Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2012 Páx. 36099

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 189/2012, do 30 de agosto, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Pazo de Fefiñáns, no termo municipal de Cambados (Pontevedra).

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 7 de xuño de 2011, incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, en favor do Pazo de Fefiñáns, no termo municipal de Cambados, na provincia de Pontevedra, e dispón a apertura dun período de información pública durante o prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Logo de ver os informes da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, do Consello da Cultura Galega e da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra, favorables á declaración aínda que con observacións respecto á delimitación, os servizos técnicos recomendan introducir algúns cambios con respecto á delimitación publicada na resolución de incoación. Á vista de todo anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural inclúe a capela orixinal do pazo, historicamente coñecida como igrexa de San Bieito, como parte do ben de interese cultural e readapta o contorno de protección do monumento.

En consecuencia, finalizada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (en adiante, LPCG).

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de agosto de dous mil doce,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración de ben de interese cultural

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Pazo de Fefiñáns, no termo municipal de Cambados, na provincia de Pontevedra, segundo a descrición e xustificación que se detallan no anexo I deste decreto.

Segundo. Delimitación

A delimitación do ben de interese cultural e do seu contorno de protección é a definida, literal e graficamente, no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira. Eficacia

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, trinta de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición do ben

O Pazo de Fefiñáns atópase no centro da vila de Cambados, ergueito sobre unha construción anterior. A estrutura do Pazo de Fefiñans corresponde aos primeiros anos do século XVII. Trátase dun pazo semiurbano, situado na antiga praza do Mercado, hoxe de Fefiñáns.

A planta, en forma de L, consta de baixo e piso, a primeira dedicada a adega e explotación comercial de vino albariño e a segunda a vivenda dos propietarios actuais do pazo.

As fachadas que miran cara á praza están tratadas de xeito semellante: na planta baixa, fiestras e ocos de acceso, sinalándose as entradas principais por un cambio de escala e uns elementos de remate, que serven de soporte a cadanseu escudo. É característico tamén o remate dos vans de ambas ás do edificio con molduras, formando frontóns.

A fachada da á leste, considerada como principal, presenta respecto ao sur, a peculiaridade dos balcóns con varanda de fundición, á cal se une por medio de ocos rectangulares na fachada. Tanto na esquina desta, como correspondente da á oposta, hai que salientar as ventás en esquina, que comunican con balcóns de planta circular, apoiados sobre ménsulas concéntricas de pedra.

No lado sur posúe unha torre de catro plantas, na que, ademais do balcón circular xa mencionado, hai que sinalar un de iguais características, pero de menores proporcións, situado no terceiro piso e coñecido como «balcón de pelegrín».

Na parte posterior da á leste existe unha plataforma a xeito de espazo de transición entre a edificación e a veiga, dedicada esta a xardín e cultivo do albariño.

Pola súa banda, na fachada posterior da á sur, fórmase unha especie de patio pechado polo propio edificio (asoportalado e con vans cuadrangulares con trabatel), as adegas, as antigas cabalarizas e o valo da veiga.

A pesar de ser unha obra do século XVII, na composición da fachada principal do pazo, parece evidente o influxo do Renacemento Italiano, como demostran os frontóns triangulares, nos que se sitúan os bustos dos máis destacados persoeiros da familia Sarmiento e Valladares. Non obstante, hai unha serie de elementos, que si evidencian o influxo notable do nacente barroco do século XVII, como son a estreiteza da planta, os remates dos frontes principais, onde se colocan os brasóns, a cheminea, etc., é dicir, déixase ver a intención do arquitecto de lograr unha fastosa fachada, que non se corresponde co interior, idea propia do Barroco, como tamén o é a composición da praza, que viría presidir a vila medieval de Fefiñáns, un dos tres núcleos a partir dos cales se forma o actual Cambados.

Un derradeiro aspecto construtivo salientable é o arco-ponte que une o pazo no seu valo norte coa veiga contigua. Alí encóntrase un miradoiro pechado de balaústres de pedra e un templete de planta cadrada, con bóveda sostida por catro columnas. Este arco-ponte ponnos en relación cun dos aspectos máis interesantes deste pazo: o urbanístico. O Pazo de Fefiñáns forma, xunto coa igrexa de San Bieito, unha das máis significativas prazas de Galicia; unha praza que hoxe non presenta o seu aspecto orixinario, xa que, ata 1843, ademais de posuír saída directa ao mar, tiña outros tres arcos-ponte, semellantes ao xa mencionado, que pechaban, así, a praza.

A igrexa de San Bieito, unida historicamente ao pazo mediante un arco, foi a capela orixinal da casa. Trátase dunha construción de orixe románico con planta de cruz latina e coroada por dúas torres de estilo churrigueresco, con escaleiras de caracol voadas. Catro arcos de medio punto dividen a súa bóveda principal, composta de pequenas pedras. Un arco triunfal, apuntado e con rica arquivolta, dá acceso ao transepto, cunha bóveda de crucería estrelada. Ostenta, na súa clave, un escudo cuartelado en cruz coas armas dos seus patróns, os Sarmientos, Valladares e Figueroas.

A ambos lados do transepto, dúas capelas de arco oxivo, en cada unha das cales se ve un arcosolio; no do lado da Epístola, o sepulcro de Don Gonzalo de Valladares Sarmiento, Señor da Vila de Fefiñáns, aparece representado como un cabaleiro xacente sobre un colchón e almofada debuxados cun can aos seus pés. No lado do Evanxeo, o sepulcro de Dona María Ozores e Silva, a súa muller, aparece representada coa súa toca en punta, hábito de monxa e rosario na man.

– Das partes integrantes, pertenzas e accesorios.

O pazo conserva parte das terras que lle pertencían, delimitadas por un valo de pedra. As leiras anexas divídense en dúas zonas comunicadas polo arco. A primeira, anexa á edificación, tiña uso de horta do pazo. Actualmente conserva parcialmente ese uso, complementado polo de xardín. A segunda zona, comunicada coa edificación pola ponte, subdivídese á súa vez en xardín, eira e bosque, pechado este último cun valo de pedra dentro da propiedade. Cada unha das dúas zonas ten unha fonte de pedra apegada ao valo que pecha a leira na fronte leste.

Edificacións anexas, situadas ao sur da edificación principal, son as cabalarizas e as adegas, conformando todas elas un patio semiaberto cara ao leste a nivel da praza de Fefiñáns.

Na outra zona de hortas, a comunicada a través da ponte, existen tres edificacións apegadas ao valo oeste da leira, á que dá a súa fachada, cun uso relacionado coas adegas (produción de licores), e dúas vivendas con fronte ao exterior, que antano pertencían ao pazo. Estas construcións pasaron, a mediados do século XX, a mans da igrexa por doazón dos donos do pazo, quen, á súa vez, as vendeu en anos posteriores, a particulares.

– Dos bens mobles.

Forman parte do pazo os seguintes bens mobles: un reloxo de paisaxe, do século XIX; un reloxo de antesala, da segunda metade do século XVIII; unha consola e un espello, a primeira do século XVIII e o segundo do século XIX; un retrato dun cabaleiro da orde de Santiago, do século XIX, localizados no salón da torre; un oratorio, do século XVII ou do XVIII, localizado na sala do oratorio; unha cama con dosel, da segunda metade do século XIX, localizada nunha habitación; un retrato de Baltasar Manuel Pardo de Figueroa, marqués de Figueroa, de finais do século XVIII ou principios do século XIX; un retrato de Juana Pardo de Figueroa y Caamaño, condesa de Bornos, de finais do século XVIII ou de principios do século XIX, localizados no comedor; papel pintado panorámico, do primeiro terzo do século XIX; unha parella de cadeiras de brazos, da segunda metade do século XVIII, localizados no salón do papel pintado; un escudo dos séculos XVII-XIX; unha escena histórica, do século XVIII; unha escultura de San Bieito, dos séculos XVIII-XIX; unha escultura do santo peregrino, dos séculos XVIII-XIX; un reloxo de antesala, de finais do século XVIII; unha arca, da segunda metade do século XVII, localizados na escaleira; unha pintura da Virxe co Neno, do século XVIII, localizada na habitación privada contigua á entrada principal na á norte e un telescopio de Domingo Fontán, do século XIX, localizado na torre.

Forman parte da igrexa de San Bieito os seguintes bens: retablo maior, de 1915, localizado no altar maior; un retablo do Santo Cristo, de finais do século XVIII-XIX, localizado no muro leste do brazo norte do cruceiro; sepulcro de Dona María Ozores y Silva, do primeiro cuarto do século XVII-ca.1622; un retablo da Virxe do Rosario, do século XVIII-principios do XIX, no muro norte da nave; un exvoto pictórico, da segunda metade do século XVIII, no muro do Evanxeo; unha parella de confesionarios, posiblemente de principios do século XX, nos muros norte e sur da nave; sepulcro de Don Gonzalo Valladares Sarmiento, do primeiro cuarto do século XVII-ca. 1622, no muro oeste do brazo sur do cruceiro; un retablo da Virxe do Carme, posiblemente de principios do século XX, no muro leste do brazo sur do cruceiro; un reloxo de pé, dos séculos XIX e XX, no muro anterior ao presbiterio; un retablo de Santa Ana, do último terzo do século XIX-ca.1883, no muro sur da nave; unha parella de pías de auga bendita, posiblemente da segunda metade do século XVIII, no muro oeste da nave; báculo de San Bieito, posiblemente de finais do século XVIII-principios do XIX; un cáliz, de 1774; un cristo na cruz, difícil de datar polo mal estado de conservación; un San Roque, dos séculos XVIII-XIX; un peto de ánimas, séculos XVIII-XX; un armario, do século XVIII e un moble de caixóns do século XVIII, todos eles na sancristía.

Xustificación.

O Pazo de Fefiñáns constitúe un elemento sobranceiro dentro da arquitectura civil galega característica do movemento barroco e un referente obrigado do patrimonio cultural de Galicia. É unha das construcións claves para o desenvolvemento económico e configuración urbana do núcleo de Cambados; erguida nas proximidades da antiga praza do Mercado, considérase un dos elementos máis significativos da vila, un dos trazos de identidade cultural cos que os habitantes de Cambados se senten máis identificados.

Desde o punto de vista dos datos histórico-artísticos, é un expoñente singular do que foi definido como Cultura dos Pazos, que alcanza a súa etapa de esplendor en Galicia nos primeiros anos do século XVIII, centuria que coincide cunha situación socioeconómica marcada pola bonanza. Polo que a súa importancia como elemento configurador da trama urbana na que se enclava refórzase con estes valores marcados pola construción dunha potente arquitectura civil, que determina o panorama deste tipo de arquitectura en Galicia.

O recoñecemento destes valores ao longo do tempo e os seus reiterados intentos e preocupación por conservalos xustifica a importancia deste inmoble e da súa contorna.

Por todo o anterior, dada a significación histórica, artística e urbanística deste conxunto, un dos máis destacados do seu xénero de Galicia, merece o seu recoñecemento de ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento.

O grado de conservación do pazo é bo e enténdese que os usos aos que se ven destinando actualmente o inmoble son compatibles con este, sempre que se desenvolvan de modo axeitado.

ANEXO II
Delimitación literal e gráfica

I. Descrición da delimitación do monumento.

O ámbito proposto como ben de interese cultural correspóndese coas parcelas catastrais do Pazo de Fefiñáns e das edificacións ou predios vinculados a el, incluída a ponte que une dúas delas.

Forma parte da declaración de ben de interese cultural a parcela catastral correspondente á igrexa de San Bieito.

As referencias catastrais son as seguintes:

Pazo:

– 5578601NH1057N0001XT (polígono 55786/parcela 01).

– 5578602NH1057N0001IT (polígono 55786/parcela 02).

– 5578603NH1057N0001JT (polígono 55786/parcela 03).

– 5578604NH1057N0001ET (polígono 55786/parcela 04).

– 5576806NH1057N0001LT (polígono 55768/parcela 06).

– 5576805NH1057N0001PT (polígono 55768/parcela 05).

– 5576804NH1057N0001QT (polígono 55768/parcela 04).

– 5576803NH1057N0001GT (polígono 55768/parcela 03).

– 5576802NH1057N0001YT (polígono 55768/parcela 02).

– 5576801NH1057N0001BT (polígono 55768/parcela 01).

Ponte que une as parcelas 55786/04 e 55768/06, atravesando a avenida de Rosalía de Castro.

Igrexa de San Bieito:

– 5476101NH1057N0001MT (polígono 54761/parcela 01).

II. Descrición da delimitación do contorno.

O contorno de protección do ben queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais ou rúas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría que se xunta.

No caso de que se indiquen as parcelas, ao igual que na descrición anterior, estas identifícanse mediante dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/ parcela).

O perímetro queda definido pola liña que une os puntos A-B-C-D-E-F-G-H-I-L-M-N-Ñ-O-P-Q-R-S.

Tramo A-B: pártese do punto «A» ao noroeste da delimitación, na esquina da parcela catastral 51789/01 situada no cruce entre a rúa Pombal e a rúa Carreira. Continúa seguindo o lindeiro norte deste predio ata entroncar coa avenida de Vilagarcía, onde se sitúa o punto «B».

Tramo B-C: desde o punto «B» a liña continúa cara ao norte polo lindeiro leste da parcela catastral 55801/01 ata o punto «C». Este punto «C» sitúase na prolongación do lindeiro norte da parcela catastral 55809/05, atravesando a avenida de Vilagarcía.

Tramo C-D: desde o punto «C», atravesa a avenida de Vilagarcía e segue polo lindeiro norte da mesma parcela catastral 55809/05, en cuxo extremo nordeste se sitúa o «D».

Tramo D-E: desde o punto «D», baixa cara ao sueste seguindo polo norte os lindeiros das parcelas catastrais 56798/01, 56798/02, 56798/03, 56798/04, 56798/05, 56798/06, 56798/07, 56798/08, 56798/09, 56798/10 e 56798/11; atravesa a rúa Agro Longo e segue polo lindeiro norte do predio 56786/07 ata o punto «E», situado na esquina nordeste desta última parcela.

Tramo E-F: desde o punto «E» continúa cara ao suroeste polo lindeiro leste das parcelas catastrais 56786/07, 56786/06, 56786/05, 56786/04, 56786/03, 56786/02, 56786/01, 56786/08, 56786/09, 56786/10, ata o punto «F» ao sueste desta última parcela.

Tramo F-G: desde o punto «F», que coincide ademais co extremo nordeste do predio catastral 56786/11, a liña continúa baixando cara ao sur seguindo o lindeiro leste desta parcela ata chegar ao punto «G».

Tramo G-H: desde o punto «G», situado no extremo sueste da parcela 56786/11, o contorno do ben segue polo lindeiro sur deste predio e polo lindeiro leste das parcelas 56786/21 e 56786/15, atravesando a avenida de Rosalía de Castro e continuando polo lindeiro leste da parcela catastral 57769/02 ata o punto «H».

Tramo H-I: do punto «H», situado no extremo sueste do predio 57769/02, baixa cara ao sur paralela á avenida do Salnés atravesando as parcelas 57769/13, 57769/14, 57769/15, 57769/16, 57769/17, 57769/18, 57769/19 e 57769/20, e continúa polo lindeiro leste do predio catastral 57769/22, para finalmente atravesar a rúa Valle-Inclán ata atoparse coa fachada do inmoble sito no predio catastral 58748/03, onde se sitúa o punto «I».

Tramo I-L: a partir do punto «I» a delimitación continúa pola aliñación sur da rúa Valle-Inclán ata chegar á praza de Clemencio Fernández Pulido, onde se sitúa o punto «L», coincidindo co extremo noroeste da parcela catastral 55750/02.

Tramo L-M: o perímetro continua baixando cara ao sur en liña recta pola fachada oeste deste inmoble ata entroncar coa rúa Fonte de Fefiñáns, onde se sitúa o punto «M» no eixe desta vía.

Tramo M-N: desde o punto «M» cambia de dirección cara ao oeste continuando polo eixe da rúa Fonte de Fefiñans e, ao chegar á avenida de Madrid, diríxese cara ao sur para incluír no contorno de protección as parcelas 01, 02 e 03 do polígono 53734, ata chegar ao punto «N», no eixe da rúa Príncipe.

Tramo N-Ñ: desde o punto «N» continúa pola rúa Príncipe en dirección á praza de Asorei, e ao chegar ao rueiro que discorre entre os polígonos 53743 e 54757, atravesa cara á praza das Rodas, en dirección noroeste, chegando ao punto «Ñ», coincidente coa esquina sueste da parcela catastral 53759/10, sobre a que se sitúa o inmoble do número 1 da rúa Esperanza.

Tramo Ñ-O: a delimitación sobe coincidindo coa aliñación oeste da rúa Esperanza ata chegar ao punto «O», extremo nordeste da parcela catastral 53759/01 (nº 19 da rúa Esperanza).

Tramo O-P: desde o punto «O» continúa subindo pola rúa Arousa ata entroncar co eixo da rúa Sevilla, onde se sitúa o punto «P», na intersección da prolongación do lindeiro sueste do inmoble nº 8 desta vía (parcela catastral 52763/30).

Tramo P-Q: desde o punto «P» segue este lindeiro cara ao norte ata a parcela 52763/14. Continúa bordeando este predio identificado como o nº 9 da rúa Rianxeira polo sur e oeste ata o punto «Q», que coincide co extremo nordeste do predio 52763/33.

Tramo Q-R: desde o punto «Q», segue cara ao norte polo lindeiro oeste do nº 23 A da avenida da Coruña (parcela catastral 52763/36 ). Ao chegar ao eixe desta rúa descende 20 metros cara ao sueste, onde se coloca o punto «R».

Tramo R-S: do punto «R», diríxese cara ao nordeste pola medianeira do inmoble situado sobre a parcela catastral 53782/57 (lindando cos predios 53782/70, 53782/69 e 53782/68). O punto «S» está ao remate deste lindeiro, coincidindo coa esquina noroeste da citada parcela catastral.

Tramo S-T: desde o punto «S», atravesa o solar 53782/68 ata unirse co punto «T», esquina suroeste do predio 53782/22.

Tramo T-U: desde o punto «T» o contorno do ben continúa polo lindeiro sur desta parcela catastral 53782/22 sobre a que se empraza o inmoble do nº 25 da rúa Carreira, atravesando a avenida de Vilagarcía e chegando ao punto «U».

Tramo U-A: a partir do punto «U», situado sobre o lindeiro oeste da parcela 54789/10, discorre o último tramo que pecha o polígono que delimita o ámbito de protección do ben, seguindo polo oeste das parcelas catastrais 54789/10, 54789/16, 54789/09, 54789/08, 54789/07, 54789/06, 54789/05, 54789/04, 54789/03, 54789/02 e 54789/01, en cuxo extremo noroeste se sitúa o punto «A» de inicio; todas elas incluídas no contorno protexido.

III. Delimitación gráfica.

missing image file