Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28036

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 5 de xuño de 2012 pola que se estende aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) determinadas normas orientadas á mellora da comercialización do rapante procedente do Gran Sol.

O artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que no caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou varios lugares de desembarque e de que o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este poderá decidir facer obrigatorias para os non membros da devandita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) nº 696/2008 da Comisión, do 23 de xullo de 2008, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 104/2000, do 17 de decembro de 1999, do Consello, no relativo aos non membros, de determinadas normas adoptadas por organizacións de produtores do sector da pesca, afonda nos requisitos e no procedemento polo cal a extensión de normas das OPP aos non membros debe ser realizada. No devandito procedemento, destácase a obriga dos Estados membros de notificaren sen demora á Comisión as normas que decidisen facer obrigatorias.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece, no seu artigo 3, as condicións para o recoñecemento de organizacións de produtores da pesca (OPP) e no seu artigo 10 a posibilidade de extensión das súas normas conforme o artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000.

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4 en diante), recoñecida pola Orde do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7 de xullo de 1986, solicitou á Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo cos artigos anteriores, a extensión daquelas normas que adoptaron os seus socios e que estaban orientadas á mellora da comercialización do rapante procedente do Gran Sol, no seu Acordo do 19 de marzo de 2012.

A Orde ARM/1482/2010, do 24 de maio, pola que se estende aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo determinadas normas orientadas á mellora da sustentabilidade do rapante procedente do Gran Sol, así como a Orde do 5 de xullo de 2011 pola que se estende aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) determinadas normas orientadas á mellora da comercialización do rapante procedente do Gran Sol, xeraron unha serie de beneficios derivados da súa aplicación, á vista dos cales, a OPPF-4 resolveu solicitar unha nova extensión na aplicación de normas.

Na elaboración desta orde foron consultados os sectores afectados.

A materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, do 17 de decembro de 1999, e considerando que a OPPF-4 é unha organización representativa da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 696/2008 da Comisión, do 23 de xullo de 2008, recoñecida polo extinto Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que a Comunidade Autónoma de Galicia é competente para realizar a devandita extensión, tendo en conta que as normas que se van estender teñen unha incidencia na ordenación do sector pesqueiro ao melloraren a comercialización do rapante,

DISPOÑO:

Primeiro. Por medio desta orde esténdense aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), recoñecida por Orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 7 de xullo de 1986, as seguintes normas para o cumprimento das medidas orientadas á mellora da comercialización do rapante (Lepidorhombus spp.) procedente do Gran Sol, adoptadas pola citada OPP por Acordo do 19 de marzo de 2012:

a) Os desembarcos de rapante non poderán ser de tamaño inferior a 25 centímetros.

b) A referida limitación aplicarase aos desembarcos das capturas que realice o conxunto da frota de arrastre do Gran Sol nos portos de Vigo e Marín.

c) A dita limitación de desembarcos só se aplicará aos produtores a que se fai extensiva a norma desde a data en que esta orde teña efectos.

Segundo. A duración da aplicación da regra de extensión será dun ano desde a entrada en vigor da presente orde.

Terceiro. Conforme o establecido no número 3, do artigo 7, do Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, comunicarase á Comisión Europea a extensión das normas previstas na presente orde.

Cuarto. As infraccións á presente orde serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Quinto. A presente orde pon fin á vía administrativa e pódese interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, e con carácter previo e potestativo, o recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación do DOG, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar.

Sexto. A presente orde entrará en vigor, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) n.º 696/2008, no prazo de oito (8) días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar