Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 7 de setembro de 2012 Páx. 35541

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2012 pola que se convoca un curso de técnicas de condución de motocicletas (dúas edicións).

Dentro das actividades programadas para o ano 2012 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de condución de motocicletas, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: condución de motocicletas.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 9.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: dotar os/as policías locais nas técnicas básicas de condución de motocicletas.

Contido:

– Módulo I: introdución.

• A accidentalidade no tráfico. Especial referencia á motocicleta.

• O labor de conducir. Factores de risco específicos.

– Módulo II: a moto e o condutor.

• Interrelación moto-condutor.

– Módulo III: a técnica de condución en moto.

• Posición de condución.

• O campo de visión.

• Trazado de curvas.

• Xiro da motocicleta. Como se tomba unha moto.

• Adherencia do pneumático.

• Uso do acelerador e o freo.

• Técnicas específicas:

• Condución en auga.

• Condución en cidade.

Condución en servizo urxente.

– Módulo IV: prácticos.

• Serie de condución trazados.

• Serie de condución filmada, análise de erros.

• Exercicios de control e equilibrio.

• Serie de condución técnicas de xiro da moto (contraguiador/estribos/corpo).

• Exercicios de freada con e sen ABS.

• Serie de condución filmada.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de Policía Local de Galicia.

Prazas ofertadas: 16 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es. Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 19 de setembro de 2012.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listado de solicitudes seleccionadas.

O día 21 de setembro de 2012 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior de la Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: circuíto de condución de Forcarei.

Horario: das 9.00 ás 14.30 horas e das 15.30 ás 19.00 horas.

Días:

1ª edición: 25 setembro de 2012.

2ª edición: 26 setembro de 2012.

Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,225 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior de la Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de marzo de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de agosto de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública