Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2012 Páx. 34743

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de xullo de 2012 pola que se crea o Comité Técnico da Acuicultura e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 2 de febreiro de 2012, aprobou inicialmente a Estratexia galega da acuicultura (en adiante Esga), como un documento de articulación e organización que rexerá a planificación e xestión da acuicultura ata o ano 2030, co obxectivo de relanzar esta actividade, xerando emprego e riqueza dunha forma equilibrada co respecto ambiental e baseada nunha serie de accións específicas que se van desenvolver ata finais do ano 2014.

A Esga establece un novo marco organizativo coa finalidade de adecuar o marco administrativo para desenvolver convenientemente a acuicultura; para isto requírese da adaptación da estrutura organizativa, tanto na Administración como no propio sector da acuicultura.

Neste contexto do novo marco organizativo da Esga, dentro dos órganos de consulta, proponse a creación do Comité Técnico da Acuicultura, co obxectivo fundamental de asesorar a Administración no deseño e na aplicación de medidas vinculadas a este sector, estando o seu ámbito de traballo cinguido especificamente á actividade da acuicultura.

Na proposta de creación tívose en conta a experiencia do funcionamento doutros órganos similares, especializados na consulta e no asesoramento no desenvolvemento de iniciativas complexas de carácter eminentemente técnico, que puxeron de manifesto que este tipo de órganos son de grande utilidade para realizar unha xestión eficiente por parte das administracións.

Tendo en conta que o Decreto 72/2011, do 31 de marzo, polo que se regula o Comité Científico Galego de Pesca, establece para este órgano colexiado funcións de asesoramento técnico e científico específicas para a pesca e os intereses da frota asociada, tal e coma queda establecido no seu artigo 2, sen ter en conta as especiais características e necesidades da acuicultura neste ámbito científico e técnico, faise necesario dotar este sector dun instrumento semellante ao Comité Científico Galego de Pesca pero cuxas funcións se centren exclusivamente no desenvolvemento da acuicultura.

Este órgano colexiado estará composto por expertos de recoñecido prestixio e experiencia procedentes do sector acuícola e das súas entidades representativas e de asesoramento, así como das universidades galegas e organismos científicos relacionados coa acuicultura. Tamén poderá contar co concurso e apoio puntual de especialistas no ámbito da acuicultura que non formen parte integrante deste órgano.

Entre os seus labores estarán a elaboración de ditames sobre materias e accións vinculadas ao desenvolvemento da acuicultura, elaboración de protocolos de seguimento e análise da actividade e, ademais, atendendo ao seu obxectivo de consulta, establecerá pautas e medidas para a avaliación e o seguimento de accións ou actividades puntuais ou experimentais, tanto nos campos ambientais coma nos económicos e sociais. Por último, efectuará labores de asesoramento e orientación na ordenación dos ámbitos investigador e formativo ligados á actividade da acuicultura.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, regula no seu título II os órganos das administracións públicas e, concretamente no seu capítulo II, regula o réxime de funcionamento dos órganos colexiados.

Por outra banda, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula, no seu título I, capítulo I, sección III, os órganos colexiados no marco de funcionamento da Comunidade Autónoma de Galicia. Deste xeito, o carácter non básico dalgún dos preceptos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, nesta materia, deixa espazo normativo ás comunidades autónomas.

Non obstante, ao ser un ámbito sectorial específico, caberá ter en conta tamén as directrices que de xeito particular estableza a Consellería do Medio Rural e do Mar como órgano promotor en que se integra o Comité Técnico da Acuicultura. Así pois, partindo da regulación establecida na citada Lei 30/1992, a Consellería do Medio Rural e do Mar ten a potestade para ditar disposicións particulares sobre as cuestións relativas ao funcionamento do Comité Técnico da Acuicultura.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, conforme o cal lle corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno, así como de acordo co artigo 27.15º que lle atribúe á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas costeiras, o marisqueo e a acuicultura, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación, adscrición e ámbito de actuación

1. Créase o Comité Técnico da Acuicultura (no sucesivo CTA) como un órgano colexiado de consulta e de asesoramento adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar e, de ser o caso, ao centro directivo con competencia en acuicultura.

2. O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Funcións

1. O CTA terá como función asesorar científica e tecnicamente a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia no deseño e na aplicación de medidas vinculadas á actividade da acuicultura.

2. En particular correspóndelle ao CTA:

a) Elaborar un informe anual sobre a situación e as expectativas do sector da acuicultura galega, baseado en protocolos de seguimento e análise da actividade. Ao informe xuntaranse as correspondentes propostas, medidas e recomendacións.

b) A elaboración de ditames sobre materias e accións vinculadas ao desenvolvemento da acuicultura; especialmente os relativos aos informes anuais de seguimento ambiental e/ou sanitario dos establecementos de acuicultura que así o teñan establecido.

c) A elaboración de informes previos á autorización de novos establecementos de acuicultura, ampliación, prórroga e renovación dos existentes, xa sexan estes de carácter permanente ou experimental, con respecto á súa viabilidade técnica e económica, á súa sustentabilidade e integración ambiental e paisaxística e á súa concordancia cos instrumentos de planificación da actividade da acuicultura que se establezan regulamentariamente.

d) Establecer as pautas e medidas para a avaliación e o seguimento da actividade dos establecementos de acuicultura tanto nos campos ambientais coma nos sanitarios, económicos e sociais.

e) Asesorar sobre as áreas prioritarias de investigación en acuicultura que se deban acometer en cada momento.

f) Asesorar e orientar na ordenación dos ámbitos formativos ligados á actividade da acuicultura.

g) Asesorar os órganos superiores e directivos da Consellería do Medio Rural e do Mar naqueles asuntos que se lle propoñan no ámbito de actuación do comité.

3. No desenvolvemento das súas funcións, o Comité integrará a perspectiva de xénero, para o cal terá en conta na elaboración de informes e ditames, así como no establecemento de medidas e na prestación de asesoramento, as diferenzas que se poidan dar en función do sexo.

Artigo 3. Composición

1. O CTA estará composto polos seguintes membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Secretaría Xeral do Mar ou, de ser o caso, do centro directivo con competencias en acuicultura ou persoa en quen delegue.

b) Vicepresidente/a, que será un dos membros do CTA, elixido/a polos seus membros na súa primeira reunión.

c) Un/unha secretario/a, con voz pero sen voto, que será un/unha funcionario/a da Consellería do Medio Rural e do Mar, con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

d) Un vogal nomeado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

e) Un/unha vogal nomeado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

f) Tres vogais designados respectivamente polos órganos de goberno de cada universidade galega entre os investigadores de recoñecido prestixio en acuicultura.

g) Sete vogais, nomeados de acordo co disposto no artigo 4 desta orde.

2. A designación dos membros do CTA farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 4. Nomeamento

1. O/a vicepresidente/a do CTA será nomeado/a, de entre e por proposta dos seus vogais, pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Os/as vogais serán nomeados pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, por proposta do/da titular da Secretaría Xeral do Mar, realizada a partir dunha lista de candidatos/as e por libre designación entre os profesionais que reúnan os requisitos referidos nos puntos seguintes.

A lista confeccionarase tras a correspondente convocatoria pública pola Consellería do Medio Rural e do Mar e será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Os/as vogais do CTA serán nomeados/as de acordo coa súa experiencia e traxectoria profesional entre funcionarios e profesionais que presten servizos en universidades e centros de investigación ou tecnolóxicos, públicos ou privados, ou nas asociacións ou empresas do sector, garantindo a representación equitativa dos diferentes aspectos biolóxicos, ambientais, técnicos, económicos e lexislativos que concorren na actividade da acuicultura.

As persoas candidatas que se consideren aptas para ser membros do CTA pero que non fosen nomeadas incluiranse nunha lista de reserva. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá utilizar a lista de reserva para atopar candidatos aptos para substituír os membros que abandonen o CTA de conformidade co disposto no artigo 5. A lista de reserva publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. A duración do nomeamento dos membros do CTA será de dous anos, prorrogables por períodos de igual duración, de non mediar resolución en contra. En todo caso, os nomeamentos e cesamentos serán de carácter individual.

Artigo 5. Funcionamento

1. O CTA rexerase polos principios de obxectividade, imparcialidade e transparencia e será convocado pola Presidencia coa frecuencia necesaria para o cumprimento dos seus fins. Polo menos, dúas veces ao ano.

2. O CTA actuará por instancia da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante a tramitación das consultas que se lle formulen e a emisión de ditames e informes, que non serán vinculantes. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá establecer un prazo para a emisión dos ditames e informes.

3. Os ditames e informes do CTA fundamentaranse na mellor información científica e técnica dispoñible e adoptaranse por maioría simple dos seus membros.

4. No seo do CTA poderanse constituír comisións ou grupos de traballo para a análise e estudo de temas concretos.

5. Así mesmo, poderán participar nas reunións do CTA expertos/as externos/as, en función das materias que se vaian tratar, actuando con voz e sen voto.

6. O/a secretario/a do CTA será a persoa encargada de proporcionar a asistencia técnica e administrativa e a coordinación necesaria para o funcionamento eficaz do CTA, así como da organización das reunións dos grupos de traballo.

Artigo 6. Réxime de funcionamento

O funcionamento do CTA rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e polo disposto na sección terceira, capítulo primeiro, título primeiro da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e deberá designar, na súa primeira reunión, unha comisión encargada de elaborar o seu propio regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado na seguinte sesión.

Artigo 7. Indemnizacións

Os membros do CTA e aquelas persoas que sexan invitadas ocasionalmente para asistir ás súas reunións percibirán pola súa concorrencia efectiva a elas as indemnizacións que en concepto de gastos de desprazamento e asistencia prevé a normativa autonómica sobre indemnizacións por razón do servizo.

Disposición adicional

A constitución e posta en funcionamento do órgano a que se refire o artigo 1 non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de acuicultura.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de acuicultura para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a execución do previsto nesta orde e, en especial, as normas de réxime interior que regulen o seu funcionamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar