Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 29 de agosto de 2012 Páx. 34542

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2012 pola que se acorda a publicación do Regulamento dos estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno do 25 de xuño de 2012.

Exposición de motivos

A entrada en vigor do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo cal se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, fixa un novo marco normativo para adaptar estes ensinos ao Espazo Europeo de Educación Superior, proceso iniciado no ano 1999 coa Declaración de Boloña.

Deste xeito, procede aprobar un novo Regulamento de estudos de doutoramento adaptado á nova lexislación estatal, documento que é froito dun acordo das tres universidades do Sistema universitario de Galicia para ter unha regulación unitaria nos aspectos de xestión académica.

Capítulo preliminar
Principios xerais

Artigo 1. Contexto legal

Os estudos de doutoramento e a obtención do título de doutor/a na Universidade de Santiago de Compostela (USC) rexeranse polo disposto na Lei orgánica 6/2011, do 21 de decembro, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, de universidades, e as súas normas de desenvolvemento e, en especial, o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo cal se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, os estatutos da USC e demais disposicións promulgadas polo Estado, adaptadas á Comunidade Autónoma de Galicia e á USC, no ámbito das súas respectivas competencias e, en particular, polo presente regulamento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente normativa ten por obxecto regular a organización dos estudos de doutoramento conducentes á obtención do título de doutor ou doutora na USC, que terá carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

Capítulo 1
Estudos de doutoramento

Artigo 3. Estrutura dos estudos de doutoramento

Os estudos de doutoramento organizaranse a través de programas de doutoramento, na forma en que determinen os estatutos da USC e de acordo cos criterios establecidos no Real decreto 99/2011. Os ditos estudos finalizarán en todo o caso coa elaboración, defensa e aprobación dunha tese de doutoramento que incorpore resultados orixinais de investigación.

Os programas de doutoramento incluirán aspectos organizados de formación investigadora que non requirirán a súa estruturación en créditos ECTS e comprenderán tanto a formación transversal como a específica no ámbito de cada programa. En calquera caso, a actividade esencial do alumnado doutorando será a investigación.

A memoria de verificación do programa de doutoramento recollerá a relación de actividades formativas, con indicación expresa, de ser o caso, daquelas que son de carácter obrigatorio para todo o alumnado do programa de doutoramento.

Artigo 4. Organización a través das escolas de doutoramento

As escolas de doutoramento, baixo a coordinación do Centro de Posgrao, asumen a organización, planificación, xestión, supervisión e seguimento da oferta global de actividades propias do doutoramento na universidade, sen prexuízo do establecido na disposición terceira deste regulamento. A súa finalidade será concibir un modelo de formación doutoral flexible, interdisciplinar e de calidade, orientado a potenciar as liñas de investigación de maior interese e proxección da universidade. A creación das ditas escolas deberá ser aprobada conforme o establecido no artigo 8 da LOU.

Co obxectivo de incrementar a calidade da oferta de doutoramento, as escolas de doutoramento poderán contar coa colaboración doutras universidades, organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras. A participación destas entidades externas requirirá a aprobación do Consello de Goberno, tras o informe favorable da Comisión de Doutoramento.

Todos os programas de doutoramento da universidade deberán estar adscritos necesariamente a unha escola de doutoramento en que participe institucionalmente a propia universidade.

As escolas de doutoramento, de acordo co Real decreto 99/2011, contarán cun comité de dirección, que realizará as funcións relativas á organización e xestión e estará composto cando menos polo seu director, os coordinadores dos seus programas de doutoramento, representantes das entidades colaboradoras e unha representación do persoal doutorando. O director dunha escola, que será nomeado polo reitor, deberá ser un investigador de recoñecido prestixio pertencente aos corpos docentes da universidade. Esta condición debe estar avalada pola xustificación da posesión de polo menos tres períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo co Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto.

As escolas de doutoramento regularanse polo establecido nos estatutos da universidade e neste regulamento e a súa estrutura e competencias definiranse no acordo de creación que aprobará o Consello de Goberno.

A Universidade dotará as escolas de doutoramento coa infraestrutura e os recursos que considere oportunos para desenvolveren as súas funcións e, especificamente, co persoal de administración e servizos necesario para a xestión administrativa e económica dos seus programas de doutoramento.

Forman parte dunha escola de doutoramento o persoal docente e investigador dos programas de doutoramento dependente da escola e o que realice funcións de dirección de teses nos citados programas, os doutorandos matriculados neles e o persoal de administración e servizos alí destinado. As escolas de doutoramento contarán cun regulamento de réxime interno onde se regule a composición dos distintos órganos e cun código de boas prácticas que deberán subscribir todos os seus integrantes.

Artigo 5. Comisión académica do programa de doutoramento

Cada programa de doutoramento contará cunha Comisión Académica do Programa de Doutoramento (en adiante CAPD), órgano responsable do deseño, implantación, actualización, organización, calidade e coordinación do programa de doutoramento.

A CAPD estará integrada por un mínimo de sete membros, de entre o profesorado do programa, e será nomeada pola reitora ou reitor. Na CAPD deberá designarse unha persoa presidenta e unha secretaria. Esta última dará fe dos acordos adoptados pola comisión e redactará as actas das sesións da CAPD. A CAPD renovarase, con carácter xeral, cada 4 anos.

No caso de programas de doutoramento interuniversitarios, ou programas en que participen organismos, entidades, centros ou institucións con actividades de I+D+i, a composición da CAPD será a que figure no correspondente convenio de colaboración. En calquera caso, a composición da CAPD deberá contar con, cando menos, cadanseu membro das universidades responsables do desenvolvemento do programa.

A CAPD estará integrada por persoal doutor con vinculación permanente coa universidade e dedicación a tempo completo, en posesión de, polo menos, un período de actividade investigadora recoñecida de acordo co RD 1086/1989, ou equivalente para o profesorado contratado. No caso de programas de doutoramento que conten coa colaboración doutros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, públicos, privados, nacionais ou estranxeiros, poderá formar parte da CAPD o persoal investigador vinculado aos ditos organismos, sempre que acredite cumprir os mesmos requisitos que o persoal investigador adscrito á universidade ou méritos equiparables, no caso de que non resulte de aplicación a posesión do período de actividade investigadora. A totalidade dos membros da CAPD deberá constar como profesorado asignado ao programa de doutoramento.

Artigo 6. Competencias da comisión académica

Son funcións da comisión académica dun programa de doutoramento as seguintes:

1. Deseñar, organizar, coordinar e proporlle á escola de doutoramento o conxunto de actividades que conforman o programa, incluíndo liñas de investigación, actividades formativas, relación de persoal investigador que asumirá a titoría e a dirección de teses de doutoramento, criterios de admisión e selección do alumnado e toda canta información lle requira o Centro de Posgrao en cumprimento da normativa vixente.

2. Manter actualizada a información referente ao programa de doutoramento e informar a este respecto a escola de doutoramento e o Centro de Posgrao nos prazos e co procedemento establecidos.

3. Realizar o proceso de valoración de méritos e de admisión do alumnado no programa de doutoramento mediante a aplicación dos criterios e procedementos de selección establecidos na memoria de verificación, os cales serán públicos.

4. Asignarlle ao alumno admitido no programa un titor e, no prazo máximo de tres meses despois de formalizar a súa matrícula, un director. Tamén lle compete á comisión a modificación destes nomeamentos e, de ser o caso, a autorización da codirección da tese cando concorran razóns de índole académica que o xustifiquen.

5. Establecer, se procede, os complementos específicos de formación que o alumnado debe cursar para ser admitido no programa de doutoramento.

6. Establecer, cando cumpra, os requisitos de formación transversal e de formación específica no ámbito do programa que o alumnado debe cursar tras ser admitido no programa de doutoramento.

7. Realizar anualmente a avaliación do documento de actividades e do plan de investigación de cada persoa doutoranda, tendo en conta os informes que para tal efecto deberán emitir o titor e o director.

8. Autorizar as estancias e as actividades fóra de España en institucións de ensinanza superior ou centros de investigación de prestixio, incluídas as necesarias para a obtención da mención internacional no título de doutor. Estas estancias e actividades deberán contar cun informe previo e ser avaladas polo director e o titor.

9. Autorizar a realización de estudos de doutoramento a tempo parcial no seu programa cando proceda.

10. Autorizar, de ser o caso, as prórrogas na duración dos estudos de doutoramento e a concesión de baixas temporais, segundo o disposto no RD 99/2011 e nos artigos 26 e 27 deste regulamento.

11. Facer as propostas de modificación e/ou suspensión/extinción do programa, que serán remitidas ao Centro de Posgrao para a súa valoración.

12. Aprobar os requisitos de calidade das teses de doutoramento.

13. Emitir o informe de autorización de inicio de trámite para a presentación e exposición pública da tese de doutoramento.

14. Elaborar a memoria para a verificación e/ou modificación do programa de doutoramento segundo a normativa vixente.

15. Calquera outra función que lle encomende o órgano responsable dos estudos de doutoramento na universidade ou que se lle asigne en cumprimento deste regulamento e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 7. Coordinador/a do programa de doutoramento

Cada programa de doutoramento deberá contar cunha persoa coordinadora, nomeada pola Reitoría, que actuará como presidencia da Comisión Académica do Programa de Doutoramento. Debe cumprir todos os requisitos seguintes: (i) ter dirixido ou codirixido polo menos dúas teses de doutoramento, (ii) estar en posesión de polo menos dous períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo co RD 10 86/1989 ou equivalente, e (iii) ter vinculación permanente coa universidade e dedicación a tempo completo. Só se poderá ser coordinador nun único programa de doutoramento.

