Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 10 de outubro de 2012 Páx. 38863

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Guarda (Pontevedra).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31, HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal da Guarda foi solicitada por Endesa Gas Distribución, S.A.U. o 31.8.2005 e por Gas Galicia SDG, S.A. o 16.12.2005, xuntando os respectivos proxectos de autorización administrativa.

Esta dirección xeral decidiu someter estas dúas solicitudes de autorización administrativa, cos seus respectivos proxectos, ao trámite de información pública:

– A solicitude de Endesa Gas Distribución, S.A.U. mediante Resolución do 8.2.2008, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (24.3.2008), no Boletín Oficial da provincia (13.3.2008) e nos xornais La Voz de Galicia (12.3.2008) e Faro de Vigo (14.3.2008), e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda durante un prazo de 20 días.

– A solicitude de Gas Galicia SDG, S.A. mediante Resolución do 26.6.2007, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (1.8.2007), no Boletín Oficial da provincia (20.6.2007) e nos xornais La Voz de Galicia (20.7.2007) e Diario de Pontevedra (20.7.2007), e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda durante un prazo de 20 días.

Segundo. Durante o período de información pública legalmente establecido para estas dúas solicitudes de Endesa Gas Distribución, S.A.U. e Gas Galicia SDG, S.A. non se presentaron alegacións.

Terceiro. O 27.4.2010 entrou en vigor o Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), que foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 26.4.2010.

Cuarto. Ao abeiro do citado Decreto 62/2010, do 15 de abril, e ante as dúas solicitudes de autorización administrativa presentadas en concorrencia polas citadas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.) para a distribución de gas natural no termo municipal da Guarda, esta dirección xeral resolveu o 15.11.2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Quinto. O 15.7.2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou un novo proxecto de autorización administrativa, que substitúe o que xa foi sometido ao trámite de información pública, e no que se recolle unha maior extensión da rede de distribución e unha nova localización para a instalación da planta de GNL (gas natural licuado). As características básicas das instalacións correspondentes a este novo proxecto para a distribución de gas natural no termo municipal da Guarda son as seguintes:

– A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como solo urbano do núcleo da Gándara de Ordenanza nº 6 de Edificación Industrial. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

• Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano da Guarda e do polígono empresarial A Guarda-O Rosal.

• E unha rede secundaria de distribución (en diámetro inferior a 160 mm), no mesmo rango de presión, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

– Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo as necesidades, e a súa lonxitude será de 19.612 m (7.276 m da rede básica e 12.336 m da rede secundaria).

– O seu orzamento ascende á cantidade de un millón trinta e oito mil cento vinte e sete euros con cincuenta e dous céntimos (1.038.127,52 euros).

Sexto. O 7.2.2012 esta dirección xeral resolveu someter a información pública este novo proxecto de autorización administrativa. Esta resolución:

– Publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.4.2012, no Boletín Oficial da provincia do 24.5.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 2.5.2012.

– Estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda durante un período mínimo de vinte días (do 20.2.2012 ata o 20.3.2012).

Sétimo. Durante o período de información pública legalmente establecido para este novo proxecto de autorización administrativa de Gas Galicia SDG, S.A. presentáronse as seguintes alegacións:

– Paulino Rodríguez González, que actúa como presidente da asociación de veciños O Percamino, pon de manifesto no seu escrito de alegacións o seguinte:

• Que se teña en conta, ao desenvolver as canalizacións pola estrada PO-552, a presenza de varias infraestruturas de servizos públicos (telefonía, iluminación pública, abastecemento de auga, augas residuais e pluviais).

• Que no proxecto de autorización administrativa non figura a capacidade dos depósitos da planta de GNL; polo tanto, queren saber a cantidade que se prevé almacenar, no caso de que se pretenda instalar a planta no lugar que se describe no proxecto, tendo en conta que na actualidade xa existe un depósito cunha capacidade de 120.000 l.

• Que se determine a perigosidade e os riscos da planta de GNL, tendo en conta que estaría ao carón de varios supermercados e vivendas.

– Eulogio P. Abeleira Cabaleiro, que actúa en nome propio, solicita que se deixe sen valor nin efecto o proxecto de autorización administrativa ao constatarse que contén erros, por situarse falsamente a planta de GNL nunha parcela xa ocupada por un supermercado (LIDL) e porque a planta xa está rematada hai anos (realizada para a subministración de gas á empresa Imerys Kiln Furniture España, S.A.) e situada nunha parcela diferente á sinalada no proxecto; todo isto con base nas seguintes argumentacións:

• A localización da planta de GNL fixada no proxecto é imposible porque esa parcela xa está ocupada por unha nave industrial dedicada a supermercados LIDL.

• En terreos das naves de cerámica da empresa Imerys Kiln Furniture España, S.A. xa existe unha planta de GNL, que, segundo o alegante, será a que realmente se utilice para a subministración de gas natural ao termo municipal da Guarda e non a reflectida no proxecto.

• Por tratarse dunha actividade perigosa, a planta de GNL deberá situarse a unha distancia de 2.000 m como mínimo, contando do núcleo de poboación máis próximo.

Oitavo. O 29.5.2012 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, das contestacións da empresa Gas Galicia SDG, S.A. a estas alegacións e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– En canto ás alegacións referentes aos riscos derivados da instalación da planta de GNL observarase o disposto no Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.

– En canto ás alegacións referentes a que a planta de GNL proxectada é falsa porque se utilizará a xa instalada en terreos da empresa Imerys Kiln Furniture España, S.A., cómpre indicar que Gas Galicia SDG, S.A. non ten ningunha relación con esta empresa e se houbo unha tentativa inicial de situar a planta nesa zona foi pola situación de entrada á poboación e porque se trataba dunha zona con industrias.

– En canto ás alegacións referentes á localización da planta de GNL e á súa capacidade de almacenamento, cómpre indicar o seguinte:

• Unha vez concedida esta autorización administrativa, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar ante esta dirección xeral o proxecto de execución (no cal se recollerán todos os detalles construtivos), tanto da rede de distribución como da planta de GNL.

• A localización elixida no proxecto de autorización administrativa non é definitiva; a localización definitiva, que deberá figurar no proxecto de execución, terá que facerse nunha parcela axeitada que cumpra todos os requisitos legais.

• Con carácter previo á súa aprobación, esta dirección xeral someterá o proxecto de execución da planta de GNL ao trámite de información pública.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Guarda (Pontevedra), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contando desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 20.762,55 euros, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha que vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa. Os ditos prazos poderán ser prorrogados por causa xustificada logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal da Guarda e prevé a gasificación do núcleo urbano da Guarda e do polígono empresarial A Guarda-O Rosal de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., con referencia 13760 C.D. 6.5.31 e data de xullo de 2011, e subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas