Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27043

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI437A).

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, reforza o compromiso da Comunidade Autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, a establece como criterio xeral de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres.

De conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, na redacción dada polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Polo anteriormente exposto a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para ocal pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, e que teñen como finalidade fortalecer e consolidar, e tamén dinamizar, o movemento asociativo feminino. Así mesmo, e sendo conscientes do importante papel que o movemento asociativo das mulleres desenvolve na nosa sociedade, establécense dúas liñas dirixidas á realización de programas de actividades, por unha banda establécese unha liña de axudas para a realización de actuacións relativas á prevención, sensibilización e concienciación social que fagan fincapé en sensibilizar ao conxunto da sociedade e destaquen os valores de igualdade e respecto, como premisas básicas na prevención da violencia de xénero, e por outra banda, e en concordancia coas accións que está a promover o Goberno galego para que a poboación galega teña unha maior calidade de vida, tamén se establecen axudas destinadas á realización de accións que promovan hábitos de vida saudables e de actividade física entre as mulleres.

As subvencións concedidas a través da presente resolución estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, eixo 2-tema prioritario 69 e axustaranse ás normas sobre elixibilidade aplicables ás axudas financeiras con fondos comunitarios e, en particular, ao disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, 15.2.2007) e mais na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e a Orde TIN/788/2009 que a modifica.

Esta resolución axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, existindo crédito axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2012, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:

a) Liña 1. Consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados a esta finalidade.

c) Liña 3. Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinadas a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. Non obstante, os gastos financiados ao abeiro desta resolución non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Social Europeo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. O importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da acción que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía.

Artigo 3. Financiamento

1. As axudas obxecto da presente convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.313B.480.0 por un importe total máximo de douscentos mil euros (200.000 euros), cofinanciadas ao 80% con fondos FSE do Programa operativo de Galicia 2007-2013, eixo 2, tema prioritario 69, de acordo coa seguinte distribución:

– Liña 1. Consolidación do movemento asociativo: ata 50.000 euros

– Liña 2. Promoción de hábitos de vida saudables: ata 75.000 euros.

– Liña 3. Prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas: ata 75.000 euros.

De sobrar crédito nalgunha das tres liñas, unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar este remanente a subvencionar as outras liñas, sempre que quedasen solicitudes que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por se ter esgotado a dotación orzamentaria inicial. De atoparse as outras dúas liñas nesa situación, o crédito destinarase á liña en que quede un maior número desas solicitudes, e de seguir sobrando, á outra.

2. A asignación do gasto queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento, e, por outra banda, a cantidade citada pode ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de maneira proporcional ao número de instancias presentadas en cada provincia.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais, na área de actuación de igualdade.

2. Para os efectos desta resolución é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.

3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas.

5. Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:

a) Promover a igualdade entre homes e mulleres.

b) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral, e non serán obxecto de consideración as solicitudes de entidades que non cumpran este requisito.

As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. Liña 1: Consolidación do movemento asociativo.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos derivados do funcionamento ordinario da entidade.

2. Liña 2: Promoción de hábitos de vida saudables.

Poderá ser obxecto de subvención na liña 2 o desenvolvemento de programas dirixidos a:

a) Promoción do exercicio físico: ximnasia, ioga, tai chi, pilates, entre outros.

b) Promoción de hábitos alimenticios saudables: obradoiros, conferencias e actividades sobre cociña saudable, dietas equilibradas, consellos médicos e pautas de alimentación.

c) Prevención de enfermidades crónicas prevalentes nas mulleres e estímulo de condutas de autocoidado, tanto físico como psicolóxico: obradoiros, conferencias e outras actividades de prevención.

3. Liña 3: Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención as mulleres que a sofren.

Poderá ser obxecto de subvención na liña 3, o desenvolvemento de programas dirixidos a:

a) Formación, sensibilización e información en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero (xornadas, charlas, cursos, obradoiros, campañas e outras actividades análogas), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.

b) Formación, información, asesoramento, orientación e/ou acompañamento das vítimas de violencia de xénero.

c) Promoción de actividades culturais e/ou artísticas que promovan a sensibilización social contra a violencia de xénero (exposicións, debates, teatro, cine, libroforun …), incluída a elaboración e difusión de materiais para a dita finalidade.

4. Os programas anteriores, deberán atender no seu deseño e/ou desenvolvemento ás necesidades específicas das persoas con discapacidade, de ser o caso.

5. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das tres liñas establecidas, e dentro das liñas 2 e 3 para un só programa.

6. As axudas previstas non poderán en ningún caso superar a contía de 3.000 euros por entidade.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Liña 1: Consolidación do movemento asociativo.

Terán a consideración de subvencionables os gastos que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e servizos:

a) Gastos correspondentes ao aluguer do local destinado a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.

g) Gastos de instalación e mantemento de liñas ADSL, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Liñas 2 e 3: gastos subvencionables para o desenvolvemento de programas de hábitos de vida saudables (liña 2) e de prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas (liña 3):

a) Gastos de persoal necesario para a execución dos programas: serán subvencionables as retribucións totais do persoal contratado especificamente para a execución dos programas incluídos das liñas 2 e 3, tendo en conta a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos respectivos convenios colectivos.

b) Gastos de relatoras/es: honorarios, aloxamento, transporte.

c) Gastos derivados da realización do programa subvencionado:

– Elaboración de materiais.

– Gastos de publicidade e propaganda específicos do programa.

– Material de oficina: papel, impresos e outro material de oficina.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización do programa subvencionado que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros).

3. Os gastos anteriormente mencionados deberán cumprir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de forma verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), e que se realice e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2012.

Artigo 7. Solicitudes, prazo de presentación e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, ao/á xefe/a territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

2. A solicitude e demais documentación presentarase obrigatoriamente nos modelos normalizados que se inclúen como anexos desta resolución. Os formularios da solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es.

A presentación das solicitudes farase por calquera das seguintes vías:

a) Por vía escrita/en soporte papel nos lugares que se indican:

– Nos rexistros das respectivas xefaturas territoriais.

– No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

– Nas oficinas de Correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada na cabeceira da primeira folla polo/a empregado/a de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

b) Por vía electrónica. O acceso dos/as interesados/as ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de utilizar a vía electrónica, os/as interesados/as deberán posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509.V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá presentarse a documentación a que se fai referencia no número 5 do presente artigo, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido, deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A solicitude será subscrita pola persoa representante legal da entidade.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Xunto coa solicitude, anexo I, presentarase a seguinte documentación, que será imprescindible para a súa valoración:

a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal.

b) Anexo III: memoria explicativa da entidade, non sendo admitidas aquelas memorias que non sexan realizadas segundo o dito anexo.

c) Anexo IV: memoria das actividades realizadas no ámbito das políticas de igualdade nos últimos dous anos en que deberá constar, cando menos, o nome da actividade realizada, o ano, o número de horas, o número de persoas participantes, os contidos impartidos, e os obxectivos.

d) Anexo V:

– Declaración responsable asinada pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o acordo coas actuacións de control e supervisión da Secretaría Xeral da Igualdade e, de ser o caso, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e, de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais.

– Declaración de estar de acordo coas actuacións de control e supervisión destas axudas que leven a cabo o Fondo Social Europeo, a unidade administrativa do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e do órgano concedente.

– Compromiso de utilización da lingua galega, de ser o caso.

– Certificación emitida pola secretaría da asociación co visto e prace da presidencia de que, tanto no caso das asociacións como das federacións, as mulleres socias representan, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas.

– Declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á titularidade da conta bancaria consignados na solicitude.

– Autorización expresa á Secretaría Xeral da Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados.

– Declaración sobre o número de socias menores de 40 anos incorporadas á asociación nos últimos dous anos.

– Declaración sobre o número de mulleres con discapacidade incorporadas á asociación nos últimos dous anos.

e) Anexo VI: declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

f) Anexo VII: orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención.

g) Anexo VIII: programa que se vai realizar. Só se a entidade solicita a subvención para o desenvolvemento de programas de promoción de hábitos de vida saudables (liña 2) ou de programas de promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como atención ás vítimas (liña 3).

h) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

i) Fotocopia dos estatutos da entidade.

j) Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, achegarase certificación da secretaría da federación en que conste a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das ditas asociacións.

6. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando obrigatoriamente os anexos normalizados para os documentos sinalados neste artigo. Estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin rascaduras. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe presentar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivo e dixitalización da documentación e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

7. A inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais será verificada de oficio por parte do órgano instrutor do procedemento.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente consulte os datos de identidade da/o representante legal que asina a solicitude e para que obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas. Cando da actuación de oficio resulta que a entidade solicitante ou beneficiaria non está ao día das súas obrigas tributarias e sociais, requiriráselle para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado. Para o trámite de adxudicación, estes certificados poderán ser substituídos por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade no devandito rexistro dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación dos expedientes correspondentes e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e lle sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, que poderán exercerse ben mediante escrito no que se achegue identificación suficiente, dirixido ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para estes efectos dispoñible na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde aos servizos de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente convocatoria, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 10.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivo sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. Conforme ao establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase en cada xefatura territorial unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e do Servizo de Igualdade da respectiva xefatura territorial e da cal formarán parte ademais dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretaria/o unha/un das/dos traballadoras/es anteriormente mencionados. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non pode asistir ás reunións, será substituída por quen designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 11, a comisión de valoración emitirá un informe de acordo co cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para obter a axuda e o importe para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible. O resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de quedar crédito libre por producirse algunha renuncia ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 11. Criterios de avaliación

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias, que en todo caso deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 4, teranse en conta os seguintes criterios, e de acordo coas ponderacións sinaladas de seguido:

1.1 Liña 1: Consolidación do movemento asociativo.

a) Actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos dous anos no ámbito das políticas de igualdade. Para os efectos de valoración teranse en conta só aquelas actividades relacionadas no anexo IV, que acrediten a súa inequívoca vinculación coa información, sensibilización e/ou formación en materia de igualdade e cuxa duración total sexa de 5 horas como mínimo.

– Ata 20 puntos (0,20 puntos por cada hora de duración).

b) Domicilio social en municipios pequenos (segundo o último padrón municipal publicado polo IGE no momento da solicitude):

– Poboación inferior a 5.000 habitantes: 10 puntos.

– Poboación inferior a 2.500 habitantes: 15 puntos.

c) Achega de fondos propios para o mantemento e/ou funcionamento da entidade. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata o 25% do orzamento total: 5 puntos.

– Máis do 25% e ata o 50% do orzamento total: 10 puntos.

– Máis do 50% do orzamento total: 15 puntos.

d) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

e) Incorporación de mulleres con discapacidade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

f) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

g) Emprego da lingua galega: 1 punto.

1.2. Liña 2 (Promoción de hábitos de vida saudables) e liña 3 (Promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención ás vítimas):

a) Calidade técnica do programa presentado, o cal deberá recoller de modo expreso, de ser o caso, como se atenden necesidades específicas das persoas con discapacidade no seu deseño e/ou desenvolvemento. Ata 30 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Xustificación da súa necesidade: ata 8 puntos.

– Formulación de obxectivos: ata 4 puntos.

– Metodoloxía e desenvolvemento do programa: ata 4 puntos.

– Duración: ata 10 puntos

– Indicadores de avaliación: ata 4 puntos.

b) Actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos dous anos no ámbito das políticas de igualdade. Para os efectos de valoración teranse en conta só aquelas actividades relacionadas no anexo IV, que acrediten a súa inequívoca vinculación coa información, sensibilización e/ou formación en materia de igualdade e cuxa duración total sexa de 5 horas como mínimo.

– Ata 20 puntos (0,20 puntos por cada hora de duración).

c) Domicilio social en municipios pequenos (segundo o último padrón municipal publicado polo IGE no momento da solicitude):

– Poboación inferior a 5.000 habitantes: 10 puntos.

– Poboación inferior a 2.500 habitantes: 15 puntos.

d) Achega de fondos propios para o mantemento e/ou funcionamento da entidade. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata o 25% do orzamento total: 5 puntos.

– Máis do 25% e ata o 50% do orzamento total: 10 puntos.

– Máis do 50% do orzamento total: 15 puntos.

e) Número de persoas destinatarias das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata 25 persoas: 3 puntos.

– De 26 a 50 persoas: 6 puntos.

– Máis de 50 persoas: 10 puntos.

f) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata 5 puntos.

g) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

h) Emprego da lingua galega: 1 punto.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5.6, unha axuda do 100% do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios empezando pola letra a).

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 11, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en quen se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta resolución, de acordo co establecido no Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. A/o xefa/e territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 3 desta resolución.

3. A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrido o dito prazo non se notifican as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

4. Na resolución de concesión informaráselles ás entidades beneficiarias de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007) e de que na devandita lista figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas relativas aos programas de actividades subvencionados e a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo (ano 2018). Así mesmo, quedan obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa aplicable, e especificamente ao seguinte:

a) Realizar a actividade ou conduta que fundamenta a concesión da subvención sen que proceda ningún cambio no obxecto para o cal se concedeu a axuda.

b) Acreditar ante a entidade concedinte a realización da acción subvencionada, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión ou desfrute da axuda.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera variación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da unidade administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Facilitarlle ao persoal asignado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para a verificación do cumprimento do disposto nesta convocatoria, o acceso ás instalacións onde se leven a cabo as accións subvencionadas e a toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable que teña relación coa subvención concedida. No caso de subcontratación de acordo co establecido no artigo 15, as/os subcontratistas están obrigadas/os a facilitar ao persoal de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

g) Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Reintegrar total ou parcialmente o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas percibidas para a mesma finalidade de calquera administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa aplicable.

Cando o cumprimento se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade a reintegrar parcialmente responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

i) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión.

Artigo 16. Subcontratación

1. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación total ou parcial da acción subvencionada correspondentes ás liñas 2 e 3 das establecidas no artigo 1 desta resolución, entendendo por esta a concertación con terceiras persoas da execución total ou parcial da acción que constitúe o obxecto da subvención.

2. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que se vai subcontratar supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención e realizarase, de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.

3. Os/as subcontratistas quedarán obrigadas/os soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiras persoas se respecten os límites establecidos nesta resolución en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles aos/ás subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

4. Os/as subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

5. Ademais do disposto anteriormente, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas previsións e obrigas sinaladas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 18. Xustificación

1. As entidades destinatarias das axudas quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para a que foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. De acordo co artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, quedan exoneradas de constituír garantía as entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente resolución.

3. Para os efectos de xustificación, a entidade beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 7 da presente convocatoria, tendo como prazo máximo para presentala ata o 15 de novembro de 2012.

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo IX.

b) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia, segundo o modelo que se achega como anexo X.

c) As facturas orixinais ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos realizados. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e irán acompañados dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As facturas deberán traer o IVE desagregado.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. No suposto de que a subvención sexa para a realización de programas correspondentes ás liñas 2 e 3 das establecidas no artigo 1 desta resolución achegarase ademais:

a) Memoria de execución do programa, que deberá recoller como mínimo:

• Descrición das actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

• Valoración do cumprimento dos obxectivos.

• Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

• Publicidade e divulgación que se realizou.

• Número de persoas participantes desagregadas por sexo.

• Número de mulleres participantes con algún tipo de discapacidade.

• Número de mulleres participantes maiores de 65 anos.

b) No suposto de que se contraten monitoras/es para a realización dos programas, a xustificación deste gasto farase por calquera das seguintes formas: se as actividades as desenvolven empresas externas e/ou profesionais autónomos/as, presentaranse facturas ou recibos de honorarios, onde consten, de forma detallada as actividades desenvolvidas; no caso de que a entidade solicitante contrate directamente o monitor/a das actividades, será necesario presentar as nóminas da persoa ou persoas contratadas, así como acreditar o ingreso en concepto de retención á conta do IRPF e os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

c) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria.

d) Declaración de que as actividades foron desenvolvidas en lingua galega, de ser o caso.

e) Copia do material impreso usado para a difusión do programa subvencionado, que incorporará, de forma visible, o logotipo do Fondo Social Europeo (FSE), o cal levará debaixo a seguinte inscrición: «O Fondo Social Europeo inviste no teu futuro», e o logotipo da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 23.1 da presente resolución.

f) Un exemplar de todos os materiais elaborados (carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías ou outra documentación elaborada ad hoc e que complemente a xustificación do programa subvencionado).

5. Para os efectos do establecido nestas bases, a condición de elixibilidade do gasto imputable a unha actuación deriva do cumprimento dos seguintes requisitos: que sexa un gasto directo da acción, que sexa adecuado aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, que exista constancia documental sobre a súa realización de maneira verificable e que se realice dentro do período establecido, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (ex.: nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social) e que sexa efectivamente pagado pola entidade beneficiaria dentro do prazo de xustificación, agás que se trate de gastos correspondentes a impostos ou cotas por seguros sociais relativos a gastos directos da acción liquidables con posterioridade a esta data; neste caso, o período de elixibilidade excede o prazo de xustificación e abrangue ata o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

6. Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante ticket, como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

7. As facturas, documentos de valor probatorio equivalente e/ou documentos substitutivos, presentaranse en orixinal para a súa conformidade e para seren selados, pola Secretaría Xeral da Igualdade, cun selo que indicará o procedemento para o que se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

8. A xustificación do pagamento das facturas, documentos equivalentes e/ou substitutivos, farase mediante xustificantes bancarios (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, etc., no caso de pagamentos mediante cheque bancario, que será sempre nominativo, xuntarase a este a copia do extracto bancario onde figure o cargo en conta do dito cheque) en que consten o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emite a factura. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas das que é obxecto.

9. As entidades beneficiarias deberán acreditar, na xustificación, de maneira documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas...) o cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

10. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advertiráselle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 19. Pagamento

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 3 deste artigo.

2. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

3. Nos supostos nos que o custo total definitivo da acción subvencionada, sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, tickets etc.) fose inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro nº 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución.

3. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á que se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade e información

1. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co programa subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, na sede da asociación, se se recibe subvención pola liña 1 das establecidas no artigo 1 desta resolución, ou no lugar onde se realicen as actuacións, se a subvención corresponde ás liñas 2 e 3, deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo en que aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade informarase das características do dito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión.

Cando o proxecto teña publicidade nun sitio da internet deberán figurar na súa páxina de inicio e en lugar visible as citadas referencias; cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Toda a documentación a que dea lugar o programa (cadernos, enquisas, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberá conter as citadas referencias, e colocarase na contraportada no caso das publicacións.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, as xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria do programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

3. As entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

A reserva que a entidade solicitante poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade de datos nos rexistros, que en todo caso terá que ser expresa, poderá dar lugar a exclusión do proceso de participación para obter a subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nos servizos de igualdade das delegacións territoriais da Consellería da Presidencia, AAPP e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non establecido nesta resolución aplicarase o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica; e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira terceira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2012

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file