Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 24 de setembro de 2012 Páx. 37009

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 190/2012, do 13 de setembro, polo que se aproba o Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define no seu título I, con carácter xeral os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial, dispoñendo un réxime xeral de protección e previndo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, previse a figura de espazo natural de interese local (ENIL en adiante).

A regulación do procedemento de declaración dos ENIL foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Así mesmo, a Lei 9/2001, establece no seu artigo 31, que como instrumento para a planificación dos ENIL se configuran os plans de conservación e que, de acordo co artigo 37, serán os instrumentos que establezan o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

A declaración definitiva require que o Concello de Pontevedra presente ante a consellería competente en materia de conservación da natureza o Plan de Conservación do espazo, o que fixo o pasado 13 de xaneiro de 2011.

Mediante a Orde do 27 de agosto de 2012 da consellería competente en materia de conservación da natureza, declarouse de forma definitiva o ENIL Xunqueira de Alba, localizado no Concello de Pontevedra.

O Plan de Conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da lei, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se establece o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo, polo que procede a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O ENIL Xunqueira de Alba comprende unha superficie de 67 ha, que inclúe terreos clasificados como dominio público marítimo-terrestre, conforme o deslindamento vixente (OM 20.8.1996). A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado. Todo iso sen prexuízo dos aproveitamentos comunais en favor da comunidade de Campañó, respecto dos montes veciñais en man común que se ven afectadas pola declaración do ENIL, recoñecidos na sentenza do Tribunal Supremo (989/1994), así como os aproveitamentos en favor da comunidade da parroquia de Lérez.

Na tramitación do Plan de Conservación de Xunqueira de Alba, foi sometido ao ditame favorable das asembleas de comuneiros de Campañó e Lérez, e aprobouse o documento nas respectivas asembleas extraordinarias do 5 de novembro de 2010 e do 15 de xullo de 2011, cos votos favorables necesarios e se solicitaron os informes do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, da Dirección Xeral de Montes, do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, do Organismo Autónomo Augas de Galicia e da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. Así mesmo, e conforme dispón o artigo 40 da Lei 9/2001, someteuse a información pública e audiencia dos interesados mediante Resolución do 24 de marzo de 2011 (DOG nº 81, do 27 de abril), tras o cal resulta procedente elevalo ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación

1. Apróbase o Plan de Conservación do ENIL Xunqueira de Alba, declarado mediante Orde do 27 de agosto de 2012 da consellería competente en materia de conservación da natureza.

2. No anexo I deste decreto, recóllese o Plan de Conservación do ENIL Xunqueira de Alba, no que se establece o réxime de uso e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo.

3. Toda a información ambiental que xustifica a declaración do ENIL Xunqueira de Alba, quedará á disposición de calquera interesado no Concello de Pontevedra, xestor do espazo.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza do plan

Este plan é o instrumento específico para a delimitación do seu ámbito, tipificación dos valores naturais que o integran, e determinación da relación do espazo natural co resto do territorio, e conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Artigo 2. Finalidade

Este Plan de Conservación ten como finalidade establecer un modelo de xestión que contribúa a alcanzar os obxectivos de conservación do espazo natural de interese local Xunqueira de Alba, de acordo cos criterios establecidos nas normativas que rexen a xestión dos espazos naturais e da biodiversidade, a nivel nacional e autonómico.

Artigo 3. Ámbito territorial

1. O ámbito do plan, que afecta nunha marisma que se atopa no termo municipal de Pontevedra, nas proximidades do núcleo urbano, localízase na confluencia do Río Rons e Río Lérez, próximo á desembocadura deste último, estando sometido á confluencia das mareas. A zona orixe de estudo ocupa 67 hectáreas, e constitúe unha das poucas zonas húmidas que existen no concello de Pontevedra.

2. A extensión e límites do espazo natural de interese local da Xunqueira de Alba son os seguintes:

– Limita ao norte coas parroquias de Campañó, Alba e Lérez.

– Limita ao sur coa ponte das correntes e a rúa Domingo Fontán.

– Limita ao leste pola zona traseira das hortas do barrio da Santiña e co camiño do Xacobeo Portugués na parroquia de Lérez.

– Limita ao oeste coa autoestrada AP-9.

Artigo 4. Efectos do plan

Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, as previsións deste Plan de Conservación será vinculante tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará aparellada a revisión dos plans territoriais.

Artigo 5. Vixencia e revisión

O ENIL Xunqueira de Alba inclúe montes veciñais en man común de dúas comunidades que contan con proxectos de ordenación aprobados e en actual revisión, cuxas previsións de ordenación terán en conta as directrices para a xestión do Espazo Natural. As determinacións do presente Plan de Conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e continuarán en vigor ata que non se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, a falta de modificacións excepcionais, deberá revisarse pasados cinco anos.

Artigo 6. Contido do plan

O contido do Plan de Conservación do ENIL Xunqueira de Alba integra na súa síntese 3 epígrafes:

a) Xustificación, categoría de protección e obxectivos.

b) Medidas de xestión.

c) Desenvolvemento do Plan de Conservación.

TÍTULO II
Xustificación, categoría de protección e obxectivos

Artigo 7. Xustificación

O ENIL Xunqueira de Alba é unha marisma no termo municipal de Pontevedra, nas proximidades do núcleo urbano, que sufriu unha diminución nas últimas décadas pola presión urbanística á que foi sometida desde un punto de vista espacial.

A zona orixe de declaración de espazo natural protexido ocupa 67 hectáreas, constituíndo unha das poucas zonas húmidas que existen no concello de Pontevedra. Como humidal que é constitúe un dos ecosistemas máis produtivos e de maior valor, que proporcionan ao conxunto da sociedade bens e servizos, que tradicionalmente non foron tomados en conta.

O Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba presenta unhas comunidades vexetais que se caracterizan por ser hábitats naturais de interese comunitario, estes hábitats están definidos na Directiva 92/43/CEE (Hábitat).

Dentro destes hábitats podemos diferenciar os chamados hábitats prioritarios que, segundo a dita directiva defínense como hábitats naturais ameazados de desaparición e cuxa conservación supón unha especial responsabilidade para a comunidade habida conta da importancia da proporción da súa área de distribución natural. Estes tipos de hábitats naturais prioritarios sinalízanse cun asterisco (*)

Para poder protexer o humidal de Xunqueira de Alba hai que ter en conta unha serie de actuacións, encamiñadas á conservación destes hábitats, así como o das especies de flora e fauna nel presentes, todas elas recollidas no Plan de Conservación.

Artigo 8. Categoría de protección

O ENIL Xunqueira de Alba foi declarado provisionalmente Espazo Natural de Interese Local mediante a Orde do 21 de outubro de 2009 (DOG nº 210, do 27 de outubro), cunha superficie de 67 hectáreas de acordo coa delimitación establecida na Orde do 21 de outubro de 2009 de declaración provisional.

En consecuencia, coa elaboración do Plan de Conservación proponse a declaración definitiva como Espazo Natural de Interese Local, baixo a denominación de Espazo Natural de Interese Local Xunqueira de Alba, nas 67 ha téñense en conta as propiedades das CMVMV de Campañó e parroquia de Lérez.

O ENIL Xunqueira de Alba é espazo natural protexido cuxa declaración non leva aparellada a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Protexidos. Tampouco implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Artigo 9. Obxectivos de conservación

A declaración do ENIL Xunqueira de Alba establécese coa finalidade de crear un réxime de protección deste espazo natural mediante directrices de xestión axeitadas, harmonizándoo co exercicio das competencias que legalmente a Administración poida realizar; co exercicio dos dereitos privados; co goce e visita ao espazo natural, o estudo e contemplación dos seus valores, o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro del. Estes obxectivos xerais quedan definidos no Plan de Conservación.

TÍTULO III
Zonificación

Artículo 10. Xustificación

Para compatibilizar a protección dos valores do Espazo Natural e o seu uso polo público, e co obxecto de minimizar os posibles impactos negativos, o plan distribúe o dito territorio en zonas.

A zonificación é a organización dun territorio en función do valor dos seus recursos e da súa capacidade de acollida para os distintos usos, co fin de minimizar os impactos negativos e de asegurar o uso do espazo compatible coa conservación dos seus recursos naturais.

Os posibles usos e aproveitamentos dos recursos naturais terán a consideración de zona de uso especial, zona de uso moderado e zona de protección en función da súa incidencia sobre os valores que motivaron a súa declaración.

1. Zona de uso especial.

Limitacións: o acceso peonil a toda a área é libre. O de vehículos automotores e artefactos mecánicos polas estradas, vías e sendeiros autorizados poderá ser regulado pola Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra segundo o disposto neste Plan de Conservación. Permitirase a construción de servizos, vías e infraestruturas menores e outros elementos ligados exclusivamente ao uso público, aos aproveitamentos tradicionais, a investigación científica e a xestión. En todo caso gardará o máximo respecto ao contorno, utilizaranse materiais e tipoloxías tradicionais, minimizando o seu impacto e procurando a súa maior integración na paisaxe.

Áreas: inclúe a zona onde se atopan as instalacións das distintas administracións. Naquelas que están en concesión segundo o considerado no Plan Xeral de Ordenación Urbana vixente, no momento en que esta concesión remate, vincularase ese solo ao conxunto da marisma. Un posible destino para estas instalacións sería a creación dunha aula da natureza ou un centro de interpretación.

2. Zona de uso moderado.

Limitacións: o acceso peonil a toda a área é libre, salvo para aquelas zonas que puide-sen ser limitadas no seu interior. As obras e construcións que puidesen realizarse, como son os miradoiros para a observación das aves, deberán gardar o máximo respecto co medio, utilizando materiais e tipoloxías tradicionais, tendentes a minimizar o impacto e a unha máxima integración na paisaxe. Os aproveitamentos tradicionais no monte realizaranse conforme os proxectos de ordenación en vigor aprobados en cada caso. Para o resto das actividades ou aproveitamentos, precisarase autorización da Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.

Igual que na zona anterior o acceso de vehículos automotores e artefactos mecánicos polas estradas, vías e sendeiros autorizados poderá ser regulado pola Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.

Áreas: comprenderá as áreas seguintes:

Pola marxe esquerda do río desde a AP-9 ata o leito do Lérez.

Polo norte desde a ponte do Magueiro ata o miradoiro das aves e tamén o sendeiro que comunica a marisma co camiño Xacobeo Portugués.

Pola marxe dereita do río abrangue a zona que é unha propiedade man común dos veciños de Lérez.

3. Zona de protección.

Limitacións: quedan prohibidas as accións e intervencións que poida supoñer unha transformación ou modificación do medio e supoña unha degradación dos ecosistemas. Permítese o acceso con fins científicos ou de xestión. Queda prohibido o acceso de vehículos e artefactos mecánicos, a construción de infraestruturas e instalacións, incluídas novas pistas e camiños, exceptuando os sinais, marcos e instrumentación científica debidamente autorizados. Tampouco se permite as recoleccións de material biolóxico non expresamente autorizados pola Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra. Estas áreas estarán cerradas ao uso público.

Nesta zona os usos e aproveitamentos tradicionais (pastos, esquilmos, leñas, rozas e aproveitamento de xunco) que son practicados historicamente pola poboación local ou que xogan un papel positivo nos procesos ecolóxicos, poderán manterse e continuarse, pero a súa intensidade e forma de realización exerceranse de xeito sustentable conforme o proxecto de ordenación aprobado, e terán que adecuarse para que sigan sendo compatibles coa conservación das especies e hábitats protexidos.

Nesta zona de protección da Xunqueira de Alba para o exercicio da caza terase en conta a orde de vedas de cada ano. Para este ano terase en conta o DOG do 17 de xuño de 2011, segundo o cal:

«Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na Xunqueira de Alba no termo municipal de Pontevedra cos seguintes límites:

– N: pista de Ponte Cabras ata a autoestrada A-9.

– S: río Lerez.

– E: pista desde as correntes pasando pola Ponte do Magueiro, rúa da Gándara, ata Ponte Cabras.

– O: autoestrada A-9».

Os ditos límites engloban a totalidade do espazo polo que obviamente a caza está prohibida en toda a superficie do ENIL.

Para o exercicio da pesca terase en conta a lexislación vixente de cada ano. A Xunqueira de Alba está catalogada como Tramo de reo.

Áreas: esta zona comprenderá o que é a marisma propiamente dita e a charca situada na rúa Martín Codax.

TÍTULO IV
Medidas de xestión

Artigo 11. O Instrumento de planificación

1. De acordo cos obxectivos de conservación, e unha vez identificados os principais compoñentes e valores do espazo natural, no ámbito do plan diferéncianse os usos e aproveitamentos dos diferentes recursos naturais en función de se estes son ou non tradicionais.

No plan recoñécense os aproveitamentos comunais a favor dos veciños de Campañó, e dos veciños de Lérez, respecto dos seus montes veciñais en man común. Os ditos aproveitamentos terán que exercerse de xeito sustentable e conforme as previsións de ordenación contidas no plan de ordenación do respectivo monte e ser compatibles coa conservación das especies e hábitats protexidos.

2. Para a súa consecución, o plan regula os usos e actividades, definindo as directrices que se adoptarán na ordenación destes. As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

3. O Plan de Conservación articula unha serie de Directrices para a xestión e conservación do espazo, e incorpora a maiores unha listaxe das actuacións, traballos e investimentos, estruturados no que denomina Liñas principais de traballo para o mantemento do espazo natural.

CAPÍTULO I
Directrices xerais de xestión e conservación

Artigo 12

A normativa do espazo natural desenvólvese a partir das directrices para a xestión do espazo natural. Neste sentido, diferéncianse estas en función da actividade a realizar dentro do ENIL, e que poden interferir neste.

Sección 1ª Directrices en relación cos recursos naturais

Artigo 13

Mediante estas directrices, definidas no Plan de Conservación, preténdese establecer un marco de acción flexible que oriente a xestión do ENIL, recollendo a súa realidade social e natural.

Sección 2ª Directrices en relación co uso público

Artigo 14

Mediante estas directrices, definidas no Plan de Conservación, en materia de uso público tentarase compatibilizar o uso público do territorio do ENIL coa conservación, preservación e mantemento dos valores deste, recollendo as realidades deste.

Sección 3ª Directrices respecto ás infraestruturas, equipamentos e instalacións

Artigo 15

Mediante as seguintes directrices en materia de infraestruturas, equipamentos e instalacións, , definidas no Plan de Conservación, tentarase compatibilizar conservación, con desfrute e mantemento do ENIL, recollendo as realidades deste.

Sección 4ª Directrices para as actividades científicas

Artigo 16

É imprescindible informar e divulgar os valores e riqueza dos humidais co fin de incrementar o cambio de percepción sobre os ecosistemas acuáticos e para conseguir sensibilizar a sociedade sobre a necesidade da súa conservación, estas directrices recóllense no Plan de Conservación.

Sección 5ª Directrices para as actividades educativas

Artigo 17

Procurarase unha actitude favorable cara á conservación dos visitantes do Espazo Natural, mediante unha axeitada orientación educativa do sistema de uso público, para o cal se seguirán as directrices marcadas no Plan de Conservación.

CAPÍTULO II
Plan de melloras

Artigo 18

A conservación do espazo natural é unha obriga que virá marcada polo obxectivo principal de manter en óptimas condicións aqueles enclaves ben conservados e recuperar ou mellorar aqueloutros que se atopen en diferente situación, para o cal se porán en marcha as liñas principais de traballo definidas no Plan de Conservación, para o mantemento do espazo natural.

TÍTULO V
Desenvolvemento do plan de xestión

Artigo 19

O desenvolvemento do Plan de Conservación de Xunqueira de Alba levarase a cabo seguindo as directrices e as liñas de traballo recollidas neste, establecéndose deste xeito o modelo de xestión recollido no artigo 2.

Para este fin valoraranse, analizaranse e corrixiranse os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais, e que de igual xeito veñen recollidos no Plan de Conservación.

TÍTULO VI
Normativa de protección

Artigo 20. Réxime xeral de protección

Considéranse como accións que alteran as condicións do Espazo Natural e, polo tanto, como infraccións as que a continuación se enumeran:

1. Respecto da protección da fauna e da flora.

Quedan prohibidas as actuacións seguintes:

– A solta, semente, transplante ou outro tipo de propagación de especies animais ou vexetais.

– Con carácter xeral, queda prohibida a destrución ou deterioración significativa das formacións vexetais conformadas por especies silvestres que caracterizan os tipos de hábitats de interese comunitario.

A perturbación, persecución, molestia, dano, captura ou morte das especies animais silvestres e a collida ou recolección dos seus propágulos, restos ou residuos da súa actividade.

A caza en todo o territorio do Espazo Natural.

Utilizar megafonía, ruídos ou calquera aparello de reprodución de son que resulten molestos e poidan alterar a tranquilidade do lugar.

Levar a cabo calquera actividade que destrúa, deteriore ou transforme os elementos naturais da zona.

Introducir especies animais e/o vexetais alóctonas.

A entrada de animais domésticos de compañía soltos (salvo can guía), polo risco de provocar danos ou molestias á fauna ou deterioración de hábitats sensibles.

A instalación de emisións luminosas que incidan negativamente sobre hábitats ou lugares de especial interese para a fauna.

A Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra velará para que o uso de biocidas ou calquera substancia química, se realice no espazo de maneira racional e conforme coa normativa vixente, podendo limitar ou prohibir aqueles usos que supoñan a destrución ou a alteración significativa dos hábitats de interese comunitario.

