Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 24 de setembro de 2012 Páx. 37028

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2012 pola que se modifica a Resolución do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O 31 de xaneiro de 2012 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A dita resolución derivaba na entrada en funcionamento da nova entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e tiña por obxecto tramitar coa maior axilidade e eficiencia resolucións administrativas que debían ser ditadas pola persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia.

Froito da experiencia resultante da aplicación da resolución citada, púxose de manifesto a conveniencia da súa modificación co obxecto de modificar aspectos relativos á potestade sancionadora –delegando non só a materia de augas senón tamén a tributaria derivada da xestión e inspección dos tributos xestionados por Augas de Galicia– e á tramitación de recursos administrativos –delegando a competencia para resolver recursos administrativos que non se refiran á materia sancionadora–.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o punto primeiro 4 da Resolución do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que queda redactado como segue:

«4. En materia de potestade sancionadora, o exercicio da competencia para resolver os procedementos sancionadores por infraccións graves».

Segundo. Modificar o punto segundo da Resolución do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que queda redactado como segue:

«Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para resolver os recursos administrativos de alzada en materia de augas e, de ser o caso, suspender a executividade dos actos impugnados».

Terceiro. Esta resolución producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente de Augas de Galicia