Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 18 de setembro de 2012 Páx. 36454

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo para o persoal laboral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, código do convenio 82000502011999, que subscribiu, con data do 27 de xullo de 2012, dunha parte a representación legal dos traballadores e doutra a representación da dirección do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo para o persoal laboral do Sindicato Nacional
de Comisións Obreiras de Galicia
Anos 2010-2013

CAPÍTULO I
Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 1. Ámbito persoal, funcional e territorial

a) Este convenio será aplicable a todo o persoal asalariado que preste servizos retribuídos en virtude da relación laboral común por conta e baixo a dependencia do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CC.OO.) de Galicia nos diversos centros que existan ou poidan crearse durante a súa vixencia dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Quedan excluídas expresamente del todas as persoas cunha relación que derive da elección ou designación polo congreso, consello ou órgano respectivo para a realización de tarefas sindicais, baixo a denominación de sindicalistas, adxuntos sindicais, colaboradores sindicais ou similares.

c) O persoal contratado sobre a base de convenios de colaboración, contratos programa, subvencións finalistas ou semellantes, réxese por este convenio, agás nos aspectos que determinen as bases da respectiva convocatoria de convenio, contrato programa ou subvención.

Artigo 2. Vixencia, duración e denuncia

Este convenio entrará en vigor o 1.1.2010, independentemente da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), e terá unha duración de catro anos; finaliza, por tanto o 31.12.2013.

Este convenio queda denunciado automaticamente dous meses antes da súa finalización. Mentres non se produza o asinamento dun novo, este manterá a súa vixencia, calquera que sexa o tempo transcorrido desde a súa finalización e, polo tanto, tamén superado o período de dous anos desde o seu remate sen se acordar un novo convenio.

Artigo 3. Vinculación á totalidade

As condicións pactadas constitúen un todo orgánico indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 4. Normativa aplicable e supletoria

Todas as materias que son obxecto de regulación neste convenio substitúen as disposicións pactadas con anterioridade. Para o non previsto, rexerá o disposto no Estatuto dos traballadores (ET) e demais normas legais e regulamentarias que conforman a lexislación vixente, sen que en ningún caso ningún traballador ou traballadora poida verse prexudicado.

Non obstante, todos aqueles conceptos retributivos que se viñeran percibindo e que non aparezan recollidos neste convenio respectaranse como complemento persoal transitorio que será absorbido polos incrementos retributivos derivados de futuras revisións salariais.

CAPÍTULO II
Retribucións

Artigo 5. Salario base

O concepto de salario base, para cada grupo e especialidade profesional e nivel retributivo, será o que se detalla nas táboas salariais adxuntas como anexo en valores anuais. Os efectos económicos produciranse desde o día 1 de xaneiro de cada ano respectivo.

Non obstante o exposto, a clasificación profesional adaptarase ao novo marco legal nos termos establecidos na disposición adicional sexta.

Artigo 6. Axuda por fillos

Establécese un complemento denominado «axuda por fillos» que para o ano 2010 terá un valor de 207,40 euros por cada fillo ou filla, para os traballadores e traballadoras con fillos ou fillas de ata 25 anos (incluídos).

Este importe, entre os 16 e os 25 anos, aboarase logo de xustificar a convivencia e dependencia. Efectuarase unha soa paga na nómina do mes de agosto. Aboarase na súa totalidade, independentemente da súa xornada laboral, ben traballen a xornada completa ou ben a teñan reducida. A primeira devindicación será sempre pola totalidade da paga, con independencia da data de nacemento, adopción ou acollida do fillo ou filla.

Este complemento actualizarase na mesma proporción que o incremento xeral que se estableza no convenio colectivo.

Artigo 7. Gratificacións extraordinarias

Establécense dúas pagas extra: a de xuño (pagadoira o 30 de xuño) e a de decembro (pagadoira do 15 ao 24 de decembro). Por elección de cada traballador ou traballadora, estas pagas poderanse cobrar de xeito rateado durante os doce meses do ano. Antes do remate do ano, cada persoa afectada comunicará o xeito en que desexa percibir o seu salario (12 ou 14 pagas).

Artigo 8. Axudas de custo e desprazamentos

A persoa asalariada que, por necesidades organizativas ou sindicais –seguindo a orientación do órgano sindical do cal depende–, teña que se desprazar a poboacións distintas daquela onde ten o seu centro de traballo, recibirá como compensación as axudas de custo que en cada momento estean vixentes para o conxunto do Sindicato Nacional.

No caso de realizarse a viaxe en coche particular, a quilometraxe será pola cantidade en vigor no Sindicato Nacional, e as viaxes en transporte público, polo importe dos billetes.

Se, por circunstancias excepcionais, os gastos orixinados polo desprazamento exceden o importe das axudas de custo, o exceso será aboado tras a xustificación e logo da aprobación pola estrutura correspondente do sindicato.

Artigo 9. Complemento IT

Durante os períodos de baixa, sexa cal for a súa orixe, os traballadores e traballadoras do Sindicato Nacional percibirán o 100 % do seu salario.

Artigo 10. Horas extraordinarias

A realización de horas extraordinarias queda totalmente suprimida no Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

Artigo 11. Incremento retributivo base

O incremento retributivo para os anos 2010 e 2011 é do 0 %, e para os anos 2012 e 2013 será do 3 % e do 0,60 %, respectivamente. Non obstante, se durante os anos 2012 ou 2013, o incremento porcentual dos ingresos ordinarios (cotas, servizos e subvencións non finalistas) do Sindicato Nacional chegasen a superar o IPC, incrementaranse con carácter retroactivo e efectos do 1 de xaneiro de cada ano respectivo as retribucións, en porcentaxe igual á metade do exceso alcanzado nos ingresos respecto do mencionado IPC.

O 1 de xaneiro de cada ano realizarase un incremento á conta en función do IPC previsto máis o diferencial de aplicación. (Queda en suspenso).

Durante a vixencia deste convenio colectivo 2012-2013 permanecerá en suspenso a aplicación do parágrafo anterior.

Artigo 12. Revisión salarial

Na nómina do mes de febreiro de cada ano farase unha paga de regulación ao IPC real, de ser este superior ao previsto. (Queda en suspenso).

Durante a vixencia deste convenio colectivo 2012-2013 permanecerá en suspenso a aplicación deste artigo.

Artigo 13. Anticipos e préstamos ao persoal

Cunha petición motivada, calquera traballador ou traballadora terá dereito a que se lle anticipe a mensualidade correspondente a ese mes.

Con este fin, a dirección e o persoal establecen unha cantidade global ao comezo de cada exercicio. A concesión de préstamos virá determinada polas posibilidades de tesouraría do Sindicato Nacional.

A contía dos préstamos que o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia concederá aos seus traballadores e traballadoras non poderá superar o importe de tres mensualidades.

Non se terá dereito á concesión doutro préstamo mentres se teña un en vigor.

Estes préstamos non terán xuros e amortizaranse mensualmente sen superar o 10 % do total das percepcións salariais, agás petición expresa de quen o solicite.

CAPÍTULO III
Xornada, calendario, horario, vacacións, permisos e excedencias

Artigo 14. Xornada

A xornada anual máxima e efectiva será de 1.575 horas.

A xornada laboral semanal será, como media, de 35 horas.

A xornada laboral semanal máxima será de 40 horas.

Artigo 15. Xornada de verán

A xornada de verán realizarase de xeito continuado e terá unha duración de 13 semanas, e comezará o luns da semana que conteña o día 17 de xuño.

Artigo 16. Contratacións de verán

Os/as traballadores/as que temporalmente sexan contratados/as para a cobertura da recepción do local durante a xornada de verán ou a substitución durante as vacacións do persoal de recepción quedan excluídos do artigo anterior.

Artigo 17. Calendarios individuais de traballo

Recolleranse en cada calendario persoal os horarios de entrada e saída diarios, o cómputo de horas semanais, os días festivos locais e os outros non laborables recollidos neste convenio, e calquera outra información relevante para o coñecemento explícito da xornada laboral que vai efectuar cada traballador ou traballadora.

Os horarios de traballo recollidos dentro dos calendarios individuais deberán axustarse á franxa horaria de apertura dos locais. As propostas de excepción serán recollidas nos calendarios individuais, acompañadas da motivación e xustificación correspondente. Os cadros horarios negociaranse coa representación dos traballadores e traballadoras (RLT).

Os calendarios serán remitidos polas estruturas á Comisión de Persoal, a cal os trasladará á RLT. A aprobación final dos calendarios correspóndelle á Comisión Executiva Nacional (CEN), visto o informe conxunto presentado pola Comisión de Persoal e a RLT.

A non aprobación dun determinado calendario pola CEN obrigará a Comisión de Persoal da CEN e mais a RLT a establecer unha proposta alternativa que será novamente remitida á CEN para a aprobación, se corresponde.

Calquera modificación posterior do calendario deberá ser pactada entre o traballador ou traballadora e as persoas responsables sindicais da estrutura correspondente. Estas modificacións deberán comunicarse previamente á Comisión de Persoal da CEN para a súa aprobación, de ser conforme coas normas expresadas neste convenio.

Establécese un horario flexible que terá en conta, na negociación dos cadros horarios, os seguintes límites:

1. É vontade das partes garantir o cumprimento dos horarios de traballo, co obxectivo de dar o mellor servizo posible á afiliación e mais aos traballadores e traballadoras.

2. Control horario: a CEN establecerá os medios de control horario oportunos. A proposta deberá ser debatida pola Comisión de Persoal da CEN e a RLT antes da súa aprobación.

No caso de que un festivo local cadrase en sábado, as traballadoras e traballadores afectados gozarán dese festivo noutro día laborable, entendéndose como tal de luns a venres.

Artigo 18. Alteracións non ordinarias da xornada

No caso de situacións especiais, e con carácter excepcional (xornadas, congresos, consellos etc.), en que cumpra realizar actividades laborais fóra da xornada recollida no calendario individual, este tempo será compensado con tempo libre na proporción do 125 % se é dentro do horario de atención ao público; do 150 % se é fóra del, en horario diúrno de 6 a 22 horas; e do 175 % se a actividade se realiza en sábado ou festivo.

Artigo 19. Pausa descanso de mañá

Durante a xornada ordinaria poderase realizar unha pausa de descanso ou almorzo pola mañá, computable como tempo traballado, que será inferior a 20 minutos e deberá efectuarse preferentemente entre as 10.30 horas e as 12.30 horas.

Artigo 20. Reducións de xornada

Os/as traballadores/as que por razón de garda legal teñan ao seu coidado directo algún menor de 16 anos terán dereito a unha redución da xornada coa diminución proporcional do salario cun máximo da metade da xornada.

Os/as traballadores/as que teñan ao seu cargo persoas dependentes ou maiores de 65 anos terán dereito a unha redución da xornada e diminución proporcional do salario, cun máximo da metade da xornada.

Artigo 21. Vacacións

O persoal laboral do Sindicato Nacional terá dereito ao desfrute de 23 días laborais (excluíndo sábados, domingos e festivos), que poderán reunir nun só período ou nun máximo de dous, en concepto de vacacións.

O período máis longo de vacacións gozarase preferentemente entre o 1 de xullo e o 31 de agosto; en todo caso, non poderán gozarse máis alá do 15 de xaneiro do ano seguinte.

As excepcionalidades respecto ao seu uso serán estudadas entre a RLT e a Comisión de Persoal da CEN, evitando romper a normalidade no servizo.

En caso de baixa por enfermidade ou accidente durante o período de vacacións, estas quedarán suspendidas ata a reincorporación (alta IT), e poderanse gozar durante o ano en curso, ou o seguinte.

O calendario de vacacións, elaborado entre a estrutura correspondente e o seu persoal traballador, deberá estar aprobado no primeiro trimestre do ano.

As estruturas remitirán á Comisión de Persoal da CEN as propostas de calendarios. O procedemento de aprobación será o mesmo que o establecido no artigo 17 para os cadros horarios.

Artigo 22. Permisos retribuídos

a) Todo traballador e traballadora, avisando coa antelación posible e a xustificación posterior, terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

1. Tres días en caso de falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, ou da persoa con quen conviva. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis.

2. Tres días en caso de enfermidade grave de familiar ata o segundo grao de consanguinidade, ou da persoa con quen conviva. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis. Este permiso poderá utilizarse de forma descontinua, fraccionado en 2 ou 3 períodos, avisando previamente.

3. Polo tempo necesario, en casos de consulta médica ou acompañamento non habitual de familiar de primeiro grao ou persoa coa que conviva.

b) Todo traballador e traballadora, avisando cunha antelación mínima de 72 horas (agás causa sobrevida), e coa presentación da xustificación pertinente, terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

1. O traballador ou traballadora terá dereito aos períodos necesarios de ausencia do traballo, remunerados, cando decida someterse a técnicas de fecundación asistida. Será preciso presentar un xustificante onde se indiquen os períodos necesarios.

2. No mesmo sentido, concederanse os permisos precisos para a asistencia a ximnasia de preparación para o parto. Será preciso presentar o xustificante onde se indiquen os períodos estipulados.

3. Dezaseis días laborables por parto ou adopción.

4. Un día laborable no caso de matrimonio ou inicio de vida en común de fillos ou fillas, pais, nais, irmáns ou irmás propios ou do cónxuxe ou parella de feito, acreditándose. No caso de residencia a unha distancia superior a 150 quilómetros, será 1 día máis; no caso de residencia a unha distancia superior a 300 quilómetros, serán 2 días máis.

5. Por permiso para a lactación dun fillo ou filla menor de doce meses, o traballador ou traballadora terá dereito a dúas horas de redución da súa xornada diaria, que poderá usar tamén de forma fraccionada ou acumulalo nun só período. O permiso de lactación aumentará proporcionalmente en caso de parto múltiple.

6. Un día por mudanza, e dous se esta é fóra do concello de traballo.

7. Vinte días naturais no caso de matrimonio ou decisión formal da parella de vida en común.

8. Para asuntos propios establécense 5 días retribuídos ao ano. Poderanse utilizar ata o 15 de xaneiro do ano seguinte. En ningún caso serán acumulados aos períodos de vacacións. A concesión do permiso estará sempre ligado ao normal mantemento da actividade.

9. Serán días libres retribuídos para todo o cadro de persoal do Sindicato Nacional, o 24 e o 31 de decembro.

10. Polo tempo indispensable, incluíndo o desprazamento, para exames para a obtención dun título.

11. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público.

12. Os traballadores e traballadoras afectados por drogodependencias terán un permiso retribuído polo tempo que requira seguir o tratamento prescrito, sempre no caso de non lles ser recoñecida a IT, e sempre que fagan efectivo o compromiso de incorporárense a programas de desintoxicación e deshabituación.

Artigo 23. Permisos non retribuídos

O persoal laboral que leve un mínimo dun ano no sindicato terá dereito a solicitar o permiso sen salario por un máximo de 30 días, nunha soa vez ou en dúas fraccións no ano, e terá que ser outorgado pola dirección do sindicato, salvo que non resulte factible por notorias necesidades do servizo. A solicitude realizarase á Comisión de Persoal da CEN con, como mínimo, 15 días de antelación.

En caso de enfermidade grave e dilatada dun familiar de primeiro grao ou da persoa coa que conviva, disporase dos días necesarios de permiso sen soldo, e deberanse xustificar as ausencias ao traballo.

Artigo 24. Excedencias

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

Excedencia voluntaria:

O traballador ou traballadora con, polo menos, un ano de antigüidade na empresa ten dereito a situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a seis meses e non maior a cinco anos.

Este dereito só poderá exercelo outra vez o/a mesmo/a traballador/a se transcorreron tres anos desde o final da anterior excedencia.

O reingreso deberá solicitalo á CEN cunha anticipación mínima dun mes, e será automático nun posto da mesma categoría e localidade.

A persoa reingresada conservará a súa categoría e nivel retributivo.

Excedencia forzosa:

Pasarase á situación de excedencia forzosa, que implicará o reingreso automático no posto de traballo anterior á súa concesión, polas seguintes causas:

• Nomeamento para un cargo público (nesta designación cómpre a publicación nun diario oficial), sindical (de ámbito comarcal ou superior) ou político (de ámbito provincial; neste caso requírense procesos electorais regulamentados por lei).

• A notificación de cesaren as causas que motivaron a concesión da excedencia forzosa deberá realizala o traballador ou traballadora ao Sindicato Nacional dentro dos 30 días seguintes a que se dea esta circunstancia. De non se producir esta notificación, o Sindicato Nacional declarará o traballador ou traballadora en situación de excedencia voluntaria de acordo co primeiro apartado deste artigo.

Excedencias especiais:

Por solicitude do/a traballador ou traballadora, e cos mesmos efectos da excedencia forzosa, polos seguintes motivos:

• Os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa antigüidade na empresa, terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado dun/dunha fillo/a cando o sexa por natureza, adopción ou acollemento, tanto permanente como preadoptivo, e poderá exercerse ata que alcance a idade de oito anos.

• Os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa antigüidade na empresa, terán dereito a pasar á situación de excedencia por un período máximo de tres anos para atender o coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (tanto por matrimonio como por parella de feito).

Este período de excedencia computará para todos os efectos, tanto de promoción como de complementos retributivos, e o traballador ou traballadora terá dereito, mentres dure, a asistir a cursos de formación profesional; para participar neles, deberá ser convocado polo sindicato, especialmente con ocasión da súa reincorporación. O traballador ou traballadora terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante todo o tempo que permaneza en excedencia polo coidado de familiares.

CAPÍTULO IV
Contratación

Artigo 25. Contratación

Os asinantes deciden aplicar o acordo sobre a estabilidade no emprego e as normas que o regulan no período inmediato posterior ao asinamento deste convenio.

En virtude do principio de causalidade no emprego, a contratación que se realice para un posto de traballo fixo será cun contrato fixo.

Así mesmo, poderanse concertar contratos de xornada reducida; neste caso, as condicións económicas estarán en proporción ao tempo traballado.

Períodos de proba.

Establécense os seguintes períodos de proba:

– Persoal administrativo: 30 días.

– Persoal técnico e profesional: 6 meses.

Artigo 26. Comunicación da contratación a comités de empresa ou delegados e delegadas de persoal

As partes comprométense a cumprir o previsto na normativa legal vixente en todo o relativo aos dereitos de información da representación dos traballadores e traballadoras en materia de contratación. A Comisión de Persoal da CEN informará a RLT das vacantes e postos de nova creación, do perfil aplicable aos candidatos e candidatas e mais da categoría.

Artigo 27. Proceso de selección de persoal

Unha vez realizado o proceso de promoción interna (capítulo V), procederase a utilizar, de existir, a listaxe de cobertura de praza descrita no artigo seguinte. De non se cubrir a praza por este sistema, realizarase a convocatoria pública da praza e a comunicación dela ao Servizo Público de Emprego.

A selección de persoal será realizada polo mesmo tribunal nomeado para a fase de promoción interna. Estará formado por:

• Un membro da CEN ou persoa designada por ela.

• Responsable da Secretaría da CEN, estrutura ou departamento para o que teña que prestar os servizos a persoa contratada, ou a persoa en quen el ou ela deleguen.

• Un membro da RLT designada por esta.

• De xeito excepcional, poderán formar parte desta comisión outras persoas, por decisión dos seus membros, as cales terán voz e non voto.

Establécese o seguinte baremo referencial:

Experiencia: 20 %.

No Sindicato Nacional de CC.OO.: 25 %.

En CC.OO.: 15 %.

Outra experiencia: ata o 5 %.

Formación: 15 %.

Probas técnicas: 55 %.

Incluirá unha proba específica para o posto, unha de galego e outra de manexo informático: 55 % (en cada caso deberase distribuír esta porcentaxe entre as probas; a específica terá carácter eliminatorio).

Entrevista: 10 %.

O tribunal de selección deberá adaptar o baremo ás características específicas do proceso.

Ao remate do proceso, seleccionará a persoa oportuna, de proceder, e confeccionará a lista ordenada por puntuación do resto das persoas participantes, sempre e cando obtivesen puntuación suficiente na proba técnica de especialidade.

Artigo 28. Listas de cobertura de praza

As listas elaboradas consonte o parágrafo último do artigo anterior serán utilizadas para a cobertura temporal das vacantes e terán unha vixencia de dous anos e carácter comarcal.

Ás persoas recollidas nela deberánselles ofertar as prazas das mesmas características a que optaron.

CAPÍTULO V
Acceso a vacantes, promoción, reclasificación e mobilidade

Artigo 29. Acceso ás vacantes

Será requisito preceptivo para cubrir as vacantes ou os postos de nova creación que se produzan, independentemente de cal sexa o tipo de contratación, a preparación dunha convocatoria interna que permita o acceso a eses postos do persoal do Sindicato Nacional.

Na dita convocatoria interna, reservada ao persoal do Sindicato Nacional acollido a este convenio, poderán participar todos os traballadores e traballadoras que reúnan as condicións establecidas para o posto.

O tribunal do proceso interno e externo será único.

O proceso selectivo será coincidente co descrito no capítulo IV. En función das características do proceso, o tribunal de selección deberá acordar se é necesario ou non realizar unha proba técnica, entrevista etc. O baremo referencial de selección é o que segue:

1. Se se realiza proba:

Proba técnica: 50 % baremo.

Antigüidade: 35 % baremo.

Formación: 10 % baremo.

Entrevista: 5 % baremo.

2. Se non se realiza proba:

Antigüidade: 60 %.

Formación: 30 %.

Entrevista: 10 %.

Ao persoal que sexa seleccionado por este procedemento interno para a cobertura dunha vacante orixinada por excedencia ou por promoción temporal da persoa titular, preservaráselle a súa praza de orixe, á cal regresará ao rematar a situación ou pasará a ser titular se o posto obtido por promoción pasase a ser vacante definitiva.

Unha vez realizada esta convocatoria, se o posto de traballo non foi cuberto, sacarase a convocatoria externa (capítulo IV).

Artigo 30. Ascensos, promocións e reclasificación (en suspenso)

Crearase unha comisión paritaria de promocións composta por dous membros en representación da representación legal dos traballadores e dous membros en representación da Comisión de Persoal da CEN. A dita comisión constituirase no mes posterior ao asinamento do convenio, e deberá presentar as súas conclusións antes do 31 de marzo de 2008.

Esta comisión establecerá os criterios para a valoración e aprobación da modificación de niveis retributivos, así como o procedemento e calendario, que deberán ser referendados pola RLT e a Comisión de Persoal da CEN. A aplicación terá efectos desde xaneiro de 2008.

En todo caso, e para os efectos da aplicación das ditas promocións, teranse en consideración os seguintes criterios:

a) O ámbito e amplitude no desenvolvemento das funcións e das tarefas que corresponden á categoría (especialización horizontal).

b) A profundidade no desempeño das funcións e das tarefas (especialización vertical), atendendo non só á realización do traballo, senón á súa administración.

c) O tempo de permanencia como traballador/a do Sindicato Nacional de CC.OO.

d) Entre un incremento de nivel e outro transcorrerá un mínimo de catro anos. Cando exista cambio de categoría polos mecanismos do artigo 32, a persoa partirá do nivel retributivo básico da nova categoría e o contador de tempo para os efectos desta epígrafe situarase en 0.

e) A preparación dentro do posto: tanto no nivel de formación continua como de cualificación.

f) Os valores derivados dos mecanismos de avaliación do rendemento.

Anualmente, na segunda quincena do mes de xaneiro, abrirase un período para a presentación de solicitudes de cambio de nivel coa correspondente expresión da motivación e xustificación. Desde a Comisión de Persoal da CEN facilitarase un formulario modelo base.

As solicitudes presentaranse diante da dirección sindical da estrutura que corresponda, que as remitirá á Comisión de Persoal acompañadas dun informe propio.

En todo caso, a Comisión de Persoal e a RLT negociarán anualmente no mes de outubro as partidas económicas destinadas a esta medida e a súa repartición entre os puntos a) e b) do parágrafo anterior. A inexistencia de acordo situará esta cantidade no 0,5 % da masa salarial de convenio.

Durante a vixencia deste convenio colectivo 2012-2013 permanecerá en suspenso a aplicación deste artigo.

Artigo 31. Mobilidade funcional

Por criterio de racionalización do traballo e co obxectivo de dar plena ocupación a cada traballador e traballadora dentro do plan global organizativo, estes poderán ser cambiados de posto de traballo dentro da mesma categoría profesional, sempre que isto non comporte traslado de residencia e respectando as condicións contractuais existentes.

Cando un traballador ou traballadora realice funcións de superior categoría, percibirá o salario correspondente á praza que vaia substituír.

Cando un traballador ou traballadora realice funcións de inferior categoría, percibirá o salario correspondente á categoría e nivel retributivo que posúe.

En ambos os casos, a duración máxima da situación será de seis meses, debendo procederse á cobertura convencional da vacante.

CAPÍTULO VI
Garantías sociais

Artigo 32. Saúde laboral

En todas aquelas materias que afecten a seguridade e hixiene no traballo aplicarase a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, as súas normas regulamentarias de desenvolvemento e demais normativa concordante. As disposicións de carácter laboral contidas na dita lei, así como as normas regulamentarias que se diten para o seu desenvolvemento, teñen o carácter de dereito necesario mínimo indispoñible, sendo por tanto de plena aplicación, con independencia do previsto neste artigo.

A protección da saúde e a seguridade dos traballadores e traballadoras constitúe un obxectivo básico e prioritario das partes asinantes, e consideran que, para alcanzalo, se require a realización dunha correcta avaliación dos riscos nos postos de traballo que permita a planificación de actuacións preventivas con obxecto de eliminar ou controlar e reducir os ditos riscos.

Durante a vixencia deste convenio realizaranse as seguintes accións:

• Avaliación de riscos dos distintos postos de traballo.

• Coa información obtida desa avaliación efectuarase a planificación da actividade preventiva, co obxecto de eliminar ou controlar e reducir os riscos.

• Realizarase unha campaña de información e formación a todos os traballadores/as en materia de seguridade e saúde laboral.

Este plan de actuacións aplicarase cumprindo os mecanismos de información e consulta aos representantes dos traballadores, previstos na Lei de prevención de riscos laborais.

Durante a vixencia deste convenio, a dirección adquire o compromiso de adoptar todas aquelas medidas necesarias tendentes a asegurar a seguridade dos/as traballadores/as, en todo o que concirne á seguridade dos centros onde desenvolven as súas actividades. Polo tanto, a dirección comprométese a adoptar un plan de seguridade do edificio acorde coa normativa vixente en materia de seguridade de edificios. Isto comporta crear as medidas necesarias para o caso de evacuación (saídas de emerxencia, sinalizacións, protección contra incendios etc.).

Artigo 33. Vixilancia da saúde dos traballadores e traballadoras

A vixilancia da saúde dos/as traballadores/as por medio de recoñecementos médicos específicos estará sometida aos seguintes principios:

• Só poderá realizarse cando o/a traballador/a preste o seu consentimento, agás naqueles casos en que, logo de consultar a representación dos traballadores, se consideren imprescindibles para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde dos traballadores ou para verificar se o estado de saúde dun traballador ou traballadora pode entrañar perigo para el mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas co sindicato, ou cando veña establecido por disposición legal.

• Levarase a cabo respectando sempre o dereito á intimidade, a dignidade do traballador e a confidencialidade, e non poderán ser usados con fins discriminatorios nin no seu prexuízo.

• A vixilancia será levada a cabo por persoal sanitario competente, no marco do acordo asinado co órgano técnico correspondente.

Artigo 34. Delegados e delegadas de prevención

Os delegados de prevención serán elixidos por e entre os representantes dos traballadores, conforme o establecido no artigo 35 da lei. As súas competencias e facultades, así como as súas garantías estarán ao abeiro do establecido nos artigos 36 e 37 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 35. Comité de Seguridade e Saúde

O Comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

O Comité estará formado polos delegados de prevención, dunha parte, e pola dirección e/ou os seus representantes en número igual ao dos delegados de prevención.

Competencias: observarase o disposto nos artigos 39 e 40 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 36. Risco durante o embarazo e período de lactación

Durante o período de suspensión do contrato de traballo nos supostos en que, debendo a traballadora cambiar de posto de traballo por outro compatible co seu estado –nos termos previstos no artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais– o dito cambio non fose técnica ou obxectivamente posible ou non poida razoablemente exixirse por motivos xustificados, a empresa complementará a prestación correspondente ata o 100 % das retribucións da interesada.

Unha vez introducida no noso ordenamento a protección por risco durante a lactación, garantirase en todo caso o complemento do 100 % das retribucións durante o período de suspensión do contrato de traballo por risco durante a lactación previsto legalmente.

Todo o anterior, sen prexuízo da aplicación das medidas de prevención e protección recollidas na Lei de prevención de riscos laborais e demais normativa aplicable.

Artigo 37. Ambiente

As partes asinantes deste convenio consideran necesario actuar de forma responsable e respectuosa co ambiente, prestando atención aos interesados e preocupacións da sociedade.

As partes asinantes do convenio comprométense a poñer en marcha actuacións encamiñadas a mellorar a xestión ambiental en dous ámbitos:

a) Facilitando e promovendo a participación de todo o persoal na mellora ambiental a través da posta en marcha de boas prácticas e dun comportamento adecuado:

• No uso de substancias tóxicas.

• Na recollida e recuperación de residuos.

• No aforro de auga, enerxía e recursos.

b) Tendo en consideración os aspectos ambientais nas compras e subministración, así como nas decisións sobre as instalacións e o edificio.

Artigo 38. Póliza de seguros

Establécese, para todo o persoal afectado por este convenio, unha póliza de seguros que cubrirá a cantidade de 18.000 euros nos casos de morte ou invalidez por accidente (absoluta ou total).

Artigo 39. Revisións médicas

Realizarase todos os anos unha revisión médica a todo o persoal, que inclúe revisión xinecolóxica ás mulleres. Estas revisións terán carácter voluntario.

Artigo 40. Xubilación especial aos 64 anos

O Sindicato Nacional obrígase a substituír simultaneamente os traballadores e traballadoras de 64 anos que voluntariamente se xubilen –ao abeiro do RDL 1194/1985, 17 de xullo, e demais disposicións legais concordantes–, por outro traballador ou traballadora inscrito/a como desempregado/a na correspondente oficina de emprego.

Artigo 41. Formación

Para cursar estudos oficiais con regularidade poderase solicitar a correspondente redución de xornada, que levará implícita a redución de salario correspondente.

– Antes da finalización do primeiro trimestre de cada ano, a Comisión de Persoal elaborará un plan de formación adaptado ás necesidades profesionais do cadro de persoal. Este plan será acordado coa representación dos traballadores.

– Considerarase tempo traballado para todos os efectos, cando os cursos teñan lugar dentro do horario de traballo e sempre que sexan de formación continua. Cando a asistencia sexa obrigatoria, os traslados compensaranse horariamente.

Así mesmo, para facilitar a formación profesional e o desenvolvemento persoal, concederanse permisos para os seguintes supostos:

– Permiso retribuído para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional recoñecido, durante o tempo preciso para a súa execución e desprazamento.

– Permisos retribuídos, cun límite de 50 horas ao ano, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional (non oficiais) e con contido directamente relacionado coas actividades da organización.

– Para cursar estudos oficiais con regularidade, poderase solicitar a correspondente redución de xornada, así como elixir a quenda.

Artigo 42. Concepto de minusvalidez

Entenderase por minusvalidez aquela que experimenten persoas con posibilidades de integración educativa, laboral ou social que estean diminuídas nun grao igual ou superior ao 33 %, como consecuencia dunha deficiencia previsiblemente permanente, de carácter conxénito ou non, nas súas capacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

Artigo 43. Reserva

A CEN tenderá, nas novas contratacións, a empregar un número de traballadores discapacitados non inferior ao 5 % do cadro de persoal, entre os que se encontren inscritos como tales no correspondente rexistro de traballadores discapacitados da oficina de emprego.

Non poderán considerarse dentro da cota de reserva aqueles traballadores que adquiren unha minusvalidez como consecuencia de accidente e enfermidade profesional ou accidente e enfermidade común, que estivesen prestando os seus servizos para a Comisión Executiva.

Artigo 44. Reincorporación de traballadores discapacitados

A Comisión Executiva conservará o nivel salarial e profesional dos traballadores con discapacidade que pasen a ter a consideración de tales despois dun accidente de traballo, enfermidade ou accidente non laboral, sobrevido despois do seu ingreso no sindicato.

Nesta circunstancia, o sindicato estará obrigado a adaptar o posto de traballo ás novas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais do/a traballador/a, en función da súa discapacidade.

Cando os organismos correspondentes consideren que a adaptación non se pode levar a cabo, daráselle ao/á traballador/a un posto de traballo compatible coa súa minusvalidez. O/A traballador/a poderá optar entre que se lle pague o salario que corresponda ao novo posto de traballo ou que se lle manteña o que en cada momento sexa asignado á categoría e posto do traballo anterior.

Artigo 45. Selección

Para poder concorrer ás probas de acceso a prazas reservadas para discapacitados, acreditaranse, mediante un certificado emitido polos organismos correspondentes, as capacidades residuais laborais do interesado, así como as adaptacións necesarias para a realización das probas de selección, se isto for necesario, para garantir a equidade da súa realización.

Artigo 46. Relación de postos de traballo

Por acordo entre a RLT e a Comisión de Persoal da CEN, establecerase a relación dos postos de traballo que deban destinarse preferentemente aos discapacitados e os que se lles deben reservar con preferencia absoluta. Esta relación será aprobada pola CEN.

Artigo 47. Xornada

Os traballadores e traballadoras discapacitados poderán realizar unha xornada de traballo inferior á que se establece neste convenio, por pedimento do interesado. A súa duración adecuarase ás súas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais, e a remuneración será proporcional ao tempo de prestación dos seus servizos.

CAPÍTULO VII
Dereitos sindicais

Artigo 48. Dereitos sindicais

Todos os previstos pola lexislación vixente e, en particular, todo o persoal asalariado do Sindicato Nacional terá dereito a:

1. O persoal laboral do Sindicato Nacional terá dereito a tempos retribuídos para asistir ás asembleas convocadas pola RLT en tempo de traballo. A convocatoria das ditas asembleas realizarase logo de llo comunicar á Comisión de Persoal da CEN con, cando menos, 48 horas de antelación.

2. Información relativa á actividade e xestión do Sindicato Nacional en todos os ámbitos e a través dos distintos medios, se teñen a condición de afiliados/afiliadas.

3. Participación, mediante as persoas representantes de persoal, en todas as funcións previstas no presente convenio.

4. Participación nas distintas actividades sindicais e culturais do sindicato.

As persoas representantes terán dereito a:

1. Participar nos cursos de formación sindical e profesional.

2. Dispor do crédito de horas mensuais que legalmente lles correspondan, coa posibilidade de transvasalas entre elas.

3. Acceder á información das contas, balances e situación económica xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia e organizacións do seu ámbito.

4. No caso de que as persoas que representan o persoal tivesen necesidade de desprazarse a algunha localidade para resolveren asuntos relacionados coas súas funcións, os gastos de desprazamento serán por conta do Sindicato Nacional.

5. Ser informadas pola C.E. do Sindicato Nacional das sancións ou amoestacións impostas, independentemente do seu grao, antes de facelas efectivas.

6. Ser consultadas sobre calquera modificación ou variación nos contratos ou condicións laborais dos traballadores e traballadoras antes de que estas se efectúen.

7. Convocar ou ser convocadas pola C.E. do Sindicato Nacional para trataren todas aquelas cuestións que, pola súa importancia, se considera que deban ser tratadas dun xeito colectivo.

O Comité Intercentros do Persoal Laboral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia estará composto polos membros do Comité de Empresa da Coruña e polos/as delegados/as de persoal de Pontevedra, Lugo e Ourense.

CAPÍTULO VIII
Réxime disciplinario

Artigo 49. Relacións laborais

A representación do Sindicato Nacional, para os efectos das relacións laborais e o cumprimento do convenio, correspóndelle á CEN, a cal delega as funcións que non lle estean expresamente reservadas no presente convenio na Comisión de Persoal da CEN.

Artigo 50. Faltas e sancións

1. Faltas.

Leves:

– Catro faltas de puntualidade nun mes sen que exista causa xustificada.

– Faltar ao traballo un día ao mes sen causa xustificada.

– A desatención e falta de corrección no trato cos traballadores e traballadoras afiliados/as ou non.

– O abandono do traballo sen causa xustificada.

Graves:

– Impuntualidade non xustificada en dez ocasións en tres meses.

– Faltar ao traballo de dous a catro días durante un mes.

– A simulación de enfermidade ou accidente.

– A realización, sen permiso, de traballos particulares durante a xornada laboral.

– Simular a presenza doutro traballador ou traballadora utilizando calquera medio para este fin.

– As ofensas de palabra ou de obra contra persoas, cometidas dentro do centro de traballo, cando non revistan gravidade.

– A embriaguez ocasional.

– A neglixencia no traballo.

– Cambiar, mirar ou remexer efectos persoais doutros compañeiros ou compañeiras sen a debida autorización.

– A reincidencia na comisión de catro ou máis faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza e sempre que houbese sanción no período dun trimestre.

Moi graves:

– Faltar ao traballo durante máis de catro días nun período dun mes, sen causa xustificada.

– A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas.

– O roubo, tanto aos demais traballadores ou traballadoras como ao sindicato ou a calquera persoa dentro dos locais do sindicato ou fóra deles.

– A reincidencia en tres ou máis faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro do mesmo ano, sempre que se impuxesen sancións.

– A realización de actividades que impliquen competencia desleal contra o sindicato.

– A violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para o sindicato.

– O abuso de autoridade exercido por quen desempeñe funcións de mando.

– O acoso sexual.

– O acoso moral.

2. Sancións.

As sancións aplicables, segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas, serán as seguintes:

Leves:

– Amoestación verbal.

– Amoestación escrita.

Graves:

– Suspensión de emprego e soldo de un a dez días.

– Inhabilitación, por un prazo non superior a un ano, para o ascenso a categorías superiores.

Moi graves:

– Suspensión de emprego e soldo de once días a un mes.

– Inhabilitación durante dous anos para pasar a categorías superiores.

– Despedimento.

Para a aplicación das sancións terase en conta o maior ou menor grao de responsabilidade de quen comete a falta, a categoría profesional e a repercusión do feito no resto do persoal e na actividade do sindicato.

3. Procedemento sancionador.

A notificación das faltas requirirá comunicación escrita ao/á traballador/a, facendo constar a data en que se cometeu e os feitos que a motivan, quen deberá xustificar a recepción.

Na notificación farase constar a sanción imposta e a data do seu cumprimento conforme proceda, observándose en todo caso o disposto no artigo 64.1.7 do ET e no artigo 10.3.3 da Lei orgánica de liberdade sindical.

Para a imposición de calquera sanción, salvo as de amoestación, será necesaria a incoación dun expediente disciplinario acordado pola CEN.

A apertura do expediente deberá comunicarse por escrito ao/á interesado/a e á representación dos traballadores, así como á organización de que funcionalmente dependa o/a traballador/a. A CEN nomeará un instrutor e un secretario para a tramitación do expediente. Os interesados poderán intervir en cantas probas se realicen para o esclarecemento dos feitos imputados.

A duración do mencionado expediente non poderá exceder os 30 días hábiles. O órgano instrutor elevará á Comisión Executiva Nacional a proposta da sanción que proceda, de conformidade co presente convenio colectivo.

Serán nulas as sancións por faltas graves ou moi graves impostas sen observar o procedemento de sancións aquí exposto.

Artigo 51. Acoso

Incorporarase ao texto do convenio o protocolo de actuación sobre o acoso que está a confeccionar o Sindicato Nacional.

CAPÍTULO IX
Comisión paritaria

Artigo 52. Comisión de interpretación, vixilancia e estudo do convenio

Constitúese unha comisión paritaria composta por tres representantes dos traballadores e traballadoras e tres membros en representación da dirección do Sindicato Nacional, para resolver as cuestións que deriven da interpretación ou aplicación do convenio.

Xuntarase por pedimento de calquera das partes mediante convocatoria expresa comunicada cun mínimo de dez días de antelación, salvo razón de urxencia acordada por ambas as partes e con indicación dos asuntos que se van tratar.

Os acordos que adopte a comisión terán forza vinculante para ambas as partes.

Artigo 53. Xuntanzas periódicas entre a RLT e a Comisión de Persoal da CEN

Realizaranse un mínimo de dúas xuntanzas anuais que coincidirán co proceso de elaboración de orzamentos e das contas anuais.

Nestas xuntanzas a orde do día establecerase por mutuo acordo entre as partes, e ambas quedan comprometidas coa súa convocatoria.

Disposición adicional primeira

A percepción do complemento funcional de posto de traballo depende exclusivamente do exercicio da actividade profesional no posto de traballo, polo que non terá carácter consolidable. Nestes supostos non serán de aplicación as regras de absorción e compensación.

Disposición adicional segunda

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, con carácter individual, se viñesen desfrutando.

Disposición adicional terceira

O posto de xefe/a de Administración estará encadrado no nivel catro, técnico medio, e percibirá o complemento funcional que lle sexa asignado.

Disposición adicional cuarta

Durante a vixencia deste convenio colectivo 2010-2013 non se fará uso dos mecanismos de non aplicación de condicións de traballo pactadas, previstos no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, ou calquera outro que os substitúa.

Disposición adicional quinta

É propósito de ambas as partes evitar, na medida do posible, a adopción de decisións que supoñan a redución e perda de postos de traballo e a extinción de contratos como mecanismo para afrontar as dificultades económicas que poida padecer o sindicato como consecuencia da crise actual. Con carácter previo á adopción de tales medidas, baseadas nas causas do despedimento obxectivo, deberán utilizarse mecanismos de suspensión e modificación temporal de condicións de traballo, abríndose un período de negociacións coa representación legal dos traballadores non superior a trinta días. Só se quedar constancia de que co uso destes mecanismos de suspensión e modificación temporal non se conseguen superar as dificultades, ou por acordo coa representación legal dos traballadores, se procederá á adopción de medidas extintivas.

Crearase unha comisión paritaria formada por tres representantes da dirección do Sindicato Nacional e outros tantos da representación das persoas traballadoras, para a regulación e confección dunha bolsa de emprego en que se integrarán os traballadores e traballadoras que, se for o caso, vexan extinguidos finalmente os seus contratos nas circunstancias descritas no parágrafo anterior, e conservarán, durante a vixencia deste convenio colectivo 2010-2013, un dereito preferente de reingreso con ocasión dunha vacante nos postos de traballo do seu grupo profesional ou perfil profesional. Os criterios de selección e preferencia así como calquera outra circunstancia regularanse por acordo desta comisión paritaria.

Disposición adicional sexta

No período dun ano desde a entrada en vigor deste convenio, constituirase unha comisión de composición paritaria para a elaboración dun novo sistema de clasificación profesional adaptado á nova lexislación. Os traballos desa comisión serán sometidos á aprobación polas representacións respectivas para a súa incorporación ao convenio colectivo.

Do mesmo modo, poderanse designar outras comisións de carácter paritario ou, incluso, encomendar á anterior outros traballos de desenvolvemento e integración do convenio colectivo para a súa posterior aprobación e inclusión nel.

ANEXO

Táboa salarial 2012

Nivel

Salario

1

39.045,62

2

36.446,74

3

32.368,21

4

28.631,30

5

25.645,87

6

24.504,20

7

22.919,71

8

22.807,60

9

24.504,20

10

22.724,85

11

22.351,45

12

21.143,23

13

19.914,62

14

18.996,43