Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 18 de setembro de 2012 Páx. 36394

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de setembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 30 de maio pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o 2012.

Con data do 13 de xuño de 2012 (DOG número 112) publicouse a Orde do 30 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o 2012.

No artigo 9.2 da devandita orde establecíase que os beneficiarios da subvención quedan obrigadas a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento do proxecto, antes do 1 de outubro de 2012.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas e os atrasos experimentados na tramitación das emendas, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 9.2 da orde do 30 de maio de 2012.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de xustificación

Ampliar ata o 1 de decembro de 2012, inclusive, o prazo previsto no artigo 9.2 da Orde do 30 de maio de 2012, para acreditar a realización dos proxectos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento do proxecto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria