Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 8 de agosto de 2012 Páx. 31744

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2012 de delegación de competencias da Presidencia na persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

O artigo 4 do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), establece que os órganos de goberno do Instituto son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección, e precisa, a seguir, as funcións que corresponden a cada órgano.

Polo que atinxe á Presidencia, que corresponde por razón do seu cargo á persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, o artigo 8 precisa as súas funcións e, entre elas, o punto 3.d) sinala que é o órgano de contratación do Instituto, polo que lle corresponde a facultade de celebrar convenios e contratos, sen prexuízo do establecido na letra d) do artigo 6, relativo ás competencias do Consello de Dirección nesta materia, ao cal atribúe a autorización de contratos por importe superior a 60.000 euros.

A concentración de funcións na persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar aconsella que a función prevista no artigo 8.3º d) sexa obxecto de delegación.

Na normativa orgánica do Instituto, a facultade da Presidencia para delegar as funcións que ten atribuídas na Dirección do Ingacal recóllese no artigo 8.4º do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia, polo que, facendo uso da facultade conferida,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección do Instituto Galego da Calidade Alimentaria a competencia da Presidencia prevista no artigo 8.3º d) do Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), de ser o órgano de contratación do Instituto, e correspóndelle, por tanto, a facultade de subscribir convenios e contratos ata o límite máximo de 60.000 euros.

Segundo. As resolucións que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola Presidencia do Ingacal. O exercicio das competencias delegadas axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xuridico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, e ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de febreiro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia.

Terceiro. En calquera momento, a Presidencia do Ingacal poderá revogar o exercicio das competencias delegadas por esta resolución ou avocalacas para o coñecemento dun asunto concreto.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Presidenta do Instituto Galego da Calidade Alimentaria