Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 10 de outubro de 2012 Páx. 38845

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2012 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras do programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 13 de febreiro de 2012, aprobou o texto das bases reguladoras do programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

As ditas bases fixéronse públicas mediante Resolución do 1 de xuño de 2012 (DOG nº 111, do 12 de xuño).

O funcionamento dos grupos de traballo do Igape coas organizacións clúster galegas e o compromiso do Igape co apoio ao crecemento e consolidación temperá de empresas de nova creación motivan a formulación de axustes nos criterios de solvencia que as entidades colaboradoras do programa deben cumprir, co obxectivo de facilitar que estes dous colectivos poidan acceder á condición de entidade colaboradora.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 31 de xullo de 2012, acordou a modificación das bases reguladoras do programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras do programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no seguinte sentido:

– Engádese o seguinte punto ao artigo 6. Entidades colaboradoras:

«6.3. Os clústers galegos legalmente constituídos e as empresas cuxa data de constitución teña unha antigüidade inferior a dous anos na data de publicación da convocatoria de bolsas para a que van acoller bolseiros eximiranse do requisito de solvencia técnica relativa á experiencia de catro anos (deben cumprir o resto de requisitos de solvencia técnica), así como dos requisitos de solvencia económica».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica