Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 21 de setembro de 2012 Páx. 36992

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Valga

ANUNCIO da convocatoria de concesión de subvencións para o fomento do emprego.

Mediante acordo adoptado en sesión plenaria con data do 22 de agosto de 2012, acordouse efectuar a convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de emprego dos/as desempregados/as do municipio de Valga, e publicar a mencionada convocatoria no Diario Oficial de Galicia que se insire a continuación:

Bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para o fomento do emprego dos desempregados/as do municipio de Valga

Base primeira. Réxime xurídico

Esta subvención réxese polas presentes bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa aplicable.

Base segunda. Créditos orzamentarios

Estas subvencións financiarase con cargo á partida orzamentaria 241.470.00, cun crédito de 30.000 euros.

Base terceira. Obxecto e finalidade da concesión das subvencións

É obxecto da presente convocatoria pública regular a concesión de subvencións para o fomento e o mantemento do emprego por conta allea, a tempo completo ou media xornada, en calquera das modalidades contractuais vixentes, tanto de duración indefinida como temporal, cunha duración contractual mínima de 6 meses, nos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de persoas desempregadas (e nesta situación durante un período mínimo de seis meses) e empadroadas no Concello de Valga cunha antigüidade mínima de tres meses. O empadroamento no municipio de Valga será comprobado de oficio.

Base cuarta. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta axuda as persoas físicas e xurídicas de carácter privado, cuxos centros de traballo estean radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e que formalicen os contratos de traballo por un período mínimo de 6 meses con traballadores por conta allea desempregados/as do Concello de Valga, que deben contar cos seguintes requisitos:

• Levar empadroados no municipio un mínimo de 3 meses no momento da solicitude da subvención.

• Que se atopen desempregados/as durante un período mínimo de 6 meses no momento da solicitude da subvención.

2. As empresas contratantes non poderán incorrer nalgunha das circunstancias excluíntes, sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e en particular, as seguintes:

a) Ter sido excluído do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, pola comisión de infraccións non prescritas graves ou moi graves, de conformidade co previsto no artigo 46 do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orden social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

b) Non acreditar documentalmente ter organizado o sistema de prevención, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a Lei 54/2003, do 12 de decembro, da reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, e conforme o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de servizos de prevención modificado posteriormente polo Real decreto 780/1998, do 30 de abril.

3. Non poderán ser beneficiarios destas subvencións:

a) As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

b) As empresas acollidas a plans de reconversión.

c) As empresas que non se atopen ao corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, coa Administración tributaria ou co Concello de Valga por calquera tipo de débeda de dereito público vencida, liquidada e exixible por vía de constrinximento.

Base quinta. Contratacións. Requisitos

1. Os contratos realizaranse para prestar servizos en centros de traballos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As contratacións obxecto desta subvención deberán formalizarse por escrito e comunicarse na forma regulamentariamente establecida á oficina do servizo público de emprego.

3. A duración mínima dos contratos subvencionados será de 6 meses.

Base sexta. Contratos. Exclusións

1. Os contratos celebrados con persoas incursas nos seguintes supostos:

a) Os socios daquelas entidades sen personalidade xurídica.

b) Os administradores, apoderados, membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.

c) Os socios de empresas que revistan a forma xurídica de sociedade que posúan polo menos a terceira parte do capital social.

d) O propio empresario.

2. As relacións laborais de carácter especial recollidas no artigo 2.1 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, ou noutras disposicións legais.

3. Os contratos para a formación, pois non xeran dereito a prestación.

4. Aqueles contratos en que se detecten actuacións encamiñadas á obtención da subvención sen que se produza creación real e efectiva de emprego, así como as contratacións realizadas con infracción da lexislación laboral ou da Seguridade Social.

Base sétima. Concorrencia con outras axudas e subvencións

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou de outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do gasto realizado.

Base oitava. Normas sobre os requisitos e a contía das subvencións

1. A concesión das subvencións efectuarase tendo en conta a rigorosa orde de entrada no Rexistro Xeral deste Concello, e ata o remate do crédito vinculado a tal fin.

2. O importe máximo da subvención, en caso de contratos a tempo completo, será de 100 € mensuais durante un período que oscila entre os 6 meses (duración mínima do contrato) e 1 ano (período máximo subvencionable).

En caso de contratos a media xornada, o importe máximo da subvención reducirase no 50 %.

Esgotado o crédito previsto, e de existir crédito a nivel de vinculación para atender outras solicitudes, estas poderán ser aprobadas pola alcaldía, logo de tramitación do procedemento correspondente.

Base novena. Solicitudes e documentación

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das presentes bases reguladoras.

2. As solicitudes de subvención, acompañadas da documentación exixida, poderanse formular desde o día seguinte ao da publicación destas bases no DOG e dirixidas ao alcalde do Concello de Valga.

3. Os modelos facilitaranse no Concello de Valga e na súa páxina web.

4. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se acompañase da documentación exixida, o concello requirirá o interesado para súa emenda e outorgaralle un prazo máximo de 10 días hábiles; transcorrido o dito prazo sen que se corrixan os defectos apreciados, considerarase que desiste da súa petición.

5. Documentación que hai que presentar:

a) Solicitude da subvención para a contratación por conta allea (anexo I).

b) Datos da persoa contratada pola que se solicita subvención (anexo II).

c) Copia do DNI ou CIF da persoa física ou xurídica beneficiaria e do DNI do traballador/a.

d) Declaración xurada de atoparse ao corrente das obrigacións tributarias, e coa Seguridade Social, e das obrigacións e pagamentos co Concello de Valga.

e) Informe de vida laboral da persoa que se contrata, actualizado a data en que se solicita a subvención.

f) Orixinal e fotocopia do contrato de traballo formalizado.

Base décima. Lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes da subvención, xunto coa documentación requirida, presentaranse unha vez formalizados os contratos, no Rexistro do Concello de Valga ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A finalización do prazo de presentación de solicitudes será comunicado mediante publicación na páxina web e no taboleiro do Concello de Valga, o cal terá lugar unha vez esgotado o crédito previsto.

Base décimo primeira. Órgano instrutor, órgano concedente e resolución do procedemento

O órgano instrutor será a Concellería de Educación, Formación e Emprego, a través da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local deste concello, que comprobará a concorrencia dos requisitos requiridos para a concesión da subvención e formulará a proposta de concesión ao órgano concediente.

O órgano concedente será o alcalde-presidente do Concello de Valga.

O prazo máximo para resolver a resolución do procedemento non poderá exceder os 15 días desde a solicitude ou, se é o caso, desde a fomalización da documentación que sexa requirida.

A resolución do procedemento notificarase ao interesado, e poñerá fin á vía administrativa. Procederase á publicación no taboleiro de anuncios do Concello de Valga.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Base décimo segunda. Pagamento

O aboamento da subvención realizarase aos 6 meses da celebración do contrato (no caso de contratos cuxa duración sexa de 6 meses) tras a presentación da documentación acreditativa da relación laboral durante o dito período, en concreto:

• Nóminas e xustificante acreditativo do seu pagamento.

• Acreditación do pagamento dos seguros sociais.

• Informe de vida laboral actualizado á data en que se cumpre o período mínimo de duración do contrato.

A partir do sexto mes de relación laboral, o aboamento da subvención efectuarase trimestralmente tra a comprobación do arriba indicado. O prazo máximo subvencionable será dun ano, con independencia de que a relación laboral se estenda máis alá do período anual.

Base décimo terceira. Obrigas dos beneficiarios

A) Os beneficiarios/as deben facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano instrutor.

B) Durante o período subvencionado, as persoas beneficiarias deberán comunicar de forma expresa o cesamento da relación laboral con acreditación da causa. De producirse un cesamento laboral xustificado, a empresa poderá substituír o traballador/a por outro/a que reúna as mesmas condicións que foron tidas en conta para a concesión da subvención.

C) Comunicar ao Concello de Valga, nun prazo non superior a quince días, calquera alteración que se produza nos datos relativos ao negocio, á actividade, proxecto ou condicións económicas que se tivesen en conta para a concesión da subvención.

D) Comunicar ao Concello de Valga o importe das axudas ou subvencións concedidas con posterioridade para a mesma actividade por calquera Administración, no prazo de 15 días desde a súa notificación da concesión.

E) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos incluídos nos documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

F) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos nestas bases, e segundo o procedemento establecido.

G) Os beneficiarios das axudas deberán comunicar por escrito á persoa cuxo contrato foi subvencionado tal circunstancia, así como o carácter público do seu financiamento polo Concello de Valga.

Base décimo cuarta. Perda da axuda e reintegro

Terá lugar nos seguintes casos:

1. Cando a data de extinción do contrato sexa anterior á de notificación da resolución da concesión da subvención, salvo o disposto na letra B) da base décimo terceira.

2. Cando a extinción do contrato teña causa nun despedimento recoñecido como improcedente pola empresa, acta de conciliación ou resolución xudicial.

3. En xeral, cando se incumpran as obrigas impostas nestas bases ou na resolución de concesión da subvención, ou concorran as causas definidas no artigo 37 da Lei de subvencións de Galicia.

A resolución pola que se acorde a perda do dereito/reintegro da subvención será adoptada polo órgano instrutor.

As cantidades a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereitos públicos, e a súa cobranza levarase a efecto con suxeición ao establecido para esta clase de ingresos nas normas reguladoras e pertinentes.

Ademais esixiranse os xuros de demora devengado desde o momento do seu aboamento.

Os xuros de demora calcularanse sobre o importe a reintegrar da subvención concedida.

A falta de reintegro ao Concello de Valga das cantidades reclamadas, en período voluntario, dará lugar ao seu cobramento por vía de constrinximento de acordo coa normativa vixente.

Base décimo quinta. Disposición derradeira

As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Valga, 23 de agosto de 2012

José Mª Bello Maneiro
Alcalde

ANEXO I
Solicitude da subvención do Concello de Valga para a contratación
de desempregados/as

Datos do solicitante

Nome e apelidos:

Nome ou razón social:

NIF, CIF ou DNI:

Domicilio social da empresa

Localidade:

Municipio:

Provincia:

Teléfono:

Correo electrónico:

C.Postal:

Declaro, baixo a miña responsabilidade, que os datos citados e achegados con esta solicitude son certos e que coñezo as bases da convocatoria desta subvención, que acepto integramente.

Así mesmo declaro que cumpro coas condicións para ser beneficiario desta subvención.

En …………………………….., …….., de…………………………de 2012

(Sinatura do solicitante)

ANEXO II
Datos da persoa contratada pola que se solicita subvención

(Cubrir un exemplar para cada traballador/a)

Nome do traballador/a:

DNI:

Data do contrato polo que se solicita a subvención:

Ocupación:

Municipio do centro de traballo:

Modalidade contractual polo que se solicita subvención (marcar con X)

Contrato por obra ou servizo

Contrato eventual por circunstancias da produción

Contrato de interinidade

Contrato de revezamento

Contrato para a formación

Contrato en prácticas

Outros (especificar)………………………

Xornada laboral:

□ Tempo completo

□ Media xornada

A presentación da solicitude comportará, se é o caso, a autorización do traballador/a para solicitar datos, para os efectos de seguimento da subvención á contratación, na Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Valga, ………..de…………………….de 2012

(Sinatura do traballador/a)

Valga, ……………..de…………………de 2012