No caso de programas interuniversitarios, a designación do coordinador será por acordo entre reitores cando se trate de programas conxuntos e no modo indicado no convenio con outras institucións cando se desenvolva en colaboración con elas.

Artigo 8. Profesorado do programa de doutoramento

Considérase profesorado do programa todo doutor adscrito formalmente a algunha das súas liñas de investigación, sen prexuízo da posible colaboración en determinadas actividades específicas doutras persoas ou profesionais en virtude da súa relevante cualificación científica ou profesional no correspondente ámbito de coñecemento.

A adscrición do profesorado a un programa farase no momento da súa posta en marcha ou posteriormente, tras o informe da CAPD. Será factible incorporar ao programa persoal docente ou investigador alleo á propia universidade.

Un profesor/investigador só poderá estar asignado con carácter xeral a un programa de doutoramento, sen prexuízo de que poida colaborar en actividades formativas doutros programas como convidado. En casos xustificados de desenvolvemento ou participación en dúas liñas de investigación diferenciadas, poderase permitir a adscrición do profesor/investigador en dous programas de doutoramento. A participación de profesorado da USC nun programa doutra universidade requirirá a autorización formal da Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao.

Artigo 9. Titores do programa de doutoramento

A admisión definitiva dun doutorando nun programa de doutoramento implica a asignación dun titor, designado pola CAPD correspondente. Tratarase dun profesor asignado ao programa, con vinculación permanente ou temporal coa universidade e/ou entidade colaboradora no programa de doutoramento durante o período completo de duración das teses, para os casos de PDI contratado e persoal investigador dos programas Ramón y Cajal e similares.

Con carácter xeral, o titor terá como labores (i) velar pola interacción do doutorando coa comisión académica e co director da tese; (ii) velar pola adecuación da formación e a actividade investigadora do doutorando ás liñas do programa e (iii) orientar o doutorando nas actividades docentes e de investigación do programa.

A CAPD, oído o doutorando, poderá modificar o nomeamento do titor en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

O labor de titorización será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

Artigo 10. Directores da tese de doutoramento

No prazo máximo de tres meses desde a súa matriculación, a comisión académica asignará a cada doutorando un director de tese de doutoramento. O director de tese será o máximo responsable da planificación, coherencia e idoneidade das actividades de formación e investigación, así como do impacto e novidade no seu campo da tese de doutoramento.

Poderá ser director da tese calquera doutor español ou estranxeiro, con experiencia acreditada investigadora, con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos. Para os efectos desta normativa, por acreditada experiencia investigadora enténdese o cumprimento dalgún dos seguintes requisitos:

• Ter recoñecido polo menos un sexenio de actividade investigadora.

• Ser, nos últimos 6 anos, investigadora ou investigador principal dun proxecto de investigación financiado mediante unha convocatoria pública (excluíndo os proxectos de convocatorias propias da universidade).

• Acreditar a autoría ou coautoría, nos últimos seis anos, de polo menos tres publicacións en revistas incluídas no Journal Citation Reports. Naquelas áreas en que pola súa tradición non sexa aplicable este criterio substituirase por un requisito comparable segundo o establecido pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI) nestes campos científicos.

• Acreditar a autoría ou coautoría dunha patente.

• Ter dirixido unha tese de doutoramento nos últimos cinco anos coa cualificación de sobresaliente cum laude ou apto cum laude, que dese lugar, polo menos, a unha publicación en revistas indexadas no ISI-JCR ou algunha contribución relevante no seu campo científico segundo os criterios da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI).

No caso de que un profesor do programa cumpra os requisitos para ser director e titor asumirá as dúas funcións. No caso de que o director non teña vinculación permanente coa universidade ou coa entidade colaboradora do programa ou non sexa profesor do programa, a CAPD asignará un titor que cumpra os requisitos establecidos no artigo 9 deste regulamento.

A CAPD, oído o doutorando, poderá modificar o nomeamento do director de tese en calquera momento do período de realización do doutoramento, sempre que concorran razóns xustificadas.

A tese poderá ser codirixida cando concorran razóns de índole académica ou cando a interdisciplinariedade temática ou os programas desenvolvidos en colaboración nacional ou internacional así o xustifiquen. En todo caso, a codirección deberá ser previamente autorizada pola CAPD. A dita autorización poderá ser revogada con posterioridade se a xuízo da CAPD a codirección non beneficia o desenvolvemento da tese. Polo menos un dos directores deberá cumprir os requisitos especificados neste artigo.

O labor de dirección de tese será recoñecido como parte da dedicación docente e investigadora do profesorado.

Capítulo 2
Novas propostas de programas de doutoramento e modificación das existentes

Artigo 11. Presentación e tramitación das propostas

O calendario e procedemento de aprobación de novas propostas de programas de doutoramento e o da modificación dos existentes será establecido anualmente pola USC. O calendario consensuarase anualmente entre as universidades do SUG co obxecto de facilitar a xestión administrativa e académica de elaboración e aprobación das propostas.

A proposta dun programa de doutoramento presentarase ante o Centro de Posgrao e o servizo responsable da xestión da oferta académica, por iniciativa dun ou varios grupos de investigación (ou agrupación de investigadores) ou do equipo de goberno, e materializarase na presentación dunha declaración de intencións que conteña a información básica da proposta do proxecto formativo co obxecto de valorar o seu alcance, así como a proposta da composición inicial da CAPD.

A proposta de modificación dun programa de doutoramento será presentada perante o Centro de Posgrao e o servizo responsable da xestión da oferta académica por iniciativa da CAPD e materializarase na presentación dunha declaración de intencións segundo o formato establecido para o efecto.

A Universidade poderá establecer criterios e requisitos de avaliación das propostas no exercicio da súa responsabilidade na planificación da súa oferta dos estudos de doutoramento.

Unha vez recibidas as declaracións de intencións, o centro responsable da xestión da oferta académica valorará o cumprimento dos requisitos xerais establecidos no artigo 4 do Decreto 222/2011 e a Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao a súa adecuación aos principios da estratexia institucional en materia de I+D+i e da formación doutoral da universidade, e emitirase, sobre a base de cada unha das valoracións, un informe favorable ou desfavorable sobre cadansúa declaración.

No caso das novas propostas, a emisión dun informe favorable implica o nomeamento formal da CAPD e facúltaa para desenvolver a proposta definitiva nos termos fixados polo Consello de Universidades, a Comunidade Autónoma e a propia Universidade.

Unha vez que a CAPD aprobe a proposta definitiva do programa de doutoramento (que incluirá, polo menos, a proposta de memoria segundo o formato establecido para o efecto e o conxunto de documentos que definen e sustentan o proxecto formativo), a proposta exporase publicamente á comunidade universitaria e recibirá o informe preceptivo da escola de doutoramento; logo deberá ser avalada por un informe da Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao, segundo o procedemento e calendario establecido para o efecto. Finalmente deberán aprobala o Consello de Goberno e o Consello Social da Universidade.

Artigo 12. Dos programas de doutoramento conxuntos

As universidades poderán organizar con outras universidades, nacionais ou estranxeiras, mediante o asinamento dun convenio, programas de doutoramento conducentes á obtención dun único título de doutor. O convenio asinado para este efecto recollerá, polo menos:

1. A relación de universidades participantes con indicación expresa da universidade que asume a coordinación do programa.

2. A composición da Comisión Académica do Programa de Doutoramento, as subcomisións delegadas en cada universidade e as funcións de ambos os órganos.

3. A descrición da mobilidade de alumnado e/ou profesorado.

4. A matrícula e custodia dos expedientes.

5. A universidade responsable da expedición e do rexistro do título de doutor.

6. O procedemento de modificación e/ou extinción do programa de doutoramento.

7. O réxime de xestión de recursos económicos do programa.

Co obxecto de facilitar a xestión dos programas de doutoramento de carácter interuniversitario, as universidades do SUG comprometeranse a aprobar un modelo de convenio de colaboración que recolla os acordos relativos aos termos a que se refire o parágrafo anterior.

As universidades participantes recoñecerán para os efectos académicos e administrativos as actividades formativas do programa de doutoramento cursadas en calquera das universidades participantes nos termos que figuran na correspondente memoria de verificación do título.

No caso de programas de doutoramento organizados de forma conxunta por universidades do SUG, deberase presentar a correspondente declaración de interese en cada unha das universidades participantes por iniciativa dun ou varios grupos de investigación das universidades participantes, a cal será valorada pola unidade/órgano responsable en cada unha das universidades participantes. Requírese un informe favorable de todas as universidades participantes para continuar co desenvolvemento da proposta do programa de doutoramento.

Unha vez que a CAPD aprobe a proposta definitiva do programa de doutoramento (que incluirá, polo menos, a proposta de memoria segundo o formato establecido para o efecto e o conxunto de documentos que definen e sustentan o proxecto formativo), exporase publicamente á comunidade universitaria e recibirá o informe preceptivo da escola de doutoramento e logo un informe da Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao en termos favorables ou desfavorables. Finalmente someterase á aprobación, de ser o caso, do Consello de Goberno e do Consello Social da Universidade.

A CAPD de carácter interuniversitario estará integrada por unha representación equilibrada das universidades participantes no programa. Os seus membros deben cumprir os mesmos requisitos que os establecidos para os membros das comisións académicas dos programas de doutoramento organizados só pola USC. Na declaración de interese debe constar a universidade que asume a coordinación do programa e os datos do coordinador xeral e dos coordinadores locais en cada universidade.

É competencia e responsabilidade da universidade coordinadora asumir as seguintes funcións, ademais das que figuren no correspondente convenio de colaboración do programa:

1. Coordinar o proceso de elaboración e aprobación do programa de doutoramento tratando de asegurar a participación activa e equilibrada das universidades participantes.

2. Realizar as xestións e trámites administrativos en relación ao procedemento de autorización ante a Comunidade Autónoma e á verificación ante o Consello de Universidades, así como informar as universidades participantes do estado dos citados procedementos.

3. Promover e xestionar o convenio de colaboración do programa de doutoramento.

4. Remitirlles ás universidades participantes os informes de avaliación e/ou autorización emitidos pola ACSUG, polo departamento competente en materia de universidades da comunidade autónoma e polo Consello de Universidades, así como os documentos que conformen a memoria do programa unha vez autorizado e verificado este.

5. Facer os trámites formais de rexistro no RUCT dos correspondentes títulos.

6. Coordinar os procedementos de seguimento e renovación da acreditación do programa de doutoramento.

7. Coordinar, de ser o caso, o procedemento de modificación e/ou extinción do programa de doutoramento.

Artigo 13. Acreditación dos programas de doutoramento

Conforme o disposto no artigo 24.2 do RD 1393/2007 e no artigo 10.3 do RD 99/2011, cada seis anos, a contar desde a data da súa verificación inicial ou desde a da súa última acreditación, os programas de doutoramento deberanse someter a un procedemento de avaliación para renovaren a súa acreditación, de acordo co procedemento e os prazos que a Comunidade Autónoma de Galicia estableza.

Artigo 14. Extinción dos programas de doutoramento

Un programa de doutoramento poderase extinguir por algunha das seguintes causas:

– Que non supere o proceso de renovación da acreditación establecido no artigo 10 do RD 99/2011.

– Que non acredite o cumprimento dos requisitos establecidos pola normativa estatal ou autonómica vixente.

– Que se formule unha proposta de extinción do programa ao abeiro dos procesos de revisión e mellora do título de acordo co procedemento aprobado pola Universidade.

– Que concorra calquera situación excepcional que impida o correcto desenvolvemento do programa de doutoramento.

A extinción producirá os seguintes efectos:

– A extinción dun programa de doutoramento comportará a perda do seu carácter oficial e a baixa no RUCT.

– Non se poderá matricular novo alumnado no programa de doutoramento.

– En calquera caso todo o alumnado afectado deberá ser informado da extinción e das consecuencias desta no relativo ao desenvolvemento dos seus estudos.

A Universidade adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos do estudantado que estea cursando os ditos estudos nos termos establecidos na resolución de extinción dos plans de estudo, e aprobará o procedemento de extinción dos programas de doutoramento no seo da universidade.

Capítulo 3
Acceso e admisión en estudos de doutoramento

Artigo 15. Acceso

Son requisitos de acceso a un programa de doutoramento os seguintes:

1. Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario.

2. Así mesmo, poderá acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:

a) Estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior, que habilite para o acceso ao máster de acordo co establecido no artigo 16 do RD 1393/2007, e superar un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos cales polo menos 60 deberán ser de nivel de máster.

b) Estar en posesión dun título oficial español de graduado ou graduada, cuxa duración, conforme normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. Os ditos titulados deberán cursar con carácter obrigatorio os complementos de formación requiridos polo programa, agás que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes de estudos de máster.

c) Os titulados universitarios que, logo da obteren praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en ciencias da saúde.

d) Estar en posesión dun título obtido conforme sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, logo da comprobación pola Universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente á do título oficial español de máster universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do cal estea en posesión o interesado nin o seu recoñecemento para outros efectos que o do acceso a ensinos de doutoramento.

e) Estar en posesión doutro título español de doutor obtido conforme anteriores ordenacións universitarias.

3. Os doutorandos que iniciasen o seu programa de doutoramento conforme anteriores ordenacións universitarias poderán acceder ao ensino de doutoramento, logo da súa admisión de acordo co establecido neste regulamento. En todo caso deberán reunir os requisitos establecidos con carácter xeral neste regulamento para acceder a estudos de doutoramento.

4. Poderán acceder aos estudos de doutoramento os licenciados, arquitectos ou enxeñeiros que posúan o diploma de estudos avanzados obtido de acordo co disposto no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, ou alcancen a suficiencia investigadora regulada no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro.

5. Poderán acceder aos estudos de doutoramento os licenciados, arquitectos ou enxeñeiros que posúan un título de máster oficial conforme o Real decreto 56/2005 ou o Real decreto 1393/2007, modificado polo Real decreto 861/2010, ou teñan superados 60 ECTS de estudos de máster oficial.

6. Tamén poderán acceder os diplomados, enxeñeiros técnicos ou arquitectos técnicos que acrediten ter 300 créditos ECTS superados no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos cales, polo menos 60, deberán ser de nivel de máster.

Artigo 16. Admisión

Na memoria de verificación e na oferta dos programas poderanse establecer requisitos e criterios adicionais para a selección e admisión do estudantado.

No caso de que o alumnado careza da formación previa completa exixida no programa, a admisión poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos.

De ser o caso, os programas, a través da súa memoria, determinarán os complementos de formación que deberán ser concretados para cada alumno pola CAPD, sen que se poidan superar os 15 ECTS. A realización destes complementos será previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa. No caso de realización simultánea, o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa. No caso de ser previa, só se matriculará destes complementos e non se asinará o compromiso de supervisión a que fai referencia o artigo 31 deste regulamento nin se abrirá o documento de actividades do doutorando ata a súa superación.

Os complementos de formación deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumno causará baixa no programa.

Estes complementos de formación específica poderán ser de materias ou módulos de máster e grao e terán, para os efectos de prezos públicos e de concesión de bolsas e axudas ao estudo, a consideración de formación de nivel de doutoramento. No caso de se realizar con carácter previo, o seu desenvolvemento non computará para os efectos do límite temporal establecido para a realización da tese. Estes créditos non computarán para os efectos dos requisitos ordinarios de acceso ao programa de doutoramento.

Artigo 17. Alumnado con titulacións estranxeiras

O estudantado con título estranxeiro sen homologar poderá solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que se acredite un nivel de formación equivalente á do título oficial español de máster universitario que faculte para o acceso a estudos de doutoramento no país expedidor do título. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento para outros efectos que os de acceso a estas ensinanzas.

Deste xeito, o estudantado con título estranxeiro sen homologar requirirá, para a plena validez da súa matrícula, unha resolución de equivalencia outorgada polo/a reitor/a, logo dos informes que regulamentariamente se establezan, en que se indicará a denominación do título estranxeiro e o seu recoñecemento para os efectos de cursar estes estudos. A equivalencia deberase solicitar dentro do prazo que se estableza e xuntarase o título con base no cal se desexa acceder aos estudos de terceiro ciclo, así como un certificado académico dos mencionados estudos en que consten as materias e períodos académicos cursados, e de que o título dá acceso no seu país aos estudos de doutoramento. Todo o anterior presentarase debidamente legalizado (orixinais e fotocopias para o seu cotexo ou fotocopias autenticadas polos servizos consulares ou embaixadas españolas). No caso de non ser o idioma de orixe o castelán, deberase xuntar tamén unha tradución legalizada da documentación anteriormente citada.

Na solicitude de admisión do alumnado tamén se incluirá a posibilidade de realizar simultaneamente a solicitude de equivalencia, en caso necesario. A CAPD valorará a adecuación académica dos estudos cursados pola persoa solicitante, e esta circunstancia ten que figurar na proposta de persoas admitidas no programa.

As resolucións de equivalencia constarán no expediente do alumnado e poderanse certificar como calquera outro aspecto seu.

Poderase considerar que os informes emitidos para situacións semellantes sirvan como precedentes para casos similares. Nestes casos non será necesaria a realización de novos informes.

O alumnado poderá matricularse sen esperar a resolución de equivalencia, pero a validez da súa matrícula quedará condicionada a esta declaración.

Cada programa poderá establecer unha cota para alumnado con titulacións estranxeiras e poderá establecer e acordar, con anterioridade aos prazos de preinscrición, preadmisións condicionadas ao cumprimento dos requisitos e dos criterios de selección.

Artigo 18. Alumnado con necesidades especiais

Para o estudantado con necesidades educativas especiais estableceranse sistemas e servizos de apoio e asesoramento adecuados, que poderán determinar a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.

Artigo 19. Procedemento de admisión

1. O estudantado que reúna os requisitos de acceso e admisión poderá solicitar a admisión nun programa de doutoramento, para o cal se establecerá un prazo de preinscrición. A solicitude presentarase no lugar que sinale a convocatoria de matrícula.

2. Finalizado este prazo, a CAPD publicará a relación provisional de alumnado admitido, coa súa correspondente lista de agarda, de acordo cos criterios de selección establecidos no programa.

3. Os aspirantes non admitidos poderán presentar unha reclamación no prazo e forma establecidos na correspondente convocatoria de matrícula. Transcorrido o prazo de reclamacións e resoltas estas, remitirase a relación de alumnado admitido ao órgano de xestión de alumnado correspondente, para os efectos de poder formalizar a súa matrícula no prazo que se sinala. De non formalizar a súa matrícula, o solicitante decaerá no seus dereitos.

Artigo 20. Adaptacións e recoñecementos

O alumnado que, cando entrou en vigor o Real decreto 99/2011, estivese cursando estudos de doutoramento, poderá solicitar a admisión nun programa verificado conforme o citado real decreto, pola vía de adaptación. Para a admisión por esta vía deberá ter un informe favorable da comisión académica. Unha vez admitido, deberá realizar todos os trámites do novo alumnado do programa e a liquidación de prezos públicos que proceda, e comezarán a computar os prazos para a etapa da tese.

Os cursos, seminarios, estadías e traballos de investigación realizados na etapa de tese e que non formaran parte formativa de programas do Real decreto 778/1998, do Real decreto 56/2005 ou do Real decreto1393/2007, ou aqueloutros realizados en programas de doutoramento dunha universidade española ou estranxeira, poderán ser recoñecidos polos equivalentes dun programa de doutoramento, para o cal deberá existir afinidade suficiente en duración e contidos coas actividades formativas do programa. Unha vez recoñecidos incluiranse no documento de actividades personalizado e poderanse imputar como superación dunha actividade formativa do programa, de ser o caso.

A Universidade fixará mediante unha resolución reitoral as bases e o procedemento de adaptación e recoñecemento que desenvolvan este acordo.

Capítulo 4
Matrícula

Artigo 21. Matrícula no programa de doutoramento

Os doutorandos admitidos nun programa de doutoramento deberanse matricular, de ser o caso, das actividades formativas determinadas pola CAPD e, anualmente, polo concepto de tutela académica do doutoramento, tras a avaliación positiva da CAPD, na unidade de xestión e de acordo co procedemento e calendario que a Universidade estableza para tal efecto. No caso de que un doutorando non realice a matrícula anual nun curso académico, causará baixa definitiva no programa, salvo nos casos por baixa temporal establecidos no programa. A matrícula de tutela académica outórgalle ao doutorando o dereito á titoría académica, á utilización dos recursos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo e á plenitude de dereitos establecidos pola normativa para o estudantado de doutoramento.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma fixar as taxas académicas polos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario, que terán a consideración de prezos públicos.

Cando se trate de programas conxuntos, o convenio incluído na memoria de verificación do programa determinará a forma en que se debe levar a cabo a dita matrícula.

Cando se trate de programas de intercambio de alumnado, o acordo asinado polas universidades participantes determinará a forma en que se debe levar a cabo a matrícula.

As persoas doutorandas matriculadas nun programa de doutoramento estarán adscritas como persoal investigador en formación á escola de doutoramento correspondente e ao departamento ao cal pertenza o seu director e/ou titor.

Artigo 22. Períodos de matrícula

Haberá dous períodos de matrícula ordinarios para doutorandos de novo ingreso: un antes do comezo do primeiro cuadrimestre e outro antes do comezo do segundo cuadrimestre do mesmo curso académico. A CAPD poderalle solicitar á universidade cada curso académico que non se habilite o segundo período de matrícula para alumnado de novo ingreso.

Os prazos para o pagamento dos prezos públicos serán os fixados na resolución reitoral da correspondente universidade.

As tres universidades do SUG tratarán de establecer un calendario de matriculación común.

Artigo 23. Matrícula a tempo completo e a tempo parcial

A persoa doutoranda poderase matricular a tempo completo ou a tempo parcial. Para esta última modalidade será requisito indispensable a condición de persoa doutoranda a tempo parcial outorgada, de ser o caso, pola CAPD. Esta condición deberase solicitar cada curso académico á CAPD, achegando os documentos xustificativos. Para a condición de persoa doutoranda a tempo parcial, teranse en conta motivos de carácter laboral, familiar ou persoal.

a) Os motivos de carácter laboral comprenderán preferentemente situacións de carácter fixo ou estable, contratos temporais prolongados no tempo ou outras situacións que considere a CAPD.

b) Os motivos de carácter familiar ou persoal incluirán, entre outras, situacións de dependencia, coidado de maiores ou fillos/as discapacitados/as e familia con fillos en idade escolar e situacións de violencia de xénero.

c) O estudantado cun grao de discapacidade superior ao 33 % , se o solicita e xustifica documentalmente á CAPD.

O cambio de modalidade de matrícula poderase solicitar nos períodos de matrícula ordinarios e estará condicionado ao informe favorable da CAPD.

A Universidade, por proposta de cada CAPD, poderá establecer, do total de estudantes matriculados no programa, unha porcentaxe máxima de doutorandos matriculados a tempo parcial.

Artigo 24. Simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento e noutros estudos universitarios

Para simultanear a matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao ou mestrado), terase en conta:

a) Que a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo computa, para efectos de valoración da simultaneidade de estudos nun curso académico, como 60 ECTS.

b) Que a suma dos créditos ECTS da matrícula a tempo completo no programa de doutoramento e a matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou mestrado) nun mesmo curso académico non pode exceder de 75 ECTS.

c) Que unha persoa doutoranda matriculada a tempo parcial nun programa de doutoramento non poderá realizar simultaneamente outros estudos universitarios.

Capítulo 5
Duración dos estudos de doutoramento

Artigo 25. Duración máxima e mínima dos estudos de doutoramento a tempo completo e a tempo parcial

A duración dos estudos de doutoramento a tempo completo e a tempo parcial será dun máximo, respectivamente, de tres e cinco anos. En cada caso, esta duración contarase desde a primeira matrícula da persoa doutoranda polo concepto de tutela académica do doutoramento ata a presentación da solicitude do depósito da tese de doutoramento.

A duración mínima dos estudos de doutoramento será, tanto a tempo completo como a tempo parcial, de 18 meses, que comezarán a contar desde a admisión do doutorando ata a presentación da solicitude do depósito da tese de doutoramento.

No caso de estudantes procedentes de estudos de doutoramento regulados por normativas anteriores ou con traslados de expedientes doutras universidades, computará para os efectos do establecido no parágrafo anterior o período en tutela académica anterior á matrícula no programa de doutoramento previo.

Cando nun mesmo programa de doutoramento, o doutorando ou doutoranda utilizase ambas as modalidades de matrícula, computarase para todos os efectos a duración dos estudos de doutoramento en termos de estudos a tempo completo, considerando que un ano de matrícula a tempo parcial equivale a 0,6 anos de matrícula a tempo completo.

Artigo 26. Prórrogas para a realización dos estudos de doutoramento a tempo completo e a tempo parcial

Se a solicitude do inicio de trámites para a presentación da tese de doutoramento non se realiza no prazo establecido, a CAPD podería autorizar a súa prórroga, tras a solicitude do doutorando. A prórroga sería dun ano nos estudos de doutoramento a tempo completo e de dous anos nos estudos de doutoramento a tempo parcial. De forma excepcional, podería ampliarse este prazo en ambos os casos noutro ano adicional. A autorización das prórrogas farase de forma motivada e de acordo co procedemento que estableza a universidade.

Artigo 27. Baixa temporal nun programa de doutoramento

O doutorando poderalle solicitar á CAPD a baixa temporal no programa por enfermidade, embarazo ou por calquera outra causa establecida na normativa laboral vixente por un período máximo dun ano, ampliable ata un ano máis. A CAPD pronunciarase sobre se procede acceder ao solicitado polo doutorando, de acordo coa normativa da universidade. As actividades desenvolvidas polo doutorando durante a baixa temporal non poderán incluírse no documento de actividades e os períodos de baixa temporal no programa non computarán no prazo de desenvolvemento da tese a que fai referencia o artigo 25 deste regulamento.

Capítulo 8
Organización da formación e expediente do alumnado

Artigo 28. Competencias e destrezas que debe adquirir o estudantado

Os estudos de doutoramento garantirán, como mínimo, a adquisición polo doutorando das competencias básicas, destrezas e habilidades recollidas no artigo 5 do RD 99/2011, así como aqueloutras que figuren no Marco español da cualificación para a educación superior.

Artigo 29. Documento de actividades do doutorando

Unha vez matriculado no programa, materializarase para cada doutorando o documento de actividades personalizado para os efectos do rexistro individualizado. Nel inscribiranse todas as actividades de interese para o desenvolvemento do doutorando segundo o que estableza a ED, o cal será avaliado anualmente pola CAPD.

O dito documento deberá axustarse ao formato e sistema electrónico que se estableza e deberá quedar constancia documental que acredite as actividades realizadas polo doutorando.

O doutorando anotará no seu documento de actividades as que realice no contexto do programa. Os seus rexistros serán valorados e validados polo titor e/ou director.

Ao documento de actividades terán acceso, para as funcións que correspondan en cada caso, o doutorando, o seu titor, o seu director de tese, así como cantas persoas participen na avaliación ou xestión do expediente.

Artigo 30. Plan de investigación

Antes de seis meses contados desde a data da matrícula, o doutorando elaborará un plan de investigación, que incluirá a metodoloxía que empregará e os obxectivos que se prentenden alcanzar, así como os medios e a planificación temporal para acadalo. O plan deberá ser presentado e avalado co informe do director e do titor, e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderase mellorar e detallar no proceso de avaliación anual contando co aval do titor e o director.

A CAPD avaliará anualmente o plan de investigación e o documento de actividades, para o cal disporá dos informes que para tal efecto deberán emitir o titor e o director. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. No caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o doutorando deberá ser de novo avaliado no prazo de seis meses, para o cal elaborará un novo plan de investigación. No suposto de producirse unha nova avaliación negativa, o doutorando causará baixa definitiva no programa.

Artigo 31. Compromiso de supervisión

As funcións de supervisión, tutela e seguimento dos doutorandos reflectiranse nun compromiso de supervisión que asinarán o director do centro de posgrao, o coordinador do programa de doutoramento, o titor e o doutorando, nun prazo máximo dun mes contado desde a data de matrícula. A sinatura do director de tese incorporarase no momento da súa designación. Unha vez asinado por todos os implicados, o compromiso de supervisión incluirase no documento de actividades do doutorando.

No compromiso de supervisión especificaranse as condicións de realización da tese, os dereitos e deberes do doutorando, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos. Incluiranse tamén os deberes do titor do doutorando e do seu director de tese.

Artigo 32. Resolución de conflitos

As dúbidas ou controversias que xurdan en relación cos axentes implicados no desenvolvemento do programa de doutoramento serán levadas polos interesados en primeiro termo ante a comisión académica do programa.

No caso de que as controversias conclúan nun conflito, trasladaranse á Comisión de Doutoramento. O seu acordo será comunicado mediante unha resolución do presidente do órgano ás partes afectadas. As persoas lexitimadas poderán presentar un recurso de alzada contra esta resolución perante o reitor da universidade ou persoa en que delegue.

Capítulo 9
Tese de doutoramento

Artigo 33. A tese de doutoramento

A tese de doutoramento consistirá nun traballo orixinal de investigación relacionado cos campos científico, técnico ou artístico do programa de doutoramento cursado pola persoa doutoranda.

A tese de doutoramento redactarase, como norma xeral, en lingua galega, castelá, inglesa, portuguesa ou no idioma de uso común no ámbito científico, técnico ou artístico de que se trate. No entanto, a ED da universidade poderá autorizar a súa redacción noutro idioma, logo de que a CAPD emita un informe favorable e garanta que o tribunal estea en condicións de xulgala. No caso de que se redacte nunha lingua distinta do galego ou do castelán, a tese deberá incluír un anexo, incluído no propio volume da tese, que conteña un resumo de, polo menos, tres mil palabras en galego ou en castelán.

A tese de doutoramento deberá incluír, cando menos, resumo, introdución, obxectivos, metodoloxía, resultados, conclusións e bibliografía, así como os informes de valoración da tese do director e titor. A escola de doutoramento publicará unha guía de boas prácticas para a dirección de teses de doutoramento.

Artigo 34. Procedemento de autorización da defensa da tese

Xa rematada a elaboración da tese e logo do informe favorable do director ou directores e, de ser o caso, do titor, a persoa doutoranda solicitará á CAPD a autorización para a súa defensa de acordo co procedemento establecido para o efecto.

Cando a CAPD autorice a presentación da tese para a súa defensa, remitiralle coa maior brevidade á ED responsable do programa de doutoramento a seguinte documentación:

– O informe de autorización para a defensa da tese emitido pola CAPD.

– Un exemplar da tese en soporte papel asinado polo doutorando, polo director ou directores da tese e, de ser o caso, polo titor, así como un exemplar en formato electrónico (PDF).

– Toda a documentación requirida no caso de que se solicite a mención internacional e/ou a tese por compendio de publicacións segundo o establecido no presente regulamento.

– O documento de actividades do doutorando actualizado e o plan de investigación acompañado dos informes favorables do titor e do director.

– Unha proposta de dez posibles membros para participaren no tribunal que xulgará a tese aprobada pola CAPD, formado por doutores especialistas na materia da tese de doutoramento, con experiencia investigadora acreditada e segundo o establecido no artigo 36 do presente regulamento.

Unha vez recibida toda a documentación da tese e revisado pola ED responsable do programa de doutoramento que o expediente está completo e correcto, abrirase un período de exposición pública de dez días hábiles en período lectivo, garantindo a máxima difusión institucional para que calquera doutor poida examinar a tese e dirixirlle por escrito as consideracións que considere oportunas á ED da USC. Co fin de facilitar a consulta das teses, a Universidade poderá habilitar un procedemento telemático, sempre que non concorran limitacións derivadas do artigo 14.6 do RD 99/2011.

Finalizado o período de exposición pública, a ED valorará a tese tendo en conta o informe da CAPD e as alegacións recibidas, de ser o caso. Ademais, a ED poderá convocar o doutorando e/ou director, solicitarlle unha resposta razoada ás alegacións ou outra información que considere necesaria, ou consultar a CAPD e contar coa colaboración doutros doutores externos para asesoramento na avaliación da tese.

Tras valorar a tese, a ED decidirá aprobar ou denegar a continuidade dos trámites, o que rexistrará no documento de actividades do doutorando e, ademais, lles comunicará ao director ou directores da tese de doutoramento, ao doutorando e á CAPD.

No caso de denegación da continuidade dos trámites, que deberá estar debidamente motivada, a ED comunicaralle ao doutorando cómo corrixir axeitadamente a súa tese de doutoramento antes de proceder a unha nova solicitude de depósito.

No caso de aprobación de continuidade, procederase á aprobación do tribunal nos termos establecidos no artigo 36 do presente regulamento.

Nomeado o tribunal e suplentes, comunicarase o nomeamento á CAPD e ao director, e farase chegar a cada un deles a notificación da súa designación como membro do tribunal, un exemplar da tese de doutoramento e o expediente administrativo do doutorando. A partir deste momento, disporán de vinte días naturais para lle enviar á Comisión de Doutoramento un informe individual e razoado en que se valore a tese e no cal figure explicitamente o ditame sobre se procede ou non autorizar a defensa da tese. Ademais, a ED remitirá toda a documentación referida da tese á Comisión de Doutoramento.

Unha vez recibidos os informes, a Comisión de Doutoramento disporá se procede ou non a defensa pública ou, de ser o caso, a interrupción da súa tramitación, o que se comunicará por escrito ao doutorando, aos directores da tese, á CAPD e á ED.

Se a Comisión de Doutoramento lle negar a defensa da tese de doutoramento, o doutorando poderá solicitar a certificación literal dos ditames a que se refire este artigo. Se lle for autorizada a defensa, poderá solicitala despois da súa defensa.

A defensa pública deberá realizarse nun prazo máximo de tres meses desde a súa autorización, agás causas debidamente xustificadas. De superarse este prazo, deberán iniciarse de novo os trámites de autorización da tese para súa defensa.

Ao longo do proceso de autorización da defensa da tese o doutorando estará obrigado a introducir os datos da súa tese na base Teseo segundo o procedemento e prazos que estableza a Universidade.

Artigo 35. Teses con protección de dereitos

No compromiso de supervisión incluiranse as cláusulas oportunas para garantir que non se difundan os seus contidos no caso de teses de doutoramento en que existan cláusulas de confidencialidade con empresas ou no caso daquelas que poidan dar lugar a dereitos de propiedade industrial e intelectual e cuxos contidos non se poidan difundir antes de estaren debidamente protexidos.

Este tipo de tese formalizarase en dúas versións: a reducida, en que se eliminarán os contidos afectados polo deber de non difundir ou polo deber de segredo ou confidencialidade, e o exemplar completo, que quedará arquivado na universidade baixo compromiso de confidencialidade.

O exemplar reducido será o que se deposite para a súa consulta pola comunidade científica doutoral. Esta versión deberá coincidir co contido da exposición e defensa pública da tese.

A versión completa será a que se lles entregue aos membros do tribunal para a súa avaliación. Os membros deberán asinar o correspondente compromiso de confidencialidade sobre os contidos que non se poden difundir publicamente.

Se o tribunal desexa formular cuestións ao doutorando sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

Unha vez aprobada a tese, o exemplar reducido será o que se publique no repositorio institucional. Unha vez que se realicen as oportunas proteccións ou venza o prazo de confidencialidade, o doutorando deberá, logo de acreditar estas circunstancias, solicitar a súa substitución polo exemplar completo.

Artigo 36. Tribunal de avaliación

A CAPD, oído o/a director/a da tese (e/ou de ser o caso, o/a titor/a), proporá unha relación de dez membros do tribunal que avaliará a tese.

Admitida a trámite a tese de doutoramento pola CAPD, a ED responsable do programa de doutoramento avaliará a proposta de tribunal remitida pola CAPD, que irá acompañada dun informe individualizado e razoado sobre a idoneidade de cada un dos membros propostos para xulgar a tese, dos cales se mencionará a especialidade ou especialidades da súa investigación, publicacións, proxectos de investigación e outras actividades ou méritos que consideren oportunos, así como a súa aceptación expresa destes membros.

A ED designará o tribunal encargado de xulgar a tese entre os dez especialistas propostos pola CAPD, que estará constituído por cinco titulares e dous suplentes. Entre os membros do tribunal nomearanse dous para os cargos de presidencia e secretaría do tribunal. O/a secretario/a designarase preferentemente entre os membros do tribunal que pertenzan á USC; de non ser así, deberá presentarse un informe xustificativo e sinalar outro membro do profesorado da universidade como responsable de recibir as actas e entregalas posteriormente na unidade administrativa correspondente.

En caso de renuncia por causa xustificada dun integrante titular do tribunal procederase a substituílo polo suplente correspondente, seguindo a orde da proposta de suplentes do tribunal.

Na composición do tribunal deben respectarse os seguintes requisitos:

a) Todos os membros deberán ser persoal doutor e con experiencia investigadora acreditada. Entenderase por experiencia acreditada o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos para ser director de tese no presente regulamento. O profesorado universitario poderá formar parte dos tribunais de teses de doutoramento aínda que estean en situación de excedencia, xubilación, servizos especiais ou en comisión de servizos; neste último caso considerarase que pertence á universidade en que se atope prestando os seus servizos.

b) O tribunal estará formado por unha maioría de membros externos á universidade e ás institucións colaboradoras no programa de doutoramento.

c) No caso de teses presentadas por compendio de publicacións non poderán formar parte do tribunal os coautores das publicacións.

d) En ningún caso poderán formar parte do tribunal o/a director/a ou codirectores/as da tese nin, de ser o caso, o/a titor/a, salvo nos casos de teses presentadas no marco de acordos bilaterais de cotutela con universidades estranxeiras que así o teñan establecido, ou nos casos de teses presentadas en programas de doutoramento conxuntos con universidades estranxeiras, en virtude dos correspondentes convenios.

e) No caso da mención internacional no título de doutor ou doutora, ten que formar parte do tribunal titular cando menos un experto co título de doutor dunha institución de ensino superior ou centro de investigación de prestixio non españois, e distinto do responsable da estancia sinalada no artigo 40. Para iso nomearase un doutor estranxeiro na comisión titular e outro que cumpra as mesmas condicións como suplente.

f) A composición do tribunal procurará unha presenza equilibrada de homes e mulleres, agás causas xustificadas.

g) Non poderán formar parte da proposta dun tribunal as persoas que incorran en calquera das causas de abstención establecidas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 37. Acto de defensa pública da tese

Unha vez autorizada a defensa pública da tese, o/a doutorando/a deberá efectuar o pagamento das taxas dos dereitos de exame do grao de doutor correspondente na Sección de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua do Servizo de Xestión Académica ou na unidade administrativa que se determine.

Unha vez realizado o dito pagamento, o Centro de Posgrao remitiralle ao/á secretario/a do tribunal os documentos que se deben cubrir no acto de defensa da tese de doutoramento:

– Acta de constitución do tribunal.

– Acta da sesión.

– Sobres oficiais para recoller os informes confidenciais sobre a tese para os efectos da mención de cum laude e premio extraordinario.

O presidente do tribunal convocará o acto de defensa da tese de doutoramento e o secretario comunicará, polo menos con dez días de antelación, o día, o lugar e a hora do citado acto á ED, que á súa vez informará a CAPD, o doutorando ou doutoranda e o director da tese, e fará a publicidade pertinente.

A defensa da tese deberase realizar nunha sesión pública durante o período lectivo do calendario académico e terá lugar na propia universidade española en que o doutorando ou doutoranda estivese matriculada ou, no caso de programas de doutoramento conxuntos, nos termos que indiquen os convenios de colaboración. Calquera outra opción requirirá a autorización expresa da Comisión de Doutoramento, que deberá asegurar, en todo momento, o cumprimento desta normativa e dos procesos establecidos para a súa avaliación.

A ED poderá autorizar que participe un membro do tribunal por videoconferencia en casos debidamente xustificados por circunstancias excepcionais que imposibiliten a súa presenza física, a condición de que os outros catro membros do tribunal estean presentes no acto. Este membro ausente non poderá ser en ningún caso o presidente ou o secretario do tribunal.

Se no acto de defensa e exposición pública da tese non se presentar algún membro do tribunal titular, incorporarase o suplente correspondente. Se isto non for posible, a presidencia do tribunal decidirá se continuar ou non co acto de lectura, unha vez consultado o resto de integrantes. Para que se poida proceder á defensa da tese, será necesario que estean presentes un mínimo de catro membros do tribunal e que se cumpra o requisito sobre a maioría de membros externos á universidade e ás institucións colaboradoras no programa de doutoramento. De non poder constituírse o tribunal, o presidente comunicará este feito á ED responsable do programa de doutoramento, que poderá autorizar a defensa nas 24 horas seguintes. De non ser factible, o presidente convocará de novo o acto de defensa da tese de doutoramento nos mesmos termos do parágrafo 3 deste punto.

Os membros do tribunal deberán expresar a súa opinión sobre a tese e poderán formular cantas cuestións e obxeccións consideren oportunas, ás cales o/a doutorando/a deberá responder. Así mesmo, os doutores presentes no acto poderán formular cuestións e obxeccións, e o/a doutorando/a responder, todo isto no momento e forma que sinale o/a presidente/a do tribunal.

Artigo 38. Cualificación da tese de doutoramento

Unha vez finalizada a defensa da tese por parte da persoa doutoranda, o tribunal emitirá un informe sobre esta e a cualificación global en termos de apto ou non apto. O secretario do tribunal redactará a acta de colación do título de doutor/a, que incluirá información relativa ao desenvolvemento do acto de defensa e a cualificación. Se a persoa doutoranda solicitase optar á mención internacional do título de doutor, o secretario do tribunal incluirá na acta de colación unha certificación de que cumpre os requisitos exixidos. O presidente do tribunal comunicará, en sesión pública, a cualificación.

O tribunal poderá propor que a tese obteña a mención de cum laude de se emitir en tal sentido o voto secreto positivo por unanimidade. O Centro de Posgrao regulamentará o procedemento para a materialización da concesión final da dita mención nunha sesión diferente da correspondente á de defensa da tese de doutoramento.

O secretario do tribunal, ou o membro do profesorado en que delegue, será responsable da documentación correspondente á defensa da tese de doutoramento; deberá remitila debidamente cuberta á Sección de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da universidade no prazo máximo de cinco días hábiles posteriores ao día de exposición e defensa da tese para o seu arquivo e documentación.

Artigo 39. Arquivo da tese de doutoramento

Unha vez superada a fase de defensa da tese de doutoramento, a Universidade, a través do servizo competente, ocuparase do seu arquivo en formato electrónico e en acceso aberto nun repositorio institucional e enviaralle un exemplar en formato electrónico, así como toda a información complementaria que for necesaria ao ministerio competente na materia para os efectos oportunos.

Cando se trate de teses con protección de datos, a escola de doutoramento e o Centro de Posgrao habilitarán os procedementos que garantan o cumprimento das garantías do artigo 35.

Artigo 40. Mención internacional do título de doutor

1. O título de doutor poderá incluír no seu anverso a mención «Doutor internacional», sempre que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que durante a etapa de realización da tese o doutorando ou doutoranda realizase unha estancia mínima de tres meses fóra de España nunha institución de ensino superior ou centro de investigación de prestixio, cursando estudos ou realizando traballos de investigación relacionados coa tese. A estancia e as actividades deben ser avaladas polo director e autorizadas pola CAPD e incorporaranse ao documento de actividades do doutorando.

b) Que parte da tese ou, polo menos o resumo e as conclusións, se redacte e se presente nunha das linguas habituais para a comunicación científica no seu campo de coñecemento, distinta a calquera das linguas oficiais en España. Esta norma non será de aplicación cando as estancias, os informes e os expertos procedan dun país de fala hispana.

c) Que un mínimo de dúas persoas expertas doutoras pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación non española fixesen un informe favorable sobre a tese de acordo co procedemento que para tal efecto se estableza.

d) Que polo menos unha persoa experta pertencente a algunha institución de educación superior ou centro de investigación non español, co título de doutor/a, e distinta do responsable da estancia mencionada na alínea a) e das dúas persoas expertas referidas na alínea c), forme parte do tribunal avaliador da tese.

e) Que a defensa da tese sexa efectuada na propia universidade española en que o doutorando ou doutoranda estivese inscrita ou, no caso de programas de doutoramento conxuntos, en calquera das universidades participantes ou nos termos que indiquen os convenios de colaboración.

A CAPD deberá enviarlle á escola de doutoramento a documentación acreditativa da estancia, a súa autorización para realizala e os informes das dúas persoas expertas externas, xunto co resto de documentación, para que poida autorizar os trámites para a defensa da tese de doutoramento.

Artigo 41. Tese por compendio de artigos de investigación

A tese de doutoramento poderá consistir no conxunto de traballos que o doutorando ten publicados, ou daqueles que estean aceptados definitivamente para a súa publicación, durante a etapa de realización da tese de doutoramento. O conxunto destes traballos deberá abordar o proxecto de tese incluído no seu plan de investigación. Ademais, para ser incluída nesta modalidade de presentación da tese, como regra xeral, cada publicación debe facer constar a adscrición do doutorando á universidade en que está realizando o programa de doutoramento.

A presentación da tese como conxunto de traballos estará suxeita aos seguintes requisitos:

No momento do depósito da tese na ED da universidade, a persoa doutoranda presentará a seguinte documentación adicional:

– Informe do/s director/es da tese coa aprobación da CAPD onde se especifique a idoneidade de presentar a tese baixo esta modalidade; a contribución da persoa doutoranda, no caso de que haxa máis coautoras; e os indicios de calidade das publicacións presentadas.

– Aceptación por escrito das persoas coautoras de que o/a doutorando/a presente o traballo como parte da tese.

– Renuncia por escrito das persoas coautoras non doutoras á presentación dos traballos como parte doutra tese de doutoramento.

A ED poderá establecer os criterios específicos de calidade que deberán cumprir as publicacións que conforman a tese de doutoramento, que deberán requirir cando menos o que segue:

– Que a tese inclúa un mínimo de tres artigos de investigación, publicados ou con aceptación definitiva para a súa publicación, e realizados durante o período de tutela académica. Os artigos deben estar publicados en revistas indexadas na listaxe do ámbito correspondente do Journal Citation Reports (SCI e/ou SSCI). Naquelas áreas en que non sexa aplicable este criterio, substituirase polas bases relacionadas pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) para estas áreas.

– Que os traballos sexan contribucións aceptadas en publicacións de ámbito e prestixio internacional con revisión anónima por pares.

Ademais dos requisitos xerais indicados no artigo 33, a tese debe incluír o seguinte:

– Unha introdución, que especificamente conterá unha xustificación razoada da unidade e a coherencia temática e metodolóxica da tese; os obxectivos por alcanzar; unha discusión xeral que dote de coherencia e unidade os diferentes traballos; as conclusións e bibliografía común.

– Unha copia íntegra das publicacións, xa sexan publicadas ou con aceptación definitiva para a súa publicación, onde conste necesariamente o nome e a filiación do autor/a. Deben quedar claramente explícitos os nomes e a filiación de todas as persoas coautoras, a súa orde, así como a referencia completa da publicación, a editorial e o ISSN ou ISBN. No caso dos artigos con aceptación definitiva para a súa publicación e que na presentación da tese aínda non estean publicados, engadirase o seu código de identificación (o DOI nas publicacións dixitais).

– Ningún dos artigos incluídos na tese poderá ser anterior á data de matriculación no programa de doutoramento no período de tutela académica.

Capítulo 8
Teses en réxime de cotutela

Artigo 42. Principios básicos do réxime de cotutela

Enténdese cotutela, na aplicación deste regulamento, como a dirección conxunta do traballo de investigación conducente á obtención do título de doutoramento, por parte de persoal investigador da USC e doutra universidade ou organismo de investigación (en adiante, institucións), para a cal se determinarán unha serie de requisitos e beneficios a través dun convenio entre as partes, que deberá respectar o contido deste artigo.

Deberanse respectar as lexislacións vixentes para temas de doutoramento existentes en cada país. De ser o caso, terase en conta a normativa para a obtención da mención internacional ao título de doutor/a.

Asinarase un convenio marco entre as dúas institucións interesadas que estableza as liñas xerais de cooperación. Para cada cotutela que se poña en marcha asinarase un convenio específico baseado no principio da reciprocidade, que terá unha duración máxima de tres anos. En virtude do convenio específico, cada institución recoñeceralles para todos os efectos aos seus investigadores as tarefas de dirección da tese, independentemente do lugar da defensa da tese e da emisión do título de doutor/a.

As persoas candidatas á preparación do doutoramento en cotutela efectuarán o seu traballo baixo o control e a responsabilidade dunha directora ou director de tese en cada unha das institucións interesadas.

O/a doutorando/a matricularase en cada unha das institucións, pero con dispensa de pagamento naquela onde non vaia ser lida a tese. No convenio específico indicarase a partida orzamentaria en que se cargará a taxa no caso de que a dispensa lle corresponda á USC.

O tempo de preparación da tese non será superior a tres anos desde o asinamento do convenio específico e repartirase entre as dúas institucións por períodos de estancia alternos en cada unha delas. O tempo de estancia mínimo nunha das dúas institucións non será inferior a seis meses e completarase o período restante na outra. A dita estancia poderase realizar dunha soa vez ou en varios períodos.

A tese será obxecto dunha defensa única nunha das dúas institucións, que será a encargada da emisión do título coa mención de cotutela coa outra institución implicada.

Admitida a tese a trámite, as dúas institucións proporán de común acordo o tribunal ante o cal se deba defender, no cal figurará polo menos un representante de cada institución. A súa composición atenderá á lexislación sobre tribunais vixente no Estado a que pertence a institución en que se defende a tese. O financiamento dos gastos do profesorado estranxeiro que forme parte do tribunal será responsabilidade da institución en que estes actúen. A lingua de escritura e defensa da tese respectará a normativa vixente na institución que emita o título salvo indicación noutro sentido reflectida no convenio específico.

A ED do programa de doutoramento realizará o seguimento e control das teses realizadas en réxime de cotutela.

Artigo 43. Procedemento administrativo da cotutela

1. Os/as reitores/as (ou representantes legais que correspondan) asinarán os convenios de colaboración marco e específico, a proposta da institución en que se vaia ler a tese de doutoramento. Os convenios deberán ser remitidos á vicerreitoría/unidade competente e aprobados pola Comisión de Doutoramento da USC.

2. Unha vez asinado o convenio de cotutela específico, o/a doutorando/a presentará a súa solicitude de admisión no programa de doutoramento da USC, seguindo as normas de matrícula ditadas para tal efecto.

3. O/a doutorando/a formalizará matrícula en período de tese en cada curso académico mentres estea en vigor a cotutela.

4. Na portada da tese deberá figurar que a tese se realiza en cotutela entre as dúas institucións.

5. A institución en que se vaia ler a tese designará o tribunal, no cal terá que haber algún representante das dúas institucións. A institución que designe o tribunal enviaralle notificación da designación á outra institución e, se nun prazo de trinta días non recibe alegación ningunha, considerarase aprobado.

No caso de emisión do título na USC:

a) A presentación, autorización e defensa da tese de doutoramento seguirá o regulado na USC.

b) O/a doutorando/a debe engadir ao expediente de solicitude de admisión a trámite da lectura da súa tese de doutoramento unha certificación da/s estancia/s de investigación expedida pola outra institución e validada pola CAPD.

c) A ED comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa aplicable.

d) Unha vez recibida a conformidade da outra institución ou pasados trinta días sen resposta, nomearase o tribunal.

e) Lectura da tese: haberá unha acta específica para os termos da cotutela (institucións participantes e data de asinamento do convenio especifico) e a/o secretaria/o do tribunal certificará que no tribunal participa algún membro da outra institución.

f) Recibida a acta de lectura de tese, darase a alta no programa informático indicando expresamente a realización de réxime de cotutela coa outra institución e a data do asinamento do convenio específico.

g) Unha vez que a persoa interesada solicite o título de doutor/a, procederase ao asentamento no libro de rexistro de títulos oficiais de doutor/a e farase constar no recadro de observacións que a tese se realizou en réxime de cotutela.

h) A Sección de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua comunicará á outra institución a defensa da tese e a solicitude de emisión de título, nun prazo de trinta días a partir do asentamento do título no rexistro.

En caso de que sexa a outra institución a que emita o título, establecerase nos convenios que, nun prazo de trinta días a partir do rexistro do título nesa outra institución, esta achegará á USC unha certificación en que consten os seguintes datos:

– Nome e DNI (ou número de pasaporte) da persoa doutoranda.

– Título da tese.

– Nome, DNI (ou número de pasaporte) e afiliación das persoas directoras da tese.

– Data de lectura.

– Cualificación.

– Composición do tribunal.

– Título.

A Sección de Posgrao,Terceiro Ciclo e Formación Continua procederá ao seu asentamento no libro de rexistro de teses de doutoramento en cotutela lidas noutras institucións.

Capítulo 9
Premio extraordinario

Artigo 44. Mención especial de premio extraordinario de doutoramento

As teses de doutoramento defendidas na USC que alcancen a cualificación de “apto/a cum laude” poderán ser obxecto da mención especial de premio extraordinario de doutoramento na USC.

Para os efectos exclusivos da obtención do premio extraordinario de doutoramento, cada un dos membros do tribunal que avalía a tese emitirá unha valoración numérica confidencial nun formulario específico, coa cal ponderará o nivel das contribucións orixinais da tese e o seu grao de innovación dentro do campo de coñecemento que corresponda.

A Universidade establecerá o procedemento de concesión dos premios extraordinarios e anualmente fará a súa convocatoria, na cal se incluirá a relación de criterios específicos que se aplicarán na selección das teses para poder conceder a mención do premio extraordinario.

A Reitoría, por proposta da Comisión de Doutoramento da USC, nomeará anualmente o/os tribunal/ais encargado/s de elaboraren a proposta de concesión de premios extraordinarios de doutoramento.

Para poder pertencer ao dito tribunal teranse que cumprir os seguintes requisitos:

– Ter cando menos un sexenio de investigación concedido.

– Non ser un dos directores, codirectores ou titores das teses que optan ao premio extraordinario.

– Non ser coautor/a de ningunha das patentes, artigos ou traballos dos doutorandos que concorren ao premio.

O tribunal estará constituído, como mínimo, por cinco membros titulares e cinco suplentes. Na súa composición garantirase a presenza equilibrada dos ámbitos implicados. O tribunal, unha vez constituído, e logo do exame da documentación achegada e das deliberacións oportunas, resolverá por maioría a proposta das teses merecedoras de premio extraordinario, que se axustará ao número máximo establecido.

Para a avaliación, o tribunal basearase nos criterios fixados pola escola de doutoramento, que deben facerse públicos na convocatoria do premio. Nunca se poderán someter os aspirantes ao mencionado premio á realización de exercicios ou probas adicionais. En calquera caso, os anteditos criterios terán en conta, polo menos:

– Puntuación da tese, obtida da valoración confidencial emitida por cada un dos membros do tribunal.

– Currículos do alumnado que opta ao premio, en particular o seguinte:

• Patentes concedidas ou admitidas a trámite e libros ou artigos publicados en revistas científicas orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese.

• Presentacións ou actas de congresos orixinados polos traballos de investigación que culminaron na elaboración da tese.

• Actividades de investigación que foran consecuencia da tese (contratos realizados ao abeiro do artigo 83 da LOU, transferencia de tecnoloxía, axudas e subvencións...).

O tribunal enviará a proposta da concesión á escola de doutoramento, que a remitirá á Secretaría Xeral para a súa aprobación polo Consello de Goberno. O Servizo de Xestión Académica notificaralles ás persoas adxudicatarias a concesión do premio, o cal se anotará no seu expediente académico. Nas certificacións académicas farase constar a correspondente mención do premio extraordinario de doutoramento.

As persoas doutoras a que se lles conceda o premio extraordinario de doutoramento gozarán da exención de prezos públicos pola expedición do título de doutor/a.

A mención do premio extraordinario farase constar no título de doutor/a, de acordo coas normas que dite o ministerio competente. Sen prexuízo do anterior, a USC poderá dispor o recoñecemento documental de mención de premio extraordinario de doutoramento na forma que se determine oportunamente.

Capítulo 10
Expedición de títulos

Artigo 45. Títulos

A superación dos estudos de doutoramento dará dereito á obtención do título de doutor ou doutora, coa denominación que figure no RUCT.

Con anterioridade á expedición do título entregaráselles ás persoas interesadas unha certificación supletoria del, conforme o modelo oficial. Este documento acreditará a finalización dos estudos e o dereito á expedición do título.

No caso de programas de doutoramento exclusivos da USC, a denominación dos títulos de doutor/a será esta: doutor/doutora pola Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, a expedición material do título incluirá información sobre o programa de doutoramento cursado, de acordo co establecido ao respecto no Real decreto 1002/2010, do 5 de agosto, sobre expedición de títulos universitarios oficiais.

O alumnado poderá pedir tamén o suplemento europeo ao título (SET).

Para os programas Erasmus Mundus e títulos conxuntos actuarase segundo os convenios e acordos establecidos e a lexislación estatal en materia destes títulos.

O título de doutor/a do alumnado estranxeiro producirá todos os efectos que lle outorga a lexislación vixente.

Capítulo 11
Dereitos e deberes das persoas doutorandas

Artigo 46. Dereitos específicos do estudantado de doutoramento

1. Ademais dos dereitos recoñecidos nas normas estatal, autonómica ou da propia universidade, o estudantado de doutoramento ten os seguintes dereitos específicos:

a) A recibir unha formación investigadora de calidade, que promova a excelencia científica e atenda á equidade e á responsabilidade social.

b) A contar cun titor que oriente o seu proceso formativo e un director e, de ser o caso, codirector ou codirectores, que supervisen a realización da tese de doutoramento.

c) Á procura da integración do persoal doutorando en grupos e redes de investigación.

d) A coñecer a carreira profesional da investigación e a que se promovan oportunidades de desenvolvemento da carreira investigadora.

e) A participar en programas e convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

f) A contar co recoñecemento e a coñecer os mecanismos de protección da propiedade intelectual a partir dos resultados da tese de doutoramento e dos traballos de investigación. As publicacións resultantes dos traballos rexeranse pola normativa de propiedade intelectual.

g) A ser considerado como persoal investigador en formación, de conformidade co Estatuto do persoal investigador, coa Carta europea do investigador e co que se estableza na Lei da ciencia, da tecnoloxía e a innovación (LCTI).

h) A ter representación nos órganos de goberno como persoal investigador en formación nos termos establecidos nos estatutos da universidade e nos regulamentos e normas electorais da universidade.

i) A participar no seguimento dos programas de doutoramento e nos procesos de avaliación institucional, nos termos establecidos nos sistemas de garantía da calidade e demais normativa vixente.

2. O estudantado de ensinos de doutoramento internacional poderá participar en programas de mobilidade durante o período de investigación do seu programa de doutoramento. A duración destas estancias será a establecida na súa normativa reguladora.

3. As escolas de doutoramento poderán desenvolver e concretar os dereitos contidos neste acordo no seu regulamento de réxime interno.

4. No compromiso de supervisión asinado pola Universidade e a persoa doutoranda farase referencia a estes dereitos e ao sistema e ao procedemento de resolución de conflitos. Así mesmo, recollerá os aspectos específicos relativos aos dereitos de propiedade intelectual ou industrial que poidan xerarse no ámbito do concreto programa de doutoramento.

Artigo 47. Deberes específicos do estudantado de doutoramento

Son deberes do estudantado de doutoramento os establecidos no artigo 13 do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo cal se aproba o Estatuto do estudante universitario e os recollidos nos estatutos da universidade e, de ser o caso, os establecidos para o persoal investigador en formación, así como, a título simplemente informativo, especificamente os seguintes:

a) Desenvolver as actividades formativas programadas nos estudos de doutoramento, documentalas no rexistro individualizado de control e levar a cabo a investigación obxecto do plano de investigación, baixo o seguimento e a supervisión do titor e director da tese.

b) Asinar e respectar o compromiso de supervisión.

c) Atender, observar e seguir as indicacións e recomendacións que lle fagan o seu titor e director de tese en relación coas actividades formativas programadas ou non no doutoramento.

d) Informar regularmente o titor e director de tese da realización de tales actividades e da evolución do traballo de investigación, dos resultados obtidos e dos problemas que se lle poidan suscitar no seu desenvolvemento.

e) Presentar nos prazos establecidos pola Comisión Académica o plan de investigación e a documentación xustificativa das actividades realizadas e incluídas no documento de actividades individualizado, para someterse á avaliación da actividade realizada no prazo establecido pola normativa.

f) Dedicar á realización do programa de doutoramento, incluída a tese, o número de horas que se estableza no compromiso de supervisión.

g) Someterse ás regras de organización e uso de bens e equipos do centro onde realice a investigación.

h) Calquera outra establecida na lexislación e neste regulamento.

As escolas de doutoramento poderán desenvolver e concretar estes deberes no seu regulamento de réxime interno.

Disposición transitoria primeira. Persoal doutorando conforme anteriores ordenacións

Ao persoal doutorando que, na data de entrada en vigor deste regulamento, estivese matriculado en tutela académica de tese de doutoramento nun programa de doutoramento na USC regulado por ordenacións anteriores, seranlle de aplicación as disposicións reguladoras do doutoramento e da expedición do título de doutor/a polas cales comezou os seus estudos. En calquera caso, seralle de aplicación o establecido neste regulamento no relativo ao tribunal, defensa e avaliación da tese, e dispón ata febreiro de 2016 para a presentación e defensa da tese. Transcorrido o dito prazo sen que a defendera, a persoa doutoranda causará baixa no programa.

Disposición transitoria segunda. Dirección de tese conforme anteriores ordenacións

Non será de aplicación o disposto no artigo 10 no relativo aos requisitos para ser director/a de tese de doutoramento.

Disposición transitoria terceira. Programas de ordenacións anteriores

Os programas de doutoramento regulados por ordenacións anteriores quedarán completamente extinguidos antes de 30 de setembro de 2017; non se poderá ofertar matrícula de novo ingreso en concepto de tutela académica de tese de doutoramento a partir do curso 2013/2014.

Disposición transitoria cuarta. Funcións da Escola de Doutoramento

Ata que se autorice formalmente a creación da Escola de Doutoramento a que se fai referencia no presente regulamento, asumirá as funcións que se lle asignan o Centro de Posgrao da USC.

Disposición adicional primeira. Referencias xenéricas

Todas as referencias a alumnos, estudantes, profesores, doutores, titores, directores, etc. entenderanse como xenéricos sen identificación de sexo, polo que abranguen tanto o xénero feminino como o masculino.

Disposición adicional segunda. Normas de permanencia nos estudos de doutoramento

A normativa de permanencia do estudantado en estudos de doutoramento na USC rexerase polo disposto no capítulo 7 e o artigos 21 e 30 do presente regulamento.

Disposición adicional terceira. Situacións non contidas no presente regulamento

As situacións excepcionais non reguladas neste regulamento serán resolvidas pola Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao. En materia de xestión académica do expediente, a competencia corresponderalle á Secretaría Xeral.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Regulamento dos estudos de terceiro ciclo do 7 de abril de 2000 e as súas modificacións posteriores, así como cantas normas se opoñan ao establecido neste regulamento.

En particular, coa aprobación deste regulamento, quedan sen efecto os puntos 5.4, 5.5 e 5.6 do Acordo do Consello de Goberno polo cal se aproba o procedemento para a tramitación das titulacións de máster e dos programas de doutoramento no relativo á Comisión de Titulacións. No caso da Comisión de Organización Docente, deberá emitir un informe se houber necesidade de recursos por parte dos departamentos, logo do pronunciamento da Comisión de Doutoramento en relación co programa.

Entrada en vigor.

Este regulamento entrará en vigor na data da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC, sen prexuízo da súa publicación no DOG para efectos informativos.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela