Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2012 Páx. 28729

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2012 pola que se somete ao trámite de información pública o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión Porto Seco Monforte coa LU-546 (clave LU/09/256.00).

Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 24 de abril de 2012 aprobouse provisionalmente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión Porto Seco Monforte coa LU-546. Clave LU/09/256.00.

Con esta nova vía preténdese establecer unha conexión directa entre a vía de alta capacidade CG-2.1 e o parque empresarial do Porto Seco. Así mesmo, esta vía servirá para dar continuidade á conexión do Porto Seco coa N-120, creando deste xeito un enlace directo entre esta vía e a CG-2.1 que evite a necesidade de acceder ao núcleo de Monforte de Lemos.

A Xunta de Galicia ten como obxectivo con este novo proxecto, contemplado dentro do Programa de Vías Estruturantes do Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (MOVE), a obtención da alternativa máis conveniente entre todas aquelas que resulten factibles para a conexión do Porto Seco de Monforte de Lemos coa estrada LU-546, tendo en conta para isto os condicionantes de carácter técnico, urbanístico, impacto ambiental, social e características xeolóxicas, xeotécnicas e topográficas dos terreos, seleccionando e propoñendo a opción máis recomendable dende os distintos puntos de vista.

De acordo co establecido no artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o mencionado estudo informativo sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular, por escrito diante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas ás circunstancias que xustifiquen a declaración de interese xeral da estrada e sobre a concepción global do seu trazado.

Así mesmo, durante este período sométese ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental contido no estudo informativo, segundo o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia e o Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas de Lugo e no concello de Monforte de Lemos. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/cache/offonce/lang/gl/pid/2915), atópase a disposición dos interesados un documento resumo do estudo.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2012

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas