Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 13 de agosto de 2012 Páx. 32440

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 3 de agosto de 2012 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2011/12.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na sua repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes, igualmente, da importancia de recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas dos niveis da educación básica, de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrador, en exercicio das competencias atribuídas, a proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse en Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2011/12 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 15.05.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2012 cunha dotación global de 15 000 €.

3. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderán optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Cursar durante o curso 2011/12 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e alumnas que sexan candidatos/as ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se significan singularmente e se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

4. O perfil obxecto destes premios correspóndese co alumnado:

a) Que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara a conseguir rematar os seus estudos.

b) En proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, polos representantes legais dos solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de setembro de 2012 e non será inferior a un mes contado desde o seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

A solicitude está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa. Para a presentación na sede electrónica admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal aceptado pola sede.

Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED311E que se publica como anexo I a esta orde deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario dispoñible na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, https://www.xunta.es, ou na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premioseso. Neste caso o/a solicitante pode escoller entre:

1. Presentar a solicitude na secretaría do centro educativo no que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite.

2. Presentar directamente toda a documentación requirida no artigo 5 desta orde no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no devandito artigo. No caso que se presente na oficina de correos, farase en sobre aberto co fin de que o impreso de solicitude poda ser datado e selado antes da súa certificación.

Artigo 5. Documentación

1. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro no que se atope o expediente académico.

a) A nota media será a media aritmética das cualificacións de todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

b) Segundo o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007 polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, para a obtención da nota media non se terá en conta a área de relixión.

c) As áreas validadas ou exentas non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

3. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premioseso.

4. Informe xustificativo da proposta realizada segundo o indicado no artigo 9. O dito informe será elaborado pola comisión establecida no artigo 8 e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade do alumno ou alumna proposto/a.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros educativos proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media á que se refire o artigo 5.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro no que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premioseso por parte da dirección do centro no que está o expediente académico.

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro educativo onde está o seu expediente académico serán os centros os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es

O alumnado recibirá no seu correo electrónico un código alfanumérico co que poderá identificarse nas listaxes das candidaturas e nas resolucións.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos os interesados disporán, dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo https://www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

Artigo 8. Comisión para elaborar o informe co perfil do/a alumno/a

1. Nos centros educativos constituirase unha comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do departamento de orientación e o/a titor/a do/da candidato/a durante o curso 2011/12 ou na ausencia deste, un/unha profesor/a, preferentemente do/da alumno/a, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre a base á que se refire o artigo 9.

3. O acordo reflectirase en acta.

Artigo 9. Informe co perfil do/da alumno/a

Co fin de que a comisión de selección prevista no artigo 8 poida analizar a idoneidade das solicitudes, no informe do perfil do/da alumno/a previsto no artigo 5.4 farase constar:

1. A descrición exhaustiva e razoada das dificultades persoais, educativas ou do contorno sociofamiliar da persoa candidata, que ao xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación ás necesidades educativas do alumno ou alumna e a súa repercusión no progreso escolar.

3. O grao de consecución das competencias e dos obxectivos da etapa e a persistencia no seu logro, así como a valoración do esforzo persoal.

4. A descrición de calquera outra circunstancia que a xuízo da comisión do centro educativo mereza ser tida en conta.

Artigo 10. Publicación das candidaturas

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo https://www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11. Comisión de selección dos aspirantes ao premio

1. Co fin de supervisar e valorar os méritos dos participantes, constituirase unha comisión presidida polo titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue, a persoa responsable do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e ata un máximo de catro vogais máis, pertencentes aos corpos de inspectores de educación e/ou dos corpos de profesorado de ensino secundario, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión de selección, tendo en conta o informe requirido no artigo 9 da presente convocatoria, valorará as propostas presentadas atendendo ás dificultades persoais (ata 10 puntos):

a) Situacións relacionadas coa saúde e/ou desenvolvemento en xeral, ata 4 puntos.

b) Reunir algunha das circunstancias especificadas nos artigos 26, 27, 28 ou 31 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, e/ou atoparse en risco de exclusión social, ata 3 puntos.

c) Aproveitamento e esforzo, ata 3 puntos:

Ata dous puntos poderá acadarse coa nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria. Para estes efectos computarase a nota media multiplicada por 0,2.

Un punto por acreditar a continuidade dos seus estudos.

A valoración final expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e será o resultado de sumar as valoracións acadadas no apartado 2 deste artigo.

3. A comisión de selección resolverá os empates tendo en conta:

I. Maior puntuación no apartado 2.c deste artigo.

II. Maior puntuación no apartado 2.a deste artigo.

III. Maior puntuación no apartado 2.b deste artigo.

4. De persistir o empate a comisión de selección poderá celebrar un sorteo.

5. A comisión de selección poderá declarar deserto algún dos premios.

6. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polos decretos 144/2008, do 26 de xuño e 96/2011, do 5 de maio.

Artigo 12. Resolución provisional da concesión dos premios

1. A comisión fará pública a relación provisional dos códigos alfanuméricos das persoas propostas para premio no portal educativo https://www.edu.xunta.es. O alumnado recibirá no seu correo electrónico as valoracións parciais e a valoración final que lle concedeu a comisión de selección.

2. Contra a mesma poderase presentar reclamación, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal, presentándoa no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es

Artigo 13. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a comisión elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

2. O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia que recollerá a relación de códigos alfanúmericos dos premiados.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a devandita orde de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado indicará a titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos e presentará unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta na que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O premiado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, do premio percibido no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14 j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 16. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Transparencia das prácticas da Administración

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos premiados e premiadas e o importe dos premios concedidos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos seus datos e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ED311EG.pdf