Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2012 Páx. 38185

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2012, do tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo para o ingreso na clase de inspector farmacéutico, relativa á publicación das puntuacións definitivas do terceiro exercicio da fase de oposición, da conclusión da fase de oposición e da apertura da fase de concurso do proceso selectivo convocado por Resolución do 27 de xullo de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 149, do 5 de agosto).

A base sexta da Resolución do 27 de xullo de 2010 (DOG nº 149, do 5 de agosto), da Dirección de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da comunidade autónoma, incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, prevé no punto 7 da fase de oposición que, tras a publicación da puntuación provisional do exercicio, os/as interesados/as poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles. A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións definitivas do exercicio.

Así mesmo, o punto 1 da fase de concurso prevé que, unha vez rematada na súa totalidade a fase de oposición, o tribunal publicará un acordo no Diario Oficial de Galicia en que se declarará rematada a fase de oposición e abrirá o prazo da fase de concurso

De conformidade coa mencionada base, transcorrido o prazo de reclamación, o tribunal

RESOLVE:

Primeiro. Publicar as puntuacións definitivas do terceiro exercicio da fase de oposición obtidas polos/polas aspirantes presentados á clase de inspector farmacéutico, no proceso selectivo convocado por Resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 27 de xullo de 2010 (DOG nº 149, do 5 de agosto).

Segundo. Dado que todos os/as aspirantes están exentos da realización do exame de lingua galega, procede, de conformidade coa convocatoria, asignar a cada un dos/das aspirantes 10 puntos, por ter acreditado o coñecemento da lingua galega.

Terceiro. Declarar rematada a fase de oposición e publicar a relación de aspirantes que superaron esta fase.

Cuarto. As listaxes a que se fai referencia na presente resolución poderán ser consultadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Quinto. Abrir o prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte a esta publicación, para que todos/as os/as aspirantes que superasen a fase de oposición acheguen inescusablemente a seguinte documentación, pois do contrario quedarían excluídos do proceso selectivo:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

b) Fotocopia compulsada do título exixido para o ingreso na clase de inspector farmacéutico.

c) De ser o caso, certificación de servizos prestados, con referencia ao último día incluído do prazo de presentación de solicitudes.

Deberán presentar copia traducida por tradutor xurado daqueles títulos que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

A documentación poderá presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polos/polas interesados/as nos termos previstos no número 3 da base oitava da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2012

Luis Cadórniga Valiño
Presidente do tribunal