Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28229

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 152/2012, do 5 de xullo, polo que se dispón o nomeamento dun vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Consello de Administración é o órgano superior colexiado do ente público Portos de Galicia, tal e como se dispón no artigo 10 do regulamento do ente aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo; no citado artigo sinálase a composición do Consello de Administración, así como a forma de nomeamento e cesamento dos seus vogais, sendo todos eles nomeados por proposta do presidente do ente público Portos de Galicia, agás os representantes da Administración autonómica, que serán nomeados por proposta dos respectivos conselleiros.

O Decreto 227/1995, do 20 de xullo, no artigo 10.1, determina que formarán parte do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia sete (7) vogais nomeados en representación dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias, dos cales tres (3) serán nomeados en representación das cámaras de comercio de Galicia.

Así mesmo, o artigo 10.9 do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, dispón que as vacantes que se produzan no Consello de Administración serán cubertas no mes seguinte á data en que se produciu a vacante e polo tempo que falte para completar o mandato de quen causou a vacante.

Por conseguinte, vista a proposta remitida polo Consello Galego de Cámaras, é preciso proceder á renovación do vogal representante da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da provincia de Pontevedra, vista a proposta do presidente do ente público Portos de Galicia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

O nomeamento como vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, en representación da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da provincia de Pontevedra, de:

– Antonio Gómez Rivera.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar