Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39112

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de outubro de 2012 pola que se establece a convocatoria para o ano 2012 e se determina o seu importe global máximo para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies (gasto cofinanciado polo Fondo Europeo de Pesca-FEP nun 61 % e polo Estado membro nun 39 %).

Mediante Orde da Consellería do Mar do 9 de xaneiro de 2011 (Diario Oficial de Galicia n° 13, do 20 de xaneiro), aprobáronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2011 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, financiados polo Fondo Europeo de Pesca (FEP). Esta orde, nos seus artigos 3.2 e 11.1, dispón que anualmente se publicarán os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais, así como os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2011 a 2013.

Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

O número máximo de anualidades establécese no artigo 6, que dispón que se poderán presentar proxectos de carácter plurianual, sen que a súa duración poida exceder os catro exercicios orzamentarios. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos, para os compromisos de gastos plurianuais, no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por todo o mencionado, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar o importe máximo, para o ano 2012, da convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies.

As bases reguladoras desta convocatoria serán as fixadas pola Orde da Consellería do Mar do 9 de xaneiro de 2011 (Diario Oficial de Galicia n° 13, do 20 de xaneiro).

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na epígrafe Servizos de Administración electrónica da páxina web http://webpesca.xunta.es. Presentaranse no Rexistro Único e de Información do Complexo Administrativo de San Caetano ou no de calquera das xefaturas territoriais da consellería, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderanse presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia compulsada dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da consellería por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberán indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II que está dispoñible na epígrafe Servizos de Administración electrónica da páxina web http://webpesca.xunta.es, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.).

d) Declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

e) Copia compulsada das concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción ou a solicitude de obtención destes.

f) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo IV.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), d) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

Artigo 4. Crédito orzamentario

No ano 2012 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 16.31.723A. 770.1, código de proxecto 201100802 (eixe prioritario 3, medidas de interese público; medida 3.1, accións colectivas) dos orzamentos de gasto da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

O importe máximo das subvencións que se concedan na convocatoria do ano 2012 será de cincocentos corenta mil euros (540.000 €), que se distribuirán nas seguintes anualidades:

– Ano 2012: 360.000 euros.

– Ano 2013: 180.000 euros.

De conformidade co disposto no artigo 3.3 das bases reguladoras, os importes consignados para esta convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 61 % con fondos FEP e o 39 % con fondos propios da comunidade autónoma.

Disposición transitoria única

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2012, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 30 de xuño de 2013.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file