Ao abeiro do disposto no artigo 92.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, faise público que o Pleno do Concello de Poio, en sesión realizada o 26 de xuño de 2012, acordou:
1. Estimar ou desestimar, de ser o caso, cada unha das alegacións presentadas, tanto durante a primeira información pública como durante a segunda información pública, de conformidade coas propostas individualizadas que se conteñen nos anexos I e II ao documento V: tramitación, presentados no concello con data do 24 de maio de 2012.
2. Aprobar definitivamente o Plan parcial do parque empresarial de Poio (Pontevedra).
3. Dar traslado do presente acordo ao promotor do plan parcial e a todos os propietarios incluídos no plan parcial, así como a todos os organismos sectoriais que interviñeron na súa tramitación, para o seu coñecemento.
O 31 de xullo de 2012 remitiuse á Secretaría Xeral de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas copia de dous exemplares do documento aprobado definitivamente debidamente dilixenciados. O plan parcial non entrará en vigor ata a publicación íntegra do texto normativo –Ordenanzas– no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, segundo dispón o artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, e transcorrido o prazo de quince (15) días sinalado no artigo 65.2 da citada lei.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ao de publicación da devandita normativa no Boletín Oficial da provincia. Todo isto sen prexuízo de calquera outro recurso ou acción que xulguen oportunos.
Poio, 31 de xullo de 2012
Luciano Sobral Fernández
Alcalde