Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 29 de agosto de 2012 Páx. 34642

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do estudo de detalle do polígono 29 (P-29) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) Cornes III.

A Xunta de Goberno local, na sesión ordinaria que tivo lugar o 21 de xuño de 2012, adoptou entre outros o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente o estudo de detalle do polígono 29 do Plan xeral, promovido por Santiago e Purificación Vázquez Costoya.

O documento que se somete a aprobación é o estudo de detalle presentado o 31 de outubro de 2011 cos planos ED1 a ED11, ao que se engadirán o plano parcelario ED3 e a nova memoria, presentados o 9 de maio de 2012, que substitúen os anteriores.

Non obstante, para os efectos da futura aprobación definitiva, debe requirirse para que durante o prazo de información pública presenten un documento reformado do estudo de detalle en que se eliminen, de acordo co sinalado, aquelas mencións ou imaxes que exceden o obxecto propio dun estudo de detalle.

b) Apertura dunha fase de investigación do ámbito para efectos de requirir a documentación precisa e previa á execución do polígono.

c) Someter o expediente a información pública durante o prazo de 20 días, con citación persoal dos propietarios afectados e publicación de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal de circulación na provincia.

Durante o trámite de información pública requirirase os propietarios afectados co fin de que acheguen a documentación que posúan para acreditar o seu dereito sobre os predios afectados, e declaren cantas situacións xurídicas (cargas, servidumes, arrendamentos, usufrutos e outros dereitos limitativos de dominio) puideran afectar aqueles.

Durante este trámite solicitarase o informe sectorial de Augas de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 86.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), o citado expediente sométese a información pública, polo prazo de vinte días, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante este prazo, os interesados poderán consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e formular por escrito as alegacións que xulguen oportunas.

Advírtese que, de non constar acreditada a titularidade dos predios afectados, estes consideraranse de titular descoñecido, e as actuacións posteriores entenderanse coa Delegación de Economía e Facenda.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2012

Ángel Currás Fernández
Alcalde