxime de funcionamento dos ingresos nas entidades colaboradoras e nas entidades que, de ser o caso, presten o servizo de caixa.

d) A supervisión da actuación dos órganos de recadación.

e) O estudo e a proposta de convenios con outras administracións públicas que instrumenten a delegación ou encomenda de funcións en materia de recadación.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento Central de Recadación, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A xestión centralizada da recadación executiva.

b) A xestión recadatoria nos dous períodos respecto das débedas das unidades centrais e órganos con sede no concello de Santiago de Compostela.

c) Ditar providencias de constrinximento respecto ás débedas sinaladas na alínea anterior.

d) A relación coas entidades colaboradoras no ámbito da comunidade autónoma.

e) Facer o seguimento dos procesos concursais en que compareza a Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 26. Departamento de Recursos Humanos e Réxime Interior

Corresponde ao Departamento de Recursos Humanos e Réxime Interior, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección, as seguintes funcións:

a) A xestión, control e coordinación dos asuntos relativos ao persoal adscrito á Axencia Tributaria de Galicia. En particular, os relativos ao réxime retributivo, administrativo e disciplinario do persoal, os sistemas de previsión social, a oferta de emprego público, a relación de postos de traballo e os procesos de selección e provisión do persoal.

b) A elaboración, seguimento e coordinación do plan anual de formación.

c) As actuacións preparatorias necesarias para a elaboración do anteproxecto de orzamento da Axencia, en canto afecta as súas funcións.

d) A xestión, control e coordinación dos asuntos relativos ao réxime interior, servizos xerais, seguridade e o mantemento das instalacións e prevención de riscos laborais.

e) O rexistro, a xestión documental, o arquivo e custodia de documentos e a súa eliminación.

f) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

g) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

h) As demais funcións que lle delegue ou asigne a Dirección.

Artigo 27. Departamento de Xestión Económico-Financeira, Orzamentaria e Contable

Corresponden ao Departamento de Xestión Económico-Financeira, Orzamentaria e Contable, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección, as seguintes funcións:

a) A xestión, control e coordinación dos asuntos relativos á xestión orzamentaria, a contabilidade, a tesouraría e a xestión de pagamentos.

b) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e os convenios con contraprestación económica.

c) As actuacións preparatorias necesarias para elaboración do anteproxecto de orzamento, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos ou unidades no presente decreto.

d) A xestión do inventario dos bens inmobles ou mobles adscritos á Axencia Tributaria de Galicia, incluídos os ingresos e rendementos derivados destes, a adquisición de bens mobles e de material non inventariable. A tramitación dos expedientes en materia patrimonial realizarase en coordinación coa dirección xeral competente en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

g) As demais funcións que lle delegue ou asigne a Dirección.

Artigo 28. Departamento de Auditoría e Calidade

Corresponden ao Departamento de Auditoría e Calidade, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección, as seguintes funcións:

a) Coordinar a elaboración da proposta de contrato plurianual de acción e do informe xeral anual de actividade.

b) Supervisar o funcionamento interno da Axencia Tributaria, mediante a inspección das actuacións das unidades centrais, das delegacións e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia.

c) O control da eficacia e eficiencia mediante a análise do grao de obtención dos obxectivos fixados no plan de acción anual, en coordinación coa Comisión de Control.

d) Promover a implantación de programas de calidade e avaliar os resultados obtidos.

e) A tramitación e o seguimento das queixas e suxestións dos cidadáns dirixidas á Axencia Tributaria de Galicia.

f) Controlar a política de seguridade da información e o cumprimento da normativa en materia de protección de datos, así como os accesos ás bases de datos informáticas propias e externas mediante a realización de auditorías periódicas.

g) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

j) As demais funcións que lle delegue ou asigne a Dirección.

Artigo 29. Departamento de Análise da Información

Corresponden ao Departamento de Análise da Información, baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e en colaboración coas distintas áreas, as funcións relativas á coordinación co Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), para o desenvolvemento e implementación dos sistemas de análise da información.

Sección 3ª. Delegacións

Artigo 30. Delegacións

1. No seu ámbito de actuación, as delegacións terán as seguintes competencias:

a) O exercicio das competencias da Axencia Tributaria de Galicia desconcentradas pola normativa vixente, de acordo coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección e as unidades centrais.

b) O rexistro, arquivo e custodia de documentos.

c) A realización das tarefas materiais relacionadas coas funcións encomendadas a calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia no seu ámbito territorial.

d) A emisión de informes sobre as actuacións no seu ámbito territorial.

e) A xestión de todos os asuntos relativos ao persoal, habilitación, material e réxime interior no seu ámbito territorial.

f) As demais funcións que lle delegue ou asigne a Dirección.

2. As delegacións dependen orgánica e funcionalmente da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

3. Todos os órganos e unidades administrativas da Axencia Tributaria de Galicia que limiten o seu ámbito territorial a unha delegación dependerán da persoa titular desta.

4. As persoas titulares das delegacións serán substituídas, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, pola persoa que designe a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 31. Estrutura das delegacións

Para o cumprimento das súas funcións, as delegacións contarán coas seguintes unidades, que realizarán, dentro do ámbito territorial delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda, as funcións que para cada unha delas se sinalan a continuación:

a) Departamento de Información e Asistencia, que exercerá as funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

b) Departamento de Xestión Tributaria, que exercerá as funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

c) Departamento de Recadación, que exercerá as funcións en materia de recadación que se prevén na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e no Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

d) Unidades de Inspección Tributaria, que exercerán as funcións de inspección tributaria previstas no artigo 141 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lle atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

e) Unidades de Valoración Inmobiliaria, ás cales lles corresponden a emisión de ditames e outras actuacións relacionadas coa valoración e recoñecemento de bens, dereitos e actividades de natureza inmobiliaria, así como a confección, conservación e actualización dos censos e rexistros fiscais correspondentes, sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente decreto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades.

TÍTULO III
O persoal da Axencia Tributaria de Galicia

Artigo 32. Persoal da Axencia Tributaria de Galicia

1. A Axencia Tributaria de Galicia contará co persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia necesario para poder exercer as súas funcións. En todo caso, as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico, das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público, corresponderán, exclusivamente, aos funcionarios públicos.

2. O persoal funcionario ao servizo da Axencia Tributaria de Galicia rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Tributaria de Galicia rexerase polo Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal da Axencia Tributaria de Galicia quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu incumprimento será sancionado conforme a normativa que en cada caso resulte aplicable.

Artigo 33. Persoal directivo

1. A Axencia Tributaria de Galicia poderá contar con persoal directivo, o cal deberá ter a condición de funcionario.

2. O persoal directivo ocupará postos definidos como tales na relación de postos de traballo en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das funcións asignadas.

3. O persoal directivo será nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección. A súa designación atenderá a principios de mérito, capacidade e competencia profesional e a criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

Artigo 34. Relación de postos de traballo

1. A relación de postos de traballo da Axencia conterá necesariamente os seguintes datos de cada posto: o órgano ou dependencia a que se adscribe, denominación, tipo e sistema de provisión, nivel e retribucións complementarias do persoal funcionario e categoría profesional e réxime xurídico aplicable aos postos que vai desempeñar o persoal laboral e os requisitos exixidos para o seu desempeño.

2. A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo serán acordadas polo Consello Reitor, por proposta da Dirección e logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública. En todo caso, a aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal. A proposta de relación de postos de traballo, así como as súas modificacións, serán negociadas coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

Artigo 35. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Tributaria de Galicia serán realizados polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlles aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Tributaria de Galicia correspóndelle ao centro directivo competente en materia de función pública de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Tributaria de Galicia someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 36. Condicións de traballo e réxime retributivo

1. A aprobación dos instrumentos polos cales se regulen as condicións de traballo do persoal destinado na Axencia Tributaria de Galicia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociadas previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

2. Os conceptos retributivos do persoal funcionario serán os establecidos na normativa de función pública de Galicia, e as súas contías serán as que figuren nas correspondentes relacións de postos de traballo, no marco do contrato de xestión, e respectarán, en todo caso, os límites cuantitativos establecidos nas leis anuais de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

3. As condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia son as establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

4. A contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade estará, en todo caso, vinculada ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

5. De acordo cos sistemas de representación e participación do persoal e conforme os criterios aprobados polo Consello Reitor, a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia establecerá un sistema de avaliación que sirva de instrumento obxectivo para a valoración do desempeño dos postos de traballo e a asignación da produtividade, de ser o caso. O sistema de avaliación valorará rendementos colectivos das unidades e realizará unha valoración individual de cada posto de traballo.

6. Os representantes do persoal participarán na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos da Axencia, incluíndo os aspectos relativos á organización, formación, estrutura e marco de actuación en materia de recursos humanos e retribucións, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 37. Formación do persoal

Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia aprobar, por proposta do Comité de Dirección, o plan anual de formación do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Tributaria de Galicia, así como a proposta de convenios con este obxecto con entidades públicas ou privadas, sen prexuízo das competencias da Escola Galega de Administración Pública ou a consellería competente en materia de facenda.

TÍTULO IV
Réxime económico-financeiro, contable, de contratación e patrimonial

Artigo 38. Xestión económico-financeira

A xestión económico-financeira da Axencia Tributaria de Galicia fundaméntase nos principios de racionalización, simplificación, eficacia e eficiencia.

Artigo 39. Recursos económicos

1. Os recursos da Axencia Tributaria de Galicia estarán constituídos:

a) Polas dotacións que se lle asignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Polas subvencións e demais transferencias correntes ou de capital que, con cargo ao orzamento de calquera ente público, poidan corresponderlle.

c) Polos rendementos procedentes dos bens ou dereitos do seu patrimonio.

d) Polo produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) Polo rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) Polos ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que poida realizar en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

f) Polas achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

g) Polos ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

h) Por calquera outro ingreso de dereito público ou privado que normativamente lle poida corresponder.

i) Por calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Os recursos que deriven das alíneas b), e), f), g) e h) que non estean previstos no orzamento da Axencia poderanse destinar a financiar maiores gastos por acordo do órgano que resulte competente conforme os seus estatutos.

2. A Dirección da Axencia Tributaria de Galicia poderá realizar a contratación de créditos ou préstamos cando iso sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

3. O endebedamento a curto prazo está suxeito aos límites que resulten das leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

4. Para o cobramento dos créditos que teñan a consideración de créditos de dereito público, a Axencia Tributaria de Galicia poderá utilizar o procedemento de constrinximento previsto na normativa tributaria.

Artigo 40. Réxime orzamentario e tesouraría

1. A Axencia Tributaria de Galicia ten un orzamento propio que se integra nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos na lexislación de réxime económico-financeiro.

2. O orzamento réxese polo disposto na normativa reguladora das entidades que conforman o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, a lexislación en materia económico-financeira da Comunidade Autónoma e as sucesivas leis de orzamentos.

3. O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

4. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, a autorización das variacións da contía global do orzamento así como as que afecten gastos de persoal e de capital. A autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das alíneas b), e), f), g), e h) do artigo 39.1 e se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria, correspóndelle á persoa titular da Dirección, logo do informe favorable da Comisión de Control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, que dará conta con posterioridade á consellería competente en materia de facenda.

5. Poden determinarse, mediante os correspondentes contratos plurianuais de xestión, mecanismos de axuste de créditos de gastos e investimentos vinculados á consecución dos obxectivos establecidos. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato plurianual de xestión.

6. A Dirección da Axencia Tributaria de Galicia poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo de informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, que se pronunciará respecto aos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo darase canta á Comisión de Control.

7. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan máis de catro exercicios, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de aplicarlle ao importe total de cada programa, excluído o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

Non obstante, en casos especialmente xustificados, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda e logo dos informes que se xulguen oportunos e, en todo caso, o da dirección xeral competente en materia de orzamentos, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades.

8. De acordo coas directrices, estrutura, documentación e criterios establecidos pola consellería competente en materia de facenda, corresponde ao Consello Reitor a elaboración e aprobación do anteproxecto de orzamento anual da Axencia Tributaria de Galicia, por proposta da Dirección. Unha vez aprobado, será remitido para o seu exame á consellería competente en materia de facenda, que o xuntará ao orzamento da propia consellería para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

9. Os créditos a favor da Comunidade Autónoma que deriven da xestión dos recursos atribuída á Axencia Tributaria de Galicia forman parte da facenda autonómica e, en consecuencia, os correspondentes dereitos de cobramento deben consignarse nos correspondentes capítulos do estado de ingresos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

10. A recadación de ingresos tributarios e dos demais recursos de dereito público, derivada da actividade propia da Axencia Tributaria de Galicia, forma parte da Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no título IV do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 41. Réxime patrimonial

1. Constitúen o patrimonio da Axencia Tributaria de Galicia os bens e dereitos que ten adscritos e os bens e dereitos propios, de calquera natureza, que adquira por calquera título, conforme o disposto na lexislación en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os bens adscritos conservan a cualificación xurídica orixinaria e a adscrición non implica ningún alleamento do dominio público nin desafectación.

3. O réxime patrimonial da Axencia Tributaria de Galicia está suxeito á normativa reguladora das entidades que conforman o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e á normativa reguladora do patrimonio de Galicia.

4. A Axencia Tributaria de Galicia goza de sistemas de información propios, sen prexuízo das fórmulas de colaboración que se poidan establecer coa Administración xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 42. Réxime contable

1. Corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma establecer os criterios que precise a aplicación da normativa contable á Axencia Tributaria de Galicia, nos termos establecidos pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario para as entidades do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Tributaria de Galicia contará cun sistema de información económico-financeira e orzamentaria que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e proporcionar información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

3. A Axencia Tributaria de Galicia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato plurianual de xestión.

Artigo 43. Réxime contractual

1. A contratación da Axencia Tributaria de Galicia réxese pola normativa vixente en materia de contratación do sector público e pola normativa de desenvolvemento que sexa de aplicación no ámbito da comunidade autónoma de Galicia.

2. O órgano de contratación da Axencia Tributaria de Galicia é o Consello Reitor.

TÍTULO V
Control financeiro e de eficacia

Artigo 44. Réxime de control

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia Tributaria de Galicia corresponde ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia Tributaria de Galicia corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase nos termos establecidos pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario para as entidades do sector público autonómico de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no punto anterior, a Axencia Tributaria de Galicia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería competente en materia de facenda. O devandito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.