Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 6 de agosto de 2012 Páx. 31292

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ás explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos, para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano e se convocan para o ano 2012.

O Regulamento (CE) nº 1774/2002 do 3 de outubro do Parlamento e do Consello da Unión Europea, establece as normas sanitarias aplicables aos subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano (en diante Sandach) e prohibe a súa entrada na cadea alimentaria.

A Comisión nacional de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano, constituída mediante o Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro, traballou na mellora do sistema de recolla e os seus traballos foron recollidos nun plan nacional integral de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano, e aprobados na xuntanza da Comisión do día 26 de abril de 2007.

Entre as medidas previstas polo dito plan integral estaba a de alcanzar unha mellora na capacidade estrutural, así como a sustentabilidade económica da xestión dos Sandach.

O Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos, para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano establece o marco normativo das actuacións subvencionables no citado campo.

Estas axudas axústanse no caso das explotacións gandeiras ao Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001. Por outra banda, as axudas a industrias agroalimentarias e plantas de transformación de subprodutos acolleranse ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Estas axudas financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, así como con outras achegas que para estes mesmos fins puider facer a Consellería do Medio Rural e do Mar.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

DISPOÑO:

Capítulo I
Bases reguladoras das axudas destinadas ás explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano

Sección 1ª Disposicións xerais

Artigo 1. Disposición xerais e obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2012, en concorrencia competitiva, das axudas establecidas polo Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos, para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde son de aplicación as definicións establecidas no artigo 2 do Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo.

Artigo 3. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das axudas a pequenas e medianas empresas agrarias, industrias agroalimentarias e establecementos Sandach, para a mellora da xestión técnica dos Sandach segundo as condicións, finalidades e obxectos establecidos nos capítulos II, III, IV e V do Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo e nas seccións 2ª, 3ª, 4ª e 5ª desta orde, que se corresponden con catro liñas de axuda:

a) Axudas ás pequenas e medianas empresas agrarias.

b) Axudas a industrias agroalimentarias.

c) Axudas ao almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos.

d) Axudas a plantas de transformación, destrución e valorización de subprodutos.

2. Estarán excluídas da concesión do presente réxime de axudas as empresas que operen no sector da pesca e acuicultura, así como os subprodutos da pesca e da acuicultura.

Sección 2ª Axudas a pequenas e medianas empresas agrarias

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Construción, adquisición ou arrendamento con opción de compra de dispositivos de almacenamento e categorización de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na explotación, distintos dos animais mortos na explotación gandeira, e que se atopen no ámbito de aplicación do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro.

2. Construción, adquisición e mellora de equipamentos para a mellora das condicións ambientais ou de bioseguranza en relación co almacenamento e categorización de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, así como os custos indirectos relacionados con estes investimentos, incluíndo a modificación das estruturas xa existentes mediante o seu cambio de localización, cerramento ou aplicación de dispositivos que permitan a súa manipulación desde o exterior da explotación.

3. Primeira adquisición de contedores ou dispositivos equivalentes para o almacenamento previo á retirada de cadáveres de animais mortos na explotación gandeira.

4. Modernización dos sistemas de almacenamento de cadáveres preexistentes, incluíndo a adquisición de novos contedores ou a súa dotación con dispositivos de refrixeración. Para os efectos deste número enténdese como modernización a substitución de contedores de material plástico por outros metálicos, a adquisición de contedores dotados de tapón de desaugamento que facilite a limpeza cando o contedor preexistente careza deste, ou a adquisición de contedores de capacidade notablemente superior á dispoñible ata ese momento, así como a adquisición de conxeladores de clase enerxética A ou superior cando os dispoñibles na explotación non sexan desa categoría. A axuda á adquisición de novos contedores para un mesmo gandeiro que xa dispón destes dispositivos admitirase cando a explotación aumentase significativamente a súa capacidade produtiva ou constituíse outra unidade produtiva separada da anterior que aínda non dispoña destes dispositivos. Non se admiten, en calquera caso, os simples investimentos substitutivos.

5. Construción de comedeiros de aves, de acordo cos requisitos de localización e autorización recollidos no Real decreto 664/2007, do 25 de maio, polo que se regula a alimentación de aves rapaces necrófagas con subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

6. Os investimentos subvencionables teñen que ser realizados con posterioridade á data de presentación da solicitude.

Artigo 5. Beneficiarios, requisitos e comprimisos

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles titulares de explotacións gandeiras que cumpran os seguintes requisitos:

a) Axustarse á definición de pequena e mediana empresa, segundo o establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas.

b) Non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de acordo co disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

c) Ter en vigor un seguro de retirada de gando morto ou un contrato cun xestor autorizado de subprodutos segundo a lexislación vixente.

d) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan, conforme a normativa vixente.

e) Estar inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras conforme ao Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, así como dispor do correspondente libro de explotación actualizado.

f) Deberá acreditar o cumprimento das normas ambientais de aplicación, en particular, as relacionadas coa xestión dos Sandach xerados na empresa. Non se concederán axudas a aqueles solicitantes que fosen sancionados por incumprimento do número 20 do artigo 84 ou ben do número 12 do artigo 85 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal nos dous anos anteriores á data de publicación da orde de axudas, contados desde que a resolución acadase firmeza en vía administrativa, e non adoptasen, como moi tarde nos dous meses posteriores á data de publicación desta orde, as medidas correctoras dos defectos que orixinaron o expediente sancionador ou as impostas como obrigas na resolución deste, o que será comprobado polos servizos de inspección competentes.

g) Deberá acreditar o cumprimento da normativa aplicable en materia de benestar animal, recollida no Real decreto 348/2000, do 10 de marzo.

h) Deberá acreditar o cumprimento da normativa sanitaria establecida no Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos nos animais vivos e os seus produtos.

2) Comprometerse a manter os investimentos novos subvencionados durante un período de 5 anos e, no caso de contedores novos, 3 anos, contados en ambos os casos a partir da data de concesión da axuda. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro Público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Aministración concedente outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5º.b) da Lei 38/2003.

Artigo 6. Contía das axudas

1. Dentro do crédito dispoñible, a contía individualizada da subvención determinarase atendendo aos criterios de valoración establecidos no artigo correspondente, sen que a devandita contía poida superar en cada caso o establecido no número 2 deste artigo.

2. A contía máxima total por beneficiario non superará os 6.000 euros, e en ningún caso superará o 75 por cento dos investimentos subvencionables nas rexións desfavorecidas ou nas zonas indicadas no artigo 36, letra a), incisos i), ii) e iii), do Regulamento (CE) nº 1698/2005, e o 60 por cento destes noutras rexións.

Sección 3ª Axudas a industrias agroalimentarias

Artigo 7. Actividades subvencionables

1. As actividades subvencionables realizadas por industrias agroalimentarias son as seguintes:

a) Construción, adquisición e mellora de equipamentos para a mellora das condicións ambientais e/ou de bioseguranza en relación coa separación, o almacenamento e a categorización de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, así como os custos indirectos relacionados con estes investimentos.

b) Realización de proxectos innovadores para a implantación de sistemas de xestión de subprodutos de orixe animal que:

1º. Cumpran os requisitos establecidos polo artigo 3 do Regulamento 1774/2002, do 3 de outubro.

2º. Estean destinados especificamente á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión como subprodutos, con alto contido en humidade, plumas, cascas de ovo, la ou outros subprodutos de orixe animal segundo a definición dada polo Real decreto 1178/2008, no artigo 2.2º.

c) Adopción de sistemas de aproveitamento enerxético baseados na utilización de subprodutos de orixe animal, mediante o aproveitamento directo na propia industria agroalimentaria.

2. A axuda non poderá repercutirse total ou parcialmente sobre os produtores primarios. Os investimentos subvencionables teñen que ser realizados con posterioridade á data de presentación da solicitude.

Artigo 8. Beneficiarios, requisitos e compromisos

1. Poderán ser beneficiarias desta liña de axudas as industrias agroalimentarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar autorizadas pola autoridade competente e rexistrados, segundo proceda, de acordo coa seguinte clasificación:

1º. No caso de empresas agroalimentarias dedicadas á fabricación, elaboración, transformación, envase, distribución e almacenamento de produtos alimenticios, estaren inscritas no Rexistro de Empresas Alimentarias (RXSA) de acordo co establecido no Real decreto 191/2011, do 18 de febreiro, sobre rexistro sanitario de alimentos.

2º. No caso de matadoiros, ademais, deberán estaren inscritos no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) conforme o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

3º. En todos os casos as industrias deberán estar inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables cando sexa preceptivo.

b) Estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan, conforme a normativa vixente.

c) Cumprir as normas en materia de ambiente, en particular, as relacionadas coa xestión dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na súa empresa. Non se concederán axudas a aqueles solicitantes que fosen sancionados por incumprimento do número 20 do artigo 84 ou ben do número 12 do artigo 85 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, nos dous anos anteriores á data de publicación da orde de axudas, contados desde que a resolución acadase firmeza en vía administrativa, e non adoptasen, como moi tarde nos dous meses posteriores á data de publicación desta orde, as medidas correctoras dos defectos que orixinaron o expediente sancionador ou as impostas como obrigas na resolución deste, o que será comprobado polos servizos de inspección competentes.

d) Non estar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o disposto nas Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

e) No caso das axudas recollidas na letra b) do artigo 7 desta orde, deberá presentar unha memoria técnica, elaborada por un titulado universitario nunha disciplina de contido agrario ou industrial onde se expoña claramente o conxunto do proxecto, a súa viabilidade e a súa repercusión no medio onde se desenvolva. En particular, deberá xustificar:

1º. O carácter innovador do proxecto e as posibilidades de xestión e valorización dos subprodutos procesados.

2º. Natureza dos subprodutos que se van xestionar e exposición razoada das dificultades específicas de xestión que presenten.

f) Presentar unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o modelo que se sinala no anexo VI desta orde.

2) Comprometerse a manter os investimentos novos subvencionados durante un período de 5 anos, contados a partir da data de concesión da axuda. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Aministración concedente outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5º.b) da Lei 38/2003.

Artigo 9. Contía das axudas

1. Nas axudas previstas na letra a) do artigo 7, a contía máxima anual total por beneficiario non superará os 6.000 euros, e en ningún caso o 75 por cento dos investimentos subvencionables nas rexións desfavorecidas ou nas zonas indicadas no artigo 36, letra a), incisos i), ii) e iii), do Regulamento (CE) nº 1698/2005, e o 60 por cento destas noutras rexións.

2. Nas axudas recollidas nas letras b) e c) do artigo 7, a contía máxima por beneficiario nun período de tres anos non superará os 200.000 euros.

Sección 4ª Axudas a establecementos Sandach de almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos

Artigo 10. Actividades subvencionables

1. As actividades realizadas por establecementos Sandach de almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos subvencionables son as seguintes:

a) Construción de plantas intermedias que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, especificamente destinados ao almacenamento de gando morto, ou ampliación de estruturas xa existentes de forma que se mellore significativamente a súa capacidade de xestión.

b) Construción de plantas intermedias, de acordo cos requisitos establecidos no artigo 10 do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, que presten servizos en común ou racionalicen a xestión de certo tipo de subprodutos diferentes dos animais mortos nas explotacións gandeiras nunha zona determinada, ou ampliación de estruturas xa existentes de forma que se mellore significativamente a súa capacidade de xestión.

2. A axuda non poderá repercutirse total ou parcialmente sobre os produtores primarios. Os investimentos subvencionables teñen que ser realizados con posterioridade á data de presentación da solicitude.

Artigo 11. Beneficiarios, requisitos e compromisos

1. Poderán ser beneficiarios os titulares de establecementos Sandach, de almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar autorizados de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados de conformidade co artigo 7 do Real decreto1429/2003, do 21 de novembro.

b) Estar inscritos no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables cando sexa preceptivo.

c) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan conforme a normativa vixente.

d) Acreditar o cumprimento das normas en materia de ambiente, en particular, as relacionadas coa xestión dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na súa empresa. Non se concederán axudas a aqueles solicitantes que fosen sancionados por incumprimento do número 20 do artigo 84 ou ben do número 12 do artigo 85 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, nos dous anos anteriores á data de publicación da orde de axudas, contados desde que a resolución acadase firmeza en vía administrativa, e non adoptasen, como moi tarde nos dous meses posteriores á data de publicación desta orde, as medidas correctoras dos defectos que orixinaron o expediente sancionador ou as impostas como obrigas na resolución deste, o que será comprobado polos servizos de inspección competentes.

e) Non estar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

f) Presentar unha memoria técnica valorada, elaborada por un titulado universitario en disciplina de contido agrario ou industrial, onde se expoña claramente o conxunto do proxecto, a súa viabilidade e a repercusión no medio onde se desenvolva. En particular, deberá xustificar:

1º. Nas axudas recollidas na presente orde na letra a) do artigo 10, o impacto económico e estrutural sobre a zona, en relación co sistema habitual de recolla de cadáveres que opere nela.

2º. Nas axudas mencionadas na presente orde na letra b) do artigo 10 a natureza dos subprodutos que recibirá, impacto estrutural e beneficio esperable da construción do establecemento.

3º. As condicións que aseguren a bioseguranza das instalacións.

2. No caso de establecementos Sandach de nova creación, os proxectos, deberán:

a) Contar cos permisos e licenzas necesarias para o inicio dos labores de construción, en particular no ámbito ambiental.

b) Ademais, deberá presentar unha memoria técnica valorada tal e como se describe nos puntos 1º e 2º da letra f) anterior.

3. O beneficiario presentará unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o modelo que se sinala no anexo VI desta orde.

4. Comprometerse a manter os investimentos novos subvencionados durante un período de 5 anos, contados en ambos os casos a partir da data de concesión da axuda. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Aministración concedente outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5º.b) da Lei 38/2003.

Artigo 12. Contía das axudas

Nos establecementos Sandach de almacenamento e procesamento intermedios, a contía máxima por beneficiario nun período de tres anos non superará os 200.000 euros.

Sección 5ª Axudas a plantas de transformación, destrución ou valorización
de subprodutos

Artigo 13. Actividades subvencionables

1. As actividades subvencionables realizadas polos titulares de establecementos Sandach de transformación, destrución ou valorización de subprodutos son:

a) Realización de proxectos innovadores para a implantación de sistemas de xestión de subprodutos de orixe animal, agás os procedentes da pesca e a acuicultura:

1º. Que cumpran os requisitos establecidos polo artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro.

2º. Que estean destinados especificamente á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión segundo os define o artigo 2.2 do Real decreto 1178/2008.

b) Adopción de sistemas de aproveitamento enerxético baseado na utilización de Sandach ou ampliación de estruturas xa existentes, conforme os requisitos establecidos no Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e as disposicións ambientais aplicables, en particular o Real decreto 653/2003, do 30 de maio, sobre incineración de residuos, cando este sexa de aplicación.

c) Implantación de instalacións para compostaxe de Sandach, conforme os requisitos establecidos no anexo VI do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, ou ampliación de estruturas xa existentes.

d) Diversificación da actividade cara ao procesamento de subprodutos de categoría 2, cumprindo os requirimentos previstos pola lexislación vixente.

2. A axuda non poderá repercutirse total ou parcialmente sobre os produtores primarios. Os investimentos subvencionables teñen que ser realizados con posterioridade á data de presentación da solicitude.

Artigo14. Beneficiarios, requisitos e compromisos

1. Poderán ser beneficiarios os titulares de establecementos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar autorizados de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados segundo o previsto no artigo 7 do Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro.

b) Estar inscritos no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables cando sexa preceptivo.

c) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan conforme a normativa vixente.

d) Cumprir coas normas en materia de ambiente, en particular, as relacionadas coa xestión dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na súa empresa. Non se concederán axudas a aqueles solicitantes que fosen sancionados por incumprimento do número 20 do artigo 84 ou ben do número 12 do artigo 85 da Lei  8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, nos dous anos anteriores á data de publicación da orde de axudas, contados desde que a resolución acadase firmeza en vía administrativa, e non adoptasen, como moi tarde nos dous meses posteriores á data de publicación desta orde, as medidas correctoras dos defectos que orixinaron o expediente sancionador ou as impostas como obrigas na resolución deste, o que será comprobado polos servizos de inspección competentes.

e) Non estar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o disposto nas Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

f) Presentar unha memoria técnica valorada, elaborada por un titulado universitario en disciplina de contido agrario ou industrial onde se expoña claramente o conxunto do proxecto, a súa viabilidade e a repercusión no medio onde se desenvolva. En particular, deberá xustificar:

1º. Nas axudas mencionadas na letra a) do artigo 13, o innovador do proxecto e as posibilidades de xestión e valorización dos subprodutos procesados, así como a natureza dos subprodutos que se van xestionar, e unha exposición razoada das dificultades específicas de xestión que presenten.

2º. Nas axudas mencionadas nas letras b) e c) do artigo 13, a capacidade de xestión e a súa incidencia ambiental.

3º. Nas axudas mencionadas na letra d) do artigo 13, impacto económico da medida en relación cos sistemas de recolla de cadáveres que operen na zona e xestión ou destino final dos subprodutos xerados.

2. No caso de establecementos Sandach de nova creación, os proxectos, deberán:

a) Contar cos permisos e licenzas necesarias para o inicio dos labores de construción dos establecementos, en particular no ámbito ambiental.

b) Ademais, deberá presentar unha memoria técnica valorada tal e como se describe na letra f) anterior.

3. O beneficiario presentará unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o modelo que se sinala no anexo VI desta orde.

4. Comprometerse a manter os investimentos novos subvencionados durante un período de 5 anos contados a partir da data de concesión da axuda. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Aministración concedente outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5º.b) da Lei 38/2003.

Artigo 15. Contía das axudas

Nos establecementos Sandach deste punto da orde a contía máxima por beneficiario nun período de tres anos non superará os 200.000 euros.

Sección 6ª Xestión das axudas

Artigo 16. Réxime de concesión

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta convocatoria tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

Artigo 17. Criterios obxectivos de outorgamento das subvencións e prelación das solicitudes

1. A concesión das subvencións estará supeditada ás dispoñibilidades orzamentarias existentes para cada exercicio.

2. Conforme o artigo 19.1º do Real decreto 1178/2008, na concesión de subvencións terán prioridade as axudas determinadas nas seccións 2ª e 4ª desta orde.

3. De acordo co anterior, as solicitudes de axuda avaliaranse e seleccionaranse atendendo aos criterios de valoración reflectidos no artigo 19 do real decreto que as regula, que son:

a) Axudas a pequenas e medianas empresas agrarias:

1º. Proxectos cuxa finalidade última sexa a valorización dos subprodutos fronte á destrución: dous puntos.

2º. Proxectos cuxa execución permita unha menor frecuencia de recolla dos Sandach xerados na explotación: dous puntos.

3º. Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º. Proxectos que redunden na mellora da bioseguranza das explotacións: un punto.

5º. Explotacións con gandaría extensiva: un punto.

b) Axudas a industrias agroalimentarias:

1º. Adopción dun sistema de aproveitamento enerxético baseado na utilización de subprodutos: dous puntos.

2º. Proxectos destinados á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión: dous puntos.

3º. Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º. Proxectos que redunden no aproveitamento de materiais de categorías 1 e 2: dous puntos.

c) Axudas ao almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos:

1º. Proxectos realizados por agrupacións de produtores legalmente recoñecidas: dous puntos.

2º. Proxectos cuxa finalidade última sexa a valorización dos subprodutos fronte á súa destrución: dous puntos.

3º. Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º. Proxectos emprendidos en zonas en que a distancia á planta de transformación máis próxima sexa o dobre da media da comunidade autónoma: dous puntos.

d) Axudas a plantas de transformación, destrución ou valorización de subprodutos:

1º. Proxectos realizados por agrupacións de produtores legalmente recoñecidas: dous puntos.

2º. Proxectos destinados á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión: dous puntos.

3º. Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º. Proxectos destinados á valorización específica de subprodutos de categoría 2, en rexións onde non existan establecementos para a xestión de Sandach desa categoría: dous puntos.

4. Os cinco puntos que o artigo 19 do real decreto reserva para a súa adxudicación polas respectivas comunidades autónomas outorgaranse na Comunidade Autónoma de Galicia segundo se indica:

a) Liña de axuda a pequenas ou medianas empresas agrarias:

1º. Explotacións das especies ovina ou cabrúa con máis de cincuenta animais ou ben as de aves, coellos ou gando porcino: un punto.

2º. Por tratarse de explotacións prioritarias ou profesionais (terá que acreditarse documentalmente) ou que teñan subscrito un contrato de explotación sustentable (CES) ou por ter solicitado axuda polos números 2, 3 ou 4 do artigo 4: catro puntos.

b) Axudas a industrias agroalimentarias:

– Proxectos que favorezan a separación ou rastrexabilidade dos subprodutos: cinco puntos.

c) Axudas ao almacenamento e procesamento intermedio de Sandach:

– Proxectos que redunden en melloras na eficiencia económica da xestión dos Sandach: cinco puntos.

d) Axudas a plantas de transformación, destrución e valorización de subprodutos:

– Proxectos que redunden en melloras na eficiencia económica da xestión dos Sandach: cinco puntos.

5. Aqueles solicitantes que non obteñan unha puntuación mínima de oito puntos non poderán beneficiarse destas subvencións.

6. No caso de que máis dun solicitante obtivese a mesma puntuación, aplicaranse para establecer a prioridade das solicitudes os criterios do número 2 deste artigo, na orde alí establecida.

No caso de que algún dos beneficiarios renunciase á subvención, o órgano concedente acordará sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel na orde da súa puntuación, sempre e cando coa renuncia por parte dalgún dos beneficiarios se liberase crédito abondo para atender polo menos unha das solicitudes denegadas.

7. No caso das axudas recollidas nas seccións 2ª e 4ª atenderase ao establecido na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do mundo rural, de maneira que se prestará unha atención preferente aos profesionais da agricultura, e deles prioritariamente aos que sexan titulares dunha explotación territorial, segundo o establecido na citada lei.

Artigo 18. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención formularanse conforme os modelos que se achegan como anexos I, II, III, IV,V e VI desta orde segundo correspondan ao tipo de beneficiario e irán acompañadas da documentación que se establece no seguinte artigo. Dirixiranse a Consellería do Medio Rural e do Mar deberán presentarse por calquera dos seguintes medios.

a) En soporte papel, que poderán presentarse nos rexistros das oficinas agrarias comarcais ou nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Telematicamente, poderá efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición dos propios orixinais en calquera momento da tramitación do procedemento.

2. O prazo de presentación das solicitudes establecerase na convocatoria respectiva.

Artigo 19. Documentación

Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e información que o interesado puider presentar para resolver sobre o outorgamento da subvención ou as que puider solicitar a Administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención, en cada caso, a seguinte documentación:

1. Titulares de pequenas e medianas empresas agrarias.

a) Anexo I.

b) Fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física. Neste caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

c) Memoria descritiva e orzamento da actividade que se vai realizar e/ou facturas proforma dos equipamentos que se van adquirir no caso dunha simple adquisición de bens, indicando a que unidade produtiva (Rega) vai destinado cada un dos investimentos.

d) Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola cal se solicite a subvención.

e) Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

f) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos fins.

g) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados na solicitude.

h) Copia do seguro en vigor ou contrato con empresa xestora de subprodutos.

i) Con relación ao punto 1.e) do artigo 5, o órgano instrutor actuará de oficio para comprobar a súa inscrición no Rexistro de Explotación Gandeiras, así como o censo gandeiro.

2. Industrias agroalimentarias.

a) Anexo II.

b) Memoria que inclúa a seguinte información:

1º. Descrición resumida das actividades da empresa.

2º. Relación e contía das materias primas utilizadas pola empresa, indicando a súa procedencia, e dos produtos elaborados.

3º. Descrición do proxecto que se vai desenvolver: obxectivos, relación pormenorizada dos investimentos necesarios e planos relativos á súa execución.

4º. Xustificación razoada do axuste do proxecto aos criterios de outorgamento das subvencións establecidos nos puntos 3.b) e 4.b) do artigo 17.

c) No caso de proxectos innovadores do sistema de xestión de subprodutos débese presentar adicionalmente unha memoria técnica específica cos requisitos indicados na alínea e) do artigo 8.

d) Facturas proforma dos gastos previstos.

e) Fotocopia da licenza de actividade da industria.

f) Fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física. Neste caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

g) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios.

h) Con relación ao número 1.a) 1º, 2º e 3º, do artigo 8, o órgano instrutor actuará de oficio para comprobar a súa inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos (RXSA), ou de Explotacións Gandeiras no caso de matadoiros (Rega), e tamén a inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables.

i) Declaración escrita sobre outras axudas que inclúa a relación doutras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos gastos, así como o importe de todas as axudas concedidas ou pagadas nos últimos tres anos fiscais ao abeiro da normativa de minimis (Regulamento (CE) nº 1998/2006).

3. Establecementos Sandach de almacenamento e procesamento intermedio de subprodutos.

a) Anexo III.

b) Memoria xeral que inclúa a seguinte información:

1º. Descrición resumida das actividades da empresa.

2º. Relación e contía das materias primas utilizadas pola empresa, indicando a súa procedencia, e dos produtos elaborados.

3º. Descrición do proxecto que se vai desenvolver: obxectivos, relación pormenorizada dos investimentos necesarios e planos relativos á súa execución.

4º. Xustificación razoada do axuste do proxecto aos criterios de outorgamento das subvencións establecidos nos puntos 3.c) e 4.c) do artigo 17.

c) Memoria técnica específica cos requisitos indicados no punto 1.f) e 2.b) do artigo 11.

d) Facturas proforma dos gastos previstos.

e) Con relación ao número 1.a) e b) do artigo 11, o órgano instrutor actuará de oficio para comprobar a súa autorización de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados de conformidade co artigo 7 do Real decreto1429/2003, do 21 de novembro, e a inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables.

f) Fotocopia da licenza de actividade da industria, ou, no caso dunha nova instalación, fotocopia de permisos e licenzas para o inicio de labores de construción, en particular no ámbito ambiental.

g) Fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física. Neste caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

h) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios.

i) Declaración escrita sobre outras axudas que inclúa a relación doutras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos gastos, así como o importe de todas as axudas concedidas ou pagadas nos últimos tres anos fiscais ao abeiro da normativa de minimis (Regulamento (CE) nº 1998/2006).

4. Establecementos Sandach dedicados á transformación, destrución ou valorización de subprodutos.

a) Anexo IV.

b) Memoria xeral que inclúa a seguinte información:

1º. Descrición resumida das actividades da empresa.

2º. Relación e contía das materias primas utilizadas pola empresa, indicando a súa procedencia, e dos produtos elaborados.

3º. Descrición do proxecto que se vai desenvolver: obxectivos, relación pormenorizada dos investimentos necesarios e planos relativos á súa execución.

4º. Xustificación razoada do axuste do proxecto aos criterios de outorgamento das subvencións establecidos nos apartados 3.d) e 4.d) do artigo 17.

c) Memoria técnica específica cos requisitos indicados nos puntos 1.f) e 2.b) do artigo 14.

d) Facturas proforma dos gastos previstos.

e) Con relación ao punto 1.a) e b) do artigo 14, o órgano instrutor actuará de oficio para comprobar a súa autorización, de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados de conformidade co artigo 7 do Real decreto1429/2003, do 21 de novembro e a inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias ou de Actividades Catalogables.

f) Fotocopia da licenza de actividade da industria, ou, no caso dunha nova instalación, fotocopia de permisos e licenzas para o inicio de labores de construción, en particular no ámbito ambiental.

g) Fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física. Neste caso do DNI, só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

h) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios.

i) Declaración escrita sobre outras axudas que inclúa a relación doutras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos gastos, así como o importe de todas as axudas concedidas ou pagadas nos últimos tres anos fiscais ao abeiro da normativa de minimis (Regulamento (CE) nº 1998/2006).

Artigo 20. Instrución

1. O órgano competente para a instrución do procedemento será a Dirección xeral de Produción Agropecuaria para as solicitudes de axudas correspondentes á sección 2ª e a Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria para as solicitudes de axudas correspondentes ás seccións 3ª, 4ª, 5ª.

2. O órgano instrutor poderá solicitar aos beneficiarios da subvención cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada tramitación do procedemento e, en xeral, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse a resolución.

3. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

Artigo 21. Avaliación e resolución de solicitudes

1. A avaliación das solicitudes efectuarase conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 19 do Real decreto 1178/2008 e no artigo 17 desta orde.

2. A resolución dos expedientes corresponde ao Secretario Xeral do Medio Rural e de Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar por proposta dos órganos de instrución das axudas, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado que estará presidido polo/a subdirector/a xeral de Apoio ás Explotación Agrarias e o subdirector/a xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria e por un funcionario de cada unha desas subdireccións xerais, con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario con voz e voto. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puideren asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe o/a subdirector/a xeral de Apoio ás Explotación Agrarias e o/a subdirector/a xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación no diario oficial da convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen se ditar e notificar a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 22. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, despois do oportuno procedemento de audiencia do interesado.

2. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os máximos previstos na normativa nacional ou comunitaria aplicable, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde ata respectar o dito límite.

Artigo 24. Xustificación do cumprimento

1. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán xustificalos como máximo ata o 30 de decembro do ano da convocatoria da axuda, por escrito, preferentemente nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou das oficinas agrarias comarcais ou por calquera do medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A xustificación da realización da actividade subvencionada, do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención, documentarase mediante conta xustificativa do gasto realizado, consistente nunha relación documentada que acredite os gastos realizados e os seus correspondentes pagamentos.

Na rendición da conta xustificativa deben incluírse:

a) A declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo.

b) O desagregamento de cada un dos gastos realizados, que se acreditarán documentalmente.

c) Xustificantes do gasto acompañados dos do pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, que deberán terse realizado antes de que expire o prazo de xustificación. Cando os gastos sexan inferiores a 1.000 euros, bastará con achegar a factura co recibo por parte do provedor co selo e/ou sinatura e DNI de quen asina o recibo.

d) Declaración escrita sobre outras axudas, que inclúa a relación doutras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

e) Declaración escrita sobre as axudas concedidas ou pagadas nos últimos tres anos fiscais ao abeiro da normativa de minimis (Regulamento (CE) nº 1998/2006), que inclúa o importe das axudas, no caso das liñas de axuda correspondentes á sección 3ª, 4ª e 5ª.

2. O prazo previsto na resolución da concesión da subvención poderá ser obxecto de prórroga logo de solicitude motivada presentada polo beneficiario ante o órgano concedente, debendo ser solicitada a prórroga antes da finalización do prazo de xustificación.

3. No caso de non se xustificar a subvención ante o órgano instrutor do procedemento na data prevista no artigo anterior será de aplicación o disposto no artigo 45 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 8 de xaneiro de 2009, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Pagamento das subvencións

1. O pagamento da subvención efectuarase logo de xustificación polo beneficiario, e na parte proporcional á contía xustificada, da realización da actuación obxecto de subvención.

2. Previo o pagamento, se comprobará in situ a execución dos investimentos incluíndose no expediente o certificado acreditativo da verificación realizada.

3. Non poderá realizarse o pagamento mentres o beneficiario non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou sexa debedor por resolución que declare a procedencia do reintegro. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións. Non obstante, en cumprimento do número 2 do artigo 10 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá denegar a dita autorización mediante un escrito dirixido ao órgano instrutor do procedemento que xuntará á solicitude de axuda, e debe, nese caso, achegar os certificados de non ter débedas no momento da presentación da solicitude e tamén no momento da comunicación da realización das actuacións obxecto da axuda xunto ao resto da documentación xustificativa da execución dos investimentos.

4. Poderán efectuarse pagamentos anticipados, conforme o artigo 21.4 do Real decreto 1178/2008, sempre suxeitos aos correspondentes réximes de garantías. Nestes casos exixirase ao beneficiario a presentación dun aval polo valor do 100 % da cantidade anticipada.

Artigo 26. Incumprimento e reintegro

1. Se o beneficiario incumprir os requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puider incorrer, perderá o dereito á subvención concedida, coa obriga de rembolsar as cantidades xa percibidas, incrementado cos xuros de demora.

2. No caso de incumprimentos parciais relativos ás actividades subvencionables, procederase á redución proporcional das subvencións concedidas ou aboadas.

3. Así mesmo, procederá o reintegro das cantidades percibidas, así como a exixencia dos xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009 que desenvolve o regulamento da dita lei.

Artigo 27. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 28. Acumulación e compatibilidade de axudas

1. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puideren establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais e internacionais.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por todas as administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere o custo de toda a actividade que vaia desenvolver para o período de que se trate, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde, ata axustarse a ese límite.

Se aínda así a suma de subvencións supoñen unha intensidade da axuda superior aos máximos establecidos nesta orde ou na normativa estatal ou comunitaria aplicable, reducirase ata o devandito límite. Especificamente, as axudas previstas no capítulo II axustaranse ao establecido no artigo 19 do Regulamento (CE) nº 1857/2006, do 15 de decembro.

3. Ademais, no caso das axudas establecidas nas seccións 3ª, 4ª e 5ª, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de mínimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 euros nun período de tres anos fiscais.

Artigo 29. Normativa que se aplica

1. O Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado as axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 é de aplicación para as axudas da sección 2ª.

2. O Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis é de aplicación nas liñas de axudas para as industrias agroalimentarias e plantas intermedias ou de transformación de subprodutos. Segundo este regulamento o conxunto de axudas recibidas polo dito réxime de minimis non poden superar os 200.000 euros en tres exercicios fiscais. Ademais cando un importe global de axuda concedido con consonte a unha medida supere este límite máximo, o dito importe de axuda non poderá acollerse ao presente regulamento nin sequera para unha fracción que non supere o citado límite máximo.

Capítulo II
Convocatoria para o ano 2012

Artigo 30. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2012 formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde, anexos I, II, III, IV, V e VI.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 31. Financiamento para o ano 2012

As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2012 con cargo a aplicación orzamentaria 2012 16 22 713E 770.4 (código proxecto 2008 00846) da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe de 1.240.303,35 euros, que poderá incrementarse con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios.

Disposición adicional primeira

Os beneficiarios destas axudas que non superen os 1.500 euros están exentos de acreditar que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por calquera concepto coa Administración da comunidade autónoma, así como de que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social segundo a Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Disposición adicional segunda

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, así como na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como con carácter supletorio a estas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2011 (DOG nº 123, do 28 de xuño), pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ás explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.

Disposición derradeira primeira

Facultase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file