Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33893

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Xove, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2011/4-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 15.7.2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Xove (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto. As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural á localidade de Xove realizarase desde unha posición do futuro Gasoduto de Transporte Básico Mariña Lucense (Ribadeo-Viveiro), que se situará ao norte do núcleo urbano de Xove. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (Presión Máxima de Operación) ≤ 5 bar, que parte dunha posición do Gasoduto da Mariña Lucense e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Xove, do polígono industrial e da urbanización Palmeiro.

– E unha rede secundaria de distribución, no mesmo rango de presión, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable segundo necesidades (rede básica: 200 e 160 mm; rede secundaria: 110, 90 e 63 mm). A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 11.398 m, dos cales 5.753 m corresponden á rede básica e 5.645 m á rede secundaria.

O orzamento ascende á cantidade de seiscentos vinte e seis mil cento trinta e nove euros con noventa e oito céntimos (626.139,98 €).

Segundo. O 16.9.2011 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 19.10.2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 22.12.2011 esta dirección xeral resolveu someter a información pública o devandito proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove (Lugo). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22.2.2012, no Boletín Oficial da provincia do 7.3.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 23.2.2012, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do dito concello entre o 5.1.2012 e o 28.1.2012.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria emitiu o 30.3.2012 informe favorable sobre o proxecto de referencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Xove (Lugo); con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 12.522,80 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os anteditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta ao termo municipal de Xove, na provincia de Lugo, e recolle a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto titulado Proxecto de autorización administrativa previa-Rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove, datado en xullo de 2011 e subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto esta autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas