Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28110

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 27 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade á Resolución do 6 de xuño de 2012, do director xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Filgueira de Traba (Cesuras-A Coruña).

O 6 de xuño de 2012 o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a Resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Filgueira de Traba (Cesuras-A Coruña) que se transcribe a continuación:

O acordo da zona de concentración parcelaria de Filgueira de Traba (Cesuras-A Coruña) foi aprobado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias con data do 6 de xuño de 2007, foi publicado e notificado na forma legalmente establecida, e encóntrase na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Cesuras solicita a cesión da propiedade dos predios número 96, 328, 356-1, 400 e 349 para equipamentos e usos colectivos.

Vistos os informes técnicos elaborados polo persoal do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias da Coruña e o informe favorable da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario do 12 de xaneiro de 1973, a Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Á vista de que os destinos para que se solicita o predio son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

resolve:

1. Modificar o acordo da concentración parcelaria de Filgueira de Traba (Cesuras-A Coruña) no senso de adxudicar ao Concello de Cesuras os predios número 96, 328, 356-1, 400 e 349, que causan baixa no fondo de terras da zona, co fin de ser destinados os predios número 96 e 328 para a instalación de dous alxibes para o abastecemento dos servizos de extinción de incendios, o predio número 356-1 para a construción dunha área recreativa, o predio número 349 para a execución dunha pista e ponte para o enlace da parroquia de Filgueira de Traba coa parroquia de Probaos (Mesía) e o predio número 400 para a recuperación da fonte pública e o seu contorno.

2. En caso de incumprimento dos fins para os que é transmitida a propiedade das citados predios, a súa titularidade reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da Comunidade Autónoma ou da Sociedade Xestora do Banco de Terras, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Cesuras.

Contra a devandita resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da recepción desta notificación.

A Coruña, 27 de xuño de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña