Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 10 de outubro de 2012 Páx. 38841

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 5 de outubro de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece no punto 1 da epígrafe A do capítulo II que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente, como pertencentes á clase A, B ou C consonte o Regulamento (CE) nº 854/2004, do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

O Regulamento (CE) nº 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establece na epígrafe A do capítulo II do anexo II as condicións para a clasificación das zonas de produción e reinstalación de moluscos bivalvos vivos.

A localización e os límites das zonas de produción e de reinstalación clasificadas correspóndelle á Consellería do Medio Rural e do Mar.

A Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia foi modificada pola Orde do 19 de xullo de 2010 como consecuencia dunha profunda revisión dos resultados das análises e controis efectuados nas diferentes zonas de produción e, posteriormente, polas ordes do 14 de marzo de 2011, do 6 de xullo de 2011, do 28 de xullo de 2011, do 23 de novembro de 2011 e do 8 de marzo de 2012. Os controis para garantir a idoneidade dos produtos extraídos delas son realizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

O artigo 6 da Orde do 8 de setembro de 2006 establece que, cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería do Medio Rural e do Mar procederá a revisar a clasificación da devandita zona. Igualmente, poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan a redución da contaminación ou ben que novos impactos provocan un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de E. coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.

Nos resultados dos controis realizados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes dos que determinaron a clasificación e a delimitación das zonas establecidas no anexo I e representadas nos mapas do anexo II da Orde do 19 de xullo de 2010, que modifica a Orde do 8 de setembro de 2006.

En virtude do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:

Un. O anexo I (moluscos bivalvos), no que se refire aos límites e clasificación das zonas de produción GAL 08/05 «Esteiro do río Tállara» e GAL 08/06 «Esteiro do río Tambre», queda redactado do seguinte xeito:

Clave

Área de produción

Límites da zona

Coordenadas

UTM (ED-50)

Clase

Comentario

GAL 08

GAL 08/05

Esteiro do río Tállara

Zona do esteiro do río Tállara, delimitado polas liñas imaxinarias que unen a punta das Pedras co illote das Pedras, illote das Pedras co extremo exterior do dique norte da escolleira de Noia e o extremo exterior do dique norte da escolleira de Noia coa punta Barquiña

(506855, 4737599)

(506806, 4737784)

(507657, 4738236)

(508189, 4739086)

C

Provisional

GAL 08

GAL 08/06

Esteiro do río Tambre

Zona do esteiro do río Tambre, comprendida entre a liña imaxinaria que une a punta Picouso coa punta das Pedras e as liñas que unen a punta das Pedras co illote das Pedras, illote das Pedras co extremo exterior do dique norte da escolleira de Noia e o extremo exterior do dique norte da escolleira de Noia coa punta Barquiña

(506384, 4738532)

(506855, 4737599)

(506806, 4737784)

(507657, 4738236)

(508189, 4739086)

B

Estable

Dous. O anexo II (moluscos bivalvos), no que se refire ao mapa en que se delimita as zonas de produción GAL 08/05 e GAL 08/06, queda tal e como se indica no mapa que se xunta a esta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file