Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2012 Páx. 35936

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 179/2012, do 30 de agosto, polo que se modifica o Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, supuxeron a creación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que refunde nun único departamento as atribucións, facultades, competencias e funcións que ata ese momento viña exercendo, dunha banda, a extinta Consellería de Cultura e Turismo, e, doutra, a extinta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A configuración funcional do novo departamento concretouse no Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, e nesta norma establecéronse as competencias e funcións dos diferentes órganos superiores, directivos e unidades administrativas ata o nivel de xefatura de servizo que conforman a súa estrutura.

Con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de abril de 2012, autorizou a adquisición do carácter de fundación do sector publico da Comunidade Autónoma de Galicia á Fundación Camilo José Cela, que pasa a denominarse Fundación Pública Galega Camilo José Cela e, así mesmo, a inclusión das modificación necesarias para a adaptación dos seus estatutos á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a designación das persoas membros que en representación da Xunta de Galicia formarán parte do seu padroado, de conformidade co artigo 114 daquela lei. Así pois, procede, que logo da inscrición dos seus estatutos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, se adscriba co carácter de entidade instrumental do sector público autonómico á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na procura de dar un paso máis a prol do cumprimento de aspectos básicos para garantir a eficacia e economía na xestión administrativa, así como o cumprimento dos compromisos de austeridade asumidos polo goberno galego, resulta innegable a responsabilidade dos/das axentes que conforman o sector público autonómico na aplicación das políticas de gasto público, que deben orientarse ao cumprimento do principio de sustentabilidade financeira e xestión racional dos recursos públicos, evitando, no posible, estruturas organizativas duplicadas ou con órganos que exerzan competencias, que polo seu contido ou especialización poidan ser encomendadas a outros órganos, que as asuman sen detrimento da calidade e o rigor que se espera da actuación administrativa.

En cumprimento do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e se aproban os seus estatutos, os servizos, recursos económicos e persoal dedicados ás tecnoloxías da información e comunicacións (TIC) das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes adscribiranse progresivamente á Amtega. Por tal motivo, tendo en conta as previsións das disposicións adicionais cuarta do Decreto 252/2011, e primeira e segunda do Decreto 45/2012, estableceuse un prazo de seis meses para acometer a transferencia e adscrición dos órganos directivos, unidades administrativas, recursos económicos e orzamentarios de contido TIC da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria á Amtega. Rematado o prazo estipulado, suprimiranse e adscribiranse aqueles aos órganos da estrutura orgánica da dita axencia.

No ámbito competencial da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, o exercicio das competencias e funcións que ten encomendadas o órgano directivo pode realizarse sen mingua da súa calidade, simplificando a estrutura organizativa que a sustenta, suprimindo a Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas, cuxas funcións, así como as correspondentes ao servizo dela dependente, serán asumidas pola Subdirección Xeral de Formación Profesional.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cos informes previos das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de agosto de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, queda redactado como segue:

Un. Engádase unha subalínea c) ao número dous do artigo 2, que incorpora como entidade pública instrumental adscrita á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a Fundación Pública Camilo José Cela, coa seguinte redacción:

«Subalínea c) do número dous do artigo 2. A Fundación Pública Camilo José Cela».

Dous. Engádese o subpunto 2.4) ao número 2 do artigo 7 en que se incorpora baixo a dirección da Subdirección Xeral de Construcións e Equipamentos, o Servizo de Investimentos, Coordinación e Seguimento dos Plans de Equipamentos, coa seguinte redacción:

«Subapartado 2.4) do número 2 do artigo 7. Servizo de Investimentos, Coordinación e Seguimento dos Plans de Equipamentos.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

– O impulso, seguimento e control orzamentario dos investimentos en materia de infraestruturas e equipamentos.

– A planificación e seguimento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional.

– O establecemento das canles de comunicación necesarias entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Amtega para definir, determinar o contido ou, de ser o caso, supervisar os contratos de equipamentos relacionados coas tecnoloxías da información e/ou comunicacións dos centros docentes dependentes da consellería para o cumprimento dos fins que lle son propios.

– A coordinación en materia de proxectos e sistemas de información e/ou comunicación nos procedementos administrativos da consellería.

– A definición, determinación, valoración e proposta de adquisición dos equipamentos informáticos e/ou de comunicacións que precise a consellería para o cumprimento dos fins que lle son propios.

– O seguimento e control dos plans de equipamentos informáticos e/ou de comunicacións, para os centros docentes, así como a reciclaxe do material.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Tres. Suprímese da estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para integrarse na Amtega, a Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos regulada no artigo 8 do Decreto 45/2012, e os servizos dela dependente, agás o Servizo de Xestión Administrativa e de Centros, que se amortiza.

«Artigo 8. Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos. Suprímese».

Catro. Suprímese da estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas do subpunto 3) do número 2 do artigo 19. Enuméranse novamente os subpuntos 4) e 5).

Cinco. No ámbito funcional da Subdirección Xeral de Formación Profesional, engádense no número 1 do artigo 21 as funcións da Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas, e o subpunto 2.3) no número 2 do artigo 21, en que se integra baixo a dirección da citada subdirección xeral o Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas, coa seguinte redacción:

«Número 1 do artigo 21. Subdirección Xeral de Formación Profesional.

Á Subdirección Xeral de Formación Profesional correspóndenlle as seguintes funcións:

– A elaboración das propostas curriculares das ensinanzas de formación profesional e da súa normativa académica e organizativa.

– A planificación da oferta de ensinanzas de formación profesional, e a planificación e organización do acceso e admisión ás ensinanzas de ciclos formativos.

– As probas libres para a obtención dos títulos de formación profesional.

– As probas para a obtención de carnés e habilitacións profesionais, sen prexuízo das competencias doutros órganos directivos.

– A emisión de informes sobre autorización de ensinanzas.

– A adecuación dos equipamentos e instalacións; a formación do profesorado de formación profesional; a innovación na formación profesional; a definición e avaliación de modelos de xestión de calidade.

– O apoio ao Consello Galego de Formación Profesional, desempeñando a secretaría deste órgano colexiado e dirixindo o persoal adscrito para tal fin.

– O impulso da orientación profesional e a relación co sistema produtivo.

– A elaboración de estudos, informes e propostas normativas en materia de orientación profesional e formación en centros de traballo.

– A definición e coordinación de plans para o fomento do espírito emprendedor e inserción profesional do alumnado.

– A coordinación da rede de centros integrados de formación profesional e da oferta integrada de formación profesional.

– A organización e coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

«Subpunto 2.3) do número 2 do artigo 21. Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas.

A este servizo correspóndenlle as seguintes funcións:

– A elaboración de propostas normativas que regulen a orientación profesional nos centros educativos e o impulso de actividades de información e orientación profesional, fomentando as vocacións femininas naquelas áreas en que se atopen infrarrepresentadas as mulleres e as vocacións masculinas naquelas áreas en que se atopen infrarrepresentados os homes.

– Potenciar a inserción profesional do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional e o fomento do espírito emprendedor.

– A realización de accións de divulgación e comunicación relacionadas coa formación profesional e a elaboración de recursos educativos para o seu desenvolvemento.

– A elaboración e difusión de estudos e informes de inserción laboral do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional, así como de avaliación sobre o grao de satisfacción dos/das axentes implicados/implicadas na formación profesional.

– A xestión das convocatorias de bolsas e axudas para as ensinanzas de formación profesional.

– O impulso das relacións entre as persoas responsables da formación, do emprego e da produción, mediante plans de información e establecemento de convenios.

– A elaboración das propostas de normativas de organización, coordinación e xestión da formación en centros de traballo dos ciclos formativos de formación profesional e dos programas de cualificación profesional inicial.

– A coordinación da rede de centros integrados de formación profesional dependentes da consellería.

– A coordinación do dispositivo para o recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro da competencia profesional da poboación activa.

– A promoción da oferta integrada de formación profesional nos centros dependentes da consellería.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada».

Seis. Suprímese o artigo 22 do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro.

«Artigo 22. Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas.Suprímese».

Sete. Como consecuencia da supresión dos artigos 8 e 22, respectivamente, os demais artigos que conforman o texto normativo do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, enuméranse novamente correlativamente.

Oito. Engádese unha disposición transitoria terceira ao Decreto 45/2012, que queda redactado do seguinte xeito:

«Disposición transitoria terceira

A partir do momento en que quede determinado mediante acordo o traspaso entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Amtega dos órganos directivos, unidades administrativas, postos de traballo, recursos económicos e orzamentarios que se adscriban á dita axencia, non serán de aplicación as disposicións adicionais primeira e segunda do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro».

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria