Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39014

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de traslado e mobilización en centros sanitarios en Galicia.

O Real decreto 1790/2011, do 16 de decembro, estableceu, entre outras, as cualificacións profesionais de nivel 1 de traslado e mobilización de usuarios/as e/ou pacientes, documentación e materiais en centros sanitarios, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compoñen.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle, na súa disposición adicional terceira, que os módulos específicos asociados a unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel 1, incluídos nos programas de cualificación profesional inicial, desenvolven a competencia do perfil profesional, e formarán parte da formación profesional do sistema educativo, e determina que a consellería con competencias en materia de educación establecerá o currículo dos módulos específicos dos respectivos perfís profesionais, conforme o tecido produtivo de Galicia.

A Orde do 13 de xullo de 2011, pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia, establece, no seu artigo 7, que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan, se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de traslado e mobilización en centros sanitarios en Galicia.

Segundo. Identificación

O programa de cualificación profesional inicial de traslado e mobilización en centros sanitarios queda identificado polos seguintes elementos:

– Denominación: traslado e mobilización en centros sanitarios.

– Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

– Duración: 580 horas.

– Familia profesional: sanitaria.

Terceiro. Competencia xeral

Colaborar na mobilización e realizar o traslado e a atención das persoas usuarias e/ou pacientes dun centro sanitario, así como a ordenación e o traslado de documentos e materiais deste, utilizando as técnicas, os equipamentos e os materiais accesorios, baixo a supervisión do persoal correspondente, para garantir a integridade e a seguridade de persoas usuarias e/ou pacientes, cumprindo os protocolos e/ou a normativa aplicable nos centros sanitarios.

Cuarto. Competencias profesionais, persoais e sociais

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan:

a) Ordenar os documentos recibidos nos servizos xerais do centro sanitario, clasificándoos por servizos, para os identificar con axilidade e poder trasladalos ao lugar de destino.

b) Trasladar o material e os equipamentos sanitarios e non sanitarios baixo a supervisión da persoa responsable destes, e colocalos no seu lugar de destino para garantir a súa dispoñibilidade.

c) Informar e atender o público ofrecendo as indicacións básicas para favorecer o funcionamento do centro sanitario.

d) Atender as persoas usuarias e/ou pacientes de xeito claro e conciso, ofrecendo as indicacións básicas para mellorar a utilización dos servizos e favorecer a axilidade dos trámites destes, no centro de atención primaria.

e) Colaborar na mobilización de pacientes para axudar o persoal de enfermaría baixo a súa supervisión a realizar os cometidos asistenciais, para o mellor desenvolvemento da atención ao paciente, adecuándoas ás necesidades deste.

f) Asistir o persoal sanitario baixo a súa supervisión na inmobilización e suxeición de pacientes, para lles realizar as manobras sanitarias, evitando a aparición de lesións e garantindo a súa seguridade física.

g) Trasladar pacientes baixo a supervisión do persoal de enfermaría, para realizar as probas técnicas solicitadas polo persoal facultativo, ou en caso de emerxencia do centro sanitario, garantindo a seguridade do paciente.

h) Trasladar cadáveres, fetos e amputacións para seren estudados e/ou recollidos polos servizos funerarios, cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias e preservando as condicións de conservación dos restos orgánicos, atendendo aos protocolos establecidos.

i) Colaborar na mobilización de pacientes e preparar a mesa cirúrxica e os seus accesorios conforme os protocolos e as normas de asepsia do centro sanitario, baixo a supervisión do persoal de enfermaría, para que o persoal facultativo poida proceder a efectuar as operacións cirúrxicas.

j) Realizar as mobilizacións, inmobilizacións e suxeicións de pacientes nas unidades de coidados intensivos (de agora en adiante UCI), de vixilancia intensiva (de agora en adiante UVI) e de grandes queimados, colaborando co persoal correspondente de cada unidade e seguindo as normas do centro sanitario, para axudar o persoal de enfermaría a realizar os coidados dos pacientes, e baixo a súa supervisión.

k) Trasladar, colocar e espir o cadáver, así como a preparación da sala e do instrumental de autopsias, para poder levar a cabo o estudo forense, asegurando que estea todo preparado para poder realizar o estudo, baixo a supervisión do persoal responsable.

l) Demostrar certa autonomía na resolución de pequenas continxencias relacionadas coa súa actividade.

m) Cumprir as normas de seguridade, saúde e protección ambiental, detectando e previndo os riscos asociados ao posto de traballo.

n) Comunicarse eficazmente coas persoas axeitadas en cada momento, respectando as canles establecidas na organización.

ñ) Manter hábitos de orde, puntualidade, responsabilidade e pulcritude ao longo da actividade.

o) Demostrar as actitudes de cortesía, respecto e discreción requiridas na atención a pacientes.

p) Actuar con confianza na propia capacidade profesional e prestar atención ás innovacións que se produzan dentro do sector e que poidan fomentar o propio desenvolvemento profesional.

Quinto. Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais incluídas no perfil profesional

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Traslado e mobilización de usuarios/as e/ou pacientes, documentación e materiais en centros sanitarios, SAN668_1 (Real decreto 1790/2011, do 16 de decembro), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

– UC2251_1: ordenar e trasladar os documentos, materiais e equipamentos dun centro sanitario, e proporcionar a información demandada.

– UC2252_1: trasladar e colaborar na mobilización de pacientes, cadáveres, amputacións e fetos tanto no acceso como nas unidades de hospitalización dun centro sanitario, baixo a supervisión do persoal responsable.

– UC2253_1: trasladar e colaborar na mobilización e na inmobilización de pacientes en unidades especiais, baixo a supervisión do persoal responsable.

Sexto. Contorno profesional

1. Ámbito profesional: desenvolve a súa actividade profesional por conta allea en institucións ou centros sanitarios de saúde, públicos ou privados, en atención primaria ou especializada. Actúa baixo a supervisión do persoal responsable.

2. Sectores produtivos: sitúase no sector dos centros sanitarios, nos ámbitos público e privado. Poderá desenvolver as súas funcións nos seguintes espazos: centros sanitarios de atención primaria e de atención especializada, e centros de rehabilitación, no ámbito sanitario.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

– Celador/ora de institucións sanitarias.

– Celador/ora de unidades de hospitalización de centros sanitarios.

– Celador/ora de unidades especiais de centros sanitarios.

– Celador/ora de centros de atención primaria.

– Celador/ora de almacén.

– Celador/ora de autopsias.

Sétimo. Módulos específicos

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan:

– ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

– ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

– ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

– ME0152. Formación en centros de traballo.

Oitavo. Espazos e equipamentos

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno. Profesorado e persoas formadoras

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo. Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro. Distribución horaria dos módulos específicos

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2012

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

1. Anexo I. Módulos específicos.

1.1. Módulo específico: comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

• Código: ME0149.

• Duración: 70 horas.

1.1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Clasifica a documentación utilizada nun centro sanitario (formularios, peticións de citas, probas diagnósticas etc.), tendo en conta as súas características e a urxencia do documento.

– CA1.1. Categorizouse a recepción de documentación e correspondencia, tendo en conta os departamentos e os servizos dun centro sanitario.

– CA1.2. Tramitáronse con celeridade, nun suposto práctico nun centro sanitario, as comunicacións verbais encomendadas polos seus superiores.

– CA1.3. Trasladáronse os documentos, nun suposto práctico nun centro sanitario, segundo as súas características, e fixéronselle chegar ao destinatario as comunicacións verbais que se reciban.

– CA1.4. Clasificouse a documentación e a correspondencia, nun suposto práctico nun centro sanitario, seguindo os criterios de ordenación específicos de cada arquivador.

– CA1.5. Identificáronse os impresos e os documentos dun centro sanitario, indicando o seu destino, logo de contrastar o seu contido.

– CA1.6. Relacionouse a documentación e a correspondencia co seu respectivo destino, respectando a tramitación establecida nunha suposta distribución.

– CA1.7. Dispuxéronse os arquivadores mediante unha estrutura que asigne un espazo específico a cada servizo.

– CA1.8. Leváronse a cabo os procesos de reprografía, para manter o abastecemento de impresos e documentación que precise un centro sanitario, utilizando para iso as máquinas existentes.

• RA2. Aplica técnicas de manipulación de materiais e equipamentos sanitarios e non sanitarios, valorando a forma de manexo segundo o tipo de material ou de equipamento que cumpra trasladar ou instalar.

– CA2.1. Asignouse o medio de transporte, nun suposto práctico nun centro sanitario, en función do material sanitario e non sanitario que cumpra trasladar, tendo en conta as características deste.

– CA2.2. Realizouse o traslado e a colocación dos aparellos sanitarios, a maquinaria e as axudas técnicas, nun suposto práctico nun centro sanitario, tendo en conta as súas características e evitando situacións de risco.

– CA2.3. Xestionouse o transporte de preparacións, soros e unidoses, nun suposto práctico nun centro sanitario, tendo en conta a solicitude do pedido polo servizo de destino.

– CA2.4. Describíronse as existencias do material de farmacia e/ou almacén dun determinado centro sanitario, se se destinan tanto ao seu depósito como á súa distribución a outros servizos, segundo as pautas preestablecidas, para efectuar o reconto e a comprobación das existencias.

– CA2.5. Identificouse, nun suposto práctico, o modo de distribución dos pedidos realizados polos servizos, mediante o correspondente formulario, favorecendo que cheguen ao seu destino.

– CA2.6. Describiuse o carro para o transporte de lenzaría segundo o contido que haxa que trasladar.

– CA2.7. Identificáronse e recoñecéronse as anomalías ou deficiencias do material dun servizo determinado, para mellorar a calidade deste.

• RA3. Define o funcionamento dun centro sanitario no relativo á atención ao público, tendo en conta protocolos establecidos.

– CA3.1. Informouse unha persoa usuaria e/ou un paciente que se presente nun mostrador de información, nun suposto práctico de atención ao público, utilizando unha linguaxe clara e precisa.

– CA3.2. Recoñecéronse as normas internas dun centro sanitario, segundo os criterios establecidos para o seu cumprimento polas persoas usuarias e/ou pacientes.

– CA3.3. Describíronse tanto as técnicas de primeiros auxilios básicos como o plan de emerxencia dun centro sanitario, segundo os protocolos establecidos nese centro para estes casos.

– CA3.4. Describiuse a forma e actitude na atención ao público nun centro sanitario, en función da canle de comunicación.

• RA4. Explica o proceso de atención ao público nun centro de atención primaria, considerando posibles trámites, para ofrecer a información requirida.

– CA4.1. Obtivéronse datos dunha persoa usuaria e/ou paciente, nun suposto práctico de atención ao público, mediante a solicitude dunha tarxeta sanitaria para a súa identificación.

– CA4.2. Ordenáronse, nun suposto práctico de atención ao público, mediante criterios de preferencia establecidos nun centro asistencial, as citas ás persoas usuarias e/ou pacientes, utilizando para iso programas informáticos destinados para tal efecto.

– CA4.3. Atendeuse, nun suposto práctico de atención ao público o servizo telefónico ao longo dunha xornada, mantendo unha atención continuada.

1.1.2. Contidos básicos.

– Ordenación da documentación dos servizos xerais dun centro sanitario por servizos.

• Centros sanitarios: tipos; estrutura funcional e orgánica. Características e clases de documentos.

• Urxencia e outras prioridades.

• Clasificación de documentación.

• Categorización da distribución da documentación e da correspondencia. Funcionamento de maquinaria de reprografía e informática básica. Contaxe de material de farmacia e almacén.

• Plans de emerxencia.

• Normativa sobre riscos laborais.

– Manexo e traslado do material e dos equipamentos dun centro sanitario.

• Manexo e traslado de material.

• Transporte: clases.

• Aparellos sanitarios, maquinaria e axudas técnicas: tipos e protocolos.

• Distribución de unidoses e soros.

• Control de existencias e recepción de produtos.

• Prevención de riscos en relación aos materiais e aos equipamentos dun centro sanitario.

– Atención do persoal celador a persoas usuarias e/ou pacientes dun centro sanitario.

• Datos da tarxeta sanitaria.

• Habilidades de comunicación.

• Técnicas de comunicación: verbal e non verbal.

• Tipos de información. Confidencialidade.

• Técnicas de primeiros auxilios básicos.

• Dereitos e deberes de pacientes, persoas usuarias e familiares.

1.1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de ordenar e trasladar documentos, materiais e equipamentos dun centro sanitario, e proporcionar a información demandada.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Ordenación dos documentos recibidos nos servizos xerais do centro sanitario.

– Traslado do material e dos equipamentos sanitarios e non sanitarios baixo a supervisión da persoa responsable destes.

– Información e atención ao público ofrecendo as indicacións básicas para favorecer o funcionamento do centro sanitario.

– Atención á persoa usuaria e/ou paciente, de xeito claro e conciso, ofrecendo as indicacións básicas para mellorar a utilización dos servizos e favorecer a axilidade dos trámites destes.

1.2. Módulo específico: mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

• Código: ME0150.

• Duración: 210 horas.

1.2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Determina o proceso das mobilizacións, en función dos cometidos asistenciais que necesita un determinado paciente.

– CA1.1. Identificáronse as características do paciente nun suposto práctico, logo da información do persoal sanitario, para o mobilizar.

– CA1.2. Colaborouse co persoal sanitario na mobilización dun paciente encamado, nun suposto práctico, seguindo a normativa e os protocolos establecidos de ergonomía.

– CA1.3. Identificouse a transferencia que haxa que efectuar a un paciente, nun suposto práctico, en función das características individuais deste e do tipo de axuda que requira.

– CA1.4. Detalláronse as axudas técnicas utilizadas na mobilización dun paciente, describindo as indicacións, o funcionamento e o manexo destas.

– CA1.5. Describíronse as necesidades asistenciais dun paciente, atendendo ás características deste.

– CA1.6. Definíronse as posturas de colocación dun paciente en relación aos coidados do persoal de enfermaría, atendendo aos protocolos preestablecidos.

• RA2. Aplica as técnicas e os procedementos para utilizar na inmobilización e na suxeición dun paciente, atendendo ás características físicas deste.

– CA2.1. Identificáronse as características dun paciente, logo da información do persoal sanitario, para a súa suxeición ou inmobilización.

– CA2.2. Analizáronse as medidas de prevención de aparición de lesións, nun suposto práctico, seguindo as indicacións do persoal sanitario.

– CA2.3. Detalláronse as medidas e os medios de suxeición que se utilizan para a inmobilización ou a suxeición dun paciente, seguindo os protocolos preestablecidos.

• RA3. Identifica as características e o funcionamento de equipamentos de traslado de pacientes, en relación coas características destes.

– CA3.1. Comprobáronse as partes dunha solicitude, nun suposto práctico nun centro de saúde, e verificouse a identificación do paciente e o servizo de referencia.

– CA3.2. Analizouse, nun suposto práctico nun centro de saúde, a situación das especialidades e das exploracións técnicas deste, e describíronse as súas dependencias, para trasladar o paciente.

– CA3.3. Estableceuse o percorrido que cumprirá realizar nun traslado, nun suposto práctico nun centro de saúde, e recoñeceuse a estrutura e os lugares permitidos para circular.

– CA3.4. Considerouse a velocidade e o material accesorio no traslado dun paciente, nun suposto práctico nun centro de saúde, tendo en conta a súa gravidade, as necesidades e as características da estrutura dun centro sanitario.

– CA3.5. Detalláronse os equipamentos utilizados segundo as necesidades do paciente e explicáronse as súas indicacións, o seu funcionamento e o seu manexo.

– CA3.6. Recoñeceuse o medio de transporte para realizar o traslado dun paciente, atendendo ás súas características.

– CA3.7. Identificouse a documentación dun paciente que cumpra levar no traslado deste para uso do persoal destinado para tal fin, tendo en conta a lexislación en materia de protección de datos e de documentación clínica.

– CA3.8. Recoñecéronse os efectos dun paciente e garantiuse que pertenzan a el, para evitar a súa perda no traslado.

– CA3.9. Enumeráronse as accións de evacuación dun centro sanitario e seleccionouse o método de evacuación en función das características do paciente e do plan de emerxencias e catástrofes do centro.

• RA4. Define as medidas hixiénicas, de autoprotección e conservación de cadáveres, fetos e amputacións, e trasládanse segundo protocolos preestablecidos.

– CA4.1. Diferenciouse a documentación que debe acompañar os cadáveres, os fetos e as amputacións, e comprobáronse os datos de identificación destes.

– CA4.2. Relacionáronse os cadáveres, os fetos e as amputacións cos envases e os medios de transporte correspondentes a cada un deles, seguindo as normas hixiénico-sanitarias establecidas nos centros sanitarios.

– CA4.3. Relacionáronse os cadáveres, os fetos e as amputacións co seu destino final, nun suposto práctico, asegurando a distribución destes e seguindo os protocolos establecidos.

– CA4.4. Identificáronse as normas sobre hixiene e autoprotección para realizar o traslado dos cadáveres, os fetos e as amputacións, en función dos protocolos preestablecidos nun centro sanitario.

1.2.2. Contidos básicos.

– Pacientes dun centro sanitario.

• Características.

• Tipoloxía en función da patoloxía.

– Posicións anatómicas en función da patoloxía, na unidade de hospitalización dun centro sanitario.

• Anatomía básica en función das mobilizacións e dos traslados que cumpra realizar.

• Tipos.

– Técnicas de actuación cos pacientes e a súa aplicación.

• Suxeición: medidas e medios.

• Inmobilización: medidas e medios.

• Illamento de pacientes: tipos, materiais e medidas.

• Traslado: técnicas, métodos de evacuación, medios de transporte e tipos (pacientes, cadáveres, amputacións e fetos).

• Transferencias: tipos e métodos.

– Axudas técnicas para a mobilidade: tipos e características.

• Muletas.

• Bastón.

• Andadores.

• Cinto de traslado.

• Cadeiras de rodas e os seus accesorios.

• Camas e padiolas.

• Guindastres.

• Culleres.

• Táboas.

• Rolos de transporte.

– Documentación e lexislación relativa á mobilización de pacientes.

• Servizos dun centro sanitario.

• Plan de emerxencias e catástrofes.

• Impresos de peticións de proba.

• Protocolos de suxeición mecánica.

• Normativa de hixiene preventiva.

• Normativa sobre riscos laborais.

• Normativa sobre protección de datos e de documentación clínica.

• Protocolos de traslado.

• Protocolos de ergonomía.

• Dereitos e deberes do paciente.

1.2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de traslado e colaboración na mobilización de pacientes, cadáveres, amputacións e fetos tanto no acceso como nas unidades de hospitalización dun centro sanitario, baixo a supervisión do persoal responsable.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Colaboración na mobilización de pacientes para axudar o persoal de enfermaría.

– Asistencia ao persoal sanitario na inmobilización e na suxeición de pacientes para lles realizar as manobras sanitarias.

– Traslado do paciente para realizar as probas técnicas solicitadas polo persoal facultativo, ou en caso de emerxencia, do centro sanitario, atendendo aos protocolos establecidos.

– Traslado de cadáveres, fetos e amputacións para seren estudados e/ou recollidos polos servizos funerarios cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias e preservando as condicións de conservación dos restos orgánicos.

1.3. Módulo específico: mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

• Código: ME0151.

• Duración: 140 horas.

1.3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Describe as tarefas propias nunha área cirúrxica tendo en conta protocolos e normas de asepsia preestablecidas.

– CA1.1. Relacionáronse as características dun paciente dunha área cirúrxica coa problemática que presenta, protexendo a integridade deste.

– CA1.2. Identificáronse as mesas cirúrxicas e os seus accesorios, tendo en conta as características e as necesidades dun paciente.

– CA1.3. Colocouse o paciente na mesa cirúrxica, nun suposto práctico, na posición cirúrxica determinada polo persoal destinado para tal fin, extremando as medidas de seguridade, para evitar agravar a súa situación e seguindo os protocolos establecidos de ergonomía.

– CA1.4. Mobilizáronse os pacientes durante as intervencións cirúrxicas, nun suposto práctico, seguindo os protocolos e as normas de asepsia do centro sanitario.

• RA2. Determina o proceso de actuación en unidades de coidados intensivos (UCI), de vixilancia intensiva (UVI) e de grandes queimados, tendo en conta normas e procedementos predefinidos nesas unidades.

– CA2.1. Identificáronse as características dos seus pacientes, nun suposto práctico na UCI, na UVI e en unidades de grandes queimados, en coordinación co persoal desas unidades, segundo os criterios establecidos para iso.

– CA2.2. Manexáronse os aparellos e os utensilios requiridos para a mobilización dun paciente, nun suposto práctico na UCI, na UVI e en unidades de grandes queimados, evitando agravar a súa situación, segundo os criterios establecidos para iso e seguindo os protocolos establecidos de ergonomía.

– CA2.3. Inmobilizáronse ou suxeitáronse os pacientes, nun suposto práctico na UCI, na UVI e en unidades de grandes queimados, tendo en conta as características destes e os aparellos aos que estean conectados.

– CA2.4. Identificáronse as medidas de prevención de transmisión de infeccións, tendo en conta os protocolos de illamento da UCI, da UVI e da unidade de grandes queimados.

– CA2.5. Recoñecéronse os tipos de transmisión de doenzas, coñecendo e valorando os protocolos de asepsia da UCI, da UVI e da unidade de grandes queimados.

• RA3. Define o material, o espazo e o instrumental dunha sala de autopsias, atendendo a un protocolo preestablecido relativo ao estudo dun cadáver.

– CA3.1. Recibíronse e espíronse os cadáveres, nun suposto práctico na sala de autopsias, favorecendo as medidas de seguridade e de intimidade.

– CA3.2. Trasladouse un cadáver á cámara frigorífica, nun suposto práctico na sala de autopsias, por medio dos medios de transporte e accesorios requiridos para tal fin, garantindo a súa integridade.

– CA3.3. Efectuouse a colocación do cadáver na mesa de autopsias, nun suposto práctico na sala de autopsias, preservando a súa integridade, para que o persoal destinado para tal fin leve a cabo a autopsia.

– CA3.4. Identificouse o instrumental co que se vaia realizar a autopsia, tendo en conta as medidas hixiénico-sanitarias e de conservación.

– CA3.5. Clasificáronse, pesáronse, embaláronse e etiquetáronse as mostras da autopsia, nun suposto práctico na sala de autopsias, salvagardando as medidas requiridas para a autoprotección na manipulación de mostras.

– CA3.6. Identificouse o lugar de conservación dos cadáveres, nun suposto práctico na sala de autopsias, seguindo o protocolo establecido polo centro sanitario, ata que sexa requirido polos servizos.

– CA3.7. Describíronse as técnicas de limpeza do instrumental e da mesa de autopsias, nun suposto práctico na sala de autopsias, considerando os protocolos de prevención de riscos laborais, de limpeza e desinfección de material dun centro sanitario.

1.3.2. Contidos básicos.

– Posicións dos pacientes en unidades especiais.

• Anatómicas.

• Cirúrxicas.

• Patoloxías.

– Materiais da área cirúrxica.

• Camas: posicións e accesorios.

• Mesas cirúrxicas: clases e accesorios.

• Accesorios para mobilizar cadáveres: tipos.

• Instrumental de autopsias.

• Accesorios para a mobilización de pacientes: tipos e características.

• Equipamento dos servizos especiais: tipos.

– Suxeición e inmobilización en UCI, UVI e unidade de grandes queimados.

• Tipos.

• Accesorios.

– Protocolos, normativa e impresos de unidades especiais.

• Impresos para a mobilización de cadáveres.

• Normas de conservación de cadáveres.

• Normativa sobre riscos laborais.

• Protocolos de asepsia.

• Limpeza instrumental e mesas de autopsias: técnicas, instrumentos e protocolos.

1.3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación asociada á función de traslado e colaboración na mobilización e na inmobilización de pacientes en unidades especiais, baixo a supervisión do persoal responsable.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

– Colaboración na mobilización de pacientes e preparación da mesa cirúrxica e os seus accesorios, baixo a supervisión do persoal correspondente de cada unidade.

– Realización das mobilizacións, as inmobilizacións e as suxeicións de pacientes nas unidades de coidados intensivos (UCI), de vixilancia intensiva (UVI) e de grandes queimados baixo a supervisión do persoal correspondente.

– Trasladar, colocar e espir o cadáver, e preparar da sala e do instrumental de autopsias para poder levar a cabo o estudo forense, baixo a supervisión do persoal correspondente.

– Colaboración na realización dos coidados de pacientes de enfermaría.

1.4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

• Código: ME0152.

• Duración: 160 horas.

1.4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

• RA1. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa e identifica as funcións asignadas a cada nivel en relación co desenvolvemento da actividade.

– CA1.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

– CA1.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

– CA1.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

– CA1.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

– CA1.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outros tipos de organizacións empresariais.

– CA1.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

– CA1.7. Recoñecéronse as empresas tipo e indicáronse a súa estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

• RA2. Amosa hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional, de acordo coas características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos da empresa.

– CA2.1. Recoñeceuse e xustificouse:

– Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

– Actitudes persoais (puntualidade, empatía etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade etc.).

– Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e as medidas de protección persoal.

– Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

– Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

– CA2.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que cumpra aplicar na actividade profesional e os aspectos fundamentais da lei de prevención de riscos laborais.

– CA2.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

– CA2.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo ambiente nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

– CA2.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

– CA2.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

– CA2.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación e cos membros do seu equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

– CA2.8. Valorouse a importancia da actividade propia e a adaptación aos cambios de tarefas asignadas no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

– CA2.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e dos procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

• RA3. Ordena e traslada os documentos, os materiais e os equipamentos dun centro sanitario, e proporciona a información demandada.

– CA3.1. Ordenáronse os documentos recibidos nos servizos xerais do centro sanitario, clasificados por servizos.

– CA3.2. Ordenáronse os arquivadores coa documentación ou a correspondencia de cada servizo, para a súa posterior distribución.

– CA3.3. Fotocopiáronse e encadernáronse os impresos e a documentación, utilizando as máquinas existentes para tal fin, para ter cubertas as necesidades do centro sanitario.

– CA3.4. Trasladouse e colocouse no seu lugar de destino o material e os equipamentos sanitarios e non sanitarios, para garantir a súa dispoñibilidade, baixo a supervisión da persoa responsable.

– CA3.5. Informouse e atendeuse o público ofrecendo as indicacións básicas para favorecer o funcionamento do centro sanitario.

– CA3.6. Cumpríronse e seguíronse as técnicas de primeiros auxilios básicos e os protocolos de emerxencia establecidos no centro sanitario, para favorecer a integridade das persoas que se achen nel, asegurando a súa seguridade.

– CA3.7. Atendeuse a persoa usuaria e/ou paciente de xeito claro e conciso, ofrecendo as indicacións básicas para mellorar a utilización dos servizos e favorecer a axilidade dos seus trámites, no centro de atención primaria.

– CA3.8. Atendeuse o teléfono ao longo da xornada, en colaboración co persoal do centro de atención primaria, seguindo instrucións da persoa superior xerárquica, para asegurar unha atención continuada nese centro.

• RA4. Traslada e colabora na mobilización de pacientes, cadáveres, amputacións e fetos tanto no acceso como nas unidades de hospitalización dun centro sanitario, baixo a supervisión do persoal responsable.

– CA4.1. Colaborouse na mobilización de pacientes para axudar o persoal de enfermaría baixo a súa supervisión a realizar os cometidos asistenciais, para o mellor desenvolvemento da atención ao paciente, adecuándoos ás necesidades deste.

– CA4.2. Seguíronse os protocolos establecidos na mobilización de pacientes no centro sanitario para favorecer a integridade destes, colaborando co persoal de enfermaría nos coidados relacionados co paciente e respectando a súa intimidade.

– CA4.3. Asistiuse o persoal sanitario baixo a súa supervisión na inmobilización e na suxeición de pacientes para lles realizar as manobras sanitarias, evitando a aparición de lesións e garantindo a súa seguridade física.

– CA4.4. Identificáronse as características do paciente para a súa suxeición e/ou inmobilización, en coordinación co persoal sanitario, evitando agravar a súa situación.

– CA4.5. Trasladouse o paciente, baixo a supervisión do persoal de enfermaría, para realizar as probas técnicas solicitadas polo persoal facultativo, ou en caso de emerxencia do centro sanitario, garantindo a seguridade do paciente.

– CA4.6. Determinouse o circuíto do traslado do paciente con anterioridade, para o realizar no menor tempo posible.

– CA4.7. Trasladouse o cadáver, os fetos e as amputacións para seren estudados e/ou recollidos polos servizos funerarios, cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias e preservando as condicións de conservación dos restos orgánicos, atendendo aos protocolos establecidos.

– CA4.8. Comprobáronse os datos de identificación dos cadáveres, os fetos e as amputacións para evitar erros, garantindo a coherencia cos datos das peticións ou solicitudes e preservando a súa confidencialidade.

• RA5. Traslada e colabora na mobilización e na inmobilización de pacientes en unidades especiais, baixo a supervisión do persoal responsable.

– CA5.1. Colaborouse na mobilización de pacientes e preparouse a mesa cirúrxica e os seus accesorios conforme os protocolos e as normas de asepsia do centro sanitario, baixo a supervisión do persoal de enfermaría, para que o facultativo poida proceder a efectuar as operacións cirúrxicas.

– CA5.2. Realizáronse mobilizacións, inmobilizacións e suxeicións de pacientes nas unidades de coidados intensivos (UCI), de vixilancia intensiva (UVI) e de grandes queimados, colaborando co persoal correspondente de cada unidade e seguindo as normas do centro sanitario, para axudar o persoal de enfermaría a realizar os coidados dos pacientes, e baixo a súa supervisión.

– CA5.3. Aplicáronse os protocolos de illamento e asepsia da UCI, da UVI e da unidade de grandes queimados para previr a aparición e a transmisión de infeccións, manexando os dispositivos con este fin.

– CA5.4. Efectuouse o traslado, a colocación e espiuse o cadáver, así como se preparou a sala e o instrumental de autopsias, para poder levar a cabo o estudo forense, baixo a supervisión do persoal responsable.

– CA5.5. Limpouse o instrumental e a mesa de autopsias para quedaren en condicións de volveren ser utilizados, tendo en conta os protocolos sobre limpeza e desinfección de material do centro sanitario.

2. Anexo II.

A) Espazos mínimos.

Espazo formativo

Superficie m2

(12 alumnos/as)

Aula polivalente

30

Aula-taller sociosanitaria

60

B) Equipamentos mínimos.

Espazo formativo

Equipamento

• Aula polivalente.

– Computadores instalados en rede, canón de proxección e acceso a internet.

– Medios audiovisuais.

• Aula-taller sociosanitaria.

– Equipamentos sanitarios e non sanitarios, material de farmacia e almacén.

– Carros.

– Equipamentos de protección, traslado e transferencias.

– Mesas e instrumental cirúrxico.

– Medio de transporte.

3. Anexo III.

A) Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos específicos do perfil profesional.

Módulo específicos

Especialidade do profesorado

Corpo

• ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

Procesos sanitarios.

Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Procedementos sanitarios e asistenciais.

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico.

Profesorado técnico de formación profesional.

• ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

Procesos sanitarios.

Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Procedementos sanitarios e asistenciais.

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico.

Profesorado técnico de formación profesional.

• ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

Procesos sanitarios.

Procesos diagnósticos clínicos e produtos ortoprotésicos.

Catedráticos/as de ensino secundario.

Profesorado de ensino secundario.

Procedementos sanitarios e asistenciais.

Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico.

Profesorado técnico de formación profesional.

B) Titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa.

Módulos específicos

Titulacións

• ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

• ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

• ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

• Licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, mestre/a, arquitecto/a técnico/a, enxeñeiro/a técnico/a, diplomado/a, título de grao, técnico/a superior, ou outros títulos equivalentes cuxos perfís académicos se correspondan coa formación asociada aos módulos específicos no programa de cualificación profesional inicial.

4. Anexo IV.

Perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos do perfil profesional en contornos produtivos.

Módulo específico

Perfil profesional da persoa formadora

• ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan coa ordenación e o traslado de documentos, materiais e equipamentos dun centro sanitario e a comunicación da información demandada, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

• ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan co traslado e a colaboración na mobilización de pacientes, cadáveres, amputacións e fetos, tanto no acceso como nas unidades de hospitalización dun centro sanitario, baixo a supervisión do persoal responsable, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

• ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

• Dominio dos coñecementos e as técnicas que se relacionan co traslado e a colaboración na mobilización e inmobilización de pacientes en unidades especiais, baixo a supervisión do persoal responsable, que se acreditará mediante un dos xeitos seguintes:

– Formación académica de técnico superior ou outras de superior nivel relacionadas con este campo profesional.

– Experiencia profesional dun mínimo de tres anos no campo das competencias relacionadas con este módulo formativo.

5. Anexo V.

Relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa.

Módulo específico

Unidades de competencia

• ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

• UC2251_1: ordenar e trasladar os documentos, os materiais e os equipamentos dun centro sanitario, e proporcionar a información demandada.

• ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

• UC2252_1: trasladar e colaborar na mobilización de pacientes, cadáveres, amputacións e fetos tanto no acceso como nas unidades de hospitalización dun centro sanitario, baixo a supervisión do persoal responsable.

• ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

• UC2253_1: trasladar e colaborar na mobilización e na inmobilización dos pacientes en unidades especiais, baixo a supervisión do persoal responsable.

6. Anexo VI.

Distribución horaria dos módulos específicos.

Módulo específico

Horas totais

Sesións semanais

(*)

• ME0149. Comunicación de información, e ordenación e traslado de documentos, materiais e equipamentos.

70

3

• ME0150. Mobilización, traslado e colocación nas unidades de hospitalización.

210

9

• ME0151. Mobilización, traslado e colocación en servizos especiais.

140

6

• ME0152. Formación en centros de traballo.

160

* Distribución semanal para os centros que impartan as ensinanzas do programa de cualificación profesional inicial en sesións de 50 minutos.