– Prohíbese o depósito ou vertedura de materiais vexetais, derivados do mantemento de xardíns e parques sobre os hábitats naturais ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

2. Respecto da protección dos recursos hídricos.

Segundo o texto refundido da Lei de augas:

– Prohíbese efectuar accións sobre medio físico ou biolóxico vinculado á auga que constitúan ou poidan constituír unha degradación da súa calidade físico-química.

– Non poden efectuarse verteduras directas ou indirectas que contaminen as augas e acumular residuos sólidos, lixo ou substancias, calquera que sexa a súa natureza e o sitio onde se depositen, que constitúan ou poidan constituír un perigo de contaminación das augas ou degradación do seu contorno.

Pódense usar as augas superficiais, cando discorren polos seus leitos naturais, para beber, bañarse e outros usos domésticos, así como para abrevar o gando. Estes usos comúns poderán levarse a cabo sempre que non se altere a calidade e o caudal das augas.

– Prohíbese o lavado de vehículos e calquera tipo de obxecto en ríos, arroios ou humidais, tirar obxectos ás ditas zonas, así como a incorporación directa ás augas de deterxentes, xabóns, lixivias ou outros tipos de substancias que poidan afectar de forma significativa o estado ecolóxico dos ecosistemas acuáticos.

3. Respecto da protección do solo e da paisaxe.

Quedan prohibidas as actuacións seguintes:

– A alteración do relevo mediante escavación, soterramentos ou outras accións.

– A ocupación dos terreos do espazo para o aparcamento de vehículos, caravanas ou remolques, así como a instalación de casetas, tendas de campaña, cadeiras, mesas e calquera outro artefacto que serva para a estadía ao ar libre.

– A realización por calquera procedemento de inscricións, sinais e debuxos en árbores, paneis informativos e, en xeral, en calquera tipo de bens mobles ou inmobles, salvo aqueles debidamente autorizados que sexan necesarios para mellorar e completar as redes de camiños e sendeiros.

– Instalar pancartas ou anuncios publicitarios sen autorización.

– A instalación de antenas, pantallas, artefactos que sobresaian ou outros que afecten a harmonía da paisaxe.

– Co fin de evitar a alteración da paisaxe e os riscos sobre a avifauna, os novos tendidos eléctricos e telefónicos que se instalen no Espazo Natural deberán ser subterráneos. Toda obra nova de transporte de enerxía eléctrica deberá incorporar no seu proxecto unidades de obra que faciliten a súa adecuación paisaxística.

– As liñas de transporte de enerxía eléctrica de alta tensión que discorran polo interior do Espazo Natural deberán incorporar dispositivos que eviten a electrocución das aves.

4. Respecto da circulación de vehículos.

– A circulación de vehículos fóra das estradas e pistas abertas ao tráfico.

– Acceder as zonas sinalizadas como non accesibles ao público.

5. Outras actividades.

– Prender calquera tipo de lume, fogueira ou similar.

O abandono, depósito ou deixar fóra dos lugares especialmente indicados e preparados para tal efecto de papeis, botes, botellas, plásticos, cabichas ou desperdicios de calquera tipo.

– A deterioración ou a destrución da infraestrutura propia do espazo.

– Non está permitido o estudo ou a actividade profesional de fotografía, cine ou vídeo coa finalidade comercial sen a autorización da Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.

– Os traballos de investigación que se van realizar no interior do Espazo Natural deberán ser suficientemente xustificados e razoados, indicando como mínimo: a) a súa finalidade, técnicas ou métodos que se van utilizar, así como o equipamento que se teña que instalar que poida producir algunha afección sobre o medio, b) a zona e o tempo da actuación, c) persoal investigador e programas de traballo que se vai desenvolver.

– Aquelas actividades destinadas ao uso público xestionadas por terceiros como poden ser concertos ao ar libre, prácticas deportivas masivas ou calquera outro tipo de acontecemento de forma masiva serán reguladas pola Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra, que asegurara o seu control e adecuación ao sistema de uso público do Espazo Natural.

Artigo 21. Excepcionalidades

Excepcionalmente, e sempre que iso non supoña o prexuízo do mantemento, nun estado de conservación favorable, das poboacións da especie de que se trate dentro do ENIL, poderán quedar sen efecto estas prohibicións, logo de autorización expresa da Concellaría de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra, sen prexuízo das autorizacións perceptivas recollidas na normativa vixente que poidan resultar de aplicación.

Artigo 22. Do procedemento sancionador

O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no Espazo Natural será, con carácter xeral, o establecido no título III da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, sen prexuízo de todas aquelas normas vixentes que poidan resultar de aplicación as ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.