Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 19 de xullo de 2012 Páx. 28766

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de xullo de 2012 pola que se acorda a cesión en propiedade dun camión todo terreo, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, ao Concello de Valga.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens mobles da Comunidade Autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, o cesionario queda obrigado a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Os municipios deberán prestar á súa cidadanía os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade de veciños, entre os que se atopa a protección do ambiente, segundo o establecido no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O 3 de maio de 2012, o Concello de Valga solicitou a cesión en propiedade dun camión todoterreo para destinalo a funcións de protección do ambiente.

No marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición do Concello de Valga, considérase que se cumpren os requisitos legais para cederlle a propiedade dun vehículo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co obxecto de ser destinado a fins de utilidade pública e de interese social, en concreto, a protección do ambiente.

Para tal fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tramitou o procedemento de cesión, de conformidade co disposto no artigo 84 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade ao Concello de Valga do seguinte vehículo:

– Tipo: camión T.T. URO.

– Matrícula: C-0612-BRZ.

– Número de bastidor: VS9M43AEAY1009127.

Artigo 2

A cesión do vehículo queda suxeita ás seguintes cláusulas:

a) O vehículo cedido destinarase a funcións de protección do ambiente.

b) Coa cesión outórgaselle ao Concello de Valga a propiedade do vehículo con carácter definitivo, sen prexuízo de previsto nos puntos seguintes.

c) O concello cesionario deberá realizar, ante a Xefatura Provincial de Tráfico, os trámites precisos para o cambio de titularidade do vehículo.

d) Se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimente.

Artigo 3

A cesión deberá ser formalizada mediante unha acta subscrita polo secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas e o órgano competente do Concello de Valga, en que deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario segundo o disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas