Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2012 Páx. 37312

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 14 de setembro de 2012 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Abegondo.

O Concello de Abegondo remite o documento do Plan xeral de ordenación municipal xunto co expediente administrativo, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

As normas subsidiarias de planeamento municipal do concello de Abegondo, aprobadas definitivamente o 27.12.1996, foron anuladas por sentenza do TSXG (14.9.2000) firme TS (27.11.2003).

Actualmente resultan de aplicación as normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal «gasificación de Galicia: gasoduto Vilalba-Tui» aprobado pola Resolución do Consello da Xunta do 4 de outubro de 2002 (DOG do 23 de outubro de 1996).

Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal «ramal de gas do complexo ambiental de Cerceda» aprobado pola Resolución do Consello da Xunta do 15 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro).

Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal «gasoduto Mugardos-Betanzos-Abegondo-Sabón (tramos I e II) e ramal á central de ciclo combinado de Meirama» aprobado pola Resolución do Consello da Xunta do 20 de xuño de 2007 (DOG do 26 de xuño).

Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal «ramal APA Posición I-015 Betanzos-Miño» aprobado pola Resolución do Consello da Xunta do 13 de maio de 2008 (DOG do 9 de xuño).

No DOG nº 3, do 7 de xaneiro de 1998 publicouse o Acordo do 10 de decembro de 1997, da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, polo que se somete a información pública o trazado relativo á delimitación e deslindamento do Camiño Inglés.

I.3. Tramitación.

1. O 20 de setembro de 2010, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI, emite informe previo á aprobación inicial do PXOM, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

2. O Pleno do Concello de Abegondo aprobou inicialmente o PXOM o 12 de novembro de 2010; e someteuno a información pública por un período de dous meses mediante anuncios nos xornais El Ideal Gallego, La Opinión e La Voz de Galicia do 18 de novembro de 2010 e 19 de novembro de 2012, así como no Diario Oficial de Galicia nº  222, do 18 de novembro de 2010.

3. Simultaneamente, déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Bergondo, Betanzos, Oza dos Ríos, Cesuras, Mesía, Ordes, Carral e Cambre.

4. Constan no expediente os informes municipais técnico e xurídico respecto da conformidade do Plan coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

5. Mediante Resolución do 11 de xuño de 2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI aproba a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Abegondo.

6. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, constan os seguintes informes:

a) Informe de ADIF do 31 de decembro de 2010 e da Dirección General de infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento do 19 de setembro de 2011.

b) Informe da Deputación Provincial da Coruña do 3.2.2011.

c) Informe da Subdirección Xeral de Infraestruturas e normativa técnica do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, do 21.2.2011, para os efectos da Lei xeral de telecomunicacións.

d) Informe da Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, do 18.2.2011.

e) Informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento, do 31.3.2011.

f) Informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural, do 26.9.2011.

g) Informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, do 3.10.2011.

h) Informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do Ministerio de Fomento, do 31.1.2012.

i) Informe da Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI, do 28.3.2012.

j) Informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 27.4.2012.

k) Informe de Augas de Galicia da CMATI, do 4.6.2012.

7. O Pleno municipal aprobou provisionalmente o PXOM en sesión do 26.6.2012.

8. O 27.6.2012, o Concello de Abegondo remite á CMATI o documento do PXOM para a súa aprobación definitiva. Analizada a integridade documental do Plan e do expediente, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo desta consellería require o Concello de Abegondo o 17.7.2012 para que corrixa as deficiencias detectadas, requirimento que foi atendido polo Concello remitindo nova documentación o 3.8.2012.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o Plan; a súa conformidade coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; así como a incidencia do Plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Abegondo axústase no fundamental aos criterios expresados na LOUG, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos, establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, e previndo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, dotando o Concello dunha ordenación propia de cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Abegondo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas