Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 17 de xullo de 2012 Páx. 28432

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 4 de xullo de 2012 pola que se regula o documento de acreditación do persoal inspector de industria.

A Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, na sección primeira do capítulo II, do título I, que fala do sistema de control da seguridade industrial, indicase que o persoal ao servizo da consellería competente en materia de seguridade industrial que desempeñe actuacións de inspección na citada materia terá a consideración de axente da autoridade no exercicio das súas funcións. O alcance da inspección estenderase a todas as determinacións fixadas nas regulamentacións técnicas e nas súas instrucións complementarias correspondentes, así como nas prescricións da normativa comunitaria que resulten de aplicación directa e mais no resto das disposicións que resulten aplicables en materia de seguridade industrial. Así mesmo, no citado título indícase que o desenvolvemento das funcións de inspección realizarano sen prexuízo do previsto na disposición transitoria segunda da dita lei.

O Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia, indica no seu artigo 8 que o persoal inspector deberá estar debidamente acreditado e deberá ter os coñecementos e titulación axeitados que o habiliten para a realización eficaz dos labores que teña asignados. Non obstante, as actuacións meramente preparatorias, de comprobación, de proba de feitos ou similares poderán encomendarse a persoal funcionario ou laboral das xefaturas territoriais da Consellería competente en materia de industria, aínda que non teñan a condición de inspector/a.

Na letra f) do artigo 11, de obrigas e incompatibilidades do citado decreto, establécese que o persoal inspector deberá portar un documento persoal acreditativo da súa condición, expedido pola secretaría xeral do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, que indique o tipo de técnico e persoal de que se trata. Sen prexuízo do disposto na letra a), este documento poderá ser requirido cando exercite as súas funcións, tendo obriga, no devandito caso, de exhibilo.

Segundo o anterior, procede regular nesta orde o documento de acreditación do persoal inspector de industria.

Na súa virtude, e en exercicio das funcións atribuídas no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é a regulación do documento de acreditación do persoal inspector de industria como medio de identificación no desenvolvemento das actuacións de inspección.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación ao persoal inspector de industria consonte o que establece a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, na letra a do seu artigo 15 e na disposición transitoria segunda.

Artigo 3. Acreditación do persoal inspector

1. A acreditación do persoal inspector de industria para realizar funcións de inspección farase mediante carné expedido polo/a secretario/a xeral técnico/a da consellería competente en materia de industria por proposta da persoa titular da dirección xeral competente nesta materia.

2. O formato e contido do carné do persoal de inspección de industria serán os recollidos no anexo desta orde.

3. O carné de identificación é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e o seu uso por unha persoa non autorizada dará ás consecuencias previstas na lexislación vixente.

4. No caso de subtracción, perda, destrución ou deterioración do carné, a persoa titular deberá comunicalo por escrito á dirección xeral competente en materia de industria para tramitar a expedición dun novo carné.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da dirección xeral competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO
Modelo de carné do persoal inspector de industria

1. Textos e imaxes.

a) Anverso.

Logotipo da Xunta de Galicia

INSPECCIÓN DE INDUSTRIA

Fotografía do/a inspector/a

Nome, apelidos e DNI do/a inspector/a

Data e sinatura dixitalizada do/a secretario/a xeral técnico/a de ...

b) Reverso.

Texto: «No exercicio das súas funcións o persoal da Administración pública que realiza as actividades de inspección de industria está facultado para acceder aos establecementos e instalacións suxeitas á regulamentación de seguridade industrial, despois de identificarse, e co obxecto de realizar as comprobacións e actuacións que considere pertinentes (artigo 16.1 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia)».